DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 03 de setembro de 2008 Páx. 16.475

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Por medio do Decreto 519/2005, do 6 outubro, foi establecida a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Este decreto foi obxecto de modificación polos decretos 65/2006, do 20 de abril, 122/2007, do 21 de xuño, e 51/2008, do 6 de marzo.

Tal estrutura orgánica tamén se veu afectada polas previsións do Decreto 213/2007, do 31 de outubro, mediante o que foron aprobados os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e a conseguinte transferencia de medios humanos e materiais da consellería en favor da dita axencia, para o desenvolvemento das funcións que este organismo ten atribuídas legalmente. Así mesmo, a Lei 16/2007, do 26 de decembro, prevé a creación do/da Comisionado/a para a Seguridade Viaria de Galicia, órgano superior da consellería en materia de coordinación, seguimento e asesoramento respecto das directrices e estratexias vinculadas á seguridade viaria de Galicia.

Os referidos cambios normativos xustifican a necesidade de proceder a establecer a nova estrutura dos órganos superiores da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, incluíndo a nova denominación do órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo e a definición das funcións que corresponderá desenvolver á persoa designada titular do Comisionado para a Seguridade Viaria de Galicia, así como a creación de diferentes subdireccións xerais e servizos para un mellor desenvolvemento das atribucións que corresponden á consellería, seguindo os principios de racionalidade, eficacia e economía que deben presidir toda organización administrativa.

Xunto co exposto, e coa finalidade de establecer formalmente cales son os órganos superiores da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, así como os entes e organismos que ten adscritos, resulta obrigado proceder a modificar o artigo 4º do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

En consecuencia, a iniciativa do conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e en uso das facultades que teñen atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, despois dos informes favorables das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, así como do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de agosto de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Competencias e funcións.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes é o departamento da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponde o exercicio das competencias en materia de política territorial, urbanismo, ordenación do litoral, portos, estradas, transportes e comunicacións, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co previsto na Constitución española.

Artigo 2º.-Estrutura orgánica.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, para o cumprimento das funcións e competencias que ten atribuídas pola lexislación vixente, terá a seguinte estrutura orgánica:

I. O/a conselleiro/a.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. A Dirección Xeral de Obras Públicas.

V. A Dirección Xeral de Transportes.

VI. O/a Comisionado/a para a Seguridade Viaria de Galicia.

VII. As delegacións provinciais.

Artigo 3º.-Entes e órganos adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

1. Quedan adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sen prexuízo da súa natureza xurídica:

-O ente público Portos de Galicia, creado pola Lei 5/1994, do 29 de novembro.

-A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, creada pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

-O Xurado de Expropiación de Galicia, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, de conformidade co previsto nas súas normas reguladoras:

-O Consello Galego de Transportes, regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo.

-A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, prevista no artigo 225.1.d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

-A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, creada polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro.

Artigo 4º.-O/a conselleiro/a.

O/a conselleiro/a é a superior autoridade da consellería e, con tal carácter, está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia.

Artigo 5º.-A Secretaría Xeral. Funcións e competencias.

A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación coas diferentes unidades e servizos nos que se estrutura a consellería, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable ou mesmo as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da consellería.

Artigo 6º.-A Secretaría Xeral: estrutura e funcións.

Baixo a dependencia directa da persoa titular, e para o exercicio das competencias previstas no artigo anterior, a Secretaría Xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, ás que corresponderán as funcións que a continuación se detallan:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario.

1.1. Funcións:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

b) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal da consellería, así como a organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

c) A organización dos aspectos que atinxen ao réxime interior da consellería.

d) A xestión dos expedientes de contratación administrativa promovidos pola secretaría xeral.

e) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral.

1.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

-Servizo de Persoal e Réxime Interior.

2. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo.

2.1. Funcións:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á consellería polos xulgados, tribunais, Defensor/a do Pobo, Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións.

d) A emisión dos informes encomendados pola persoa titular da secretaría xeral, ademais do estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

e) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia, das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería.

f) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, coas unidades da consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

g) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral.

2.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo Técnico-Xurídico.

-Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

3. Subdirección Xeral de Informática.

3.1. Funcións:

Corresponderanlle, sen prexuízo das competencias que en materia informática ten atribuídas a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, as seguintes:

a) A planificación, supervisión e control dos sistemas e tecnoloxías da información da consellería.

b) A definición das directrices tecnolóxicas comúns e a coordinación dos proxectos informáticos da consellería

c) A supervisión da compatibilidade, interoperabilidade e optimización dos sistemas e recursos tecnolóxicos informáticos utilizados pola consellería.

d) O impulso da administración electrónica e o uso de medios informáticos e telemáticos nas actuacións administrativas.

e) A definición, implantación e supervisión das políticas de seguridade e protección de datos dos sistemas de información da consellería.

f) A xestión e administración das infraestruturas e recursos materiais que dean soporte aos sistemas e tecnoloxías da información da consellería.

g) A coordinación e supervisión dos sistemas de información xeográfica da consellería, así como a definición das directrices e viabilidade dos novos proxectos.

h) O asesoramento e soporte en materia de tecnoloxías da información ás unidades de consellería.

i) O deseño, coordinación e control dos procesos de intercambio de información con outras administracións e entidades por medios informáticos ou telemáticos.

j) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da secretaría xeral.

3.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de proxectos de desenvolvemento informático.

-Servizo de sistemas e infraestruturas informáticas.

4. Servizo de Coordinación Técnica e Inspección.

De conformidade co previsto no paragrafo 1 deste artigo, baixo a dependencia directa da persoa titular da secretaría xeral, esta unidade, con nivel orgánico de servizo, terá atribuídas as seguintes funcións:

a) Verificar o correcto funcionamento dos diferentes servizos técnicos e desenvolvemento das obras da consellería, tanto na súa esfera central como na periférica.

b) Informar sobre o grao de cumprimento e eficacia da prestación dos servizos e execución das obras, así como do adecuado emprego dos medios persoais e materiais, propoñendo, de ser o caso, as medidas correctoras das deficiencias observadas.

c) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da secretaría xeral.

5. Asesoría Xurídica e Intervención Delegada.

Adscríbense organicamente á secretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica da Consellería, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e mais a Intervención Delegada.

Respectivamente tales unidades administrativas dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e contarán co número de efectivos que se determine nas correspondentes relacións de postos de traballo.

Artigo 7º.-A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Funcións e competencias.

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo exercerá as funcións inherentes á dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral, ten atribuídas a consellería e, en particular, corresponderanlle:

1. De carácter xeral:

a) A materialización e posta en práctica da política territorial e de utilización racional do solo coa finalidade de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio; contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación e protexer e potenciar o patrimonio natural e cultural, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

b) O exercicio das funcións que a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, atribúelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de urbanismo.

c) O fomento da formación e da investigación, e a elaboración e divulgación de estudos e proxectos en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral.

d) O fomento, seguimento e control da actividade urbanística, sen prexuízo das competencias dos municipios.

e) O fomento da participación cidadá na formulación, tramitación e xestión do planeamento territorial e urbanístico.

f) O apoio e asesoramento necesario á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

g) A elaboración de proxectos e anteproxectos de disposicións normativas en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral.

h) A coordinación dos servizos provinciais de urbanismo.

i) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

j) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa no ámbito das súas competencias.

k) O exercicio de calquera competencia que en materia de ordenación do territorio e do litoral e urbanismo a lexislación vixente atribúa á Administración autonómica sen especificar o órgano que deba exercela.

l) A realización de actuacións de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

2. En materia de ordenación do territorio e do litoral:

a) A programación, dirección e control da política de ordenación do territorio e do litoral.

b) A elaboración e tramitación administrativa das directrices de ordenación do territorio e a dos restantes instrumentos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, que se formulen por iniciativa da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

c) A elaboración e tramitación administrativa do Plan de ordenación do litoral previsto pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

d) A elaboración de informes respecto dos demais instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, cando así se exixa de acordo coa devandita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

e) A coordinación coas restantes consellerías e outros organismos ou entidades para a formulación dos seus correspondentes plans ou programas de carácter sectorial con incidencia sobre o territorio, así como o seguimento, arquivo e rexistro dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados.

f) A emisión de informes preceptivos en materia de costas, nos supostos previstos polo artigo 24.2º do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do domino público marítimo-terrestre.

g) A preparación dos informes que conforme a lexislación de carácter sectorial lle corresponda emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio.

h) A elaboración e actualización da información xeográfica e cartografía necesaria para o desenvolvemento das súas competencias.

3. En materia de urbanismo:

a) A preparación dos informes que, con carácter previo á aprobación inicial ou definitiva de instrumentos de planeamento urbanístico por parte dos concellos, prevé a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

b) A elaboración das propostas de resolución respecto dos instrumentos de planeamento urbanístico cuxa aprobación definitiva sexa competencia da persoa titular da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes de conformidade coa Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c) A elaboración e tramitación administrativa das normas técnicas de planeamento e das normas subsidiarias e complementarias de planeamento.

d) A tramitación administrativa dos instrumentos de planeamento urbanístico.

e) O apoio técnico e económico e a colaboración coas entidades locais para a formulación e tramitación do planeamento urbanístico e a súa xestión e execución.

f) O seguimento, arquivo e rexistro dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados.

g) A xestión do Rexistro de entidades urbanísticas colaboradoras, de acordo co disposto polo Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto.

Artigo 8º.-A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: estrutura e funcións.

Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e para o exercicio das funcións e competencias enumeradas no artigo anterior, a dirección xeral estruturase nas seguintes unidades administrativas, e ás que corresponderán as funcións que a continuación se detallan:

1. Subdirección Xeral de Urbanismo.

1.1. Funcións:

Correspóndenlle as sinaladas no número 3 do artigo anterior, así como a de prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dita titular.

1.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de Planificación Urbanística I.

-Servizo de Planificación Urbanística II.

-Servizo de Planificación Urbanística III.

2. Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio e do Litoral.

2.1. Funcións:

Correspóndenlle as sinaladas no número 2 do artigo anterior, así como a de prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dita titular da dirección xeral.

2.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de Coordinación e Información Territorial.

-Servizo de Ordenación do Territorio.

-Servizo de Ordenación do Litoral.

3. Servizo de Xestión Económica.

De conformidade co establecido polo primeiro parágrafo deste artigo, baixo a dependencia directa da persoa titular da dirección xeral, esta unidade, con nivel orgánico de servizo, terá atribuídas as funcións inherentes á xestión económica e á preparación e tramitación dos expedientes de contratación e subvencións que poidan ser competencia da dirección xeral, así como a de prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dita titular.

4. Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos.

Tamén baixo a dependencia directa da persoa titular da dirección xeral, en virtude do previsto polo primeiro paragrafo deste artigo, corresponderán a esta unidade, con nivel orgánico de servizo, as funcións de supervisión de proxectos técnicos e o seguimento dos contratos de dirección e de execución de obra relacionados coas actuacións ás que se refire o número 1, letra l) do artigo 7º, así como a de prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dita titular.

Artigo 9º.-A Dirección Xeral de Obras Públicas. Funcións e competencias.

1. A Dirección Xeral de Obras Públicas exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á consellería nos ámbitos da planificación, financiamento e construción de estradas e do seu uso e defensa e, en particular, corresponderanlle:

a) O exercicio das funcións que a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, lle atribúe á persoa titular da dirección xeral competente en materia de estradas.

b) A elaboración de directrices de coordinación e planificación que garantan a coherencia e funcionalidade do sistema viario da comunidade autónoma.

c) A emisión de informe nos procedementos de aprobación, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación do territorio e dos instrumentos de ordenación urbanística que afecten directamente a rede viaria de titularidade autonómica.

d) A elaboración, seguimento, supervisión, control e aprobación técnica da planificación operativa dos plans e proxectos sectoriais, así como dos estudos informativos, de impacto ambiental, anteproxectos e proxectos en materia de estradas, incluso as actuacións relativas a redes arteriais, no ámbito das súas competencias.

e) As propostas de normativa e instrucións técnicas e administrativas para as estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal, así como o estudo e desenvolvemento de novas técnicas de realización de estradas.

f) O inventario, a explotación, conservación e sinalización das estradas e servizos complementarios nas zonas de dominio público, de servidume e de afección das estradas, sen prexuízo das competencias que correspondan á Consellería de Economía e Facenda en materia de patrimonio.

g) A elaboración dos plans, programas de actuacións e orzamentos e o control e axuste destes, en relación coas estradas que sexan titularidade da comunidade autónoma.

h) A xestión dos expedientes expropiatorios en materia de estradas en colaboración coas distintas unidades territoriais integradas na consellería, así como a coordinación e cooperación co ente público Portos de Galicia na tramitación dos expedientes de expropiación forzosa para a execución de obras portuarias.

i) A xestión e tramitación de expedientes de contratación administrativa en materias incluídas no ámbito das súas competencias.

j) A xestión, coordinación e control da construción de infraestruturas e as súas incidencias.

k) A xestión de vías de alta capacidade realizadas baixo a modalidade de concesión de obra pública ou xestión directa, así como o seguimento e coordinación xeral dos procesos asociados para a construción, conservación e explotación desta ao longo do período concesional.

l) A tramitación e, se é o caso, resolución de autorizacións administrativas en materia de instalacións de servizo ou concesións de áreas de servizo na área de influencia das estradas de titularidade autonómica.

m) A xestión e tramitación de expedientes de subvencións en materias incluídas no ámbito das súas competencias.

n) A elaboración e tramitación de convenios de cooperación con entes públicos e de colaboración con particulares no marco das competencias atribuídas a este centro directivo.

o) A resolución de expedientes sancionadores por comisión de infraccións tipificadas como graves na normativa de estradas.

p) O informe, proposta e, se é o caso, resolución dos recursos interpostos en materia de estradas.

q) A instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

r) A coordinación dos servizos provinciais de estradas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Obras Públicas tamén será a delegada da Xunta de Galicia nas sociedades galegas concesionarias de autoestradas de peaxe e, como tal, exercerá as funcións que corresponden á delegación da Xunta de Galicia nas sociedades galegas concesionarias de autoestradas de peaxe, creada no Decreto 390/1996, do 31 de outubro.

Artigo 10º.-Dirección Xeral de Obras Públicas: estrutura e funcións.

Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Obras Públicas, e para o exercicio das competencias enumeradas no artigo anterior, a dirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, e ás que corresponderán as funcións que a continuación se detallan:

1. Subdirección Xeral de Estradas.

1.1. Funcións:

a) O desenvolvemento das funcións relacionadas no número 1, letra j), do artigo anterior.

b) A supervisión dos anteproxectos e proxectos en materia de estradas, plans sectoriais, estudos informativos e estudos de impacto ambiental, así como a proposta de aprobación técnica destes instrumentos, nos termos definidos no número 1, letra d), do artigo anterior.

c) A preparación de instrucións técnicas relativas á execución de estradas, no marco das competencias relacionadas no número 1, letra e), do artigo anterior.

d) O exercicio das funcións previstas no número 1, letra h), do artigo anterior, sen prexuízo das competencias que, por razón dos pagamentos, lle correspondan á Subdirección Xeral de Xestión.

e) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

1.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de Supervisión de Proxectos.

-Servizo de Obras.

2. Subdirección Xeral de Planificación e Proxectos.

2.1. Funcións:

a) O exercicio das funcións relacionadas no número 1, letras b) e c), do artigo anterior.

b) As competencias recollidas no número 1, letra d), do artigo anterior, sen prexuízo das funcións que nesa materia desenvolvan as subdireccións xerais de Estradas e de Conservación e Explotación.

c) A preparación de instrucións técnicas relativas ás actuacións de planificación, programación e proxectos, que leve a cabo, no marco das competencias relacionadas no número 1, letra e), do artigo anterior.

d) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas, proxectos, plans e programas de actuacións, así como dos orzamentos e o control de axuste destes e relacionados coas competencias definidas no número 1, letra g), do artigo anterior, sen prexuízo das competencias que, en materia de xestión orzamentaria, lle corresponda á Subdirección Xeral de Xestión.

e) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

2.1. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de Planificación e Informes.

-Servizo de Proxectos.

3. Subdirección Xeral de Conservación e Explotación.

3.1. Funcións:

a) A execución das funcións recollidas no número 1, letra f), do artigo anterior.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes relativos ás competencias sinaladas no número 1, letra l), do artigo anterior.

c) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e plans, así como calquera outro instrumento preciso relativo á conservación e explotación de estradas, no marco das actuacións definidas no número 1, letra d), do artigo anterior.

d) A preparación de instrucións técnicas en materia de conservación e explotación de estradas, no marco das competencias relacionadas no número 1, letra e), do artigo anterior.

e) A elaboración de estudos e a coordinación técnica das actuacións da dirección xeral en materia de seguridade viaria.

f) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

3.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

-Servizo de Conservación e Explotación.

4. Subdirección Xeral de Xestión.

4.1. Funcións:

a) As relacionadas no número 1, letras i), k), m) e n), do artigo anterior.

b) Os pagamentos relativos aos expedientes expropiatorios relacionados no número 1, letra h), do artigo anterior.

c) A xestión orzamentaria, no marco das competencias recollidas no número 1, letra g), do artigo anterior.

d) O seguimento e a coordinación de xestión económica e orzamentaria da dirección xeral.

e) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

4.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de Apoio Técnico.

-Servizo de Xestión Económico-Administrativa.

-Servizo de Xestión de Vías de Alta Capacidade.

5. Servizo de Xestión Xurídico-Administrativa.

De conformidade co previsto no parágrafo 1 deste artigo, baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Obras Públicas, corresponderanlle a esta unidade, con nivel orgánico de servizo, as seguintes funcións:

a) A redacción de propostas de resolución de expedientes sancionadores por comisión de infraccións tipificadas como graves na normativa de estradas.

b) A redacción de informes e, se é o caso, das propostas de resolución dos recursos interpostos en materia de estradas, así como a instrución, tramitación e redacción de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das competencias da dirección xeral.

c) A elaboración de informes en relación coas materias competencia da dirección xeral.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

Artigo 11º.-A Dirección Xeral de Transportes. Funcións e competencias.

A Dirección Xeral de Transportes exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á consellería nos ámbitos da planificación, financiamento e ordenación do transporte e, en particular, exercerá as seguintes:

a) A planificación, a coordinación e o seguimento da política xeral de transportes e a execución dos servizos e das infraestruturas de transportes na comunidade autónoma.

b) A promoción da investigación sobre transporte, loxística e mobilidade, así como o asesoramento á titular da consellería nestas materias.

c) O estudo e elaboración de proxectos normativos no ámbito das súas competencias.

d) A ordenación do transporte terrestre, por cable e marítimo no ámbito competencial da comunidade autónoma. No marco desta competencia, desenvolverá todas aquelas atribucións que lle estean conferidas polas disposicións vixentes na materia e, singularmente:

-O outorgamento das autorizacións fixadas pola normativa sectorial habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte.

-O outorgamento de autorizacións para a prestación de servizos de transporte público regular de viaxeiros de uso especial ou temporal.

-A proposta de adxudicación da explotación dos servizos públicos regulares permanentes de viaxeiros de uso xeral, por concesión ou calquera outro modo de contratación.

-O rexistro de empresas, vehículos, autorizacións, asociacións ou actividades relacionadas co transporte e a loxística.

e) A planificación e execución de políticas de control e inspección dos diversos modos de transporte, así como a tramitación e resolución de expedientes sancionadores e dos recursos interpostos contra delas.

f) O estudo, análise e implantación de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade, o control e supervisión dos sistemas de información e xestión automatizados, así como a coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos e o fomento de melloras nos elementos móbiles do transporte.

g) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na comunidade autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros, así como a proposta de adxudicación e explotación das terminais de transportes de viaxeiros.

h) A promoción, proxección, construción e xestión dos centros integrados de transporte e das plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxísticas de mercadorías.

i) O control das actividades de transportes en portos, aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado.

j) A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable, así como o seu réxime administrativo, a dirección, inspección e control delas.

k) O desenvolvemento da xestión administrativa en materia de transporte e singularmente:

-A resolución ou, se é o caso, o informe e a proposta de resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito das súas competencias.

-A xestión e tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de expropiación forzosa no ámbito das súas competencias.

-A instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

l) A coordinación dos servizos provinciais de transportes.

Artigo 12º.-Dirección Xeral de Transportes: estrutura e funcións.

Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Transportes, e para o exercicio das competencias enumeradas no artigo anterior, a dirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, ás que corresponderán as funcións que a continuación se detallan:

1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

1.1. Funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en materia de ordenación do transporte.

b) O estudo e proposta de resolución en materia de concesións e autorizacións.

c) O apoio e asistencia á persoa titular da dirección xeral en materia de estudo, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais ou sobre materias que a propia titular lle encomende, coordinación do transporte, asistencia na coordinación con outras administracións ou entidades en actuacións referentes ao transporte e control e avaliación da xestión encomendada á dirección xeral.

d) A coordinación da Xunta Arbitral de Transportes.

e) A xestión e tramitación das liñas de axudas e subvencións en materia de transportes.

f) A coordinación da formación e a cualificación profesional no sector do transporte.

g) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

1.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de Concesións.

-Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

-Servizo de Autorizacións, Informes e Xunta Arbitral.

2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.

2.1. Funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en materia de inspección e sancións.

b) A programación, control e avaliación da actuación da inspección sobre a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras do transporte.

c) A tramitación e resolución de expedientes sancionadores, así como dos recursos presentados contra das resolucións polas que se impoñen sancións pola comisión de infraccións tipificadas na normativa vixente en materia de transportes.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

2.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

-Servizo de Inspección.

-Servizo de Informes e Recursos.

3. Subdirección Xeral de Planificación Técnica.

3.1. Funcións:

a) O estudo e análise de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade.

b) O estudo, proposta e programación das actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito competencial da dirección xeral.

c) A xestión e coordinación das accións que se leven a cabo en materia de aeródromos na comunidade autónoma.

d) O seguimento das actuacións que respecto do transporte ferroviario se desenvolvan por outras administracións públicas distintas da Xunta de Galicia.

e) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na comunidade autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros, así como a proposta da súa adxudicación e explotación.

f) Os cometidos que se lle atribúan en execución das actuacións que en materia de infraestruturas de transporte desenvolva a dirección xeral.

g) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.

3.2. Estrutura:

Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

-Servizo de infraestruturas.

4. Servizo de Xestión Económica.

De conformidade co previsto no primeiro parágrafo deste artigo, baixo a dependencia directa da persoa titular da dirección xeral, corresponderá a esta unidade, con nivel orgánico de servizo, as funcións inherentes á xestión económica e as derivadas da preparación e tramitación dos expedientes de contratación, así como a de prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dita titular.

5. Servizo de Estudos e Planificación Económica.

Tamén baixo a dependencia directa da persoa titular da dirección xeral, segundo establece o primeiro parágrafo deste artigo, existirá esta unidade, con nivel orgánico de servizo, á que corresponderán o estudo, programación e valoración económica das propostas e plans de actuación que desenvolva a dirección xeral, así como a de prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dita titular.

Artigo 13º.-O/a Comisionado/a para a Seguridade Viaria de Galicia. Funcións.

1. O/a Comisionado/a para a Seguridade Viaria de Galicia, con rango de secretaría xeral, e oórgano superior da consellería en materia de coordinación, seguimento e asesoramento respecto das directrices e estratexias vinculadas á seguridade viaria de Galicia.

2. Para acadar tales finalidades, atribúenselle as seguintes funcións:

a) Promover, impulsar e coordinar as estratexias de seguridade viaria coas distintas administracións públicas implicadas na materia.

b) Avaliar e facer o seguimento do grao de aplicación e cumprimento dos obxectivos xerais e do desenvolvemento de cada unha das liñas estratéxicas propostas na planificación da seguridade viaria de Galicia.

c) Planificar e desenvolver campañas e medidas de concienciación en materia de seguridade viaria e prevención de accidentes de tráfico en Galicia.

d) Elaborar estudos e proxectos e fomentar a formación e a investigación en materia de seguridade viaria.

Artigo 14º.-As delegacións provinciais. Atribucións.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes estruturase en catro delegacións provinciais, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial correspondente a cada unha das provincias da comunidade autónoma e nas que se integrarán todas as unidades de carácter provincial ou territorial localizadas en tal ámbito.

2. Á fronte de cada delegación provincial estará un delegado ou delegada do que dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería que estean localizados no ámbito territorial da súa competencia e ao que, ademais das funcións e competencias previstas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, lle corresponderán as derivadas da desconcentración efectuada en virtude do Decreto 87/1990, do 15 de febreiro, ou mesmo aqueloutras que a lexislación vixente lle atribúa ou as que lle asigne a persoa titular da consellería.

3. As persoas titulares das delegacións provinciais dependerán orgánica e funcionalmente da titular da consellería, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar da Secretaría Xeral ou mesmo das distintas direccións xerais.

Artigo 15º.-As delegacións provinciais. Estrutura.

Para o desenvolvemento das funcións mencionadas no artigo anterior, cada delegación provincial contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

a) Secretaría da delegación provincial, á cal, baixo a autoridade e supervisión da persoa titular da delegación provincial, lle corresponderá o exercicio das funcións inherentes ao réxime interior da delegación, tramitación administrativa, xestión de persoal, parque móbil da delegación; información ao público; elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación; a administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen e mais a elaboración de estatísticas, sen prexuízo das competencias que poidan corresponder a outros organismos en tal materia, especialmente ao Instituto Galego de Estatística. Así mesmo, e con carácter xeral, prestará asesoramento e asistencia técnica e administrativa á dita persoa titular da delegación provincial e a substituíra temporalmente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

b) Servizo de Contratación.

c) Servizo de Urbanismo.

d) Servizo de Estradas.

e) Servizo de Transportes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Modifícase o artigo 4º do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 4º

a) A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes estrutúrase nos seguintes órgano superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

3. Dirección Xeral de Obras Públicas.

4. Dirección Xeral de Transportes.

5. Comisionado para a Seguridade Viaria de Galicia, con rango de Secretaría Xeral.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Portos de Galicia.

2. O Xurado de Expropiación de Galicia, cuxa presidencia terá rango de dirección xeral.

3. A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Segunda.-As competencias atribuídas neste decreto ás direccións xerais en materia de contratación considéranse conferidas sen prexuízo daquelas que foron obxecto de desconcentración nos delegados provinciais en virtude do Decreto 87/1990, do 15 de febreiro.

Terceira.-En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dalgunha das persoas titulares das dirección xerais da consellería, as competencias atribuídas neste decreto a tales órganos superiores serán exercidas temporalmente e mentres persistan as causas que as motivaron, pola persoa titular da Secretaría Xeral.

De concorrer algunha das referidas situacións con relación á titular da Secretaría Xeral, a súa substitución temporal efectuarase seguindo a orde de prelación que establece o artigo 4º, letra a) do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Disposición transitoria

1. Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase a persoa titular da consellería, logo de proposta da Secretaría Xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do igual ou inferior nivel, sempre que sexan postos de libre designación, sendo de aplicación o establecido no artigo 65.4º, do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

2. No caso de supresión de subdireccións xerais ou servizos existentes, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e serán retribuídas con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da consellería, logo de proposta da Secretaría Xeral, aos órganos regulados neste decreto e en función das atribucións que estes teñan asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en especial, os Decretos 519/2005, do 6 de outubro; 65/2006, do 20 de abril, e 122/2007, do 21 de xuño, relativos á estrutura orgánica desta consellería.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para ditar as normas complementarias que resulten necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-As consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, derivadas da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de agosto de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza