DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 05 de setembro de 2008 Páx. 16.593

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 18 de agosto de 2008 pola que se convocan as probas de habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada do galego para outras linguas, e viceversa.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, dispón que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todo os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, de normalización lingüística, no artigo 2, reitera este mandato concretando que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma galega.

Mediante o Decreto 267/2002, do 13 de xuño, regulouse a habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada doutras linguas para o galego, e viceversa (publicado no DOG nº 182, do 20 de setembro) e establecéronse as titulacións e os requisitos necesarios para desenvolver estas tarefas, así como as probas necesarias para obter a citada habilitación.

Polo tanto, de acordo co previsto nos artigos 1 e 4 do citado decreto e en uso das competencias atribuídas a esta consellería polo Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (publicado no DOG nº 155, do 12 de agosto),

DISPOÑO:

1. Convocar probas de tradución directa e inversa e de interpretación consecutiva de enlace para os seguintes pares de linguas: galego-castelán, galego-éuscaro, galego-catalán, galego-portugués, galego-alemán, galego-romanés.

2. Publicar as bases da convocatoria que constan no anexo I.

3. O nomeamento dos membros do tribunal que cualificará as probas, así como dos asesores técnicos necesarios para a súa execución, realizarase e farase público unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, á vista do número de aspirantes para cada unha das habilitacións.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, pódese interpor potestativamente recurso de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación desta convocatoria, conforme os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Aspirantes.

De acordo co previsto no artigo 3.2º do Decreto 267/2002, poden participar nesta convocatoria as persoas maiores de idade que posúan, como mínimo, un título de diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente. Se se trata dun título estranxeiro, debe estar homologado.

As persoas aspirantes deberán cumprir os requisitos antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Solicitudes.

2.1. Enviaranse á Secretaría Xeral de Política Lingüística (no sucesivo SXPL). Pódense presentar directamente no rexistro central da Xunta de Galicia, nos das súas delegacións provinciais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. O modelo oficial de solicitude será o que figura no anexo II. Na web www.xunta.es/linguagalega/ figura un formulario que permite cubrir e editar a solicitude.

No caso de que a persoa aspirante padeza algunha discapacidade, expresará na solicitude o tipo desta e o apoio que precisará para a realización das probas.

2.2. Xunto coa solicitude deberán achegar orixinais ou unha copia cotexada da seguinte documentación:

-DNI ou pasaporte.

-Título académico oficial. De se tratar dun título estranxeiro, deberá acreditarse a súa homologación oficial.

-Xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente (1 taxa por cada habilitación á que se presente).

2.3. Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes poderán presentarse ata o día 15 de outubro de 2008 (inclusive).

3. Taxa de inscrición por proba.

3.1. As persoas solicitantes presentarán coa solicitude o xustificante do pagamento da taxa para cada tipo de habilitación (tradución ou interpretación) e para cada par de linguas ás que se presente.

3.2. O importe da correspondente taxa fíxase en 66,30 euros, conforme establece para este ano a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada polo artigo 32 da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe vixente no momento da publicación desta convocatoria e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación.

Este impreso facilitaráselles ás persoas interesadas no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia, e deberá cubrirse cos seguintes códigos:

Consellería de: Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza: código 04.

Delegación de: servizos centrais: código 13.

Servizo: Secretaría Xeral de Política Lingüística: código 10.

Taxa denominación: inscrición nas probas de tradutores e intérpretes xurados de galego para outras linguas e viceversa: código 30.43.01.

Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á Oficina Tributaria, a través da Oficina Virtual na páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e premer a ligazón «Taxas, prezos, multas e sancións» no menú da marxe esquerda. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa, que será o que se achegue xunto coa instancia. En ningún caso, a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.3. O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ás persoas aspirantes excluídas que o soliciten de acordo co procedemento que se fixe na resolución pola que se fan públicas as listas definitivas.

3.4. A non presentación do xustificante de pagamento, no que figurará o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa solicitante. En ningún caso, a presentación deste xustificante suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

4. Listaxes provisionais de persoas admitidas ás probas.

4.1. O día 7 de novembro de 2008, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará as listas provisionais de persoas admitidas á realización das probas no taboleiro informativo da SXPL en Santiago de Compostela e na páxina web www.xunta.es/linguagalega/.

4.2. As persoas excluídas disporán de prazo ata o 25 de novembro de 2008 para emendar as deficiencias ou alegar contra os motivos de exclusión. As alegacións presentaranse nos rexistros administrativos citados no parágrafo 2.1 destas bases, e procurarase enviar, ademais, una copia por fax ao número 981 54 44 24 ou ao enderezo electrónico sxpl.formación@xunta.es desta secretaría xeral.

5. Listas definitivas de persoas admitidas ás probas.

O 16 de decembro de 2008, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará a listaxe definitiva das persoas admitidas ás probas, nos mesmos lugares citados no punto 4.1.

6. Probas.

6.1. O réxime das probas será o previsto no artigo 6 do Decreto 267/2002, e desenvolveranse de acordo co programa contido no anexo II do citado Decreto 267/2002. As probas realizaranse en Santiago de Compostela.

6.2. Probas comúns.

As probas de lingua galega e de dereito considéranse comúns e realizarase unha única proba para toda a convocatoria, con independencia do tipo de habilitación e linguas ás que se presenten as persoas aspirantes.

Esta proba será tipo test e incluirá 40 preguntas de resposta múltiple cada unha para lingua galega e 40 preguntas para dereito (incluiranse 5 preguntas máis para substitución en caso de impugnación dalgunha das anteriores, que deberá facerse ante a presidencia do tribunal no prazo de 48 horas). Para cada pregunta figurarán 3 repostas alternativas, das que só unha será a correcta. Descontaranse as respostas negativas a razón de 0,25 puntos por cada resposta errada. As probas de lingua galega e de dereito teñen carácter eliminatorio cada unha delas, e cómpre superar ambas as dúas para pasar ás probas específicas. Para superar esta proba, as persoas aspirantes deberán acadar unha puntuación mínima de 28 puntos en cada unha delas.

Para a realización das probas non se admitirá ningún tipo de material de apoio.

O 13 de febreiro de 2009 ás 11.00 horas realizarase a proba común, que terá unha duración de 2,30 horas (o exame incluirá a proba de lingua e mais a de dereito). Unha vez finalizada a proba farase pública a listas das respostas correctas.

O lugar concreto onde se efectuarán as probas farase público na resolución na que se publique a listaxe definitiva das persoas admitidas.

A lista das persoas que superen esta proba farase pública o 20 de febreiro de 2009.

6.3. Probas específicas. As probas específicas realizaranse nas seguintes datas:

Ver referencia pdf "17200D001P005.PDF"

As probas realizaranse en Santiago de Compostela, o lugar de realización das probas específicas farase público na resolución na que se publiquen os resultados das probas comúns, que terá efectos de convocatoria.

Realizaranse probas específicas e independentes para tradución directa e inversa e para interpretación consecutiva de enlace por cada par de linguas a que se opte.

Estrutura das probas específicas:

Proba de tradución: esta proba estrutúrase do seguinte xeito.

-Tradución inversa: consistirá nunha tradución desde o galego á lingua á que se opte dun texto dunhas 300 palabras de ámbito xurídico, administrativo, socioeconómico ou dun texto formal non literario. Formularanse tamén algunhas preguntas sobre cuestións ou aspectos lingüísticos do citado texto que lle permitan ao examinando argumentar as solucións empregadas na tradución.

-Tradución directa: consistirá nunha tradución desde a lingua a que se opte cara ao galego dun texto dunhas 500 palabras de ámbito xurídico, administrativo, socioeconómico ou dun texto formal non literario. Formularanse tamén algunhas preguntas sobre cuestións ou aspectos lingüísticos do citado texto que lle permitan ao examinando argumentar as solucións empregadas na tradución.

Poderase empregar material de consulta, como dicionarios, glosarios, vocabularios..., sempre que estean en formato papel.

Duración da proba: 4 horas.

Proba de interpretación: esta proba estrutúrase do seguinte xeito:

Consistirá nunha interpretación consecutiva de enlace directa e inversa dunha conversa entre un xuíz, fiscal ou avogado e declarante a partir dunha conversa gravada en vídeo. Despois de cada intervención o candidato fará a interpretación mediante unha tradución oral, a cal quedará gravada nun soporte axeitado. Duración da proba: 15 minutos.

Nesta proba avalíanse 3 áreas: a) nivel de dominio e aplicación das técnicas de interpretación consecutiva; b) nivel de dominio da lingua galega oral, fluidez, pronunciación e entoación, morfosintaxe e vocabulario; c) nivel de dominio da lingua obxecto de interpretación, avalíase a fluidez, a pronuncia e a entoación, a morfosintaxe e o vocabulario.

6.4. Publicación da listaxe provisional de persoas aprobadas.

As listaxes provisionais coas cualificacións finais das persoas aspirantes publicaranse nos espazos citados no punto 4.1 destas bases o día 18 de marzo de 2009.

6.5. Reclamacións perante o presidente do tribunal.

As persoas aspirantes consideradas non aptas poderán presentar, perante o presidente do tribunal, unha reclamación na que formulen as súas alegacións no prazo dos catro días hábiles seguintes á publicación anterior.

6.6. Publicación da listaxe definitiva de persoas aprobadas.

Unha vez que o tribunal resolva as reclamacións, procederase á publicación de resultados definitivos nos espazos citados na alínea 4.1 destas bases. Data de publicación: 1 de abril de 2009.

7. Resolución da convocatoria.

Rematado o proceso anterior, o tribunal remitiralle a listaxe definitiva á Secretaría Xeral de Política Lingüística, órgano no que se delega a competencia para resolver esta convocatoria.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, pódese interpor potestativamente recurso de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación desta convocatoria, conforme os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de 2 meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

8. Habilitación e nomeamento.

Unha vez resolta a convocatoria, procederase aos nomeamentos dos aspirantes que resultasen aprobados, así como á súa inscrición no Rexistro de Tradutores e Intérpretes Xurados e a expedición do carné correspondente, segundo o previsto nos artigos 8 a 10 do citado Decreto 267/2002, do 13 de xuño, logo de que as persoas interesadas aboen as taxas correspondentes.

Para calquera aclaración ou información adicional sobre a convocatoria, as persoas interesadas poderán solicitar información telefónica a través do número 902 120 012, das 9.00 ás 19.00 horas de luns a venres e das 9.00 ás 14.00 horas os sábados.

Ver referencia pdf "17200D001P005.PDF"