DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Venres, 22 de agosto de 2008 Páx. 15.924

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional inicial no curso 2008-2009.

A Orde do 23 de abril de 2007, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior.

A Orde do 28 de febreiro de 2007 regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 5 de xuño de 2007 regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

A Orde do 30 de xullo de 2007 regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial.

A Resolución do 3 de xuño de 2008 determina os prazos e dita instrucións no procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas, e programas de cualificación profesional inicial para o curso académico 2008-2009.

As ordes mencionadas autorizan a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación do previsto nelas e, na súa virtude, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto ditar instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional inicial no ano académico 2008-2009 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Renuncia, anulación e baixa de oficio de matrícula.

1. Con independencia do réxime en que se formalizase a matrícula e do ano de inicio do ciclo, a renuncia, a anulación e a súa baixa de oficio rexeranse polo disposto nos artigos 8, 9, 10 e 11 da Orde do 23 de abril de 2007, pola que se regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior.

2. Procederase á baixa de oficio cando un alumno ou alumna acumule o número de faltas inxustificadas a que se fai referencia no artigo 11 da citada Orde do 23 de abril de 2007. Para tales efectos e con carácter previo, o centro enviará un apercibimento a aquel alumnado que acumule un número de faltas de asistencia inxustificadas superior a dez (10) días lectivos. Nel indicarase a obriga de asistencia e que se procederá á súa baixa de matrícula no caso de que as súas faltas inxustificadas de asistencia representen 25 días lectivos consecutivos ou 35 días lectivos descontinuos. Na secretaría do centro deberá quedar constancia do apercibimento e da comunicación da baixa.

3. No caso do alumnado matriculado unha vez iniciadas as actividades lectivas, non se terán en consideración os días previos á formalización da matrícula.

4. No caso dos centros privados, será o director ou directora do centro público ao cal estea adscrito o encargado da dita comunicación.

Terceiro.-Perda do dereito á avaliación continua.

1. Conforme se determina no artigo 2 da Orde do 30 de xullo de 2007, pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial, o número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua nun determinado módulo será do 10% respecto da súa duración total, con independencia de que estas faltas sexan ou non xustificadas. Para tales efectos e con carácter previo, o centro enviará un apercibimento ao alumno ou á alumna cando as faltas de asistencia nun determinado módulo superen o 6% respecto da súa duración total. Nel indicarase que perderá o dereito á avaliación continua no módulo se acumulase un 10% de inasistencias con respecto á súa duración total. Cando as faltas de asistencia alcancen a citada porcentaxe, comunicarase a perda do dereito á avaliación continua. Na secretaría do centro deberá quedar constancia do apercibimento e da comunicación da perda do dereito á avaliación continua.

2. No caso do alumnado matriculado unha vez iniciadas as actividades lectivas, non se terán en consideración as sesións previas á formalización da matrícula.

3. No caso dos centros privados, será o director ou directora do centro público a que estea adscrito o encargado da dita comunicación.

Cuarto.-Validacións de módulos profesionais.

1. As validacións de módulos profesionais de ciclos formativos de formación profesional ateranse ao disposto nos artigos 15 e 16 da Orde do 30 de xullo de 2007 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial.

2. As validacións de módulos profesionais a partir de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais ás cales se fai referencia no artigo 14 da citada Orde do 30 de xullo de 2007 serán recoñecidas directamente polo titular da dirección do centro, para o cal aplicará o réxime de validacións de módulos establecido no anexo correspondente do título.

3. O alumnado afectado pola implantación dos novos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá validar os módulos superados do título equivalente da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, para o cal a dirección do centro aplicará o réxime de validacións de módulos establecido no anexo correspondente do título.

Para os efectos de formalización de matrícula polo réxime ordinario no curso que corresponda, estes módulos teranse en conta como superados para determinar o cumprimento dos criterios de promoción.

No caso do réxime para as persoas adultas, estes módulos non se considerarán para os efectos de compatibilidade e carga horaria ás cales se fai referencia no artigo 6.3º da citada Orde do 23 de abril de 2007.

Quinto.-Solicitude de matrícula excepcional para o alumnado do réxime transitorio.

1. O alumnado a que se refire a disposición transitoria segunda da citada Orde do 23 de abril de 2007, que no curso escolar 2007-2008 esgotase as dúas matrículas a que ten dereito polo réxime ordinario e non conseguise titularse por ter módulos pendentes, deberá rematar os seus estudos polo réxime de persoas adultas, e terá dereito a un máximo de catro convocatorias por este réxime.

Non obstante o anterior, este alumnado poderá solicitar a autorización dunha única matrícula excepcional para poder rematar os seus estudos polo réxime ordinario, de acordo co procedemento e nas condicións que se establecen no artigo 24 da Orde do 5 de xuño de 2007 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de graos medio e superior en réxime ordinario e para as persoas adultas.

No caso dos centros privados, a dirección dará traslado das solicitudes ao centro público a que estea adscrito no prazo máximo de cinco días hábiles.

2. O prazo de presentación de solicitudes de matrícula excepcional abranguerá desde o 17 de xuño ata o 30 de setembro, de acordo co establecido no artigo 24.5º da citada Orde do 5 de xuño de 2007. No caso de alumnado repetidor con dereito á convocatoria extraordinaria no mes de outubro, será desde o 30 de outubro ata o 14 de novembro.

3. Para os efectos de formalización da matrícula excepcional terase en conta o establecido na disposición transitoria primeira da citada Resolución do 3 de xuño de 2008.

Sexto.-Horario do ciclo formativo.

1. A distribución dos módulos que constitúen os ciclos formativos e o seu número de horas será a establecida no anexo I da citada Orde do 23 de abril de 2007.

No caso dos novos títulos de formación profesional establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, observarase o disposto no currículo correspondente.

2. Aqueles centros que polas súas características específicas ou polas dos ciclos que imparten precisen dunha modalidade horaria especial deberano solicitar á delegación provincial correspondente, que, logo de informe do Servizo Provincial de Inspección Educativa, resolverá o que proceda, respectando, en todo caso, a distribución trimestral e o número de horas totais dos módulos.

3. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá autorizar outras modalidades horarias diferentes adecuadas ás singulares características de colectivos concretos.

4. Coa finalidade de que se poida verificar o cumprimento do horario mínimo establecido para cada un dos módulos de cada ciclo, a dirección do centro remitiralle ao Servizo Provincial de Inspección Educativa, antes do 20 de outubro, un calendario no cal vaian especificados os días lectivos de formación no centro educativo, xunto co horario semanal do grupo.

Sétimo.-Horario do profesorado de centros públicos.

1. Cando as características horarias dos módulos para os cales o profesorado de cada departamento teña atribución docente non permitan completar, na asignación inicial de módulos, o horario lectivo legalmente establecido, as horas que falten deberanse dedicar a outras actividades lectivas, segundo as directrices do director ou directora do centro, tales como impartición de materias afíns doutros departamentos, actividades de reforzo ou recuperación do alumnado do propio departamento, apoio á docencia noutros niveis, ou participación nalgún proxecto docente ou complementario incluído na programación xeral do centro, realización da titoría do módulo de formación en centros de traballo e/ou colaboración na súa coordinación e no seu desenvolvemento.

2. Mentres que o alumnado do ciclo formativo estea a realizar o módulo profesional de formación en centros de traballo, o xefe ou a xefa de estudos, co apoio da persoa responsable da titoría do ciclo formativo e da xefatura do departamento, elaborará o novo horario do profesorado que quede coas horas vacantes, e darallo a coñecer ao profesorado e, de ser o caso, aos pais ou titores legais. Durante este período, o profesorado con atribución docente no ciclo ou no módulo realizará, entre outras, as seguintes actividades:

a) Impartición e avaliación de actividades de recuperación ao alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional. Para tal fin, a persoa responsable da xefatura de estudos, co apoio do titor ou a titora do ciclo formativo, elaborará o novo horario do profesorado que resulte con horas vacantes.

b) Apoio naqueles módulos con alumnado repetidor, pertencente a ciclos formativos da mesma familia profesional, para o cal se teña atribución docente, segundo figura nos decretos que regulan os correspondentes currículos.

c) Apoio aos programas de cualificación profesional inicial.

d) Impartición de actividades de formación profesional ocupacional e formación profesional continua, en caso de estaren autorizadas no centro educativo.

e) Apoio á titoría de ciclos formativos e á coordinación e ao seguimento da FCT e dos módulos de proxecto e síntese, de ser o caso.

f) Realización voluntaria de operacións programadas polo departamento para a mellora das instalacións onde se imparta o ciclo formativo.

g) Participación nas actividades de actualización e formación que convoque a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

h) Outras que a dirección do centro lle encomende.

En calquera caso, a permanencia obrigatoria en horario fixo no centro do profesorado afectado polo cambio de horario será de 23 horas semanais, e a súa permanencia mínima diaria no centro non será inferior ás tres horas, en cumprimento dos artigos 79 e 81, respectivamente, da Orde do 1 de agosto de 1997.

A proposta do novo horario enviarase, para a súa aprobación definitiva, ao servizo correspondente de inspección educativa no prazo de cinco días, despois de finalizada a sesión de avaliación previa á realización do módulo de formación en centros de traballo.

Oitavo.-Titoría de ciclos.

1. De acordo co artigo 21.1º da citada Orde do 23 de abril de 2007, cada grupo de alumnos e alumnas dun ciclo formativo terá un profesor ou unha profesora que desempeñen a titoría, que pertencerá ao equipo que imparta docencia en cada curso académico.

2. No caso do réxime ordinario, a redución horaria para as persoas responsables da titoría de ciclos formativos, establecida no artigo 84 da Orde do 1 de agosto de 1997, poderá ser de ata tres horas semanais para o segundo curso. Nos ciclos formativos de duración inferior a 2.000 horas, unha vez rematado o módulo de formación en centros de traballo, a dirección reasignará estas horas para actividades lectivas ou complementarias, en función das necesidades do centro.

3. No caso do réxime para as persoas adultas, entenderase que o alumnado matriculado en módulos do mesmo ciclo formativo constitúe un único grupo. A redución horaria para as persoas responsables da súa titoría será de tres horas semanais.

Noveno.-Títulos.

As propostas de títulos realizaranse tres veces por ano, ao final de cada trimestre lectivo: decembro, marzo e xuño.

Décimo.-Módulo profesional de segunda lingua estranxeira.

1. Os centros realizarán a oferta do módulo profesional de segunda lingua estranxeira para os ciclos formativos en que así se establece no anexo da citada Orde do 23 de abril de 2007 consonte os recursos dispoñibles, de entre os seguintes: alemán, francés, italiano e portugués.

2. En todo caso, a lingua que se imparta será a mesma para todo o alumnado do grupo.

Décimo primeiro.-Módulo profesional de proxecto integrado.

1. Este módulo será impartido con carácter globalizador de todas as ensinanzas que constitúen o ciclo formativo.

2. O módulo de proxecto integrado será impartido preferentemente por profesorado que imparta clase nos módulos do ciclo formativo correspondente.

3. A programación deste módulo será elaborada polo profesor ou a profesora que se encargue del e deberá ser aprobada polo equipo docente do ciclo, que supervisará a súa impartición.

4. O módulo de proxecto integrado debe contribuír de xeito específico ao logro das seguintes finalidades:

-Comprender globalmente aspectos sobresalientes da competencia profesional característica do título, que se abordasen noutros módulos profesionais do ciclo formativo.

-Integrar ordenadamente distintos coñecementos sobre organización, características, condicións, tipoloxías, técnicas e procesos que se desenvolvan nas diferentes actividades produtivas do sector a que corresponde o título.

-Adquirir, de ser o caso, coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que favorezan o desenvolvemento daquelas capacidades relacionadas coa profesión para a que se forma que, mesmo sendo demandadas polo ámbito produtivo en que radica o centro, non se poidan recoller no resto de módulos profesionais.

5. O proxecto integrado desenvolverase tomando como referencia un proceso produtivo, real ou simulado, e deberá cumprir o seguinte:

-Analizar a relación e a contribución das distintas etapas da organización, a programación e o control dun proceso.

-Determinar as especificacións do proceso produtivo dun artigo (materia prima, medio produtivo, método operativo, etc.) e os métodos que aseguren a calidade, a partir das especificacións dun deseño, dun pedido, de obxectivos de calidade, dos recursos dispoñibles e de catálogos comerciais de materiais.

-Determinar a viabilidade das especificacións do proceso de produción e, se cumprir, as medidas correctoras a partir da elaboración e a avaliación do prototipo.

-Determinar a cantidade de recursos, o nivel óptimo de existencias, os sistemas de traballo e de control da produción máis adecuados e a organización das liñas de produción, aprovisionamento e mantemento preventivo dos recursos, así como as fases produtivas necesarias para a produción, en función dos recursos dispoñibles, do volume do pedido, da súa variedade e dos prazos establecidos.

-Determinar as medidas correctoras que se deban tomar e a súa viabilidade no hipotético proceso de produción, para garantir as condicións de produción establecidas, considerando as posibles anomalías, incidencias ou desviacións simuladas.

6. Este módulo forma parte do currículo dos ciclos formativos de grao superior que se indica no anexo da citada Orde do 23 de abril de 2007. A avaliación farase de xeito individual por cada alumno ou alumna e tomando como referencia as capacidades terminais elementais que se indican no módulo.

Décimo segundo.-Actas de avaliación en centros privados.

Os centros privados remitirán un exemplar das actas de avaliación ao instituto ao cal estean adscritos. Enviarase copia validada das actas de avaliación final ao Servizo de Inspección Educativa no prazo de quince (15) días a partir da data de realización da correspondente sesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A dirección dos centros educativos que impartan estas ensinanzas arbitrarán as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por todos os membros da comunidade educativa.

Segunda.-As delegacións provinciais, a través dos servizos provinciais de Inspección Educativa e dos directores e as directoras dos centros educativos, garantirán o cumprimento do disposto nesta resolución e asesorarán os centros sobre o seu contido.

Terceira.-Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais