DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 19 de agosto de 2008 Páx. 15.714

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de peiteado en Galicia.

O Real decreto 295/2004, do 20 de febreiro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de servizos auxiliares de peiteado, pertencente á familia profesional de imaxe persoal, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan desenvolveranse por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de peiteado en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de peiteado queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: peiteado.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: imaxe persoal.

Terceiro.-Competencia xeral.

Preparar os equipamentos, realizar operacións de atención á clientela, aplicar as técnicas de hi-xiene e acondicionamento capilar, aplicar técnicas de cambio de forma e de cor, e aplicar coidados estéticos básicos de uñas baixo a supervisión do persoal técnico responsable, en condicións óptimas de hixiene e de seguridade.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan a seguir:

a) Recibir cosméticos e materiais propios do salón de peiteado, distribuílos e almacenalos consonte as normas de seguridade e hixiene.

b) Preparar os equipamentos e os útiles seguindo as pautas de hixiene e de seguridade, antes e despois do seu uso.

c) Manter as instalacións ordenadas e confortables, tendo en conta o obxectivo de benestar.

d) Realizar o protocolo de atención á clientela adaptándose ás súas necesidades e ás súas particu-laridades.

e) Presentar unha imaxe acorde coa profesión e manter os hábitos de hixiene e posturais, coidados estéticos e unha vestimenta axeitada para o desenvolvemento dos procesos.

f) Integrar con harmonía as súas funcións en coordinación co resto de profesionais do salón de peiteado e asumir o traballo en equipo para lograr un obxectivo común.

g) Actuar con seguridade na propia capacidade profesional e demostrar afán de superación nas aprendizaxes, para fomentar o propio desenvolvemento profesional.

h) Manter hábitos requiridos de cortesía, respecto, tolerancia e discreción na atención á clientela e no trato co resto do persoal.

i) Identificar e relacionar os tipos e o estado do cabelo e do coiro cabeludo.

j) Realizar destramente as operacións de hixiene e acondicionamento capilar e adaptalas ás características e ás necesidades persoais da clientela.

k) Identificar os equipamentos, os útiles, os moldes e os cosméticos necesarios para realizar as montaxes de cambios de forma temporais e permanentes, en función do resultado pretendido.

l) Aplicar técnicas de cambios de forma temporais e permanentes.

m) Coñecer os cosméticos colorantes e descolorantes, e os seus efectos.

n) Aplicar as técnicas de coloración e descoloración, controlando a zona de aplicación, os tem-pos de exposición e as medidas de protección da clientela e do persoal.

o) Aplicar as técnicas básicas de embelecemento das uñas.

p) Axudar no proceso de control de calidade dos servizos, valorando os procesos desenvolvidos, os resultados obtidos e as melloras posibles.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais incluídas no perfil profesional.

a) Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Servizos auxiliares de peiteado, IMP022_1 (Real decreto 295/2004), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

-UC0058_1. Preparar os equipamentos e lavar e acondicionar o cabelo e o coiro cabeludo.

-UC0059_1. Realizar montaxes para os cambios de forma temporais e permanentes e inicio do peiteado.

-UC0060_1. Aplicar técnicas de cor e descoloración do cabelo.

b) Cualificacións profesionais incompletas incluídas no perfil:

Servizos auxiliares de estética, IMP118_1 (Real decreto 1087/2005), do que se inclúe a seguinte unidade de competencia:

-UC0344_1. Aplicar coidados estéticos básicos nas uñas.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional. En xeral, desenvolve a súa actividade profesional por conta allea en empresas pequenas e medianas de peiteado.

2. Sectores produtivos. Desenvolve a súa actividade en salóns de peiteado, centros capilares, hoteis, balnearios e centros xeriátricos, así como nas artes escénicas.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables:

-Auxiliar de peiteado.

-Axudante de manicura e pedicura.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos for-mativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan a seguir:

-ME0025. Coidados estéticos básicos de uñas.

-ME0029. Hixiene e asepsia aplicadas ao salón de peiteado.

-ME0030. Montaxes para cambios de forma e inicio do peiteado.

-ME0031. Aplicación de cosméticos para os cambios de cor do cabelo.

-ME0032. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: coidados estéticos básicos de uñas.

-Código: ME0025.

-Duración: 93 horas.

1.1. Resultados da aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Observa as características das mans e dos pés da clientela, e recoñece alteracións para aplicar as técnicas máis acaídas.

-CA1.1 Describíronse as anomalías das uñas que requiren a consulta a persoal técnico responsable.

-CA1.2 Relacionáronse as características morfolóxicas das mans e das uñas para seleccionar a forma final máis adecuada.

-CA1.3 Formuláronse preguntas tipo que sirvan para detectar as demandas e as necesidades que debe cubrir o servizo.

-RA2. Prepara a clientela, os equipamentos e os medios, aplicando técnicas específicas de seguri-dade e hixiene.

-CA2.1 Describiuse a imaxe que debe presentar o persoal axudante de manicura no relativo ao pelo, á vestimenta, aos accesorios e ás condicións de hixiene.

-CA2.2 Describiuse a posición ergonómica da clientela e do persoal, para realizar as técnicas de manicura e pedicura.

-CA2.3 Enumeráronse os métodos de hixiene e desinfección aplicados nas técnicas estéticas (lavado, e métodos físicos e químicos).

-CA2.4 Preparáronse os útiles, os materiais e os produtos aplicando as técnicas de hixiene e desinfección necesarias, en función da súa composición e da súa finalidade.

-CA2.5 Nun caso práctico, debidamente caracterizado, preparouse a clientela para as técnicas de manicura e pedicura nas condicións necesarias de hixiene e seguridade.

-RA3. Aplica na orde correcta as técnicas básicas de manicura e de amaño de uñas e cutícula, para o que selecciona os útiles e os cosméticos necesarios.

-CA3.1 Describíronse as fases dos procesos de manicura e pedicura, e indicáronse as operacións técnicas que se realizan en cada unha.

-CA3.2 Relacionáronse os cosméticos, os útiles e os materiais coas técnicas que se realizan na manicura e nos coidados estéticos das uñas dos pés.

-CA3.3 Preparouse e protexeuse a clientela en función do servizo que se vaia realizar.

-CA3.4 Nun caso práctico de manicura e pedicura:

-Seleccionáronse e preparáronse os produtos e os útiles necesarios.

-Realizáronse as técnicas de desmaquillaxe, limadura e acondicionamento de cutículas, en función das características das uñas e do servizo solicitado.

-Realizáronse as manobras de masaxe seguindo a orde establecida.

-RA4. Efectúa técnicas de pulimentación e maquillaxe de uñas, avalía os resultados do servizo e, en caso necesario, propón as medidas oportunas.

-CA4.1 Realizáronse técnicas de pulimentación de uñas utilizando os útiles e os produtos específicos (cosméticos, baetas, limas, etc.), respectando as características das uñas.

-CA4.2 Describíronse as técnicas para limpar a lámina ungueal de restos de produtos antes de pulimentación ou da maquillaxe.

-CA4.3 Explicáronse os criterios de selección da cor do esmalte en relación coa cor da roupa e do colorete, así como a morfoloxía da uña e da man, para crear a harmonía axeitada.

-CA4.4 Seleccionouse a técnica específica e aplicáronse cosméticos decorativos sobre as uñas, con tres pinceladas e dúas capas, para conseguir un resultado uniforme.

-CA4.5 Realizáronse preguntas tipo que permitan coñecer o grao de satisfacción da clientela respecto ao resultado do servizo e á atención persoal.

-CA4.6 Enumeráronse as causas de tipo técnico e de atención á clientela que poden ser motivo de insatisfacción da clientela.

1.2. Contidos básicos.

Mans e uñas:

-Morfoloxía das mans e das uñas.

-Estrutura e funcións.

-Alteracións máis comúns das uñas.

Útiles e cosméticos utilizados na manicura e na pedicura:

-Descrición e manexo dos útiles.

-Xeneralidades dos cosméticos.

-Conservación e mantemento.

-Limpeza e desinfección.

-Criterios de selección.

Organización do servizo:

-Indumentaria do persoal.

-Medidas de protección persoal da clientela.

-Acomodación da clientela.

-Preparación do lugar de traballo.

Proceso de manicura e pedicura:

-Observación do estado da pel e das uñas para detectar alteracións.

-Técnica de desmaquillaxe de uñas.

-Amaño e forma: técnicas de corte de uñas das mans e dos pés, de limadura e pulimentación das uñas, e de acondicionamento e retirada de cutículas.

-Manobras de masaxe: efectos e secuencias.

-Técnica de maquillaxe de uñas.

1.3.Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de manicura e pe-dicura, con preparación dos utensilios, os produtos e os aparellos implicados.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Recoñecemento das características e das aplicacións dos produtos cosméticos de coidados de uñas.

-Hixienización e preparación de equipamentos e de utensilios.

-Aplicación de técnicas de manicura e de pedicura.

-Realización de masaxes das mans e dos pés.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

-Desenvolvemento de técnicas de hixiene e seguridade nos procesos de manicura e pedicura.

-Recoñecemento das anomalías máis salientables.

-Realización de masaxes das mans e dos pés.

-Aplicación de técnicas de manicura e pedicura.

2. Módulo específico: hixiene e asepsia aplicadas ao salón de peiteado.

-Código: ME0029.

-Duración: 93 horas.

2.1. Resultados da aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Analiza os procedementos de hixiene, desinfección e esterilización que se poden utilizar no salón de peiteado, e determina o máis idóneo en cada caso.

-CA1.1 Explicáronse os conceptos de limpeza, desinfección, esterilización e asepsia.

-CA1.2 Identificáronse os tipos de materiais empregados nos equipamentos e nos útiles de pei-teado co método máis adecuado para a súa limpeza, a súa desinfección e a súa esterilización.

-CA1.3 Valorouse a importancia da aplicación das medidas hixiénico-sanitarias para garantir a seguridade da clientela e do persoal.

-CA1.4 En supostos prácticos de preparación e organización de materiais e equipamentos:

-Clasificáronse os útiles, os aparellos e os equipamentos empregados no salón de peiteado.

-Explicáronse os contaminantes físicos, químicos e biolóxicos.

-Enumeráronse as vantaxes de utilizar material dun só uso.

-Xustificouse razoadamente en que casos se debe desinfectar e en cales se debe esterilizar, en función do tipo de material e da posibilidade de contaxio.

-Describíronse os métodos de limpeza, desinfección e esterilización que se poden aplicar no salón de peiteado.

-CA1.5 Explicouse o protocolo de actuación na preparación e na organización dos equipamentos de peiteado, tendo en conta:

-Métodos máis acaídos para a súa asepsia.

-Secuencia e dosimetría na aplicación dos métodos de desinfección e esterilización.

-Descrición dos aparellos de que se dispón no salón de peiteado para desinfectar e esterilizar, así como dos seus efectos e o seu funcionamento.

-Métodos para illar de posibles contaminantes os equipamentos xa desinfectados.

-Organización do equipo de traballo e presentación para a prestación do servizo.

-RA2. Aplica o protocolo de atención á clientela.

-CA2.1 Analizáronse as normas de comportamento e as técnicas de comunicación verbal e non verbal máis axeitadas para a atención persoal e telefónica da clientela.

-CA2.2 Nun caso práctico:

-Describiuse a imaxe que debe presentar o persoal.

-Explicáronse as aptitudes, as actitudes e as calidades do persoal do salón de peiteado.

-Determináronse as posicións ergonómicas axeitadas do persoal e da clientela.

-Reflectíronse as normas de comportamento e as técnicas de comunicación oportunas para a recepción, a atención e a despedida da clientela.

-RA3. Observa as características do cabelo e do coiro cabeludo, e selecciona os cosméticos máis axeitados para a súa hixiene e o seu acondicionamento.

-CA3.1 Explicouse a preparación e a protección da clientela en función do tipo de servizo que se vaia realizar.

-CA3.2 Reflectíronse na ficha correspondente os datos persoais da clientela.

-CA3.3 Describíronse as posicións ergonómicas máis idóneas nos procesos de hixiene capilar.

-CA3.4 Explicáronse as pautas para observar o coiro cabeludo e o cabelo.

-CA3.5 Determinouse o tipo e o estado do coiro cabeludo e do cabelo.

-CA3.6 Citáronse as anomalías do cabelo e do coiro cabeludo que requiren a consulta de profesionais superiores.

-CA3.7 Explicáronse os compoñentes xerais da sucidade do cabelo e do coiro cabeludo.

-CA3.8 Explicouse a composición e os mecanismos de actuación dun xampú e dun acondicionador capilar.

-RA4. Aplica as técnicas de hixiene capilar adaptadas a cada persoa, en condicións de seguridade adecuadas e con resultados estéticos óptimos.

-CA4.1 Describíronse as técnicas de hixiene e acondicionamento en función do servizo que se vaia realizar a seguir, ou do realizado con anterioridade.

-CA4.2 Explicouse o proceso de hixiene capilar nas coloracións, nas descoloracións e nos cambios de forma permanentes.

-CA4.3 Explicáronse as técnicas básicas de masaxe do coiro cabeludo.

-CA4.4 Nun suposto práctico de hixiene capilar e acondicionamento:

-Seleccionáronse os cosméticos máis acaídos para a limpeza e o acondicionamento.

-Levouse a cabo a técnica de hixiene adecuada ás características do coiro cabeludo e do cabelo, e ao servizo solicitado pola clientela.

-Realizouse o acondicionamento capilar cunha execución destra das manobras básicas de masaxe.

-RA5. Avalía os procesos e os resultados da hixiene capilar para mellorar a prestación do servizo.

-CA5.1 Definíronse os criterios de avaliación do resultado e do proceso de aplicación de técnicas de hixiene e asepsia.

-CA5.2 Enumeráronse as causas de tipo técnico e de atención á clientela que poden dar lugar a deficiencias na prestación do servizo de hixiene.

-CA5.3 Propuxéronse medidas que permitan adecuar os resultados obtidos aos resultados esperados.

2.2. Contidos básicos.

Microorganismos e parasitos:

-Concepto e tipos de microorganismos.

-Microorganismos patóxenos que se poden transmitir na prestación dos servizos de peiteado.

-Parasitos no cabelo e no coiro cabeludo. Pediculose.

Limpeza, desinfección, esterilización, desinfestación e asepsia:

-Conceptos de limpeza, desinfección, esterilización e asepsia.

-Métodos físicos e químicos de desinfección e esterilización.

-Limpeza e asepsia dos útiles, dos aparellos e dos equipamentos empregados no salón de peiteado.

-Aparellos utilizados no salón de peiteado para desinfectar e esterilizar os materiais.

-Protocolos de actuación para a limpeza, a desinfección e a esterilización no salón de peiteado.

Recepción, atención e preparación da clientela:

-Recepción da clientela e atención que se lle presta.

-Observación das características morfolóxicas da clientela.

-Ficha de clientela.

-Equipamentos de protección para a clientela e para o persoal.

Introdución á función comercial e de márketing:

-Factores que inflúen nas vendas.

-Criterios de vendas.

-Publicidade directa e indirecta.

O cabelo:

-Tipos de cabelo e de coiro cabeludo.

-Alteracións máis frecuentes do coiro cabeludo e do cabelo.

-Sucidade do cabelo.

Cosméticos de hixiene:

-Xampús: concepto, composición, mecanismo de actuación e tipos.

-Acondicionadores: concepto, composición, mecanismo de actuación e tipos.

-Criterios para a selección dun xampú e dun acondicionador.

Proceso de hixiene capilar:

-Técnica do lavado.

-Técnicas de limpeza capilar en coloracións, descoloracións e cambios de forma permanentes.

-Cosméticos e precaucións.

-Fases do proceso de acondicionamento capilar.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar as funcións de preparación e hixiene das instalacións, atención á clientela, hixiene e acondicionamento capilar no ámbito do salón de peiteado.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Identificación das instalacións, os útiles, os equipamentos e os produtos do salón de peiteado.

-Hixienización das instalacións.

-Atención á imaxe persoal e profesional.

-Atención á clientela.

-Hixienización e acondicionamento capilar.

-Parámetros identificativos da calidade dos servizos de peiteado.

3. Módulo específico: montaxes para cambios de forma e inicio do peiteado.

-Código: ME0030.

-Duración: 117 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Selecciona os útiles, os aparellos e os accesorios necesarios para a realización de montaxes de moldes para cambios de forma temporais e permanentes, ou para a iniciación dun peiteado.

-CA1.1 Describíronse os útiles e os accesorios para a realización da montaxe dun cambio de forma en perfectas condicións de limpeza e desinfección, atendendo ao tipo de cabelo, á morfo-loxía da persoa e ao peiteado que se vaia realizar.

-CA1.2 Explicáronse os factores que inflúen na selección de útiles, aparellos e moldes que se utilizan nun proceso de cambio de forma.

-RA2. Analiza o proceso de cambio de forma no cabelo.

-CA2.1 Explicáronse as modificacións producidas no cabelo durante o proceso de cambio de forma temporal.

-CA2.2 Describíronse os procedementos físicos utilizados para modificar a forma do cabelo de xeito temporal.

-CA2.3 Indicáronse os cosméticos que facilitan e manteñen os cambios de forma temporais do cabelo, a súa composición e o seu xeito de actuación.

-CA2.4 Describíronse as fases necesarias para a realización dun cambio de forma permanente.

-CA2.5 Explicáronse as modificacións producidas nas fases dun cambio de forma permanente, así como os cosméticos que se utilizan.

-RA3. Coloca os moldes ou outros accesorios para obter un cambio de forma temporal do cabelo.

-CA3.1 Nun caso práctico, baixo supervisión do persoal técnico responsable:

-Analizouse o tipo e o estado do cabelo.

-Determinouse o tipo e o tamaño do molde ou do accesorio necesario para a montaxe de cambio de forma.

-Fíxose unha representación gráfica das direccións correctas das montaxes para conseguir o efecto desexado.

-Aplicouse correctamente o cosmético previamente seleccionado.

-CA3.2 Nun cambio de forma temporal con secador de man, valorouse:

-Temperatura e distancia do secador.

-Tipo e estado do cabelo, así como o seu grao de humidade.

-Colocación e direccións dos moldes e dos accesorios empregados.

-RA4. Realiza destramente técnicas de cambios de forma permanentes.

-CA4.1 Explicáronse as medidas de protección das persoas profesionais e da clientela.

-CA4.2 Nun caso práctico, baixo supervisión do persoal técnico responsable:

-Analizouse o tipo e o estado do cabelo.

-Determinouse o tipo e o tamaño do molde necesario para a montaxe de cambio de forma, segundo a lonxitude, o tipo de cabelo e o resultado pretendido.

-Colocáronse os moldes na dirección indicada, en función do efecto que se queira conseguir.

-Aplicouse o cosmético redutor seleccionado, de xeito que se impregne o cabelo homoxeneamente.

-Controlouse o proceso (tempo de exposición, temperatura, eliminación do produto, de ser o caso, etc.) seguindo instrucións.

-Aplicouse homoxeneamente o cosmético neutralizante e, logo do tempo de exposición, aclarouse e acondicionouse o cabelo para o posterior peiteado.

3.2. Contidos.

O pelo:

-Función, concepto e características.

-Clasificación dos tipos de pelo.

-Estrutura e características do cabelo.

Cambios de forma no cabelo:

-Cambios de forma no cabelo e os seus fundamentos.

-Cambios de forma temporais: procedementos físicos utilizados. Factores que inflúen nos resultados obtidos mediante as técnicas aplicadas.

-Cambios de forma permanentes: fases e efectos producidos.

Cosmética específica para os cambios de forma temporais e permanentes:

-Cosméticos utilizados nos cambios de forma temporais: tipos e mecanismo de actuación.

-Cosméticos utilizados nos cambios de forma permanentes: tipos e mecanismo de actuación.

-Pautas para a súa conservación, a súa manipulación e a súa aplicación correctas.

Seguridade e saúde:

-Medidas para a limpeza e a desinfección de útiles e accesorios para os cambios de forma.

-Medidas de protección do persoal e da clientela.

Execución técnica dos cambios de forma:

-Estilos de peiteados, acabados e recollidos básicos de acordo coa morfoloxía da clientela e o tipo de cabelo.

-Técnicas para os cambios de forma temporais.

-Técnicas para os cambios de forma permanentes: medios técnicos e execución.

-Técnicas innovadoras.

3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar o peite-ado, a observación do cabelo e coiro cabeludo, a súa hixiene e o seu acondicionamento, cambiar a súa forma de xeito temporal e permanente, así como preparar o equipamento necesario.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Observación e análise do estado do cabelo e do coiro cabeludo, e detección de anomalías.

-Identificación dos cosméticos, dos moldes e dos seus efectos.

-Recoñecemento das técnicas de cambios de forma temporais e permanentes en función da lonxitude, dos tipos de cabeleira e das características morfolóxicas, así como a valoración dos seus resultados.

-Identificación e aplicación das técnicas específicas de hixiene e acondicionamento capilar para os procesos de cambios de forma.

-Aplicación dos cambios de forma temporais e permanentes.

-Valoración do control de calidade.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

-Recoñecemento do estado do cabelo e do coiro cabeludo, e detección de alteracións.

-Preparación da zona de traballo, logo da selección dos útiles, os moldes, os cosméticos e os aparellos necesarios para as montaxes de cambios de forma.

-Adaptación das medidas de protección do persoal e da clientela segundo as normas de seguridade e hixiene.

-Aplicación das técnicas específicas de hixiene e acondicionamento capilar en cada fase do proceso seleccionado.

-Realización das técnicas de cambios de forma temporais: aneis, rolos, cepillo secador, pranchas, etc.

-Aplicación dos métodos de cambios de forma permanentes: rizados, ondulados e alisados.

-Verificación da calidade do traballo executado.

4. Módulo específico: aplicación de cosméticos para os cambios de cor do cabelo.

-Código: ME0031.

-Duración: 117 horas.

4.1. Resultados da aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Analiza os efectos que producen sobre o cabelo os cosméticos colorantes e descolorantes, así como as técnicas utilizadas para cambiar a súa cor.

-CA1.1 Explicouse a coloración natural do cabelo e a escala de tons.

-CA1.2 Clasificáronse os produtos colorantes capilares en función da súa natureza, da duración do resultado da súa aplicación, da súa composición xeral e do resultado desexado.

-CA1.3 Explicouse a composición xeral dos produtos cosméticos e o mecanismo de actuación para os cambios de cor no cabelo.

-CA1.4 Describiuse a finalidade de cada tipo de coloración e descoloración capilar.

-CA1.5 Explicáronse as operacións técnicas previas aos cambios de coloración capilar.

-RA2. Acomoda, protexe e prepara a clientela para a aplicación de técnicas de cambio de cor total, parcial, temporal ou permanente.

-CA2.1 Acomodouse a clientela na posición ergonómica axeitada para a súa protección, coa in-dumentaria necesaria.

-CA2.2 Protexéronse as zonas da pel da clientela para evitar irritacións ou manchas nela.

-CA2.3 Protexeuse a persoa dos produtos colorantes e descolorantes coa indumentaria e cos ac-cesorios necesarios.

-RA3. Realiza destramente as operacións técnicas necesarias para cambiar a cor do cabelo, con aplicación das medidas de seguridade e de hixiene adecuadas.

-CA3.1 Explicáronse as mesturas correctas para a aplicación de cosméticos colorantes e descolorantes, seguindo as instrucións de fábrica e as dadas polo persoal técnico responsable.

-CA3.2 Describiuse o xeito de aplicación dos produtos en relación coas técnicas para cambiar a cor do cabelo, en función dos resultados que se desexe conseguir.

-CA3.3 En casos prácticos de cambio da cor do cabelo:

-Protexeuse a clientela da acción dos produtos cosméticos coa indumentaria e os accesorios correspondentes.

-Preparouse o produto seguindo instrucións do persoal técnico responsable.

-Aplicouse o produto nas raíces ou sobre todo o cabelo.

-Aplicáronse tinturas ou cosméticos descolorantes para coloración parcial en vertical (mechas) nas súas variedades básicas: con peite, gorro, papel de aluminio, etc.

-Vixiouse o proceso de descoloración ou de coloración capilar, e modificáronse os tempos de exposición nos casos necesarios.

-Elimináronse axeitadamente os cosméticos colorantes ou descolorantes aplicados.

-Aplicáronse acondicionadores posteriores á coloración para un resultado óptimo da coloración e do peiteado.

4.2. Contidos.

Cor natural do cabelo: tipos de melanina:

-Cambios de cor no cabelo: fundamento.

-Ton e escala de tons.

-Descoloración capilar.

-Coloración capilar.

Cosméticos específicos para a coloración e a descoloración capilar:

-Clasificación dos cosméticos para os cambios de cor pola súa composición xeral e pola duración de resultados.

-Mecanismo de actuación dos produtos descolorantes e colorantes.

-Proba de tolerancia aos cosméticos empregados nos cambios de cor: requisitos e pautas para a súa realización, e observación de resultados.

Seguridade e saúde:

-Limpeza e desinfección dos equipamentos para a aplicación de cosméticos para os cambios de cor.

-Medidas para a protección da clientela, do persoal e das instalacións.

Cambios de cor e a súa execución técnica:

-Técnicas para a aplicación de descolorantes.

-Técnicas para a aplicación de colorantes temporais.

-Técnicas para a aplicación de colorantes semipermanentes.

-Técnicas para a aplicación de colorantes de oxidación ou permanentes.

4.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar cam-bios de cor no cabelo, preparando os útiles, os accesorios, os produtos e os aparellos necesarios.

A definición desta función abrangue os seguintes aspectos:

-Identificación da escala básica de tons e de cores naturais do cabelo.

-Recoñecemento das características e dos efectos dos produtos cosméticos colorantes e descolorantes.

-Preparación e hixienización dos equipos.

-Realización dos pasos previos á aplicación das técnicas de cor: protección, preparación e probas de tolerancia ou sensibilidade.

-Recoñecemento das pautas do diagnóstico capilar para os procesos de coloración.

-Aplicación das técnicas de cambios de cor no cabelo.

-Realización das técnicas específicas de eliminación dos cosméticos colorantes.

-Acondicionamento do cabelo para o posterior peiteado.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

-Introdución aos fundamentos da cor.

-Características e efectos dos produtos cosméticos empregados nos cambios de cor.

-Realización dos métodos de hixiene e seguridade nos procesos de cambios de cor.

-Participación na valoración do diagnóstico capilar.

-Aplicación técnica dos métodos de cambios de cor e dos procesos de acondicionamento.

-Control de calidade das técnicas executadas.

5. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0032.

-Duración: 160 horas.

5.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Realiza as operacións de recepción, distribución, conservación e control de materiais, e identifica as súas funcións consonte as normas de seguridade e hixiene.

-CA1.1 Comprobouse cualitativamente e cuantitativamente a adecuación e o estado dos mate-riais recibidos, segundo as instrucións que rexen na empresa.

-CA1.2 Mantívose o almacén en condicións de orde e limpeza.

-CA1.3 Controlouse a data de caducidade dos cosméticos.

-RA2. Executa os métodos e os procesos de hixiene, desinfección e esterilización dos equipamen-tos e dos útiles reutilizables e dun só uso.

-CA2.1 Seleccionouse o método de hixiene axeitado segundo as características das instalacións e dos equipamentos.

-CA2.2 Executáronse os métodos e os procesos de hixiene, desinfección e esterilización.

-CA2.3 Realizouse a recollida selectiva do lixo xerado, e recoñecéronse as normas hixiénico-sanitarias e as específicas da empresa.

-RA3. Realiza o protocolo de atención á clientela.

-CA3.1. Adaptouse a imaxe persoal á da empresa cumprindo os requisitos de limpeza e de indumentaria laboral.

-CA3.2. Recibiuse a clientela consonte as normas da empresa.

-CA3.3. Acomodouse e protexeuse a clientela en función da técnica estética que se lle vaia aplicar e das indicacións recibidas.

-CA3.4. Valoráronse e atendéronse as necesidades da clientela respectando a confidencialidade da información.

-CA3.5. Recolleuse a opinión da clientela para relacionar o grao de satisfacción coa calidade da prestación do servizo.

-CA3.6. Adoptáronse as medidas correctoras axeitadas nos casos de insatisfacción cos resultados obtidos.

-CA3.7. Respectouse o procedemento consonte as normas da empresa.

-CA3.8. Habituouse o ritmo de traballo da empresa con responsabilidade, rigor e orde.

-RA4. Realiza as técnicas de hixiene e acondicionamento capilar.

-CA4.1. Preparouse, protexeuse e acomodouse a clientela e o persoal en condicións ergonómicas, de seguridade e de hixiene.

-CA4.2. Observouse o estado do cabelo e do coiro cabeludo, e seleccionáronse os cosméticos de hixiene e de acondicionamento axeitados.

-CA4.3. Levouse a cabo a técnica de hixiene capilar conforme a tipoloxía do cabelo e do coiro cabeludo, e o tipo de servizo estético posterior.

-CA4.4. Realizouse o acondicionamento capilar cunhas manobras básicas de masaxe.

-RA5 Aplica as técnicas de cambio de cor no cabelo.

-CA5.1. Preparouse, protexeuse e acomodouse a clientela e o persoal en condicións ergonómicas, de seguridade e de hixiene.

-CA5.2. Colaborouse no diagnóstico dos factores que determinan a elección dos cosméticos e das técnicas necesarias ou demandadas para empregar nos cambios de cor.

-CA5.3. Seleccionáronse os cosméticos, os útiles e os aparellos utilizados segundo as necesidades dos resultados convidos.

-CA5.4. Executáronse destramente seguindo as normas de hixiene as operacións técnicas nece-sarias para cambios de cor segundo as instrucións do persoal supervisor.

-RA6. Aplica as técnicas de cambio de forma no cabelo.

-CA6.1. Valorouse o estado do cabelo e do coiro cabeludo para observar a viabilidade do proceso de cambio de forma.

-CA6.2. Identificáronse as necesidades de cambios de forma en relación coas características morfolóxicas e cos materiais necesarios para a súa execución.

-CA6.3. Seleccionáronse os útiles, os moldes e os aparellos consonte as necesidades identificadas e os resultados pretendidos.

-CA6.4. Realizáronse destramente os cambios de forma temporais e permanentes seguindo as pautas do persoal supervisor.

-CA6.5. Mantivéronse as normas de orde, seguridade e hixiene da empresa durante os procesos de cambios de forma permanentes e de peiteados.

- CA6.6. Relacionouse o resultado esperado ou desexado co resultado obtido e co grao de satisfacción.

-RA7. Aplica, baixo supervisión, técnicas básicas de manicura e pedicura, tendo en conta a relación entre a técnica seleccionada e os resultados finais, e recoñece o efecto dos produtos utilizados.

-CA7.1. Identificáronse e interpretáronse os procedementos específicos da empresa para a reali-zación de manicura e pedicura.

-CA7.2. Identificáronse e relacionáronse as fases e os xeitos de operar previos ao desenvolvemento das técnicas, atendendo a instrucións e normas establecidas.

-CA7.3. Verificouse a dispoñibilidade dos elementos necesarios previamente ao desenvolvemento das técnicas estéticas que se vaian realizar.

-CA7.4. Preparouse e protexeuse a clientela seguindo instrucións e procedementos establecidos na empresa.

-CA7.5. Aplicáronse as técnicas estéticas baixo supervisión e seguindo instrucións e procedementos establecidos, e realizáronse con dilixencia as instrucións recibidas.

-CA7.6. Mantívose o lugar de traballo limpo e ordenado durante todo o proceso.

-CA7.7. Describiuse a posición ergonómica da clientela e do persoal para a realización de cada servizo estético.

-CA7.8. Realizáronse todas as operacións tendo en conta a normativa hixiénico-sanitaria, de seguridade laboral e de protección ambiental.

-CA7.9. Completouse o proceso no tempo requirido e indicado pola empresa.

Ver referencia pdf "15900D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "15900D002P016.PDF"