DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 04 de setembro de 2008 Páx. 16.545

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 29 de agosto de 2008 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador.

Coa Orde do 17 de outubro de 2000 aprobouse o regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador. A devandita denominación foi aprobada pola Orde do 15 de xullo de 1998, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (DOG nº 148, do 3 de agosto). Daquela, ese regulamento axustábase a unhas prescricións técnicas que hoxe en día non se corresponden coas novas prescricións técnicas publicadas no Diario Oficial de la Unión Europea. Cómpre, polo tanto, aprobar un regulamento que se axuste ao actual prego de condicións da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia.

Entre as funcións asignadas ao consello regulador figuran a elaboración das propostas de modificación do seu regulamento segundo establece o artigo 19º letra c) do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, para a súa aprobación pola consellería competente segundo a natureza do produto, neste caso a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

En consecuencia, unha vez cumprida a devandita obriga, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983 de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador co texto que figura como anexo a esta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde, e especialmente a Orde do 17 de outubro de 2000 pola que se aproba o regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as normas precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO

Título preliminar

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Ao abeiro do Regulamento (CE) 510/2006 do Consello, do Regulamento (CE) 1898/2006, do prego de condicións, da Lei 2/2005 e do Decreto 4/2007 establécese este regulamento de aplicación da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e do Consello Regulador Mexillón de Galicia como ente de xestión e control da dita denominación.

Artigo 2º

A denominación é Mexillón de Galicia en lingua galega, ben que, considerando o contido da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que no seu artigo 5 expresa que a lingua propia de Galicia é o galego e que os idiomas galego e castelán son linguas oficiais en Galicia, utilizaranse indistintamente Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia ou Denominación de Origen Protegida Mejillón de Galicia, sen prexuízo da súa tradución aos restantes idiomas existentes na Unión Europea.

Artigo 3º

O dereito de propiedade intelectual outorgado polo rexistro da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia é titularidade do Consello Regulador Mexillón de Galicia.

Artigo 4º

O nome da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia non poderá ser obxecto de apropiación individual, venda, alleamento ou gravame.

Título II

Da denominación de orixe protexida mexillón de galicia

capítulo I

Alcance da protección á dop

Artigo 5º

A Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia estará protexida contra:

a) Toda utilización comercial, directa ou indirecta, da denominación en produtos non amparados polo rexistro, na medida en que sexan comparables aos produtos rexistrados baixo a dita denominación ou na medida en que, ao usar a denominación, se estea aproveitando da reputación da denominación de orixe protexida;

b) Toda usurpación, imitación ou evocación, aínda que se indique a orixe verdadeira do produto e aínda que a denominación protexida estea traducida ou vaia acompañada dunha expresión como xénero, tipo, método, estilo, imitación ou expresión similar;

c) Calquera outro tipo de indicación falsa ou falaz no referido á procedencia, á orixe, á natureza ou ás características esenciais dos produtos, no envase ou na embalaxe, na publicidade ou nos documentos relativos aos produtos de que se trate, así como a utilización de envases que polas súas características poidan crear una impresión errónea acerca da súa orixe;

d) Calquera outra práctica que poida inducir a erro ao consumidor sobre a auténtica orixe do produto.

Artigo 6º

A protección outorgada pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia esténdese ao uso dos nomes das rexións, as comarcas, os concellos, as parroquias e as localidades que compoñen a súa respectiva área xeográfica en relación con produtos da mesma ou similar natureza.

Artigo 7º

A utilización da denominación e do nome a que se refire estará reservada exclusivamente para os produtos que teñan dereito ao seu uso.

Artigo 8º

A protección estenderase desde a produción a todas as fases de comercialización, presentación, publicidade e etiquetaxe, así como aos documentos comerciais dos produtos afectados.

Artigo 9º

As marcas, os nomes comerciais ou as razóns sociais que fagan referencia aos nomes xeográficos protexidos pola denominación unicamente poderán utilizarse en produtos con dereito á denominación.

Artigo 10º

No caso de que unha mesma marca, nome comercial ou razón social sexa utilizada para a comercialización de mexillón con Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e outro ou outros produtos que carezan do amparo da devandita denominación, deberanse introducir na etiquetaxe, na presentación e na publicidade destes produtos elementos abondos que permitan diferenciar de maneira clara e sinxela o produto con denominación do que non a ten, para evitar, en todo caso, a confusión nos consumidores.

Artigo 11º

O Consello Regulador fomentará as accións necesarias para que, de acordo co artigo 14 do Regulamento (CE) 510/2006, sexan denegadas as solicitudes de rexistro de marcas que respondan a algunha das situacións mencionadas no seu artigo 13 e que se refiran á mesma clase de produtos, sempre que a solicitude de rexistro da marca fose presentada con posterioridade ao 10 de outubro de 2000, data de presentación ante a Comisión Europea da solicitude de rexistro da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. Igualmente actuará respecto das marcas rexistradas de maneira contraria ao parágrafo anterior a fin de acadar a súa anulación.

Capítulo II

Definición do produto

Artigo 12º

O Mexillón de Galicia, mexillón da especie Mytilus galloprovincialis (Lamarck 1819), é un molusco bivalvo, cuxa cuncha está formada por dúas valvas iguais (equivalvas) de carbonato cálcico, cubertas externamente por unha capa denominada periostraco. Como consecuencia da inmensa produtividade primaria das rías galegas, que xera unha gran riqueza de flora e fauna mariñas, a cotío o periostraco presenta adherencias de especies animais como balanos (arneirón), poliquetos e briozoos, así como vexetais (algas).

Ten unha característica forma de machado, puntiaguda e grosa no extremo anterior ou umbo, e larga, moi afiada no posterior. A cor externa é negra azulada, (o bordo posterior, ao estar en desenvolvemento, é castaño claro) e nel pódense observar unhas liñas concéntricas denominadas estrías do crecemento. A articulación dunha valva con outra realízase por medio dun sistema de bisagra denominado charnela, que se atopa situado no borde anterior dorsal.

En canto ao aspecto interno, o primeiro que se observa é o manto. Trátase dunha estrutura, normalmente de cor crema alaranxada, formada por dous lóbulos que a modo de abrigo abraza e encerra as vísceras do mexillón. Presenta unha ampla abertura na rexión ventral por onde entra a auga ao interior e un pequeno orificio nas proximidades do músculo abdutor posterior, que é por onde a expulsa. Nos bordos atópase unha sinuosa banda de cor violeta escura que ten unha serie de prolongacións que se entrelazan, constituíndo unha especie de filtro para impedir que poidan entrar partículas de tamaño excesivamente grande no seu interior.

A súas características morfolóxicas, fisiolóxicas e xenéticas son:

Morfolóxicas:

Cor do bordo do manto: violeta ou púrpura escura.

Charnela: menos alongada.

Músculo abdutor anterior: pequeno.

Extremo apical: puntiagudo. Curvado cara a dentro.

Fisiolóxicas:

Repouso sexual: curto.

Liberación de gametos cando están xuntos: en distinta época do ano.

Consumo de O2: decrece a partir de 25 graos.

Ritmo cardíaco á mesma temperatura: inferior.

Resistencia a baixas temperaturas: ata 7 graos.

Resistencia a baixas salinidades: ata 19 por mil.

Xenéticas (frecuencias alélicas):

Alelo 90. Est-D: 88-95%.

Alelo 100. Est-D: 1-6%.

Alelo 100. Lap-I: 3-6%.

Alelo 108. Lap-I: 43-61%.

Aelo 100. MP-1: 55-93%.

Capítulo III

Amparo ás distintas presentacións comerciais

Artigo 13º

O obxecto de amparo da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia é o mexillón fresco da especie Mytilus galloprovincialis (Lamarck, 1819) cultivado no sistema de batea segundo as especificacións do Decreto 406/1996, que deberá de ser cultivado nas condicións de calidade de augas que establece a Directiva 79/923/CEE, e cumprir as normas de produción e posta no mercado que establece o Regulamento 853/2004.

Artigo 14º

Só se poderá aplicar a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia aos mexillóns cultivados en batea, procedentes das explotacións inscritas no Rexistro de Bateas e depurados e/ou expedidos en centros de depuración/expedición inscritos no correspondente rexistro do Consello Regulador.

Artigo 15º

O Mexillón de Galicia sometido a procesos de tratamento tecnolóxico ou conserva poderá despacharse ao consumidor en envases que fagan uso da mención Elaborado con Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia segundo se detalla na sección III deste capítulo.

Artigo 16º

No Manual de Calidade detallaranse os requisitos e condicións contidos neste capítulo.

Sección primeira

Prácticas de cultivo

Artigo 17º

O método tradicional de produción de mexillón nas rías galegas é o cultivo en batea.

Neste método, a semente de mexillón colócase sobre cordas que se colgan dunhas plataformas flotantes, as bateas, situadas no interior das rías, onde permanecen completamente somerxidos ata que alcanzan o seu tamaño comercial.

Artigo 18º

A semente necesaria para o cultivo obtense das rochas do litoral, nas zonas tradicionais de recollida dentro da costa galega ou dos contedores que se manteñen somerxidos durante a época de reprodución do mexillón, permitindo a fixación sobre eles das larvas desta especie.

Artigo 19º

Cando as cordas están moi cargadas, o crecemento do mexillón faise moi lento. Para que o crecemento se manteña a bo ritmo é necesario diminuír a cantidade de mexillóns nas cordas, este proceso coñécese co nome de desdobramento.

Artigo 20º

O proceso de desdobramento consiste en sacar o mexillón das cordas de semente e confeccionar outras novas con moito menor número de individuos.

Artigo 21º

Unha vez que o molusco en cultivo alcanza o tamaño e ten as condicións para ser comercializado segundo as normas establecidas, procédese á extracción das cordas de mexillón que ata ese intre estiveron somerxidas no mar pendidas da batea, e despréndese o mexillón da corda.

Artigo 22º

A cada lote de mexillón cultivado, unha vez transportado a porto, realizaráselle unha mostraxe da que se concluirá a estimación do número de pezas ou de viandas por quilogramo e o rendemento medio da mostra, e emitirase un documento de certificación do produto, que acompañará o lote.

Artigo 23º

O Pleno do Consello Regulador decidirá o rendemento e o número de pezas/quilo que deberán presentar as mostraxes dos lotes de mexillón cultivado aceptable para a súa certificación, e que terán como límite mínimo de rendemento o 12% e máximo de 40 pezas nun quilo.

Sección segunda

Acceso ao mercado en fresco

Artigo 24º

Para acceder ao mercado de consumo en fresco co amparo da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, o mexillón, de conformidade co establecido no Regulamento 853/2004, deberá pasar por un centro de depuración/expedición.

Artigo 25º

Cada un dos lotes de mexillón de cultivo que teña entrada nos centros de expedición/depuración deberá estar amparado pola correspondente documentación emitida no porto e identificativa do lote.

Artigo 26º

Se no lugar de cultivo de onde procede, o mexillón está clasificado a efectos microbiolóxicos como zona B, necesariamente deberá dirixirse a un centro de depuración, no que sexa sometido a un proceso de depuración, mediante auga procedente necesariamente das rías galegas. Se o lugar de cultivo de onde procede o mexillón está clasificado a efectos microbiolóxicos como zona A, o mexillón poderá expedirse ao mercado directamente desde un centro de expedición.

Artigo 27º

En ambos os casos, estes centros son os responsables de acondicionar o mexillón aos requisitos establecidos de conformidade co Regulamento 853/2004 anteriormente citado.

Artigo 28º

Os procesos de tratamento do mexillón no interior dos centros de depuración/expedición, deberán ser conformes co Regulamento (CE) nº 178/2002 e coa Lei 2/2005 e en calquera caso sometidos ás normas ditadas polos servizos técnicos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida para os efectos de adaptalos ás necesidades de comprobación do mantemento da rastrexabilidade.

Artigo 29º

Unha vez que o mexillón foi preparado, depurado e desbisado, se é o caso, e manipulado e acondicionado en atmosfera convencional, ao baleiro ou en atmosfera protectora, terá unha presentación acorde coas necesidades do mercado, con materiais autorizados pola lexislación vixente, de diferentes formatos e pesos, que constitúan unidades de venda independentes.

Artigo 30º

O produto protexido e así comercializado deberá identificarse coa expresión Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, ademais doutros símbolos ou logotipos que o Consello Regulador determine, e portará unha etiqueta de control, que identifique e garanta a rastrexabilidade do produto.

Sección terceira

Acceso ao mercado en procesado

Artigo 31º

Para acceder ao mercado de consumo de produtos procesados coa mención elaborado con DOP Mexillón de Galicia, será necesario que o mexillón sexa sometido a un tratamento tecnolóxico ou/e conserva.

Artigo 32º

Cada un dos lotes de mexillón de cultivo que teña entrada nos centros de transformación deberá estar amparado polo correspondente documento de certificación que identifica o lote.

Artigo 33º

Os procesos de tratamento do mexillón no interior dos centros de transformación, deberán ser conformes co Regulamento (CE) nº 178/2002 e coa Lei 2/2005, e en calquera caso sometidos ao Manual de Calidade para o transformado, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida para os efectos de adaptalos ás necesidades de comprobación do mantemento da rastrexabilidade.

Artigo 34º

Estes centros son os responsables de acondicionar o mexillón aos requisitos establecidos de conformidade co Regulamento 853/2004 anteriormente citado.

Artigo 35º

Para poder acceder ao dereito de uso da mención, as empresas elaboradoras deberán estar explicitamente autorizadas polo Consello Regulador, e o produto final deberá estar elaborado con Mexillón de Galicia como materia prima exclusiva da súa categoría.

Artigo 36º

Co fin detallado no artigo anterior, o Consello Regulador creará un rexistro de usuarios, no que inscribirá a todos aqueles procesadores autorizados a facer uso da mención.

Artigo 37º

Independentemente do anterior, o Consello Regulador creará un rexistro de centros de transformación que formen parte no proceso de obtención dos produtos finais, e que non estiveran inscritos no Rexistro de Usuarios, co fin de exercer o control sobre a rastrexabilidade desde a batea ata o produto final.

Artigo 38º

No Manual de Calidade detallaranse os requirimentos e condicións que afecten os usuarios, os centros de transformación, os procesos e os produtos.

Capítulo IV

Delimitación da zona xeográfica

Artigo 39º

Quedan protexidas pola denominación de orixe aquelas zonas que, pertencendo a algunha das rías autorizadas, se atopan habilitadas para o cultivo do mexillón polo organismo competente.

As zonas de produción destas rías serán o espazo marítimo interior ás tradicionais liñas imaxinarias entre puntas, quedando delimitadas as seguintes zonas de produción:

Ría de Ares-Sada.

Ría de Muros-Noia.

Ría de Arousa.

Ría de Pontevedra.

Ría de Vigo.

Artigo 40º

Co obxecto de que a calidade ou características que se deben aos factores do medio xeográfico de cultivo non se vexan alteradas, o mexillón deberá obrigatoriamente ser depurado con auga de mar das rías galegas das provincias da Coruña e Pontevedra, polo cal, os centros de depuración/expedición estarán situados próximos á costa.

Capítulo V

Etiquetaxe

Sección primeira

Etiquetaxe de control

Artigo 41º

Só se lles poderá aplicar a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia aos mexillóns cultivados en batea, procedentes das explotacións inscritas no Rexistro de Bateas e depurados e/ou expedidos en centros de depuración/expedición inscritos no correspondente rexistro do Consello Regulador.

Artigo 42º

Sempre que se cumpran as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de Calidade, os produtos elaborados poderán despacharse ao consumidor en envases que fagan uso do logotipo e a mención Elaborado con Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, sen aposición do logo comunitario.

Artigo 43º

A etiqueta de control da denominación de orixe protexida, estará conformada polo logotipo identificador e a inscrición Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, ademais dos códigos de control.

Artigo 44º

Nesta etiqueta, que será dun só uso, faranse constar as mencións que identifiquen univocamente o mexillón de acordo cos parámetros definidos.

Artigo 45º

O período de validez da etiqueta do produto amparado equivalerá ao de caducidade recoñecido polas autoridades sanitarias competentes, segundo as distintas presentacións.

Artigo 46º

Poderán existir tantos tipos de etiqueta como clases de produto e capacidades de envase se creen.

Artigo 47º

No Manual de Calidade constarán os diferentes tipos de etiqueta así como os sistemas manuais, semiautomáticos ou automáticos, que se poderán utilizar para a etiquetaxe do produto. O Consello Regulador deberá levar o rexistro das diferentes clases de etiquetas.

Artigo 48º

Os diferentes actores que participan no proceso de comercialización do mexillón amparado pola Denominación de Orixe Protexida, deberán levar o correspondente rexistro de control de etiquetas.

Sección segunda

Etiquetaxe comercial

Artigo 49º

As etiquetas comerciais de cada produto, antes da súa posta en circulación, deberaas autorizar o Consello Regulador, que comprobará os aspectos relativos á normativa específica da denominación.

Artigo 50º

Non poderán autorizarse as etiquetas incorrectas ou que por calquera causa poidan inducir a confusión ao consumidor, e prohibiranse as que resulten contrarias aos dereitos constitucionais da infancia, a muller e a xuventude. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente, cando variasen as circunstancias da firma propietaria dela, instruíndose o oportuno expediente conforme as normas recollidas no Manual de Calidade.

Artigo 51º

Ademais, nas etiquetas comerciais do produto deberá figurar obrigatoriamente e de forma destacada a mención correspondente á denominación, así como os datos que, con carácter xeral, se determinan na lexislación vixente.

Artigo 52º

O Consello Regulador poderá autorizar que nas bateas inscritas, e no exterior dos locais das empresas inscritas, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da denominación.

Así mesmo, poderá autorizar que figure rotulado o logotipo da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia nas embarcacións auxiliares das empresas de cultivo inscritas e nos medios de transporte das empresas de comercialización.

Artigo 53º

O Consello Regulador poderá autorizar que os establecementos de venda polo miúdo que expendan produto amparado pola denominación de orixe protexida, poidan utilizar o distintivo dela, colocado de forma visible e de xeito que permita una correcta identificación do produto protexido.

Capítulo VI

Rexistros, solicitudes de inscrición e controis de alta

Artigo 54º

Para unha xestión e control eficiente da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, o Consello Regulador creará os seguintes rexistros:

-Rexistro de Bateas.

-Rexistro de Centros de Depuración-Expedición.

Artigo 55º

As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador nos formularios que este dispoña, achegando os datos, documentos e comprobantes que en cada caso se requiran en relación ao produto, á materia prima, á explotación ou instalación, aos procesos de elaboración, ademais dos datos persoais do solicitante da inscrición.

Artigo 56º

1. No Rexistro de Bateas unicamente poderán inscribirse aquelas situadas na zona de produción protexida e nas que o seu mexillón poida estar protexido ao abeiro da denominación.

2. Na solicitude de inscrición figurarán os datos identificativos do produtor (nome, apelidos, enderezo, NIF, etc) e da batea (folio, cuadrícula, polígono, distrito e ría), facéndose constar a organización, asociación ou cooperativa a que pertence, e o nome do xerente, administrador ou responsable, no caso de sociedades.

3. Coa solicitude de inscrición achegarán fotocopia da concesión outorgada pola autoridade competente.

Artigo 57º

1. No Rexistro de Centros de Depuración-Expedición inscribiranse todos os que, situados na zona xeográfica delimitada, realicen actividades de elaboración do mexillón procedente das bateas inscritas e poidan optar ao uso da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. Para iso deben cumprir todos os requisitos que estipula este regulamento.

2. Na solicitude de inscrición figurarán os datos identificativos do titular (denominación ou razón social da sociedade, NIF, domicilio legal, etc), das instalacións (localidade e municipio, características, tipos de actividade e maquinaria), facéndose constar inscrición rexistral, rexistro sanitario, información fiscal e o nome do xerente, administrador ou responsable, no caso de sociedades.

3. Coa solicitude de inscrición achegaranse copias dos certificados de inscrición nos diferentes rexistros estipulados pola lexislación vixente.

Artigo 58º

1. As solicitudes de inscrición remitiranse ao órgano de control e certificación, co obxecto de comprobar a través dunha auditoría o cumprimento de todos os requisitos establecidos no correspondente regulamento e demais normas concordantes.

2. O órgano de control e certificación denegará de forma motivada as inscricións cando, en virtude dos datos presentados, se comprobe que non se axustan a esas normas. A denegación será notificada ao interesado polo Consello Regulador.

3. No caso contrario, o Consello Regulador entregará ao titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. As empresas que realicen máis dunha fase do proceso deberán ter inscritas as distintas instalacións nos rexistros correspondentes.

5. Quen se dea de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

6. A inscrición nestes rexistros non exime as persoas interesadas da obriga de inscribírense naqueloutros que estean establecidos legalmente e, en especial, nos rexistros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e da Consellería de Sanidade, debendo acreditalo no momento de solicitaren a súa alta nos rexistros da denominación.

7. A inscrición nos rexistros é voluntaria, o mesmo que a correspondente baixa. Unha vez producida esta, establecese un período de ata dous anos para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

8. As declaracións que figuren nos rexistros non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual, cando estean protexidas pola lexislación sobre protección de datos.

Artigo 59º

1. As empresas inscritas nos rexistros da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia que realicen a depuración, manipulación, transformación ou comercialización de mexillón procedente doutras áreas situadas fóra da zona de produción desta denominación deberán observar escrupulosamente a separación de lotes co fin de evitar calquera tipo de interferencia ou contaminación cruzada co mexillón comercializado baixo o amparo da denominación de orixe, e manter intacta a súa rastrexabilidade.

2. As empresas, no momento da súa inscrición, realizarán unha declaración onde deberán especificar se realizarán outras actividades distintas ás da denominación de orixe, someténdose ás normas establecidas no Regulamento e no Manual de Calidade para controlar eses produtos e garantir, en todo caso, a orixe e a calidade dos mexillóns protexidos pola denominación.

3. As persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas bateas ou empresas, soamente poderán realizar os labores propios da súa actividade nos viveiros ou locais declarados nos rexistros do Consello cando se trate de produto cualificado, perdendo en caso contrario o dereito á cualificación.

Artigo 60º

Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos impostos polas normas da denominación e demais normativa de aplicación, debendo comunicar os inscritos calquera variación que afecte os datos consignados na solicitude de inscrición.

Artigo 61º

Para os efectos de acreditar o cumprimento dos requirimentos, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, poderá realizar as comprobacións necesarias sobre instalacións, procesos e produtos co fin de constatar o mantemento das condicións que deron dereito á inscrición nos rexistros e que acreditan a súa suxeición aos preceptos establecidos neste regulamento, facendo constar todo iso na correspondente documentación.

O Consello Regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

Capítulo VII

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 62º

Non poderá negárselle o acceso ao uso da denominación nin, polo tanto, á condición de inscrito no rexistro que corresponda, a calquera persoa física ou xurídica que o solicite e cumpra os requisitos establecidos na normativa aplicable, agás nos supostos de sanción firme na vía administrativa por infraccións que supoñan a suspensión temporal ou definitiva do uso do nome protexido.

Artigo 63º

1. Só as persoas físicas ou xurídicas inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador poderán producir, elaborar ou comercializar, segundo corresponda, o mexillón que opte a ser amparado pola denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia.

2. Só se poderá aplicar a denominación de orixe protexida ao mexillón que fose producido, elaborado e comercializado conforme as normas exixidas por este regulamento e demais normativa propia da denominación.

3. O dereito ao uso da denominación e dos seus símbolos, anagramas e logotipo na información, propaganda, publicidade, documentación, precintos e etiquetas, -independentemente do soporte utilizado (papel, www, audiovisual, etc.)- é exclusivo das firmas inscritas nos diferentes rexistros do Consello Regulador, sen prexuízo do establecido no artigo 51º.

4. As persoas inscritas nos devanditos rexistros terán dereito a ser elector e elixible para ocupar calquera dos cargos dos órganos de goberno do Consello Regulador, sen prexuízo do establecido no número 2 do artigo seguinte.

Artigo 64º

1. Polo simple feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto neste regulamento da denominación, así como no seu Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, documento en que se recollerán normas complementarias de aplicación e que deberá aprobar a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto. Tamén estarán sometidas aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería, o órgano de control e certificación e o Consello Regulador.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día das súas obrigas co Consello Regulador e ter actualizadas as inscricións.

3. Ademais, as persoas físicas e quen represente as persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou doutros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeadas.

Capítulo VIII

Control: estrutura e proceso

Artigo 65º

O organismo de control da DOP Mexillón de Galicia será o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, que cumpre a norma UNE-EN 45011 para entidades que realizan a certificación de produto, coa finalidade de garantir que os produtos que teñen a denominación de orixe protexida cumpren os requisitos do prego de condicións.

Para o cumprimento destas actividades, o Consello Regulador poderá subcontratar todas ou algunhas das actuacións relacionadas coa certificación.

Artigo 66º

1. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros do Consello Regulador deberán someter as explotacións, instalacións e empresas ás actuacións que realice o órgano de control para verificar que os produtos que exhiben a denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia cumpren os requisitos exixidos.

2. O órgano de control realizará as inspecciones necesarias das explotacións, instalacións, documentación, produtos e materias primas, e cantas outras sexan necesarias.

3. Para facilitar o control dos procesos de produción e elaboración, os inscritos nos rexistros do Consello Regulador terán que levar os rexistros e facer as declaracións que se establezan.

Artigo 67º

Toda expedición de produto con dereito a protección que se realice entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada por un volante de circulación expedido polo órgano de control e certificación, na forma que se determine, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Artigo 68º

1. O órgano de control e certificación resolverá, no prazo máis breve posible, e nunca superior ao máximo recollido no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, sobre a certificación ou non do produto, sen que esta decisión sexa impugnable en vía administrativa, agás que o recurso se fundamente no incumprimento das normas de funcionamento que lle son aplicables ao dito órgano.

2. Cando se comprobe que un produto non se produciu, elaborou ou transformou de acordo cos requisitos do seu regulamento e demais normas propias da denominación, ou presente defectos ou alteracións, non poderá comercializarse baixo o seu amparo, sen prexuízo, de ser o caso, da súa comunicación á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto, para a incoación, se proceder, do correspondente procedemento sancionador.

3. Todos os produtos, nas súas distintas presentacións, levarán un precinto de garantía, etiqueta ou contraetiqueta, que será controlada, subministrada e expedida polo órgano de control e certificación, de acordo coas normas propias da denominación. Este distintivo será colocado antes da expedición e de forma que facilite a identificación do produto certificado e, na medida do posible, que protexa a denominación da súa utilización fraudulenta.

Título III

Do consello regulador mexillón de Galicia

Capítulo I

Consello regulador

Sección primeira

Caracterización

Artigo 69º

1. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia constitúese como corporación de dereito público á que se lle atribúe a xestión e control da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia, coas funcións que determina a lei e este regulamento.

2. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia ten personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. O seu funcionamento estará suxeito ao dereito privado con carácter xeral, con excepción das actuacións que supoñan o exercicio de potestades públicas, nas cales se someterán ás normas do dereito administrativo.

3. As competencias do Consello Regulador están limitadas, en razón das persoas, ás inscritas nos diferentes rexistros, e en razón do produto, ao mexillón en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización, e en calquera das súas presentacións comerciais.

Artigo 70º

Son fins do Consello Regulador, baixo a máis ampla acepción:

a) A defensa e promoción da DOP.

b) O control e o fomento da calidade.

Artigo 71º

Son funcións do Consello Regulador:

a) Xestionar os correspondentes rexistros.

b) Velar polo prestixio e o fomento da denominación e denunciar, de ser o caso, calquera uso incorrecto ante os órganos administrativos e xurisdicionais competentes.

c) Aplicar os sistemas de control establecidos, referidos aos produtos, á calidade, ás circunstancias conducentes á certificación do produto final e outros que correspondan.

d) Velar polo cumprimento das disposicións deste regulamento.

e) Investigar e difundir entre os seus inscritos o coñecemento e a aplicación dos sistemas de produción e comercialización propios da denominación, e asesorar as empresas que o soliciten e a Administración.

f) Proporlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos as modificacións oportunas deste regulamento.

g) Formularlle á consellería propostas de modificación, orientacións de intervención no sector, mesmo de cambios ou reformas normativas, e propostas de actuacións inspectoras.

h) Informar os consumidores sobre as características de calidade dos produtos.

i) Realizar actividades promocionais.

j) Elaborar estatísticas de produción, elaboración e comercialización, para uso interno e para a súa difusión e xeral coñecemento.

k) Xestionar as cotas obrigatorias que se establezan neste regulamento para o seu financiamento.

l) Formar e manter actualizados os rexistros de produtores e centros de depuración/expedición.

m) Expedir certificados de orixe e precintos de garantía, incluída a autorización das etiquetas e contraetiquetas dos produtos amparados pola denominación.

n) Autorizar e controlar o uso das etiquetas comerciais utilizables nos produtos protexidos, a través dos servizos técnicos, naqueles aspectos que afecten a denominación.

o) Establecer o rendemento do mexillón apto para ser certificado, con base en criterios de defensa e mellora da calidade, e dentro do límite fixado por este regulamento.

p) Propor os requisitos mínimos de control a que debe someterse cada operador inscrito en todas e cada unha das fases de produción, elaboración e comercialización e, de ser o caso, os mínimos de control para a concesión inicial e para o mantemento da certificación.

q) Colaborar coas autoridades competentes, en particular no mantemento dos rexistros públicos oficiais, así como cos órganos encargados do control.

r) Velar polo desenvolvemento sustentable da zona de produción.

s) Elaborar, aprobar e xestionar os seus orzamentos.

t) De ser o caso, cualificar cada anada ou colleita.

u) As demais funcións atribuídas pola normativa vixente.

Artigo 72º

Cando chegue ao coñecemento do Consello Regulador calquera presunto incumprimento da normativa, incluída a propia da denominación, aquel deberá denunciar ante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 73º

O Consello Regulador vixiará o movemento de mexillón non protexido ou de produtos derivados del, informando das irregularidades detectadas á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 74º

Ademais do exercicio das funcións citadas e das que lles poida encomendar e delegar a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, o Consello Regulador poderá levar a cabo toda clase de actividades que contribúan aos seus fins, promover, participar ou relacionarse con toda clase de asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como con outras administracións públicas, establecendo os oportunos convenios de colaboración.

Artigo 75º

Os órganos de goberno do Consello Regulador son a Presidencia, a Vicepresidencia Primeira de Subsector Produtor, a Vicepresidencia Segunda de Subsector Comercializador, e o Pleno.

Sección segunda

O Pleno

Artigo 76º

1. O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia estará constituído por:

a) O presidente.

b) Seis vogais en representación do subsector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de bateas inscritas no Rexistro de Bateas.

c) Seis vogais en representación do subsector da comercialización de mexillón fresco, elixidos democraticamente por e entre os inscritos no Rexistro de Centros de Depuración/Expedición.

2. Todos os membros do Pleno deberán ser elixidos segundo se especifica no capítulo IV deste título III.

Artigo 77º

1. O Pleno do Consello Regulador é o órgano superior de goberno da denominación de orixe protexida, elixido por un período de catro anos.

2. Actuará baixo a dirección da persoa que exerza a presidencia, que tamén formará parte do Pleno, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario.

3. As persoas que ocupen o cargo de vogal deberán estar vinculados aos sectores que representan, ben directamente ou por ser representantes das sociedades inscritas no rexistro correspondente ao subsector que representan.

4. Non obstante, unha mesma persoa física ou xurídica inscrita en varios rexistros do Consello Regulador non poderá ter no Pleno dobre representación, unha no subsector produtor e outra no subsector comercializador, nin directamente nin a través de firmas ou empresas filiais ou socios dela.

5. Cando o vogal sexa persoa xurídica, estará representado no Pleno pola persoa física que os seus órganos de goberno designen en cada momento.

No Manual de calidade detallaranse os requirimentos e condicións necesarios dos representantes das persoas xurídicas.

6. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto poderá designar ata dous delegados, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

Así mesmo, o Pleno poderá solicitar a asistencia ás reunións do Pleno, en calidade de expertos ou técnicos, de ata un máximo de tres representantes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e un da Consellería de Sanidade.

Artigo 78º

Por cada un dos vogais de cada subsector, produtor ou comercializador, designarase un suplente, elixido da mesma forma que o titular.

Artigo 79º

O prazo máximo para a toma de posesión dos vogais será, como máximo, dun mes, contado desde a data da súa proclamación.

Artigo 80º

1. A condición de membro do Pleno non ten carácter retribuído.

2. Os membros do Pleno teñen o dereito e a obriga de asistir, con voz e voto, ás sesións que este realice.

3. Ademais, os membros do Pleno teñen dereito a recibir a información necesaria para o correcto exercicio das súas funcións.

4. Os membros do Pleno están obrigados a observar a máis absoluta confidencialidade respecto das informacións e datos recollidos ou coñecidos no exercicio das súas funcións.

5. Non se admitirán as delegacións de voto.

Artigo 81º

1. Ademais de pola terminación do mandato, a condición de vogal perderase por algunha das seguintes causas:

a) Cando desapareza calquera dos requisitos de elixibilidade que concorreron na súa elección.

b) Por resolución administrativa ou xudicial firme que anule a súa elección ou proclamación como candidato.

c) Por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas no período dun ano, logo de incoación de expediente. A resolución deste expediente será impugnable en vía administrativa.

d) Por ser sancionado, por actuación persoal ou da entidade a que representa, con resolución firme en vía administrativa por infracción grave ou moi grave contra as disposicións normativas relacionadas coa denominación. A persoa física ou xurídica en que se dea esta circunstancia non poderá ter a condición de elixible nunha posterior convocatoria electoral e ata que transcorresen dous anos desde que adquiriu firmeza a sanción, no caso de infracción grave, e cinco, no caso de moi grave.

e) Por causar baixa nos rexistros do consello ou por perder a súa vinculación co subsector que o elixiu ou a entidade a que representa.

f) Por dimisión, renuncia ou calquera causa que incapacite para o desempeño do cargo.

g) Por morte dos que teñan a consideración de persoas físicas ou pola extinción da personalidade xurídica no caso dos membros do Pleno con forma societaria.

2. No caso de cesamento dun vogal por calquera das causas recollidas no número 1 anterior, a súa vacante será cuberta polo seu suplente. O mandato do novo vogal só durará ata que se realice a seguinte renovación do Pleno do Consello Regulador.

Artigo 82º

Correspóndelle ao Pleno do Consello Regulador:

a) Aplicar as disposicións normativas da denominación, así como velar polo seu cumprimento e, en xeral, xestionar a DOP Mexillón de Galicia.

b) Aprobar os orzamentos de cada exercicio, a memoria de actividades e a liquidación orzamentaria do exercicio anterior, así como a súa remisión á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto.

c) Autorizar os gastos por importe superior a 3.000 euros, ou ao 2% do orzamento anual, segundo cal sexa a cifra máis elevada.

d) Aprobar as cotas do Consello Regulador e determinar os recursos da corporación.

e) Elaborar as propostas de modificación do regulamento para a súa aprobación pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto.

f) Elaborar o Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas para a súa aprobación pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto.

g) Aprobar os cadros do persoal propio e as súas bases de contratación, sen prexuízo do establecido para o persoal adscrito ao órgano de control e certificación.

h) O control e fiscalización dos departamentos e órganos do Consello Regulador, coas particularidades establecidas para o órgano de control e certificación.

i) A aprobación dos convenios de colaboración e cooperación coas administracións públicas e con calquera outra entidade.

j) A adopción de acordos relativos á creación ou participación do consello en asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como dos acordos para a súa supresión ou remate da participación.

k) O nomeamento e cesamento do secretario ou secretaria e persoal de dirección.

l) A aprobación dos informes que deban remitirse ás administracións públicas e relativos a materias da súa competencia.

m) A adopción de acordos sobre o exercicio de accións e a interposición de recursos ante calquera xurisdición.

n) O alleamento de patrimonio e a concertación de operacións de crédito.

o) A aprobación dos plans anuais de actuación e xestión do Consello Regulador.

p) A constitución, no seu seo, de comisións específicas.

q) O nomeamento de representantes noutras entidades.

r) Cantas outras funcións se lle atribúan neste regulamento, e aqueloutras propias do Consello Regulador non atribuídas especificamente á presidencia.

Artigo 83º

1. O Pleno do Consello Regulador reunirase cando o convoque a presidencia, ben por iniciativa propia ben por petición da metade dos vogais, será obrigatorio realizar sesión, polo menos, unha vez cada trimestre.

2. As sesións convocaranse por comunicación persoal aos membros deste, mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia da súa recepción, e, cando menos, con oito días de anticipación. A citación deberá ir acompañada da orde do día da reunión, con indicación do lugar, do día e da hora de realización, e non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados, agás que estean presentes todos os membros do Pleno e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría absoluta.

3. Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado non incorporado pola presidencia, será necesario que o solicite, cando menos, a terceira parte dos seus membros, con catro días de antelación, como mínimo, ao sinalado para a realización da reunión.

4. No caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto, a xuízo da presidencia, citaranse os vogais polos medios axeitados, e sempre que quede constancia da recepción da comunicación, con vinte e catro horas de anticipación como mínimo.

5. Nos casos de falta de convocatoria, e con carácter excepcional, o Pleno do Consello Regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

6. Cando un membro non poida asistir a unha sesión, comunicarallo ao Consello Regulador, expresando a causa da súa ausencia.

Artigo 84º

1. Os acordos do Pleno do Consello Regulador adoptaranse por maioría absoluta dos membros presentes, e para que sexan válidos será necesario que concorran, en primeira convocatoria, máis da metade dos seus membros, en segunda convocatoria é suficiente con que concorra máis dun terzo. A Presidencia terá voto de calidade.

2. Os acordos do Pleno do Consello Regulador que teñan carácter xenérico e afecten unha pluralidade de suxeitos notificaranse mediante o envío de circulares aos seus inscritos e expoñéndoos nas oficinas do Consello Regulador.

3 No caso de que os acordos do Pleno teñan un carácter persoal notificaranse mediante escrito dirixido ao(s) interesado(s).

Artigo 85º

Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos en que se considere necesario, o Pleno do Consello Regulador poderá establecer comisións para tratar ou resolver asuntos concretos. As súas resolucións serán comunicadas ao Pleno na primeira reunión que este realice, para a súa validación.

Sección terceira

A Presidencia

Artigo 86º

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría absoluta dos seus membros. O seu nomeamento farase mediante orde do titular da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto.

2. A Presidencia do Consello Regulador non se poderá exercer por máis de dous mandatos consecutivos, agás nos casos en que a ausencia de candidatos alternativos o xustifique.

3. Non poderá exercer a Presidencia quen ocupe calquera cargo electivo dos regulados na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, e na Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Artigo 87º

1. O presidente ou presidenta do Consello Regulador cesará, ademais de cando remate o mandato do Pleno que o elixiu, nos seguintes casos:

a) Pola súa morte.

b) Por petición propia, unha vez aceptada polo Pleno a súa dimisión.

c) Despois da aprobación por maioría absoluta do Pleno, dunha moción de censura, que deberá ser proposta, polo menos, por un terzo dos seus membros, en sesión realizada para o efecto, e que incluirá necesariamente a proposta dun candidato á Presidencia do Consello Regulador.

d) Despois de sentenza firme que implique a súa inhabilitación para o cargo.

e) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

f) Polas causas relacionadas coa perda da condición de vogal.

2. No caso de dimisión, cesamento, abandono ou morte do presidente ou presidenta, os vogais do Consello Regulador elixirán a persoa que o substitúa no prazo dun mes, agás a situación prevista na letra c) do número anterior, o que lle será comunicado á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto para o seu nomeamento. O mandato do novo presidente ou presidenta será só polo tempo que lle restase ao anterior.

Cando concorra calquera destes supostos, e mentres non se designe un novo presidente ou presidenta, este será substituído polo vicepresidente en orde de prelación.

Artigo 88º

1. Son funcións da Presidencia do Consello Regulador:

a) Representar legalmente o Consello Regulador e dirixir o seu goberno e administración.

b) Cumprir e facer cumprir as disposicións legais e regulamentarias.

c) Sinalar a orde do día, convocar, presidir, suspender e levantar as sesións do Pleno e dirixir as súas deliberacións, decidindo nos empates co voto de calidade.

d) Dirixir e inspeccionar os servizos, administrar os ingresos e fondos do Consello, ordenar os pagamentos e render as contas. Esta competencia poderá ser delegada no secretario ou secretaria, logo da súa aprobación polo Pleno.

e) Organizar o réxime interior do Consello Regulador.

f) Proporlle ao Consello Regulador a contratación, suspensión ou renovación do seu persoal, sen prexuízo do establecido para o persoal integrado no órgano de control e certificación.

g) Informar a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos das incidencias que ocorran na produción, elaboración, transformación e mercado.

h) Remitirlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aqueles acordos que adopte o Consello Regulador e que deban ser coñecidos por esta, conforme o disposto neste decreto e demais normativa aplicable, así como aqueloutros que pola súa importancia considere que deben ser coñecidos pola Administración.

i) Executar os acordos adoptados polo Pleno.

j) Presidir os organismos e institucións que dependan ou poidan depender no sucesivo do Consello Regulador.

k) Asinar a correspondencia oficial do Consello.

l) Visar as actas e as certificacións dos acordos que se expidan

m) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera de natureza oficial, sen prexuízo das legalizacións establecidas pola lei.

n) Adoptar as medidas disciplinarias que procedan.

o) Representar o Consello en todos os actos xurídicos e exercer os dereitos e accións que lle correspondan.

p) Sen prexuízo das funcións atribuídas ao Pleno, ditar cantas resolucións considere necesarias ou vantaxosas para a boa marcha do Consello Regulador e respecto dos asuntos non sometidos a estudo das comisións específicas que cree o Pleno, así como nos de extrema urxencia, dando conta ao Pleno na primeira sesión que este realice.

q) Dispor a repartición de asuntos, temas ou cuestións ás comisións específicas que cree o Pleno cando, ao seu xuízo, deban ser obxecto de estudo ou exame previo á consideración do Pleno.

r) Exercer as demais funcións que se establezan no regulamento da denominación, así como aquelas que o Pleno acorde ou que lle confíe a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto.

s) Exercer cantas outras funcións lle encomende a normativa vixente.

2. A presidencia poderá delegar o exercicio das súas atribucións nas vicepresidencias, ou a favor de calquera membro do Pleno para a dirección e xestión de asuntos determinados.

Sección cuarta

As vicepresidencias

Artigo 89º

1. O Consello Regulador contará con varias vicepresidencias, que serán exercidas por persoas elixidas por e entre os vogais electos de cada subsector e nomeadas polo conselleiro competente segundo a natureza do produto. O seu nomeamento non lle fará perder a súa condición de vogal.

2. Os/as vicepresidentes/as substituirán, pola súa orde, o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. As vicepresidencias exercerán, ademais, aquelas funcións que lles sexan delegadas pola Presidencia.

Sección quinta

A Secretaría

Artigo 90º

1. O Consello Regulador contará cun secretario ou secretaria, nomeado polo Pleno, que pertencerá ao cadro de persoal do consello.

2. Os cometidos específicos da Secretaría son os seguintes:

a) Preparar os traballos do consello e tramitar a execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións do Pleno con voz pero sen voto, enviar as convocatorias, redactar as actas e custodiar os libros e documentos do Consello Regulador.

c) Os asuntos relativos ao réxime interior do Consello Regulador, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Recibir os actos de comunicación dos vogais do Consello Regulador e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

e) Expedir certificacións de consulta, ditames e acordos aprobados, co visto e prace do presidente.

f) As demais funcións que lle encomende a Presidencia, relacionadas coa preparación e instrución dos asuntos da competencia do Consello Regulador.

Sección sexta

O comité da mención

Artigo 91º

Establecerase un Comité Asesor da Mención, sen carácter de órgano de goberno, que estará composto por catro operadores alimentarios inscritos no Rexistro de Usuarios ou no Rexistro de Centros de Transformación, propostos por e entre eles con base en criterios de representatividade do seu interese no mexillón de Galicia, que se detallarán no Manual de calidade, e nomeados polo Pleno.

Actuará baixo a dirección do presidente do Consello Regulador e a súa función básica será asesorar sobre aqueles aspectos que afecten o seu subsector en relación ao Mexillón de Galicia.

Actuará de secretario quen o sexa do Consello Regulador.

Entre outras accións, poderán facer propostas para a modificación do rendemento e no número de pezas/quilo das mostraxes segundo se establece no artigo 23º.

Capítulo II

Administración e financiamento

Artigo 92º

Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos seguintes recursos:

a) As cotas que deberán aboar os seus inscritos cos importes e condicións que fixe en cada momento o Pleno do Consello Regulador. Estas cotas poderán ser de dous tipos:

1. Unha cota de inscrición e outra de renovación rexistral periódica.

2. Unha cota variable, calculada por acordo do Pleno do Consello Regulador.

b) As subvencións que poidan establecerse anualmente nos orzamentos xerais das administracións públicas.

c) As rendas e produtos do seu patrimonio.

d) As doazóns, legados e demais axudas que poidan percibir.

e) Os rendementos pola prestación de servizos, incluídos, se é o caso, os relativos ao control e á certificación do produto, de acordo coas tarifas que estableza o Pleno do Consello Regulador.

f) Calquera outro que lles corresponda percibir.

Artigo 93º

1. O Consello Regulador elaborará e aprobará, dentro do último trimestre de cada exercicio, o orzamento do exercicio seguinte. Se finalizado ese trimestre non se chegase a aprobar o orzamento, entenderase prorrogado por períodos mensuais o do exercicio económico anterior, ata a aprobación do novo orzamento.

2. Ademais, o Consello Regulador elaborará anualmente, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, unha memoria das actividades realizadas durante o ano inmediatamente anterior e a liquidación orzamentaria do exercicio pasado.

3. Os documentos mencionados no parágrafo anterior seranlle remitidos á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo a natureza do produto no prazo dun mes, contado desde a data da súa aprobación polo Pleno.

Artigo 94º

1. O Consello Regulador levará un plan contable, que será aprobado pola Consellería de Economía e Facenda, sendo de aplicación, coas súas peculiaridades propias, o disposto no título V, capítulo II do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nas súas posteriores modificacións.

No plan contable reflectirase o movemento de ingresos e gastos de xeito separado, así como todas aquelas modificacións que se produzan na súa situación patrimonial.

Anualmente confeccionarase o correspondente balance, no cal se reflectirá a súa situación patrimonial, económica e financeira.

2. A Xunta de Galicia, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderá exercer o control financeiro necesario sobre os gastos efectuados para a xestión das funcións e competencias que o Consello Regulador ten encomendadas.

3. En todo caso, a xestión económica e financeira e as contas anuais estarán sometidas ao control do Consello de Contas, nos termos previstos na Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do devandito órgano, e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Capítulo III

Réxime laboral

Artigo 95º

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime laboral, de conformidade co cadro de persoal aprobado polo Pleno de acordo coa súa capacidade orzamentaria. Este persoal rexerase polo convenio colectivo específico que se aprobe ou ao cal, de común acordo, decidan someterse.

2. Na contratación de persoal, o Consello Regulador axustará a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

3. Para a contratación e cesamento do persoal do órgano de control e certificación, observarase, ademais, o disposto na Lei 2/2005 e no Decreto 4/2007, sobre as garantías na contratación e remoción do persoal dos órganos de control e certificación integrados nos consellos reguladores.

Capítulo IV

Réxime electoral

Sección primeira

Xeneralidades

Artigo 96º

Este capítulo ten por obxecto establecer as normas para a elección de todos os membros do Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia.

Artigo 97º

1. A duración do mandato dos membros do Pleno do Consello Regulador será de catro anos, e poderán ser reelixidos.

2. O prazo anterior empezará a contar desde o día seguinte ao da súa toma de posesión, que deberá efectuarse segundo o calendario que se estableza na correspondente convocatoria.

3. Finalizado o mandato, e en todo caso durante o proceso electoral, os membros do Consello Regulador estarán en funcións e poderán realizar unicamente actos de trámite e os necesarios para a axeitada marcha da denominación, entre eles os relacionados co proceso electoral. O seu cometido rematará coa toma de posesión dos novos membros.

Artigo 98º

1. Nos dous meses anteriores á finalización do mandato dos membros do Consello Regulador, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos convocará as eleccións, despois da consulta cos órganos de goberno do consello.

Na dita convocatoria, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, determinarase o calendario a que deberá axustarse o proceso electoral, así como as regras aplicables a este.

2. O Consello Regulador dará publicidade da convocatoria expoñéndoa na súa sede, así como naqueles lugares e polos medios que considere máis oportunos para acadar a máxima difusión no seu ámbito sectorial e territorial.

Artigo 99º

1. Poderán ser electores as persoas físicas ou xurídicas que, con anterioridade á data de entrada en vigor da correspondente orde de convocatoria, estean debidamente inscritas e con actividade nalgún dos censos do Consello Regulador, non carezan do dereito de sufraxio activo en virtude do disposto na normativa de réxime electoral xeral e non fosen sancionados con carácter firme coa suspensión da súa inscrición no rexistro correspondente.

2. As persoas xurídicas exercerán o seu dereito ao voto a través do seu representante legal.

3. O dereito de sufraxio exercerase, con carácter xeral, unha soa vez, é dicir, cada elector ten dereito a un único voto por cada censo en que se encontre inscrito.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, no caso de que un mesmo titular figure inscrito en máis dun censo electoral, poderá ser elector en cada un deles.

Artigo 100º

1. Serán elixibles como membros do Consello Regulador aquelas persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos para ser elector e que non estean incursas nas causas de inelixibilidade previstas na normativa de réxime electoral xeral.

2. No caso de que un mesmo titular figure inscrito en máis dun censo, só poderá ser elixible por un e deberá optar polo que máis lle interese. Unha mesma persoa física ou xurídica, aínda que estea inscrita en varios rexistros do Consello Regulador, non poderá ter neste dobre representación.

3. No caso de persoas xurídicas inscritas, o candidato a membro do Pleno será a propia persoa xurídica, que estará representada no Consello Regulador, de resultar elixida, pola persoa física que en cada momento designe o seu órgano de goberno.

Artigo 101º

1. O sistema electoral aplicable será de carácter proporcional directo, considerando todas as candidaturas sen que sexa necesario reunir unha porcentaxe mínima de votos válidos emitidos.

2. Na respectiva orde de convocatoria de cada proceso electoral fixarase a representación por sectores, así como o número de vogais correspondentes a cada censo de acordo coa configuración plenaria establecida neste regulamento.

Artigo 102º

1. A Xunta Electoral é o órgano supremo de supervisión do proceso electoral e nela estarán representados os diversos sectores que concorren ao proceso electoral e o persoal técnico da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e dos seus entes e organismos dependentes.

2. A Xunta Electoral terá as seguintes funcións:

a) Garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral.

b) Vixiar o cumprimento por parte do Consello Regulador das funcións que se lle encomendan en relación co proceso electoral e prestarlle o apoio que precise no seu exercicio.

c) Cursar instrucións de obrigado cumprimento aos órganos de goberno do Consello Regulador en relación co proceso electoral e exercer a supervisión deste.

d) Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle eleven os órganos de goberno do Consello Regulador.

e) Revogar, de oficio ou por instancia de parte, as decisións dos órganos de goberno do Consello Regulador relacionadas co proceso electoral.

f) Resolver as queixas e reclamacións que se lle dirixan en relación co proceso electoral, sempre que non sexan competencia do Pleno do Consello Regulador.

g) Resolver os recursos que se interpoñan contra os acordos do Pleno do Consello Regulador relacionados co proceso electoral, de acordo cos prazos que se establezan no calendario electoral.

h) Unificar criterios interpretativos do órgano de goberno do Consello Regulador en relación co proceso electoral.

i) Corrixir as infraccións que se produzan no proceso electoral, sempre que non sexan constitutivas de delito.

j) Realizar a vixilancia das votacións.

k) Resolver as consultas que lle presenten os electores, candidaturas e membros das mesas ou, de ser o caso, outros órganos electorais.

l) Desenvolver calquera outra función e competencia relacionada co proceso electoral non atribuída ao órgano de goberno do Consello Regulador nin ás mesas ou, se é caso, outros órganos electorais.

Artigo 103º

1. A Xunta Electoral terá a composición que se determine na orde da convocatoria e estará integrada por representantes das entidades organizativas sectoriais relacionadas coa actividade da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia, ademais de persoal técnico da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e dos seus entes e organismos dependentes.

2. Ningún membro, titular ou suplente, da Xunta Electoral poderá presentarse como candidato a vogal nin ser membro do Pleno do Consello Regulador.

Artigo 104º

1. A presentación de candidatos á Xunta Electoral en representación de entidades organizativas sectoriais farase mediante solicitude acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade propoñente.

b) Acordo do órgano de goberno en que se propoña o representante e o seu suplente.

c) Curriculum vitae dos candidatos titular e suplente.

d) Número de fax e/ou enderezo de correo electrónico autorizados pola organización para os efectos de recepción das convocatorias e comunicacións relacionadas co proceso electoral.

2. No suposto de entidades organizativas sectoriais integradas noutras de ámbito superior, aquelas unicamente poderán presentar candidatos se estas non o fixeren.

3. As candidaturas á xunta presentaranse, segundo o calendario electoral, ante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e deberán conter cada unha un titular e un suplente.

Artigo 105º

1. A designación de todos os membros da Xunta Electoral, titulares e suplentes, será realizada mediante resolución do director xeral con competencias en materia de denominacións de calidade da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. Na dita designación teranse en conta a formación académica e a experiencia dos candidatos así como no caso dos representantes de entidades organizativas sectoriais, o seu grao de implantación na actividade da denominación de orixe protexida Mexillón de Galicia.

3. Contra a dita resolución poderase interpor recurso ante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo que se determine na orde de convocatoria.

4. O mandato dos membros da Xunta Electoral concluirá 100 días despois da celebración das eleccións.

5. Os membros da Xunta Electoral que asistan ás súas reunións terán dereito a percibir as indemnizacións que se establezan na orde de convocatoria.

Artigo 106º

O censo electoral será elaborado polo Consello Regulador e estará constituído por todos e cada un dos titulares inscritos e con actividade nos rexistros correspondentes do Consello Regulador, de acordo co que se establece neste regulamento e na orde de convocatoria.

Artigo 107º

1. O Pleno resultante do proceso electoral constituirase o día que se estableza na orde de convocatoria, os novos membros electos tomarán posesión en sesión presidida por un representante da Administración, designado para o efecto pola titular da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Para a realización desta sesión precisarase un quórum de dous terzos.

2. A seguir, na mesma sesión, o consello en Pleno elixirá por maioría absoluta a quen vai exercer os cargos de presidente e vicepresidentes, de acordo co establecido neste regulamento. No caso de empate na elección dalgún dos cargos, procederase no terceiro día hábil seguinte a unha nova votación. De persistir o empate, procederíase de novo de igual xeito e, en caso de non se desfacer, decidiríase por sorteo que realizará a Xunta Electoral entre os candidatos que tivesen o mesmo número de apoios na última votación.

3. As persoas elixidas para os cargos de presidente e vicepresidentes serán nomeadas posteriormente pola titular da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

4. Unha vez constituído o Pleno do Consello Regulador, as vacantes que se producisen por finamento, abandono, dimisión, cesamento na actividade ou calquera outra causa, dalgún dos seus membros, serán cubertas a partir da lista a que pertencía o dito membro e pola orde nela establecida.

Artigo 108º

Sen prexuízo das normas establecidas anteriormente, o Consello Regulador nomeará unha comisión electoral.

Sección segunda

Da comisión electoral

Artigo 109º

1. A Comisión Electoral estará composta polo presidente, polo menos dous vogais titulares designados polo Pleno, en representación de cada sector, e un terceiro nomeado pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con voz, pero sen voto. Como secretario actuará o do Pleno do Consello Regulador.

2. Ningún membro da Comisión Electoral poderá presentarse como candidato a membro do Consello Regulador.

3. No caso de incorrer na incompatibilidade anterior, o Pleno elixirá os membros da Comisión Electoral de entre os vogais suplentes e, no seu defecto, aleatoriamente de entre os rexistros do Consello Regulador.

4. Unha vez nomeada, a Comisión Electoral deberá reunirse en sesión constitutiva no máis breve prazo.

5. Os membros da Comisión Electoral terán dereito a percibir indemnizacións por desprazamento e axudas de custo pola dedicación prestada ao exercicio das súas funcións.

Artigo 110º

A Comisión Electoral terá atribucións plenas en todas as funcións e actividades relativas ao proceso electoral que especificamente non estean asignadas a outros órganos, tales como:

1. Determinar a data de peche temporal dos rexistros.

2. Elaboración e publicación dos censos de electores a partir dos inscritos nos rexistros respectivos.

3. Aprobación e publicación dos censos electorais definitivos.

4. Recepción das candidaturas a vogais do Consello Regulador.

5. Proclamación de candidatos.

6. Determinar o número de mesas electorais e a sede en que se emprazarán.

7. Designación dos compoñentes da mesa electoral e comunicación da súa composición aos interesados.

8. Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle eleve a mesa electoral, os electores, candidatos e membros da propia mesa.

9. Revogar, de oficio ou por instancia de parte, as decisións da mesa electoral.

10. Prover todo o material necesario para a realización das eleccións.

11. A organización, coordinación e vixilancia das votacións.

12. Garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral.

13. Proclamación dos vogais electos.

14. Resolver cantas reclamacións e recursos que sobre o seu cometido se lle dirixan.

15. Resolver reclamacións sobre inclusión ou non inclusión no censo electoral.

16. Calquera outra que lle atribúa este regulamento.

Sección terceira

Censos

Artigo 111º

Unha vez que a Comisión Electoral ordene o peche dos rexistros, non se poderá dar ningunha alta ata finalizar o proceso electoral. Unha vez rematado tal proceso electoral e constituído o novo Consello Regulador, estableceranse as condicións de entrada para aquelas persoas ou empresas que soliciten a alta.

Artigo 112º

O Consello Regulador elaborará os censos de electores conforme a estrutura fixada nos artigos 76.1º b) e 76.1º c) do regulamento e, de ser o caso, deberán figurar ordenados por entidades asociativas e alfabeticamente.

Artigo 113º

Para figurar nos censos electorais será necesario reunir as seguintes condicións:

a) Estar inscrito no rexistro correspondente do Consello Regulador antes do seu peche.

b) Non estar inhabilitado para o exercicio do dereito de sufraxio activo.

c) Cumprir o estipulado no artigo 64.2º.

Artigo 114º

1. A Comisión Electoral despois das comprobacións que xulgue oportunas, dilixenciará os censos coas sinaturas do secretario da comisión e o conforme do presidente. A seguir, ordenará a exposición do censo electoral alfabético na sede do Consello Regulador e remitirá os censos por asociacións a cada unha das entidades asociativas vinculadas á denominación, no prazo de 5 días hábiles.

2. A remisión dos censos provisionais aos lugares citados nos puntos anteriores deberá realizarse achegando oficio do secretario da Comisión Electoral.

Artigo 115º

Poderanse formular reclamacións e recursos contra os censos no prazo de 3 días hábiles.

A Comisión Electoral resolverá as reclamacións e recursos presentados no prazo de 3 días hábiles, contado desde a súa presentación.

Artigo 116º

Resoltas as reclamacións presentadas contra o censo electoral, a Comisión Electoral volverá publicar de igual forma os censos electorais definitivos no prazo de 3 días hábiles.

Sección cuarta

Dos candidatos a membros do Pleno

Artigo 117º

1. O número de candidatos a membros correspondente a cada un dos censos citados será o establecido no artigo 76º deste regulamento.

2. Serán electores e elixibles os pertencentes a cada un dos censos electorais, sempre e cando non se encontren incursos nas causas de inelixibilidade previstas nos artigos 6.2º e 7 da Lei orgánica 5/1985, de réxime electoral xeral.

3. No caso de que un mesmo titular figure inscrito en máis dun censo, poderá ser elector en cada un deles. Non obstante, só poderá ser elixible por un deles, o interesado deberá optar polo que máis lle interese.

En ningún caso unha mesma persoa física ou xurídica inscrita en varios censos do Consello Regulador poderá ter representación dobre, nin directamente nin a través de empresas filiais ou socios delas.

4. No caso de persoas xurídicas inscritas, o candidato a vogal será a propia persoa xurídica, que estará representada no Consello Regulador (no caso de resultar elixida) polo seu representante.

Artigo 118º

1. Poderán propoñer candidaturas ás eleccións grupos de inscritos, cooperativas, asociacións e organizacións profesionais, sempre que cumpran as condicións que se establecen nesta norma, e que sexan avaladas, polo menos, polo 5% do total de electores do censo de que se trate.

2. As candidaturas, e demais documentación e trámites electorais, presentaranse nas oficinas administrativas do Consello Regulador mediante solicitude de proclamación ante a Comisión Electoral no prazo de 10 días hábiles contados a partir da conclusión do prazo establecido no artigo 116º.

3. As candidaturas presentaranse mediante lista pechada de candidatos, que constará dun suplente por cada titular.

4. Cando o número de inscritos nos rexistros ou nos censos sexa inferior ao estipulado no artigo 76º do regulamento, eximirase da obriga enunciada no parágrafo 1 anterior respecto do censo en cuestión.

5. As listas expresarán claramente os datos seguintes:

a) O nome, apelidos e CIF dos candidatos, tanto titulares como suplentes, así como o nome da entidade asociativa vinculada ao Consello Regulador a que pertence ou a indicación independente.

b) A orde de colocación dos candidatos dentro de cada lista.

c) A sinatura de todos e cada un dos candidatos a vogal.

6. A identidade dos asinantes acreditarase perante a Comisión Electoral, que comprobará se os propostos figuran nos censos correspondentes.

7. No caso das persoas xurídicas, tamén se xuntará certificación do acordo do órgano de goberno ou rector polo cal propoñen o seu representante.

8. Na falla de designación expresa, entenderase que a cabeza de lista actuará como representante seu, e será o encargado de realizar todas as xestións da respectiva candidatura ante a Comisión Electoral, así como o chamado a recibir as notificacións que esta poida realizar.

Artigo 119º

As candidaturas para cada censo deberán respectar o número de candidatos igual ao número de membros establecidos no artigo 76º do Regulamento da denominación de orixe respectivamente.

Artigo 120º

Cando non se presentasen candidaturas, a mesa electoral disporá de tantas urnas como censos e procederase do seguinte xeito:

A cada un dos censos correspóndelle elixir un número de vogais conforme a composición do Consello Regulador establecido no artigo 76º do regulamento.

Nas papeletas de voto, específicas para o caso, os votantes escribirán os nomes de persoas físicas ou xurídicas que estean relacionadas no correspondente censo ás que desexan dar o seu voto.

O número máximo de persoas físicas ou xurídicas que se poden escribir nas papeletas de voto de cada censo está limitado ao estipulado no artigo 76º do regulamento.

Artigo 121º

Finalizado o prazo de presentación, a Comisión Electoral proclamará provisionalmente as candidaturas, salvo causa de inelixibilidade ou non inclusión no censo, circunstancia que, denunciada ou apreciada pola Comisión Electoral, suporá a exclusión do candidato.

Artigo 122º

1. Unha vez proclamadas provisionalmente as distintas candidaturas, a Comisión Electoral acordará a súa exposición nos mesmos lugares establecidos para a exhibición dos censos por termo de 3 días hábiles.

2. Expostas as distintas candidaturas poderán presentarse reclamacións ante a Comisión Electoral por termo de 3 días hábiles.

3. A Comisión Electoral deberá resolver estas reclamacións no prazo de 2 días hábiles a partir da finalización do prazo do punto 2 deste artigo, proclamando as candidaturas definitivas e acordando a súa exposición pública.

Sección quinta

Da campaña electoral

Artigo 123º

1. Enténdese por campaña electoral, para os efectos deste regulamento, o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polos candidatos encamiñadas á captación de sufraxios.

2. A campaña electoral iniciarase ás 00.00 horas do día hábil posterior ao de proclamación definitiva de candidaturas.

3. A campaña electoral finalizará ás 24.00 horas do sétimo día de campaña.

Sección sexta

Das papeletas e sobres

Artigo 124º

A Comisión Electoral aprobará e ordenará a confección dos modelos oficiais de documentos que se van utilizar no proceso electoral (papeletas de voto, acreditacións, delegacións de voto etc.) e proverá a mesa electoral de mobiliario, urnas, papeletas de voto, sobres e de todo o material necesario para a realización das eleccións.

Cada papeleta conterá unha única candidatura ou, no caso de ausencia destas, espazos habilitados para escribir o nome dos candidatos.

Sección sétima

Dos apoderados e interventores

Artigo 125º

Os representantes de cada unha das candidaturas que se presenten ás eleccións poderán apoderar interventor a calquera inscrito nos censos do Consello Regulador, co obxecto de que exerza a representación da candidatura correspondente para todos os efectos electorais.

Sección oitava

Das mesas electorais e a súa constitución

Artigo 126º

1. A mesa electoral é o órgano encargado de presidir as votacións, realizar o escrutinio, publicar resultados e velar pola pureza do sufraxio.

A Comisión Electoral designará a mesa electoral, que estará integrada por un presidente e dous vogais, por escolla aleatoria do censo de electores, maiores de idade, que saiban ler e escribir.

2. Os membros da mesa electoral teñen dereito á indemnización de gastos e axudas de custo, que se lles aboarán no día da votación, polo mesmo importe que se teña establecido para os membros do Pleno do Consello Regulador.

3. Igualmente procederase ao nomeamento de dous suplentes por cada un dos membros da mesa.

Artigo 127º

1. Os cargos de presidente e vogal das mesas electorais son obrigatorios. Non poderán exercelos aquelas persoas que se presenten como candidatos.

2. Unha vez realizada a súa designación, deberalles ser notificada aos interesados no máis breve prazo, dispoñendo estes dun prazo de 4 días hábiles para alegaren ante a Comisión Electoral causa xustificada que lles impida aceptar o cargo.

A Comisión Electoral resolverá no prazo de dous días hábiles sen ulterior recurso.

Artigo 128º

1. A votación realizarase entre as 9.30 horas e as 18.30 horas do segundo día posterior á finalización da campaña electoral.

2. O presidente e os vogais da mesa electoral, así como os seus suplentes, reuniranse ás 8.30 horas da mañá do día das votacións no local designado para a votación.

3. Se o presidente non acudise, substituirase polo suplente. No caso de faltar este, tomará posesión como presidente o primeiro vogal ou o segundo por esta orde. Os vogais que non acudisen ou que tomasen posesión como presidente serán substituídos polos seus suplentes.

4. En ningún caso poderá constituírse a mesa sen presenza dun presidente e dous vogais. No caso de que non se poida cumprir este requisito, os membros da mesa presentes e os suplentes que acudisen estenderán e subscribirán unha declaración dos feitos acontecidos, e de inmediato a Comisión Electoral nomeará as persoas máis idóneas para constituír a mesa electoral.

Artigo 129º

O presidente, ou por delegación un vogal, expedirá unha acta no momento da constitución da mesa que pechará ao finalizar as súas funcións como tal. Nela expresará os compoñentes da mesa, a identificación de interventores, suficiencia de material, a hora de inicio das votacións, as anomalías ou aspectos que pola súa relevancia e transcendencia sexan merecentes de quedar reflectidos ao longo da xornada, a hora do peche das votacións, as condicións de transparencia do escrutinio e a expresión detallada do resultado, cos votos emitidos, os nulos, en branco, e os asignados a cada candidatura, as reclamacións formuladas coa identificación dos seus reclamantes e a resolución dada a estas, asinándoa todos os membros da mesa.

Sección novena

Do voto e da súa delegación

Artigo 130º

O voto pode ser persoal, acreditando o dereito de voto pola inscrición do elector nas listas certificadas do censo e pola demostración da súa identidade mediante o DNI, pasaporte ou permiso de condución, en que apareza fotografía do titular.

Artigo 131º

Tamén poderá exercerse o voto por delegación, dando cumprimento ás seguintes condicións:

1. Unha vez os censos electorais sexan definitivos, a Comisión Electoral deseñará un formulario nominativo autenticado de delegación de voto, en que se fará constar:

-Identificación do poderdante que delega.

-A vontade do poderdante de delegar o exercicio do voto.

-A identificación do apoderado en que delegou tal exercicio, que deberá constar inscrito no censo de electores.

-A vontade do apoderado de exercer tal dereito con responsabilidade.

-Sinatura do poderdante que delega.

-A sinatura do apoderado para o exercicio do voto.

2. Para ter efectividade plena, o documento deberá ser presentado en horario de oficina no Consello Regulador antes da finalización do prazo para a campaña electoral.

3. Non se admitirá o voto delegado que non teña cumprido taxativamente estas condicións.

Artigo 132º

Denegaráselle o exercicio do voto a quen no intre de exercelo -por delegación ou de xeito persoal-, se teña constancia de que o emitiu con anterioridade -persoalmente ou por delegación, respectivamente-.

Sección décima

Do escrutinio e proclamación de vogais electos

Artigo 133º

Unha vez concluída a votación, o presidente procederá ao reconto dos votos, extraendo as papeletas da urna e lendo en voz alta o nome das candidaturas ou candidatos votados, os emitidos en branco e os considerados nulos.

Feito o reconto de votos, o presidente preguntaralles aos asistentes se hai algunha protesta que facer contra o escrutinio, resolvendo e deixando constancia dela.

A seguir, formulará en voz alta o seu resultado, especificando o número de votos emitidos, de votos válidos, nulos e en branco e o de votos obtidos por cada candidatura, deixando expresión escrita deles na acta de votacións.

Este procedemento repetirase para cada un dos censos referidos.

Unha vez finalizada a xornada electoral, o presidente da mesa faralle entrega á Comisión Electoral de toda a documentación derivada do proceso e do material utilizado.

Artigo 134º

A Comisión Electoral, con base na documentación recibida, procederá á asignación de postos de elección para cada un dos censos, de acordo co procedemento seguinte:

1. En caso dunha única candidatura, proclamando vogais electos os titulares que consten na candidatura, sempre e cando obtivesen o apoio da maioría absoluta dos votos emitidos.

2. No caso dunha situación distinta á descrita no artigo anterior, a asignación de vogalías farase polo procedemento seguinte:

Os votos recibidos por cada unha das candidaturas (V1, V2, V3,..) súmanse, obtendo un resultado (S).

Divídese esta suma (S) entre o número de vogalías que corresponden ao censo de que se trate, obtendo un resultado (R).

Divídense os votos de cada candidatura (V1, V2, V3,..) entre o resultado (R), obtendo en cada unha das candidaturas un cociente (C1, C2, C3,..).

Asignaráselle a cada candidatura un número de vogais igual á parte enteira de cada un dos cocientes (C1, C2, C3, ..) respectivos.

Ordénanse as candidaturas en función da parte decimal dos cocientes (C1, C2, C3..) de maior a menor, asignando as vogalías baleiras en tal orde.

3. Cando non se presentasen candidaturas, as vogalías serán asignadas ás persoas físicas ou xurídicas segundo os votos recibidos, baixo o principio de preservar que o Pleno do Consello Regulador tenda a representar a estrutura organizativa do subsector da produción de mexillón, para o cal a Comisión Electoral, antes da apertura do prazo para a presentación de candidaturas, deberá emitir certificación sobre a proporción de vogais que corresponde a cada entidade asociativa vinculada ao Consello Regulador expresada polo cociente das bateas de cada entidade entre o total de bateas.

Artigo 135º

Unha vez obtidos os resultados dos artigos anteriores, a Comisión Electoral proclamará provisionalmente os vogais electos do Consello Regulador.

Contra o acordo de proclamación provisional poderase interpor recurso no prazo de 3 días hábiles, que a Comisión Electoral resolverá en igual prazo, proclamando definitivamente os vogais electos, convocando o Pleno do Consello Regulador para a toma de posesión dos vogais dentro do prazo máximo estipulado, co fin de acordar e formularlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos o nomeamento de presidente do Consello Regulador.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os prazos previstos nas normas electorais expiran ás 14.00 horas do último día do prazo.

Segunda.-O Rexistro de Bateas e o Rexistro de Depuradores-Centros de Expedición, que vén mantendo o Consello Regulador do Mexillón de Galicia ata agora, valídanse sen prexuízo das comprobacións e obrigas estipuladas neste regulamento que se poidan executar no futuro.

Terceira.-A contabilidade que vén levando o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, con recoñecemento dos créditos e dereitos así como as débedas e obrigas manterase ata o peche do actual exercicio contable e deberán adaptar o plan e sistema contable na apertura do seguinte exercicio.

Cuarta.-A concesión administrativa portuaria e o edificio nela situado, sede social do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, manterán a titularidade vixente.

Disposición transitoria

Primeira.-Os inscritos no actual Rexistro de Procesadores trasládanse de xeito automático ao Rexistro de Usuarios ou Transformadores segundo corresponda.

As vacantes xeradas no Pleno polos cesamentos anteriores serán ocupadas polos membros da candidatura dos centros de depuración/expedición que corresponda pola orde que se teña establecida, ata que sexan convocadas novas eleccións.