DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 04 de setembro de 2008 Páx. 16.566

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 22 de agosto de 2008 pola que se declara de interese galego a Fundación Galega da Formación para o Traballo e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 21 de xullo de 2008 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 9 de xullo de 2008, pola que se clasifica como de interese laboral a Fundación Galega da Formación para o Traballo, adscribíndoa á Consellería de Traballo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, son fins da fundación:

-Promover, aplicar e implementar actuacións tendentes á configuración dun sistema integrado de formación profesional en Galicia.

-Promover a eficiencia e a eficacia das políticas de formación a través da súa análise e mellora continuada.

-Impulsar e estender entre os empresarios e os traballadores unha formación que responda ás súas necesidades e contribúa ao desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento.

-Favorecer a formación ao longo da vida dos traballadores mellorando a súa capacitación profesional e promoción persoal.

-Proporcionar aos traballadores os coñecementos e as prácticas adecuadas aos requirimentos do mercado de traballo e ás necesidades das empresas.

-Contribuír á mellora da produtividade e competitividade das empresas e á estabilidade e calidade do emprego.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e segundo o establecido no artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Galega da Formación para o Traballo, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Galega da Formación para o Traballo no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo, para os efectos que sinala o artigo 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ao disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o cal se formula, e debendo solicitar as preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER