DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 02 de setembro de 2008 Páx. 16.423

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 185/2008, do 31 de xullo, polo que se crea o Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento.

No contexto da sociedade do coñecemento e atendendo ao peso actual que as universidades teñen nos sistemas de innovación e nos procesos de desenvolvemento económico e social, a dispoñibilidade de datos e indicadores de actividade sobre a investigación e a produción científica no contorno universitario adquire un papel clave nos procesos de avaliación e deseño das políticas públicas neste ámbito.

O desenvolvemento de políticas de ordenación universitaria e de fomento da investigación nas universidades exixe un coñecemento axeitado da dimensión, particularidades e impacto da produción científica do sistema universitario de Galicia, que permitan a definición de estratexias e accións efectivas para a creación e difusión de coñecemento. Así mesmo, a dispoñibilidade de datos posibilita a correcta definición e seguimento dos procesos de financiamento das universidades, permitindo o deseño de indicadores para a distribución dos recursos e a correspondente validación de obxectivos, facendo visible e efectivo o normal proceso de rendición de contas propio dun servizo público moderno e democrático.

En última instancia, a dispoñibilidade de datos e información sobre a investigación no Sistema Universitario de Galicia (SUG) favorece a sempre desexable transparencia, a visibilidade das actuacións e o coñecemento, tanto académico como público, dunha das funcións esenciais das universidades como infraestrutura básica do sistema público de investigación galego.

A recollida de certos datos, xerais e agregados, e desenvolvida desde hai anos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Eurostat. É o caso de indicadores tales como o gasto en I+D ou o persoal dedicado en I+D. Porén, cando se refiren ao ámbito universitario, moitos destes indicadores resultan insuficientes, xa que non dan a medida do impacto a curto prazo das actuacións, ao tempo que a agregación limita a avaliación da situación real e non permite afondar na situación específica dos diferentes axentes e elementos do sistema. Ademais o acceso a estes datos demórase no tempo, como consecuencia do propio proceso de recollida e agregación.

En consecuencia, a necesidade de dispor da información sobre a actividade de investigación e a produción científica e tecnolóxica específica do SUG está plenamente xustificada dado que o contorno universitario é actualmente o axente de máis peso tanto en gasto como en persoal de todo o sistema galego de innovación. Ademais, dispor dun mecanismo de recollida de datos sobre a investigación e a produción científica no Sistema Universitario de Galicia obedece á necesidade exposta de amosar a función investigadora das universidades, á tarefa cada vez máis estendida de avaliación do uso dos recursos dispoñibles no SUG e ao deseño e seguimento de políticas de promoción da investigación, aplicables tanto ás universidades como ao conxunto do sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia, todo iso en liña cos obxectivos e prioridades que actualmente establece o Plan INCITE (Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010).

Por iso, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, é quen de crear un Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia, que recolla datos directamente do sistema ou que acceda á información secundaria que poida existir noutras fontes. Ademais, este observatorio elaborará os datos obtidos para proporcionarlles información aos axentes que o requiran e, principalmente, á Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, ao Instituto Galego de Estatística e ás universidades do SUG.

Xa que logo, e por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto crear e regular o Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga), como órgano colexiado consultivo e de apoio ao contorno de investigación universitaria de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de educación universitaria.

Artigo 2º.-Funcións.

O Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) terá como finalidade recoller, tratar, validar e difundir os datos relativos á produción científica e á actividade investigadora no Sistema Universitario de Galicia, así como os relativos á súa estrutura e funcionamento.

No desenvolvemento das súas actividades terá en conta as exixencias da integración da vertente de xénero do principio de igualdade, de acordo co previsto pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega de igualdade de mulleres e homes, atendendo á potenciación e recoñecemento das achegas das mulleres á actividade investigadora.

Artigo 3º.-Actividades.

O Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) desenvolverá as seguintes actividades:

a) Recompilar datos sobre a investigación e a produción científica no Sistema Universitario Galego co maior grao posible de detalle e nun prazo de tempo breve, coa finalidade de facer seguimento da súa situación.

b) Elaborar e manter a páxina web do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga), así como elaborar un sistema de información e os índices de referencia que se consideren adecuados para o coñecemento da evolución da ciencia e a tecnoloxía no SUG.

c) Subministrarlles aos axentes relacionados coa ciencia e tecnoloxía do SUG a información sobre a situación estrutural e conxuntural da ciencia e tecnoloxía no SUG. Estes axentes serán como mínimo a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, o Instituto Galego de Estatística e as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia.

d) Elaborar publicacións e estudos sobre a materia.

e) Calquera outra función relacionada coa evolución e medición da ciencia e a tecnoloxía do SUG que lle encarguen a persoa titular da consellería competente en materia de investigación ou a persoa titular da consellería competente en materia de educación universitaria, ou outro/a titular dun órgano das citadas consellerías por delegación daquelas.

Artigo 4º.-Organización.

1. O Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) organízase nun Pleno e nun grupo de traballo.

O Pleno terá como funcións a planificación e seguimento das actividades do observatorio, así como a toma das decisións relativas ao seu funcionamento e á xestión e subministración dos datos.

O grupo de traballo encargarase do funcionamento do observatorio, para o que desenvolverá todas as funcións de deseño, recompilación e tratamento dos datos, así como os de publicación e subministración de resultados.

2. O Pleno do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) ten a composición seguinte:

a) Na presidencia, a persoa titular da consellería competente en materia de educación universitaria. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as funcións da presidencia serán exercidas polo membro do observatorio en que delegue.

b) En calidade de vogais, as seguintes persoas:

-Dous representantes da Xunta de Galicia, co rango de director ou subdirector xeral, nomeados pola persoa titular da consellería da que depende o observatorio. Un destes representantes procederá da dirección xeral con competencias en promoción científica e tecnolóxica no SUG, e o outro procederá da dirección xeral con competencias xerais en investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, que será designado por proposta do titular da consellería con competencias nesta materia.

-Un representante de cada unha das universidades do Sistema Universitario de Galicia, co rango de vicerreitor, designado polo seu respectivo reitor.

-Un representante do Instituto Galego de Estatística (IGE).

c) O director/a da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) actuará como secretario, con voz e voto, e exercerá as funcións que lle atribúe o artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, os vogais do observatorio poderán ser substituídos por outra persoa ao servizo da unidade ou organización a que representen, que acreditarán ante o secretario do observatorio a súa designación ou representación.

3. O grupo de traballo, que funcionará por delegación do Pleno do Octuga, estará formado por:

a) O director/a xeral competente en materia de promoción da investigación da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de educación universitaria, que actuará como coordinador do grupo de traballo e que poderá delegar esta función noutro membro do grupo.

b) O director/a xeral competente en investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica ou persoa en quen delegue, con rango de subdirector/a ou xefe/a de servizo.

c) O director/a da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), ou un técnico en que delegue.

d) Un funcionario/a, en representación da consellería competente en educación universitaria, co rango de subdirector xeral ou xefe de servizo.

e) Un técnico/a de cada unha das universidades do Sistema Universitario de Galicia, que teña competencias na xestión de datos e indicadores relacionados coa investigación, designado polo seu respectivo reitor.

O grupo de traballo poderá contar co apoio informático que precise para o desenvolvemento das súas tarefas. Ademais, poderá requirirse a presenza dun técnico do Instituto Galego de Estatística (IGE) cando as tarefas desenvolvidas o fagan necesario. O devandito técnico será designado polo director do Instituto Galego de Estatística.

4. No Pleno e no grupo de traballo procurarase unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 5º.-Réxime de reunións do Pleno e do grupo de traballo.

1. O Pleno do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) reunirase, como mínimo, dúas veces ao ano en sesión ordinaria, e co carácter extraordinario sempre que o seu presidente ou presidenta o considere oportuno. As reunións serán convocadas polo presidente/a, cunha antelación mínima de sete días no caso das ordinarias, e de corenta e oito horas no caso das extraordinarias.

2. O grupo de traballo reunirase coa frecuencia e condicións que acorden para permitir o bo desenvolvemento das actividades do observatorio.

Artigo 6º.-Funcionamento e apoio técnico.

1. O funcionamento do Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) axustarase en todo o que non prevé este decreto, ás normas que sobre os órganos colexiados contén o capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de promoción da investigación da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de educación e ordenación universitaria, o apoio material e persoal necesario ao Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia (Octuga) para o desenvolvemento das súas funcións. O Octuga deberá dispoñer dos recursos económicos, materiais e humanos suficientes para o desenvolvemento satisfactorio das súas funcións. A constitución e posta en funcionamento do observatorio non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellería competente en materia de educación.

3. A consellería con competencia en materia de educación e ordenación universitaria poderá delegar na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) o desenvolvemento e xestión das actividades detalladas no artigo 3º deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de educación universitaria para ditar as ordes e instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria