DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 04 de setembro de 2008 Páx. 16.567

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2008 pola que se anuncia a convocatoria pública para a selección de 10 empresas para participar no programa de asesoramento e acompañamento individualizado dentro do Plan Emega de apoio ao emprendemento feminino.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle á Vicepresidencia as competencias en materia de igualdade de xénero, que serán exercidas de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados na Constitución española.

Ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans-ponte para fomentar o emprego e facilitar a formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade no ámbito laboral e formativo.

En execución do Programa Operativo do F.S.E. 2007/2013, Eixe 4, categoría 80, co obxecto de transposición de boas prácticas de proxectos Equal (tendo en conta o proxecto piloto iniciado en execución do Proxecto Calíope, da iniciativa Comunitaria Equal), no que puxemos en marcha o Programa de apoio a mulleres empresarias e como resultado da experiencia e avaliación durante os últimos tres anos do programa Emega de apoio ao emprendemento feminino, o Servizo Galego de Igualdade detecta a necesidade de, xunto co necesario apoio económico ao emprendemento por parte das mulleres e da formación xeral e específica que lles permita acceder ao emprendemento en igualdade de condicións cos varóns, poñer en marcha un servizo específico de asesoramento que poña as emprendedoras galegas en contacto tanto cos recursos xerais como cos específicos e que teña, pola súa vez, unha especialización nas circunstancias e requirimentos do emprendemento feminino.

As actuacións que se enmarcan dentro desta resolución van dirixidas, entre outras, a mulleres empresarias que necesiten optimizar os resultados do seu negocio, cooperativas e sociedades que precisen unha mellora da capacidade organizativa a través de redes empresariais desde unha perspectiva de igualdade de oportunidades.

Deste xeito, ao longo do 2008 desenvolverase un programa de asesoramento a empresarias, consistente nunha titorización directa a 10 empresas seleccionadas previamente a través desta convocatoria.

Por todo iso, no uso das facultades que teño conferidas, resolvo anunciar a convocatoria pública para a selección das empresas que van ser titorizadas, de conformidade coas seguintes

Bases:

Primeira.-Obxecto.

Esta convocatoria ten por obxecto seleccionar dez (10) empresas para participar no programa de titorización que se desenvolverá dentro do programa Emega, a partir da publicación da relación definitiva de empresas seleccionadas e ata o 31 de decembro de 2008, que incluirá asistencia, acompañamento e asesoramento en:

a) xestión empresarial e comercial.

b) xestión contable e fiscal.

c) xestión de recursos humanos.

d) busca de financiamento.

e) servizo de secretariado.

f) técnicas de márketing.

g) relacións exteriores.

Segunda.-Participantes.

1. Poderán presentar a solicitude:

a) As empresarias autónomas e empresas formadas unicamente por mulleres, constituídas baixo calquera tipo de sociedade, incluídas as sociedades unipersoais.

b) As empresas participadas maioritariamente por mulleres nas que a maioría delas acceden á condición de socias partindo dunha situación de inactividade laboral ou ben adquiren esta condición de socias co fin de mellorar a súa empregabilidade.

2. É requisito ter iniciado a actividade profesional con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007 e que a maioría das promotoras desenvolvan, de xeito habitual, a súa actividade profesional na empresa para a que solicitan a inclusión no programa.

Terceira.-Solicitudes.

As solicitudes presentaranse no rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, xunto coa documentación que se relaciona:

a) Se a solicitante é persoa física, copia do DNI; se é persoa xurídica, copia do documento de constitución da sociedade, copia do DNI de todas as socias, ou socios, da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade e do CIF da empresa.

b) Os currículos das persoas promotoras.

c) Informe orixinal de vida laboral, actualizado, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e/ou pola mutualidade profesional, da empresaria autónoma ou de todas as socias ou socios.

d) Copia da alta fiscal da empresa na actividade económica.

e) Memoria que referirá: descrición detallada do proxecto, experiencias de implantación, situación e/ou conexión no mercado, destino do produto, necesidades que se van cubrir, ámbito de desenvolvemento e localización, sectores económicos afectados, descrición detallada de investimentos, fontes de financiamento, descrición de medios humanos, situación laboral-familiar das traballadoras; entidades, empresas ou administracións de apoio no proxecto, etc.

Cuarta.-Causas de non admisión.

Non se admitirán para participar na selección as empresas nas seguintes situacións:

a) que iniciasen a súa actividade con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007.

b) as que sexan beneficiarias de axudas do mesmo tipo ou finalidade por parte das administracións públicas.

c) aquelas que tivesen concedidas subvencións públicas xestionadas por este organismo e fosen obxecto de revogación por incumprimento.

Quinta.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes é de dez (10) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, requiriranse as interesadas para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-Selección de participantes.

A selección de empresas participantes realizarase por comparación das solicitudes correctamente presentadas establecendo unha prelación entre elas segundo os criterios establecidos na base sétima e seleccionaranse ás que maior valoración obteñan.

Para a avaliación de solicitudes constituirase unha comisión de selección formada pola secretaria do organismo, que a presidirá, e por dous vogais designados pola directora xeral do SGI, actuando un deles como secretario/a. Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora xeral. Para o estudo das solicitudes a comisión poderá solicitar asesoramento de persoas expertas.

A comisión presentará o resultado da avaliación, que conterá a relación de solicitantes, á directora xeral para a súa aprobación, de ser o caso.

Sétima.-Criterios de valoración.

a) Localización, en zonas rurais ou con pouca densidade de poboación: ata 10 puntos.

b) Actividades non existentes no ámbito territorial de referencia: ata 10 puntos.

c) Empresaria autónoma menor de 35 anos ou maior de 55: ata 10 puntos.

d) Emprendedora/s ou empresaria/s que proceden dunha situación de paro, inactividade ou emprego precario: ata 10 puntos.

e) Incorporación de novas tecnoloxías cunha visión de desenvolvemento sustentable en canto á súa utilización: ata 10 puntos.

f) Actividade en sectores de menor índice de emprego feminino: ata 10 puntos.

g) Establecemento de recursos de conciliación como horarios flexibles ou outras facilidades: ata 10 puntos.

Oitava.-Publicación da relación de seleccionadas.

A relación provisional de seleccionadas, unha vez aprobada a proposta da comisión pola directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, publicarase no taboleiro de anuncios do organismo, nos das delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e na páxina web oficial (http://sgi.xunta.es); resolución contra a que se poderá formular alegacións no prazo de dez días naturais. Nos dez días seguintes ao transcurso do prazo anterior publicarase a relación definitiva de empresas seleccionadas.

A resolución definitiva pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa publicación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2008.

Ana Luísa Bouza Santiago

Directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller