DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 02 de setembro de 2008 Páx. 16.419

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 184/2008, do 24 de xullo, polo que se crea o Observatorio Galego da Infancia.

Exposición de motivos:

O artigo 39 da Constitución española establece como un dos principios reitores da política social e económica a obriga de todos os poderes públicos de asegurar a protección social, económica e xurídica da familia e indica que as nenas e os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que velen polos seus dereitos.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de asistencia social no artigo 27.23º.

Con base nesa atribución competencial aprobouse a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia, que constitúe o marco normativo xeral de actuacións públicas en materia de protección e asistencia á familia, á infancia e á adolescencia.

O artigo 4 desta lei prevé a elaboración de plans integrais de apoio específico para facer posible a adecuada protección e asistencia á familia, á infancia e á adolescencia no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar está a executar o Plan estratéxico galego da infancia e da adolescencia 2007-2010. Un obxectivo prioritario do plan é a creación dun órgano colexiado, de carácter permanente, de participación, investigación, asesoramento, análise, estudo e proposta en políticas de atención á infancia.

Os capítulos VI e VII, artigos 121 a 131, do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, que regulan a Comisión Galega Interinstitucional do Menor e as comisións interinstitucionais sobre o menor, quedan derrogados e as súas funcións serán competencia, entre outras, do novo órgano colexiado.

Por todo o exposto, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza e adscrición.

Créase o Observatorio Galego da Infancia como órgano colexiado de participación, investigación, asesoramento, análise, estudo e proposta en políticas de atención á infancia e á adolescencia, adscrito ao departamento da Administración autonómica con competencias en materia de infancia.

Artigo 2º.-Obxectivos.

O Observatorio Galego da Infancia ten como obxectivo contribuír ao fomento e ao respecto dos dereitos recoñecidos aos nenos e nenas polo ordenamento xurídico interno e polas normas internacionais, e velar para que o exercicio dos ditos dereitos estea garantido.

Artigo 3º.-Funcións.

As funcións do Observatorio Galego da Infancia, que se exercerán sempre desde a integración da perspectiva de xénero do principio de igualdade, son as seguintes:

1. Propoñer actuacións destinadas a promover dereitos da infancia recoñecidos na Convención sobre os Dereitos do Neno e no resto do ordenamento xurídico.

2. Realizar o seguimento e avaliación das políticas sociais que afectan a infancia en Galicia.

3. Promover as actuacións necesarias para sensibilizar a todos os cidadáns no coñecemento e respecto dos dereitos da infancia en Galicia e no mundo.

4. Caracterizar os problemas da infancia en Galicia e procurar as posibles solucións.

5. Participar no deseño, execución e avaliación dos plans e proxectos de infancia.

6. Recoller, analizar e divulgar a información sobre infancia e adolescencia xerada en Galicia e noutras comunidades e países.

7. Asesorar organismos e institucións públicas e privadas en materia de dereitos de infancia.

8. Servir de canle para a actuación coordinada e harmónica coa infancia entre os distintos departamentos da Administración e os profesionais que actúen no ámbito da infancia e a adolescencia.

9. Realizar estudos e informes técnicos de diagnose da situación da infancia en Galicia e no mundo.

10. Participar e manter relacións con outros observatorios españois e internacionais.

Artigo 4º.-Composición.

1. O Observatorio Galego da Infancia estará integrado polos seguintes membros:

1.1. Presidente/a: o/a titular do departamento de servizos sociais.

1.2. Vicepresidente/a: o/a titular do órgano competente en materia de benestar.

1.3. Vogais:

1.3.1. Persoas representantes da Xunta de Galicia, con rango de director/a xeral ou equivalente, nomeados pola persoa titular de cada departamento:

a) Unha persoa representante do departamento competente en materia de xuventude.

b) Unha persoa representante do organismo competente en materia de igualdade.

c) Unha persoa representante do departamento competente en materia de interior.

d) Unha persoa representante do departamento competente en materia de xustiza.

e) Unha persoa representante do departamento competente en materia de educación.

f) Unha persoa representante do departamento competente en materia de inmigración.

g) Unha persoa representante do departamento competente en materia de sanidade.

h) Unha persoa representante do organismo competente en materia de estatística.

1.3.2. Unha persoa representante da Delegación do Goberno en Galicia, nomeada polo/a delegado/a do Goberno en Galicia.

1.3.3. Dúas persoas representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, designadas polo seu presidente/a.

1.3.4. Persoas representantes de colexios e asociacións profesionais:

a) O/A presidente/a do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia, ou persoa en quen delegue.

b) O/A presidente/a do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, ou persoa en quen delegue.

c) O/A presidente/a do Colexio Oficial de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, ou persoa en quen delegue.

d) O/A presidente/a da Asociación Profesional de Pedagogos de Galicia, ou persoa en quen delegue.

e) O/A decano/a do Colexio de Xornalistas de Galicia, ou persoa en quen delegue.

1.3.5. Unha persoa representante das seguintes organizacións non gobernamentais de infancia, nomeada pola persoa titular de cada organización:

a) UNICEF.

b) Meniños, Fundación para a Infancia.

c) Colectivo Galego do Menor.

d) Asociación Galega de Centros de Menores (Agaceme).

e) Aldeas Infantiles SOS.

f) Cruz Vermella de Galicia.

g) Cáritas.

1.3.6. Persoas representantes das universidades, nomeadas polo/a decano/a ou presidente/a de cada unha das seguintes institucións:

a) Unha persoa representante da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela.

b) Unha persoa representante da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

c) Unha persoa representante da Facultade de Ciencias da Educación da Coruña.

d) Unha persoa representante da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense.

e) Unha persoa representante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.

f) Unha persoa representante do Instituto de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela.

g) Unha persoa representante da Cátedra da Infancia da Universidade de Vigo.

1.3.7. Persoas representantes das asociacións de nais e pais do alumnado, designados polos seus presidentes/as:

a) Unha persoa representante da Confapa, Confederación Galega de Apas de Centros Públicos.

b) Unha persoa representante da Congapa, Confederación Galega de Apas.

1.3.8. Unha persoa representante da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, designada polo Fiscal Superior do Tribunal.

1.3.9. O/A presidente/a da Sociedad de Pediatría de Galicia, ou persoa en quen delegue.

1.3.10. O/A presidente/a da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro, ou persoa en quen delegue.

2. Por cada membro titular deberase designar unha persoa suplente para o caso de que aquela non puidese asistir.

3. Procurarase na designación de vogais que este órgano teña unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

4. Poderán incorporarse ao Observatorio Galego da Infancia outros organismos e entidades, segundo o que dispoña a normativa de funcionamento interno.

5. A participación no observatorio terá carácter honorífico e gratuíto e non dará dereito á percepción de ningún tipo de indemnización en concepto de axudas de custo ou gastos de desprazamento.

6. A revogación da condición de membro do observatorio terá lugar polo mesmo procedemento polo que foi designado ou proposto.

7. Actuará como secretario/a do observatorio un funcionario/a do departamento da Administración autonómica competente en materia de infancia con rango de subdirector/a xeral, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 5º.-Funcionamento.

1. O Observatorio Galego da Infancia funcionará en Pleno, en Comisión Permanente e en grupos de traballo.

2. O Pleno é o órgano superior integrado por todas as persoas que forman parte do observatorio, de acordo coa composición establecida no artigo anterior.

3. O Pleno reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocado pola súa presidencia, pola súa iniciativa ou por proposta dun terzo dos seus membros.

4. A Comisión Permanente é o órgano encargado de executar os acordos do pleno, reunirase dúas veces ao ano e estará integrada polos seguintes membros:

-O/a presidente/a do observatorio, que actuará como presidenta da Comisión Permanente.

-O/a vicepresidente/a do observatorio.

-Unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Dúas persoas representantes das outras consellerías e/ou órganos da Administración pública representadas no Pleno.

-Dúas persoas representantes das organizacións non gobernamentais.

-Unha persoa representante do ámbito universitario.

-Unha persoa representante da rede asociativa comunitaria (ANPAS, AA.VV.).

-Unha persoa representante dos colexios e asociacións profesionais e da Sociedad de Pediatría de Galicia.

-O/a secretario/a do observatorio.

5. O funcionamento do Pleno e da Comisión Permanente será establecido nun regulamento de réxime interno do observatorio, que será aprobado pola maioría absoluta dos membros do Pleno.

6. O Pleno e a Comisión Permanente poderán acordar a constitución, con carácter permanente ou temporal, de grupos de traballo para analizar aspectos concretos relacionados coa infancia.

O acordo de constitución de cada grupo de traballo deberá especificar a súa composición, as funcións que se lle encomenden e, se é o caso, o prazo para a súa constitución.

7. A presidencia do observatorio poderá invitar ás sesións do Pleno, da Comisión Permanente ou dos grupos de traballo os/as expertos/as que, en cada caso, se considere conveniente.

Artigo 6º.-Funcións do presidente.

1. Correspóndelle ao/á presidente/a:

a) Desempeñar a representación do observatorio.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno e fixar a súa orde do día.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e dirixir as deliberacións e votacións.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Visar as actas e certificacións expedidas polo secretario.

f) Desempeñar calquera outra función que lle atribúa o observatorio ou sexa inherente á súa condición de presidente deste.

2. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o/a presidente/a será substituído/a polo/a vicepresidente/a.

Artigo 7º.-Funcións do secretario.

Correspóndelle ao secretario:

1. Asistir ás reunións do Pleno e da Comisión Permanente, con voz pero sen voto.

2. Efectuar a convocatoria das sesións do observatorio por orde do/a presidente/a, así como as citacións aos membros deste.

3. Preparar as reunións do observatorio.

4. Levantar acta das sesións.

5. Expedir, co visto e prace do/a presidente/a certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

6. Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

7. Cantas funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 8º.-Réxime económico.

O financiamento do Observatorio Galego da Infancia realizarase a través das consignacións correspondentes ao departamento da Administración autonómica competente en materia de infancia nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia. A constitución e posta en funcionamento do observatorio non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados ao mencionado departamento.

Artigo 9º.-Réxime xurídico.

O Observatorio Galego da Infancia poderá establecer as súas propias normas de funcionamento sen prexuízo do establecido neste decreto e no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Única.-O Observatorio Galego da Infancia constituirase dentro dos tres meses seguintes á entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria

Única.-Mentres non se procede á constitución do Observatorio Galego da Infancia, nos termos da disposición adicional única deste decreto, continuarán en vigor os capítulos VI e VII do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados os capítulos VI e VII do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, e todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular do departamento competente da Administración autonómica en materia de igualdade e benestar para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar