DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 29 de agosto de 2008 Páx. 16.264

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 18 de agosto de 2008 pola que se regula o réxime de inspeccións das instalacións eléctricas de baixa tensión.

O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o novo Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT) e as súas instrucións técnicas complementarias (ITC) (BOE do 18 de setembro), establece que o cumprimento das disposicións e requisitos de seguridade establecidos neste regulamento deberá ser comprobado, se é o caso, por un organismo de control autorizado no campo das instalacións electrotécnicas. Para tal efecto establécense na ITC-BT 05 as instalacións que deberán ser obxecto de inspección inicial antes da súa posta en servizo, de inspección periódica, os criterios para valoración das inspeccións así como as medidas que se van adoptar como resultado destas e os prazos no caso das inspeccións periódicas.

De acordo con esta normativa, as instalacións existentes na entrada en vigor do novo REBT, que estean sometidas á inspección periódica, deberán realizar a primeira inspección antes de 5 ou 10 anos, segundo os casos, contados desde o 18-9-2003, data de entrada en vigor deste regulamento.

Polo tanto, faise necesario establecer uns prazos graduados en función da antigüidade da instalación para realizar a primeira inspección periódica nos casos das zonas comúns dos edificios de vivendas de potencia total instalada superior a 100 kW, de forma que as máis antigas sexan as primeiras en inspeccionarse, sen que ningunha supere o prazo de 10 anos establecidos no REBT para este tipo de instalación.

Tamén se considera necesario, para evitar diferentes criterios interpretativos, detallar que instalacións serán obxecto de inspeccións periódicas cada 5 anos, segundo o indicado no número 4.2 da ITC-BT-05.

O artigo 30.I.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma competencias exclusivas en materia de industria, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución.

Pola súa banda, a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, relaciona as instalacións eléctricas de baixa tensión no seu anexo I, que corresponde aos establecementos e instalacións industriais liberalizadas sometidas a comunicación.

A Comunidade Autónoma de Galicia, dispón de competencias exclusivas, en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado, segundo queda recollido no artigo 30.2º do seu Estatuto de autonomía aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Como consecuencia do antedito, e por proposta do director xeral de Industria, Enerxía e Minas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia da instrución técnica complementaria ITC-BT 05 do novo Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT), que fai referencia ao réxime de verificacións e inspeccións das instalacións incluídas no ámbito de aplicación do dito regulamento.

Artigo 2º.-Instalacións sometidas á inspección inicial.

As instalacións eléctricas de baixa tensión que, de acordo co REBT ITC-BT-05, número 4.1, precisan, para a súa posta en servizo, da realización dunha inspección inicial realizada por un organismo de control, son:

a)Instalacións industriais, talleres e almacéns, con potencia instalada superior a 100 kW.

b) Locais clasificados como mollados con potencia instalada superior a 25 kW (inclúe industria conserveira e frigorífica en xeral, matadoiros, piscifactorías, lonxas, depuradoras, estacións de lavado de vehículos, establecementos de baños, locais con radiadores para saunas, etc. Instalacións á intemperie como: parques de caravanas, alimentación de barcos de recreo, etc.).

c) Locais clasificados con risco de incendio ou explosión, clase I (inclúe industria petrolífera, estacións de servizo, talleres de reparación de vehículos, locais onde se manipulen ou almacenen gases inflamables, pinturas ou disolventes; e, en xeral, todos aqueles locais en que hai ou pode haber gases ou líquidos inflamables).

d) Garaxes de máis de 24 prazas, xa sexa ventilación natural ou forzada. Garaxes públicos pechados e cubertos de mais de 5 prazas.

e) Locais de pública concorrencia correspondentes a locais de espectáculos, actividades recreativas, locais de reunión, traballo e usos sanitarios (inclúe cines, teatros, auditorios, estadios, pavillóns deportivos, frontóns, campos de tiro, prazas de touros, hipódromos, parques de atraccións e feiras fixas, salas de festa, discotecas, casinos, bingos, salóns de xogos recreativos, boleiras, piscinas públicas, etc. Templos, museos, salas de conferencia e congresos, casinos, hoteis, hostais, bares, cafetarías, restaurantes, zonas comúns en agrupacións de establecementos comerciais, aeroportos, estacións de viaxeiros, asilos e gardarías. Hospitais, ambulatorios, sanatorios, centros de saúde, clínicas (dentais, veterinarias, etc.).

f) Bibliotecas, centros de ensino, consultorios médicos, establecementos comerciais, oficinas con presenza de público (bancos, seguros, xestorías, etc.), residencias de estudantes, ximnasios, salas de exposicións, centros culturais, clubs sociais e deportivos se a ocupación é superior a 50 persoas.

g) Todos aqueles locais non recollidos nas alíneas e) e f), se a ocupación é superior a 100 persoas. Nesta alínea inclúense cámpings, salóns de peiteado, salóns de beleza sen clínica, solarios, oficinas sen presenza de público, etc.

h) Locais clasificados en condicións BD2, BD3 e BD4 segundo a norma UNE 20460-3; por exemplo os edificios de grande altura.

i) Instalacións de iluminación exterior de potencia superior a 5 kW.

j) Quirófanos e salas de intervención.

k) Piscinas e fontes de potencia superior a 10 kW.

A ocupación prevista dos locais calcularase de acordo co punto 1 da Instrución 4/2007, do 7 de maio, de interpretación e aplicación de determinados preceptos do Real decreto 842/2002, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (DOG do 4-6-2007).

Artigo 3º.-Instalacións anteriores á entrada en vigor do novo REBT.

As instalacións anteriores á entrada en vigor do mencionado Real decreto 842/2002 estarán ao indicado no novo regulamento no referente ao réxime de inspeccións, ben que deberán ser inspeccionadas seguindo os criterios técnicos que lles foron de aplicación no seu momento.

Artigo 4º.-Instalacións sometidas á inspección periódica cada 5 anos.

As instalacións eléctricas de baixa tensión que de acordo co REBT ITC-BT-05, número 4.2, están sometidas ás inspeccións periódicas cada 5 anos son as que precisaron inspección inicial, é dicir, as relacionadas no artigo 2º.

Artigo 5º.-Instalacións sometidas á inspección periódica cada 10 anos.

As instalacións eléctricas de baixa tensión que de acordo co REBT ITC-BT-05, número 4.2, están sometidas ás inspeccións periódicas cada 10 anos son as instalacións comúns dos edificios de vivendas de potencia total instalada superior a 100 kW.

Artigo 6º.-Organismos de control.

As inspeccións periódicas deberán ser realizadas por organismos de control autorizados (OCA) no campo de actuación das instalacións eléctricas, segundo o establecido no Decreto 426/2001, do 15 de novembro (DOG do 18-1-2002).

Artigo 7º.-Primeira inspección periódica.

Todas as instalacións que estean entre as relacionadas no artigo 2º e a súa posta en servizo fose anterior ao 19-9-2003, deberán realizar a primeira inspección periódica antes do 18-9-2008.

No caso das instalacións incluídas no artigo 2º en que a posta en servizo se realizase despois do 19-9-2003, deberá realizarse a primeira inspección periódica nun prazo máximo de 5 anos contados a partir da data en que se realizase a inspección inicial ou, no seu defecto, a partir da posta en servizo da instalación, entendendo como tal a data de validación polo órgano competente que figura no certificado da instalación.

As instalacións a que se refire o artigo 5º deberán realizar a primeira inspección periódica segundo os criterios que se sinalan a seguir:

a) Instalacións postas en servizo despois do 19-9-2003: a primeira inspección periódica realizarase nun prazo máximo de 10 anos contados desde a posta en servizo da instalación, entendendo como tal a data de validación polo órgano competente que figura no certificado da instalación.

b) Instalacións postas en servizo antes do 19-9-2003: será en función da antigüidade da instalación, segundo o seguinte criterio:

1. Edificios con posta en servizo anterior ao ano 1980: a primeira inspección periódica realizarase antes do 1-1-2010.

2. Edificios con posta en servizo anterior ao ano 1990: a primeira inspección periódica realizarase antes do 1-1-2011.

3. Edificios con posta en servizo anterior ao ano 2000: a primeira inspección periódica realizarase antes do 1-1-2012.

4. Edificios con posta en servizo anterior ao 19-9-2003: a primeira inspección periódica realizarase antes do 19-9-2013.

c) Instalacións das que non se pode determinar con exactitude a data real da posta en servizo: nestes casos a primeira inspección periódica realizarase antes do 1-1-2010.

Artigo 8º.-Antigüidade das instalacións.

Para os efectos da determinación da antigüidade das instalacións considerarase a data de validación polo órgano competente que figura no certificado da instalación ou boletín da instalación eléctrica. En caso de non existir documentación, considerarase a data da primeira subministración de enerxía. No seu defecto, poderán tamén tomarse outras referencias das que poida deducirse a antigüidade, tales como a licenza municipal ou outras análogas.

Artigo 9º.-Inspeccións sucesivas.

As inspeccións periódicas sucesivas realizaranse cada 5 anos, coa excepción das instalacións comúns de edificios de vivendas de potencia total instalada (no edificio) superior a 100 kW, que se realizarán cada 10 anos, tal e como se indica no número 4.2 da instrución ITC-BT-05, do REBT, aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto.

Artigo 10º.-Obrigas dos titulares.

Os titulares das instalacións son responsables do correcto mantemento destas e deben requirir a actuación de empresas instaladoras autorizadas cando sexa necesario.

Nos prazos indicados nesta orde, deberán solicitar a inspección das instalacións a un organismo de control libremente elixido entre os autorizados para actuar na comunidade autónoma.

Os titulares das instalacións conservarán copia do certificado da instalación á disposición do órgano competente da comunidade autónoma.

Artigo 11º.-Procedemento de inspección.

As inspeccións serán realizadas seguindo o procedemento establecido no punto 5 da ITC-BT-05 do REBT.

O certificado de inspección emitido polo correspondente OCA deberá axustarse ao modelo que se inclúe no anexo desta orde.

Os certificados de inspección inicial presentaranse, xunto co resto da documentación técnica da instalación, na delegación provincial da consellería competente en materia de industria, para a súa tramitación de xeito conxunto.

Os certificados de inspeccións periódicas presentaranse na delegación provincial da consellería competente en materia de industria cando o sentido da cualificación sexa favorable ou negativo.

No caso de que o certificado de inspección periódica teña a cualificación de condicionado, o OCA daralle un prazo non superior a seis meses ao titular das instalacións para que resolva as deficiencias atopadas; no caso de que dentro do prazo se resolvan as deficiencias, a instalación pasará a ter a cualificación de favorable e aplicaráselle o indicado no parágrafo anterior. Se finalizado o prazo non están resoltas as deficiencias o certificado terá a cualificación de negativo e presentarase na delegación provincial da consellería competente en materia de industria.

Para o non recollido polo Regulamento e pola ITC-BT-05 en relación coa tramitación dos certificados polas delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria, terase en conta o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 12º.-Reparación de defectos.

Se con motivo da inspección periódica se observasen defectos nas instalacións estes deberán ser reparados no prazo indicado polo OCA, de forma que as instalacións sigan cumprindo as condicións de seguridade previstas na normativa que lle foi de aplicación no momento da súa posta en servizo ou de acordo co vixente REBT, de ser o caso.

No caso de que as instalacións, polo seu estado, situación ou características, impliquen un risco grave para as persoas ou os bens ou poidan producir perturbacións importantes no normal funcionamento doutras instalacións, deberán adecuarse, no referente a condicións de seguridade, ao REBT aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto.

En calquera caso, as reparacións, modificacións ou adaptacións deberán ser realizadas por empresas instaladoras autorizadas da categoría que proceda, en función do tipo de instalación.

O OCA establecerá o prazo máximo en que debe realizarse a reparación ou adecuación, en función do risco existente e demais circunstancias que concorran, que, no caso de defecto grave ou perturbacións importantes, non será superior a 6 meses.

No suposto de que dos defectos técnicos detectados se deducise grave risco de accidente ou emerxencia, os OCA están obrigados a adoptar as medidas especiais necesarias para que desapareza a situación de risco, remitíndolle a correspondente notificación á delegación provincial competente en materia de industria e demais autoridades competentes segundo o caso.

Artículo13º.-Infraccións.

As infraccións ao disposto nesta orde tipificaranse e sancionaranse de acordo co disposto no título V da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 24 de xuño de 2003 pola que se establece a información que deben conter os documentos emitidos polos organismos de control autorizados, para a avaliación da conformidade dos equipos, instalacións e produtos industriais coa normativa de seguridade industrial en todo canto se opoña ao disposto nesta orde e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral competente en materia de industria para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "16700D003P028.PDF"