DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 29 de agosto de 2008 Páx. 16.241

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de fontanaría, calefacción e climatización doméstica en Galicia.

O Real decreto 182/2008, do 8 de febreiro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de operacións de fontanaría, calefacción e climatización doméstica, pertencente á familia profesional de instalación e mantemento, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de fontanaría, calefacción e climatización doméstica en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de fontanaría, calefacción e climatización doméstica queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: fontanaría, calefacción e climatización doméstica.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: instalación e mantemento.

Terceiro.-Competencia xeral.

Realizar a instalación de tubaxes, incluíndo a preparación, o corte e a unión de tubos de diferentes tipos de materiais segundo o tipo de instalación, así como montar e desmontar aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico, coas condicións axeitadas de calidade e seguridade, consonte a normativa establecida.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan a seguir:

a) Montar redes de tubaxes para instalacións de auga, calefacción e climatización, cumprindo a normativa e os requisitos das instalacións.

b) Reunir os recursos e os medios necesarios para acometer a execución da montaxe e o mantemento das instalacións.

c) Montar e conectar aparellos sanitarios e instalacións de subministración e evacuación de augas.

d) Aplicar técnicas de ensamblaxe e unión para a montaxe de instalacións de abastecemento e evacuación de augas, en condicións de calidade, seguridade e respecto polo ambiente.

e) Aplicar técnicas de apertura de rozas e gabias para o tendido de tubaxes de instalacións de auga e calefacción, en condicións de calidade, seguridade e respecto polo ambiente.

f) Aplicar técnicas de construción de condutos para a montaxe de redes de ventilación, en condicións de calidade, seguridade e respecto polo ambiente.

g) Montar equipamentos de calefacción, ventilación e climatización doméstica, seguindo planos de montaxe e especificacións de fábrica.

h) Montar e manter bombas para aplicacións de calefacción e auga sanitaria.

i) Realizar o mantemento básico das instalacións de auga, calefacción e climatización doméstica seguindo os protocolos establecidos.

j) Realizar as probas necesarias das instalacións de auga.

k) Participar na posta en marcha das instalacións de calefacción e climatización domésticas.

l) Aplicar os protocolos e as normas de seguridade, calidade e respecto polo ambiente nas intervencións realizadas nos procesos de montaxe e mantemento das instalacións.

m) Cumprir os obxectivos das instalacións, colaborando co equipo de traballo e actuando conforme os principios de responsabilidade e tolerancia.

n) Adaptarse a diferentes postos de traballo e a novas situacións laborais orixinadas por cambios tecnolóxicos e organizativos nos procesos de montaxe e mantemento.

o) Exercer os dereitos e cumprir as obrigas derivadas das relacións laborais, de acordo co establecido na lexislación.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Operacións de fontanaría, calefacción e climatización doméstica, IMA367_1 (Real decreto 182/2008), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

-UC1154_1. Realizar a instalación de tubaxes, incluíndo a preparación, o corte e a unión de tubos para a condución de auga e desaugadoiros.

-UC1155_1. Realizar operacións básicas de instalación e mantemento de aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional. Esta figura profesional intégrase en empresas dos sectores público e privado dedicadas á montaxe e ao mantemento de instalacións, así como ao mantemento de tubaxes e aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico.

2. Sectores produtivos. Desenvolve o seu labor en empresas de fontanaría, para a montaxe, o mantemento e a reparación de instalacións de tubaxes, radiadores e aparellos sanitarios e de climatización de uso doméstico.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

-Fontaneiro/a instalador/a e mantedor/a.

-Montador/a mantedor/a de equipamentos de calefacción.

-Montador/a mantedor/a de equipamentos de climatización.

-Instalador/a mantedor/a de redes de subministración e distribución de auga.

-Instalador/a mantedor/a de redes contra incendios.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan a seguir:

-ME0047. Instalación de conducións.

-ME0048. Instalación de equipamentos sanitarios e térmicos domésticos.

-ME0049. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: instalación de conducións.

-Código: ME0047.

-Duración: 187 horas.

1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Interpreta información, instrucións e documentación técnica relacionadas con instalacións de tubaxes, e prepara os materiais, os equipamentos e os elementos necesarios.

-CA1.1. Procurouse e interpretouse información sobre materiais, equipamentos e elementos necesarios para a instalación de tubaxes e demais elementos necesarios na instalación.

-CA1.2. Interpretouse información gráfica (debuxos e esbozos) e identificáronse os elementos implicados nas instalacións (tubaxes, arquetas, válvulas, contadores, botes sifónicos, liras de dilatación, etc.).

-CA1.3. Detectáronse necesidades de materiais, repostos e equipamentos en función das operacións que cumpra realizar.

-CA1.4. Preparáronse as ferramentas e os equipamentos propios das operacións que cumpra realizar.

-CA1.5. Organizouse o posto de traballo e realizáronse os labores necesarios de limpeza e mantemento.

-RA2. Realiza a condución de tubaxes de auga seguindo as instrucións de instalación e utilizando os equipamentos adecuados.

-CA2.1. Identificáronse as ferramentas e os equipamentos utilizados para realizar a apertura de rozas e gabias.

-CA2.2. Describíronse as características e o xeito de funcionamento dos devanditos equipamentos.

-CA2.3. Nun suposto práctico de operacións de preparación de rozas ou gabias para unha instalación de condución de augas:

-Realizouse o abastecemento dos materiais e dos equipamentos necesarios para as intervencións que se vaian realizar.

-Efectuouse o apromo, a nivelación e a traza do percorrido das conducións.

-Efectuouse a apertura de rozas ou gabias cos equipamentos adecuados.

-Cortáronse as tubaxes consonte as medidas obtidas.

-Preparouse e acondicionouse o punto ou as superficies de intervención.

-Elimináronse os materiais sobrantes conforme a normativa.

-CA2.4. Realizáronse as operacións de preparación dos equipamentos, e determináronse os necesarios para realizar os traballos en condicións de seguridade requiridas.

-RA3. Ensambla e une as tubaxes das instalacións seguindo as instrucións de montaxe e as normas de seguridade e de calidade.

-CA3.1. Describíronse as técnicas de corte e ensamblaxe de tubaxes en función dos materiais.

-CA3.2. Identificáronse as ferramentas e os equipamentos utilizados para realizar as operacións de tarraxado, curvaxe, unión, soldaxe, corte, etc.

-CA3.3. Describíronse as características e os xeitos de funcionamento dos devanditos equipamentos.

-CA3.4. Efectuáronse as operacións de corte, tarraxado, curvaxe e unión das tubaxes.

-CA3.5. Relacionáronse as operacións de ensamblaxe e unión de tubaxes coas características dos sistemas doméstico, de redes de rega e fontes decorativas, e de redes contra incendios.

-CA3.6. Nun suposto práctico de instalación de tubaxes, onde interveñan operacións de marcaxe, corte, conformación, ensamblaxe e unión de tubaxes para unha instalación doméstica de subministración de auga potable:

-Realizouse o abastecemento dos materiais e os equipamentos necesarios para as intervencións que cumpra realizar.

-Colocáronse os soportes, os puntos de ancoraxe e as formas da tubaxe seguindo instrucións.

-Efectuouse o corte e a curvaxe das tubaxes seguindo o procedemento adecuado.

-Realizáronse as operacións de ensamblaxe e conexión en función dos materiais das conducións e os elementos auxiliares de conexión.

-Aliñáronse e niveláronse as tubaxes da condución proporcionándolles a pendente necesaria, de ser o caso.

-Verificouse a estanquidade, a ausencia de vibracións e o illamento da condución.

-Realizáronse operacións de limpeza e pintado das canalizacións.

-CA3.7. Realizáronse as operacións de ensamblaxe e unión seguindo as normas de seguridade e empregando os equipamentos de protección necesarios.

-RA4. Prepara e realiza o mantemento de canalizacións de conducións para a evacuación de augas pluviais, seguindo as instrucións de montaxe e mantemento.

-CA4.1. Caracterizáronse as operacións básicas de posta a punto e mantemento de canalizacións para a evacuación de augas pluviais.

-CA4.2. Nun suposto práctico de operacións de colocación e mantemento de canalizacións para a evacuación de augas pluviais:

-Montouse a estrutura necesaria para a montaxe da instalación (estadas, suxeicións, etc.).

-Realizouse o abastecemento dos materiais e os equipamentos necesarios para as intervencións que cumpra realizar.

-Realizouse a traza previa e a presentación provisional da canalización.

-Realizáronse operacións de empalme e colocación de canlóns.

-Realizáronse operacións de reparación típicas destas instalacións.

-Realizáronse operacións de limpeza e mantemento deste tipo de conducións.

-Aplicáronse as medidas de seguridade relativas á montaxe destas instalacións.

-CA4.3. Realizáronse as operacións de preparación e mantemento de canalizacións seguindo as normas de seguridade e empregando os equipamentos de protección necesarios.

-RA5. Fixa e comproba as tomas e as canalizacións de auga e desaugadoiros, seguindo as instrucións de montaxe.

-CA5.1. Identificáronse as principais operacións de fixación das tomas e das canalizacións de auga, desaugadoiros e demais elementos que habitualmente se montan en instalacións domésticas.

-CA5.2. Nun suposto práctico de operacións de fixación, montaxe e comprobación de tomas e canalizacións:

-Realizouse o abastecemento dos materiais e dos equipamentos necesarios para as intervencións que cumpra realizar.

-Preparáronse as masas para a fixación das tomas de auga.

-Verificouse a pendente e a nivelación das tubaxes instaladas.

-Montáronse as tubaxes da instalación de toma de auga sanitaria da rede.

-Instalouse, baixo supervisión, o sistema de desaugadoiro.

-Verificouse a estanquidade e a estabilidade das conducións.

-Protexéronse as instalacións mediante illantes adecuados (pintura, forros, etc.).

-CA5.3. Realizáronse as operacións de fixación, comprobación e preparación da ensamblaxe tendo en conta as normas de seguridade e seguindo criterios de calidade.

-RA6. Constrúe tramos de condutos para redes de distribución de aire, para o que interpreta planos ou esquemas, con aplicación de técnicas de trazado, corte e construción.

-CA6.1. Interpretáronse os esquemas das redes de condutos.

-CA6.2. Seleccionáronse as ferramentas e os medios apropiados para executar a construción dos condutos.

-CA6.3. Construíronse as partes da rede de condución de aire, para o que se levou a cabo o trazado, o corte, a ensamblaxe e o remate.

-CA6.4. Ensambláronse e aliñáronse os tramos da rede nos seus soportes e nas súas fixacións.

-CA6.5. Traballouse coa calidade requirida coas ferramentas e cos materiais.

-CA6.6. Adoptáronse as medidas de seguridade requiridas para realizar as operacións.

1.2. Contidos básicos.

Fundamentos da instalación de tubaxes:

-Sistema métrico decimal: unidades de superficie e volume. Teorema de Pitágoras.

-Equivalencias en polgadas. Ferramentas de medición e o seu uso correcto: flexómetro, calibre, etc.

-Coñecementos básicos de mecánica de fluídos: densidade, presión, perda de carga, etc.

-Interpretación de instrucións, documentación técnica, catálogos, esquemas e planos.

-Normas sobre debuxo técnico aplicado ás instalacións en relación coa interpretación de planos sinxelos: vistas, perspectiva isométrica, esbozo a man alzada, deseño de instalacións, planos, escalas, cotación e simboloxía.

-Natureza e características dos materiais empregados nas instalacións: dilatacións, estanquidade, compatibilidade entre os materiais, corrosión, etc.

-Ferramentas específicas para traballar coas tubaxes en función do material constituínte: selección, manexo, mantemento e almacenaxe.

-Tendido de tubaxes, pendente mínima necesaria e nivelamento: fundamentos e técnicas básicas.

Montaxe de instalacións de tubaxes de condución de auga e desaugadoiros:

-Partes das instalacións: características e misión.

-Coeficientes de simultaneidade.

-Caudais mínimos.

-Clasificación das subministracións.

-Dimensionamento: diámetros das partes.

-Sistemas de suxeición.

-Instalacións verticais: fundamentos e técnicas.

-Medidas normalizadas das tubaxes utilizadas en fontanaría: aceiro, cobre, plásticos, etc.

-Técnicas de unión de tubaxes e canlóns: soldaxe, roscaxe, colaxe, termoselaxe, etc.

-Instalacións de desaugadoiros e as súas peculiaridades (para vivendas e para instalacións xerais, arquetas, colectores, sifóns, etc.).

-Canalizacións para sistemas de rega e contra incendios.

-Preparación, posta a punto e mantemento de canalizacións de condución de augas pluviais.

-Calorifugación de tubaxes: fundamentos e técnicas.

-Montaxe de accesorios e compoñentes de tubaxes de condución de auga e desaugadoiros.

-Válvulas e outros accesorios: características e funcionamento.

-Billas: características e funcionamento.

-Bombas e depósitos: clases e características.

-Grupos de presión.

-Sistemas de protección contra a corrosión e as incrustacións.

Normativa de aplicación na montaxe de tubaxes de condución de auga e desaugadoiros:

-Riscos específicos das instalacións.

-Medidas de seguridade en instalacións.

-Regulamentación.

-Normativa de prevención de riscos ambientais. Sistemas e medios de protección persoal.

-Probas funcionais.

Construción e montaxe de condutos de aire para ventilación:

-Interpretación de planos e esquemas.

-Materiais das redes de condutos de aire.

-Ferramentas para empregar na construcións de condutos de fibra ou similares.

-Técnicas de construción de condutos de fibra ou similares.

Montaxe de accesorios e compoñentes de tubaxes de condución de auga e desaugadoiros:

-Válvulas e outros accesorios: características e funcionamento.

-Billas: características e funcionamento.

-Bombas e depósitos: clases e características.

-Grupos de presión.

-Sistemas de protección contra corrosión e incrustacións.

1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de instalación de condutos e tubaxes, incluíndo a preparación, o corte e a unión de tubos para a condución de auga e desaugadoiros.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Interpretación da documentación técnica relacionada con instalacións de tubaxes.

-Preparación de materiais para levar a cabo a instalación.

-Preparación e manexo dos equipamentos para acometer as conducións de tubaxes de auga.

-Ensamblaxe e unión de tubaxes por soldaxe, roscaxe, presión, etc.

-Montaxe e mantemento de canalizacións de condución de evacuación de augas pluviais.

-Fixación e comprobación das tomas e das canalizacións de auga e desaugadoiros.

-Construción e montaxe de condutos para redes de distribución de aire.

-Mantemento de usuario ou de primeiro nivel.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Identificación e manexo de equipamentos, medios auxiliares e ferramentas para a realización da montaxe e o mantemento das instalacións.

-Identificación dos materiais empregados na condución de fluídos, e determinación do seu ámbito de aplicación.

-Identificación das partes das instalacións e das funcións que estas desempeñan no conxunto.

-Aplicación de técnicas de montaxe de equipamentos e elementos das instalacións.

-Realización de medidas das magnitudes típicas das instalacións.

2. Módulo específico: instalación de equipamentos sanitarios e térmicos domésticos:

-Código: ME0048.

-Duración: 233 horas.

2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Interpreta informacións, instrucións e documentación técnica relacionadas coas operacións básicas das instalacións de auga, e prepara materiais, equipamentos e elementos necesarios.

-CA1.1. Procurouse e interpretouse información sobre materiais, equipamentos e elementos necesarios para as instalacións de auga.

-CA1.2. Interpretouse información gráfica (planos e esquemas) e identificáronse os elementos implicados nas instalacións de fontanaría.

-CA1.3. Identificáronse as necesidades de materiais, repostos e equipamentos en función das operacións que cumpra realizar.

-CA1.4. Preparáronse as ferramentas e os equipamentos propios das operacións que cumpra realizar.

-CA1.5. Organizouse o posto de traballo e realizáronse as tarefas de limpeza e mantemento necesarias.

-RA2. Instala aparellos sanitarios e efectúa as comprobacións para o seu correcto funcionamento, seguindo as instrucións de instalación.

-CA2.1. Describíronse as principais características dos aparellos sanitarios e a súa vinculación coas operacións para a súa instalación.

-CA2.2. Nun caso práctico de instalación de aparellos sanitarios:

-Realizouse o abastecemento dos materiais e dos equipamentos necesarios para as intervencións que cumpra realizar.

-Efectuouse a presentación provisional dos aparellos, as billas, os sifóns, etc.

-Colocáronse os soportes e as fixacións definitivas dos aparellos.

-Colocáronse billas e os complementos.

-Realizouse a conexión da auga sanitaria e do desaugadoiro.

-Verificouse o correcto funcionamento dos aparellos e comprobouse a estanquidade, a seguridade e as prestacións.

-Realizouse a regulación do aparello sanitario e das billas.

-Identificáronse as operacións de mantemento básico da instalación.

-RA3. Instala os aparellos de produción de auga quente sanitaria e/ou calefacción seguindo as instrucións e as normas de instalación.

-CA3.1. Describíronse as principais características dos aparellos de produción de auga quente destinados a calefacción ou a consumo doméstico, e a súa vinculación coas operacións para a súa instalación.

-CA3.2. Nun caso práctico de instalación de aparellos de auga quente sanitaria con fornecemento solar:

-Realizouse o abastecemento dos materiais e dos equipamentos necesarios para as intervencións que cumpra realizar.

-Efectuouse a presentación dos aparellos que se vaian instalar.

-Efectuáronse as conexións de auga de rede e de fornecemento solar á instalación de auga quente sanitaria.

-Efectuouse a conexión eléctrica do equipamento de produción de calor.

-Efectuouse a conexión de subministración de combustible.

-Verificouse o correcto funcionamento do equipamento de produción de calor: estanquidade, acendemento, regulación da chama, regulación de caudal, seguridade, etc.

-Colocáronse as reixas de ventilación seguindo a regulamentación.

-Conectáronse os sistemas de evacuación de produtos de combustión consonte a regulamentación.

-Identificáronse as operacións de mantemento básico da instalación.

-CA3.3. Instaláronse os aparellos sanitarios respectando a regulamentación.

-CA3.4. Empregáronse os equipamentos de protección necesarios e respectáronse as normas de seguridade durante a execución dos traballos.

-RA4. Monta elementos emisores de calor para instalacións de calefacción de uso doméstico, seguindo as instrucións e os planos de montaxe.

-CA4.1. Describíronse os elementos emisores utilizados nas instalacións de calefacción (radiadores, ventiloconvectores, chan radiante, etc.), e as características da súa colocación.

-CA4.2. Nun caso práctico de instalación de elementos de calefacción de uso doméstico:

-Realizouse o abastecemento dos materiais e os equipamentos necesarios para as intervencións que cumpra realizar.

-Efectuouse a presentación provisional dos elementos que se vaian instalar.

-Colocáronse os soportes e as fixacións definitivas dos elementos nivelados.

-Realizouse a conexión do elemento ao circuíto da tubaxe de auga.

-Participouse na posta en marcha e na regulación básica dos equipamentos: conexións eléctricas, enchedura de auga, purga de aire e de auga, probas de estanquidade, etc.

-Identificáronse as principais avarías deste tipo de instalacións domésticas de calefacción e as operacións do seu mantemento básico.

-CA4.3. Instaláronse os aparellos sanitarios respectando a regulamentación.

-CA4.4. Empregáronse os equipamentos de protección necesarios e respectáronse as normas de seguridade durante a execución dos traballos.

-RA5. Monta elementos de ventilación e climatización de uso doméstico, seguindo as instrucións e as normas de instalación.

-CA5.1. Describíronse os elementos utilizados nas instalacións de climatización, ventilación e extracción, e as características da súa colocación.

-CA5.2. Nun caso práctico de instalación de elementos de climatización de uso doméstico:

-Realizouse o abastecemento dos materiais e dos equipamentos necesarios para as intervencións que cumpra realizar.

-Efectuouse a presentación provisional dos elementos que se van instalar.

-Colocáronse os soportes e as fixacións definitivas dos elementos nivelados.

-Realizouse a conexión do elemento ao circuíto da tubaxe de auga, aos condutos de aire ou á tubaxe de refrixerante.

-Participouse na posta en marcha e na regulación básica dos equipamentos: conexións eléctricas, enchedura de auga, purga de aire e de auga, probas de estanquidade, etc.

-Identificáronse as principais avarías deste tipo de instalacións domésticas de climatización, e as operacións do seu mantemento básico.

-CA5.3. Instaláronse os aparellos sanitarios respectando a regulamentación.

-CA5.4. Empregáronse os equipamentos de protección necesarios e respectáronse as normas de seguridade durante a execución dos traballos.

-RA6. Monta bombas de pequena potencia para a circulación forzada das instalacións, seguindo as instrucións e as normas de instalación.

-CA6.1. Recoñécense os tipos de bombas que se instalan en instalacións de auga, calefacción e climatización doméstica.

-CA6.2. Recoñécense as características que debe reunir a bomba para cada tipo de instalación.

-CA6.3. Instalouse a bomba de acordo coas instrucións de montaxe.

-CA6.4. Desmontouse a bomba para a súa limpeza e montouse novamente.

-CA6.5. Identificáronse as principais avarías deste tipo de equipamento.

-CA6.6. Empregáronse os equipamentos de protección necesarios e respectáronse as normas de seguridade durante a execución dos traballos.

2.2. Contidos básicos.

Fundamentos de instalación de aparellos sanitarios e de climatización doméstica:

-Sistema métrico decimal: unidades de superficie e volume. Teorema de Pitágoras. Presión. Perda de carga. Manexo da ponte de manómetros. Temperaturas e termómetros.

-Equivalencias en polgadas. Ferramentas de medición e o seu uso correcto: flexómetro, calibre, etc.

-Interpretación de instrucións, documentación técnica, catálogos e planos de montaxe. Manuais de manexo.

-Electrotecnia básica aplicada á montaxe de instalacións domésticas de calefacción e climatización.

-Conexión e desconexión de circuítos de mando e protección en equipamentos domésticos de calefacción e climatización.

-Debuxo técnico aplicado ás instalacións para a interpretación de planos sinxelos: vistas, perspectiva isométrica, esbozo a man alzada, planos, escalas, cotación, esquemas e simboloxía.

-Ferramentas específicas: manexo, mantemento e almacenaxe. Nivelación: fundamentos e técnicas básicas.

Instalación e mantemento de sanitarios e de aparellos de climatización doméstica:

-Aparellos que se atopan nunha instalación de climatización básica: fundamentos.

-Aparellos sanitarios: tipoloxía e características fundamentais da montaxe.

-Instalación de aparellos sanitarios. Sistemas de montaxe e suxeición. Comprobacións para o seu funcionamento.

-Aparellos de produción de auga quente con fornecemento solar: fundamentos. Instalación de aparellos de produción de auga quente sanitaria e/ou calefacción. Sistemas de suxeición. Comprobacións para o seu funcionamento.

-Colocación de radiadores, ventiladores e outros elementos de climatización. Comprobacións para o seu funcionamento.

-Tipos de bombas para instalacións domésticas. Montaxe de bombas.

-Sistemas de climatización sinxelos: expansión directa, unidades compactas, partidas, etc.

-Características dos fluídos refrixerantes empregados en sistemas de climatización doméstica.

-Avarías máis frecuentes e operacións básicas de mantemento.

Normativa de aplicación na instalación de aparellos sanitarios e de climatización doméstica:

-Normas para as instalacións interiores de auga.

-Normas sobre documentación, tramitación e prescricións técnicas das instalacións interiores de subministración de auga.

-Medidas de seguridade en instalacións.

-Normas que regulan as probas de funcionamento dos aparellos (rendemento, combustión, seguridades, etc.).

-Normativa de prevención de riscos ambientais.

-Riscos específicos no proceso de instalación.

-Sistemas e equipamentos de protección individual.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realización de operacións básicas de instalación e mantemento de aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Interpretación de instrucións e de documentación técnica.

-Instalación de aparellos sanitarios e comprobacións do seu correcto funcionamento.

-Instalación de aparellos de produción de auga quente sanitaria e calefacción.

-Instalación de aparellos sanitarios, abastecemento e evacuación de augas.

-Montaxe de emisores de calor para instalacións de calefacción de uso doméstico.

-Montaxe de elementos de ventilación e climatización de uso doméstico.

-Montaxe e recoñecemento das bombas para a circulación forzada das instalacións.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Identificación de equipamentos, medios auxiliares e ferramentas para a realización da montaxe e o mantemento das instalacións.

-Aplicación de técnicas de montaxe de equipamentos e elementos das instalacións.

-Realización de medidas das magnitudes típicas das instalacións.

-Identificación de operacións habituais no mantemento deste tipo de instalacións.

3. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0049.

-Duración: 160 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Realiza a instalación de tubaxes, incluíndo a preparación, o corte e a unión de tubos para a condución de auga e desaugadoiros, seguindo instrucións.

-CA1.1. Interpretouse a información, as instrucións e a documentación técnica relacionadas coas instalacións de tubaxes, e preparáronse os materiais, os equipamentos e os elementos necesarios.

-CA1.2. Realizouse a condución de tubaxes de auga seguindo as instrucións de instalación e utilizando os equipamentos adecuados.

-CA1.3. Ensambláronse e uníronse as tubaxes das instalacións seguindo as instrucións de montaxe e as normas de seguridade e calidade.

-CA1.4. Preparouse e realizouse o mantemento de canalizacións de conducións para a evacuación de augas pluviais, seguindo as instrucións de montaxe e mantemento.

-CA1.5. Fixáronse e comprobáronse as tomas e as canalizacións de auga e desaugadoiros, seguindo as instrucións de montaxe.

-CA1.6. Construíronse tramos de condutos para redes de distribución de aire, para o que se interpretaron planos ou esquemas, con aplicación de técnicas de trazado, corte e construción.

-RA2. Realiza operacións básicas de instalación e mantemento de aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico, seguindo instrucións.

-CA2.1. Interpretáronse informacións, instrucións e documentación técnica relacionadas coas operacións básicas das instalacións de auga, e preparáronse os materiais, os equipamentos e os elementos necesarios.

-CA2.2. Instaláronse aparellos sanitarios e efectuáronse as comprobacións para o seu correcto funcionamento, seguindo as instrucións de instalación.

-CA2.3. Instaláronse os aparellos de produción de auga quente sanitaria e/ou calefacción seguindo as instrucións e as normas de instalación.

-CA2.4. Montáronse elementos emisores de calor para instalacións de calefacción de uso doméstico, seguindo as instrucións e os planos de montaxe.

-CA2.5. Montáronse elementos de ventilación e climatización de uso doméstico, seguindo as instrucións e as normas de instalación.

-CA2.6. Montáronse bombas de pequena potencia para a circulación forzada das instalacións, seguindo as instrucións e as normas de instalación.

-RA3. Recoñece a estrutura xerárquica da empresa, e identifica as funcións asignadas a cada nivel e a súa relación co desenvolvemento da actividade.

-CA3.1. Identificouse a estrutura organizativa da empresa e as funcións de cada área.

-CA3.2. Identificáronse os procedementos de traballo no desenvolvemento do proceso produtivo.

-CA3.3. Relacionáronse as competencias dos recursos humanos co desenvolvemento da actividade produtiva.

-CA3.4. Identificouse a importancia de cada elemento da rede no desenvolvemento da actividade da empresa.

-CA3.5. Relacionáronse as vantaxes e os inconvenientes da estrutura da empresa fronte a outro tipo de organizacións empresariais.

-CA3.6. Analizouse o tecido empresarial do sector en función da prestación que ofrece.

-CA3.7. Recoñecéronse as empresas tipo e indicouse a estrutura organizativa e as funcións de cada departamento.

-RA4. Aplica hábitos éticos e laborais no desenvolvemento da súa actividade profesional de acordo coas características da tarefa asignada e segundo os procedementos establecidos pola empresa.

-CA4.1. Recoñeceuse e xustificouse:

-Disposición persoal e temporal que necesita o posto de traballo.

-Actitudes persoais (puntualidade, empatía, etc.) e profesionais (orde, limpeza e seguridade necesarias para o posto de traballo, responsabilidade, etc.).

-Requisitos actitudinais ante a prevención de riscos na actividade profesional e medidas de protección persoal.

-Requisitos actitudinais referidos á calidade na actividade profesional.

-Actitudes relacionadas co propio equipo de traballo e coa estrutura xerárquica establecida na empresa.

-CA4.2. Identificáronse as normas de prevención de riscos laborais aplicables na actividade profesional e os aspectos fundamentais da lei de prevención de riscos laborais.

-CA4.3. Aplicáronse os equipamentos de protección individual segundo os riscos da actividade profesional e as normas da empresa.

-CA4.4. Mantívose unha actitude clara de respecto polo medio nas actividades desenvolvidas e aplicáronse as normas internas e externas vinculadas.

-CA4.5. Mantivéronse organizados, limpos e libres de obstáculos o posto de traballo e a área correspondente ao desenvolvemento da actividade.

-CA4.6. Interpretáronse e cumpríronse as instrucións recibidas, e responsabilizouse do traballo asignado.

-CA4.7. Estableceuse unha comunicación e unha relación eficaces coa persoa responsable en cada situación e cos membros do equipo, e mantívose un trato fluído e correcto.

-CA4.8. Valorouse a importancia da actividade propia e a adaptación aos cambios de tarefas asignados no desenvolvemento dos procesos produtivos da empresa, integrándose nas novas funcións.

-CA4.9. Comprometeuse responsablemente na aplicación das normas e dos procedementos no desenvolvemento de calquera actividade ou tarefa.

Ver referencia pdf "16700D001P005.PDF"