DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 14 de agosto de 2008 Páx. 15.576

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de estética en Galicia.

O Real decreto 1087/2005, do 16 de setembro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de servizos auxiliares de estética, pertencente á familia profesional de imaxe persoal, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de estética en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de estética queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: estética.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: imaxe persoal.

Terceiro.-Competencia xeral.

Embelecer as uñas, aplicar técnicas de hixiene cutánea, aplicar técnicas de eliminación da peluxe por procedementos mecánicos, descolorala e realizar maquillaxe de día, respectando as normas de seguranza e saúde durante os procesos, así como preparar os produtos, os útiles e os aparellos, hixienizalos, desinfectalos ou esterilizalos, baixo a supervisión do persoal técnico responsable.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan a seguir:

a) Recibir produtos de estética e para o cabelo, e almacenalos en condicións de seguranza e hixiene.

b) Preparar os equipamentos, os útiles e a zona de traballo, e deixalos en condicións de uso e hixiene.

c) Recibir e acomodar a clientela, e protexela en función da técnica que se realice, garantindo as condicións de hixiene e de seguranza.

d) Aplicar as técnicas de hixiene cutánea profunda para adecuala a posteriores tratamentos.

e) Aplicar as técnicas básicas de embelecemento das uñas das mans e dos pés, para mellorar o seu aspecto.

f) Aplicar as técnicas de depilación da peluxe, e asesorar a clientela sobre os coidados anteriores e posteriores.

g) Descolorar a peluxe, controlando o tempo de exposición dos produtos.

h) Realizar maquillaxe social e de fantasía facial, en función das necesidades da clientela.

i) Recoller selectivamente os materiais de refugallo en condicións de hixiene e seguranza, para preservar e protexer o medio.

j) Manter hábitos de hixiene, orde, responsabilidade e coidado do aspecto persoal, para transmitir unha imaxe de profesionalidade.

k) Traballar en condicións de seguranza e adoptar as medidas de protección necesarias en función da técnica que se realice.

l) Manter os hábitos de cortesía, respecto, tolerancia e discreción requiridos na atención á clientela e no trato cos compañeiros e coas compañeiras.

m) Integrar con harmonía as súas funcións e as súas actividades, coordinándose con outras persoas profesionais para lograr un obxectivo común.

n) Actuar con confianza na propia capacidade profesional demostrando afán de superación para fomentar o seu desenvolvemento profesional.

o) Axudar no proceso de control de calidade dos servizos proporcionando e recollendo enquisas.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Servizos auxiliares de estética, IMP118_1 (Real decreto 1087/2005), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

-UC0343_1: preparar os equipamentos e realizar operacións de atención e de acomodación da clientela, en condicións de calidade, seguranza e hixiene.

-UC0344_1: aplicar coidados estéticos básicos nas uñas.

-UC0345_1: eliminar por procedementos mecánicos e descolorar a peluxe.

-UC0346_1: realizar maquillaxes de día.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional. Desenvolve a súa actividade profesional en pequenas e medianas empresas de estética e de peiteado por conta allea (centros de beleza e salóns de peiteado), así como en salas de estética de hoteis, ximnasios, institucións xeriátricas, balnearios e centros de SPA.

2. Sectores produtivos. Desempeña a súa actividade no sector de servizos de estética e peiteado.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables

-Depilador/a.

-Axudante de manicura e pedicura.

-Axudante de maquillaxe.

-Axudante de estética.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan a seguir:

-ME0024. Hixiene e seguranza aplicadas en centros de beleza.

-ME0025. Coidados estéticos básicos de uñas

-ME0026. Depilación mecánica e descoloración da peluxe.

-ME0027. Maquillaxe social.

-ME0028. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Entrada en vigor. Esta resolución entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: hixiene e seguranza aplicadas en centros de beleza.

-Código: ME0024.

-Duración: 141 horas.

1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Realiza operacións básicas de limpeza, desinfección e esterilización dos útiles e dos aparellos de uso máis frecuente en centros de beleza, seguindo as normas de seguranza persoal e dos materiais utilizados.

-CA1.1. Describíronse os conceptos de limpeza, desinfección, esterilización e asepsia.

-CA1.2. Seleccionouse o método máis axeitado para a limpeza, a desinfección e a esterilización nos equipamentos e nos aparellos, en función do material de que estean fabricados.

-CA1.3. Describiuse a importancia da aplicación das normas hixiénicas para garantir a seguranza da clientela e do persoal na realización de servizos de estética.

-CA1.4. Identificáronse as causas que determinan a utilización de material dun só uso.

-CA1.5. Aplicáronselles métodos de hixiene, desinfección e esterilización aos útiles e aos aparellos, segundo os materiais de fabricación.

-CA1.6. Nun caso práctico de limpeza, desinfección e/ou esterilización do equipamento e dos aparellos utilizados en centros de beleza:

-Seleccionáronse os medios e os produtos de limpeza en función da técnica.

-Realizáronse os cálculos necesarios para a preparación dos produtos de desinfección.

-Retirouse e refugouse o material dun só uso, cumprindo as normas de hixiene e seguranza.

-Aplicáronse medidas de protección persoal na utilización de produtos de limpeza e desinfección.

-RA2. Respecta as condicións hixiénicas que debe cumprir un centro de beleza, e describe os métodos e as técnicas para o conseguir.

-CA2.1. Identificáronse os produtos que se utilizan na hixiene, na desinfección e na esterilización dos útiles e dos aparellos dun centro de beleza.

-CA2.2. Describíronse os procedementos de limpeza do material empregado para a protección de clientela e de profesionais, e explicáronse os contaminantes.

-CA2.3. Identificáronse os tipos de contaminantes que se poden achar con máis frecuencia nun centro de beleza.

-RA3. Atende a clientela tendo en conta a relación entre as normas de comportamento e a calidade do servizo prestado.

-CA3.1. Identificouse a linguaxe verbal e xestual máis axeitada para atender a clientela de servizos estéticos.

-CA3.2. Describiuse a información máis salientable que lle deba proporcionar á clientela o persoal auxiliar de estética.

-CA3.3. Formuláronse preguntas concretas que proporcionen a información necesaria para realizar as fichas técnicas.

-CE3.4. Elaborouse unha listaxe que recolla as normas de comportamento para cumprir no trato coa clientela.

-RA4. Aplicar normas de seguranza e hixiene en procesos de prestación de servizos auxiliares estéticos, consonte a normativa de prevención de riscos laborais e de hixiene postural.

-CA4.1. Nun caso práctico de acomodación e de preparación dunha persoa con modelo:

-Explicouse a posición ergonómica idónea da persoa, para a aplicación da técnica seleccionada.

-Preparáronse os útiles e os materiais necesarios para a aplicación e para a retirada de produtos cosméticos.

-CA4.2. Identificáronse as posicións correctas que debe de manter a persoa profesional na realización dos servizos estéticos, consonte a normativa de prevención de riscos laborais e de hixiene postural.

-RA5. Aplica técnicas de recepción, acomodación e preparación do suxeito de servizos auxiliares de estética para mellorar a prestación do servizo, e comproba o grao de satisfacción da clientela.

-CA5.1. Describíronse os criterios de avaliación dos resultados e do proceso de aplicación de técnicas de hixiene e asepsia.

-CA5.2. Identificáronse as causas, de tipo técnico e de calidade da atención, que poidan dar lugar a deficiencias na prestación de servizos de hixiene superficial da pel.

-CA5.3. Identificáronse medidas que permitan adecuar os resultados obtidos aos esperados.

-CA5.4. Comprobouse o grao de satisfacción da clientela por medio de preguntas e da observación directa.

-RA6. Aplica técnicas básicas de hixiene profunda da pel.

-CA6.1. Identificáronse os aparellos, os útiles e os cosméticos que se empregan nun proceso de hixiene profunda da pel.

-CA6.2. Identificouse o tipo de pel.

-CA6.3. Explicouse o proceso de limpeza de cute.

-CA6.4. Explicouse a técnica de aplicación dos cosméticos: modo de aplicación, tempos de exposición e sistema de eliminación.

-CA6.5. Explicouse a técnica de utilización dos aparellos implicados nunha limpeza de cute: indicacións, contraindicacións e reaccións adversas; distancias e tempos de aplicación, e precaucións.

-CA6.6. Nun caso práctico de hixiene profunda da pel (limpeza de cute):

-Executouse convenientemente o protocolo de recepción, atención e acomodación da clientela.

-Seleccionáronse os útiles, os aparellos e os cosméticos para empregar segundo o tipo de pel.

-Realizouse destramente, baixo supervisión, o proceso de limpeza profunda.

1.2. Contidos básicos.

Microorganismos:

-Concepto e tipos de microorganismos.

-Microorganismos patóxenos e parasitos que se poden transmitir na prestación de servizos en centros de beleza.

-Medios de transmisión e medidas de prevención.

Condicións hixiénico-sanitarias:

-Conceptos de limpeza, desinfección, esterilización e asepsia.

-Métodos físicos e químicos de desinfección e de esterilización.

-Limpeza e asepsia de útiles, aparellos e equipamentos empregados en centros de beleza.

-Protocolos de actuación para a limpeza, a desinfección e a esterilización en centros de beleza.

Recepción e preparación da clientela:

-Técnicas de atención á clientela.

-Normas básicas de comunicación nos centros de beleza.

-Ficha de clientela.

-Equipamentos de protección para clientela e para profesionais.

A pel:

-Emulsión epicutánea.

-Tipos de pel.

-Anatomía da cara.

Cosméticos, útiles e aparellos utilizados nunha limpeza de cute:

-Descrición e manexo dos útiles.

-Xeneralidades dos cosméticos.

-Conservación e mantemento.

-Limpeza e desinfección.

-Criterios de selección.

-Normas de utilización e seguranza de aparellos eléctricos utilizados na limpeza de cute.

Avaliación e control de calidade no proceso de limpeza de cute:

-Parámetros que definen a calidade do servizo de hixiene profunda da pel.

-Grao de satisfacción da clientela.

-Valoración dos resultados obtidos.

1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para levar a cabo as funcións de preparación das instalacións e de control de existencias, así como a atención á clientela no ámbito da estética.

A definición destas funcións abrangue aspectos como:

-Identificación de materiais e produtos de estética.

-Control do almacén.

-Atención á clientela.

-Hixienización das instalacións.

-Atención aos aspectos persoal e profesional.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Aplicación de técnicas de preparación e desinfección de instalacións.

-Identificación de materiais e produtos de estética.

-Supostos prácticos de atención a clientela diversa.

-Aplicación de técnicas de preparación e desinfección de instalacións.

2. Módulo específico: coidados estéticos básicos de uñas.

-Código: ME0025.

-Duración: 93 horas.

2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Observa as características das mans e dos pés da clientela, e recoñece alteracións para aplicar as técnicas máis axeitadas.

-CA1.1. Describíronse as anomalías das uñas que requiren a consulta a persoa técnica responsable.

-CA1.2. Relacionáronse as características morfolóxicas das mans e das uñas para seleccionar a forma final máis adecuada.

-CA1.3. Formuláronse preguntas tipo que sirvan para detectar as demandas e as necesidades que debe cubrir o servizo.

-RA2. Prepara a clientela, os equipamentos e os medios, aplicando técnicas específicas de seguranza e hixiene.

-CA2.1. Describiuse a imaxe que debe presentar o persoal axudante de manicura no relativo ao pelo, á indumentaria, aos accesorios e ás condicións de hixiene.

-CA2.2. Describiuse a posición ergonómica da clientela e do persoal profesional, para realizar as técnicas de manicura e pedicura.

-CA2.3. Enumeráronse os métodos de hixiene e desinfección aplicados nas técnicas estéticas (lavado e métodos físicos e químicos).

-CA2.4. Preparáronse os útiles, os materiais e os produtos aplicando as técnicas de hixiene e desinfección necesarias, en función da súa composición e da súa finalidade.

-CA2.5. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, preparouse a clientela para as técnicas de manicura e pedicura nas condicións necesarias de hixiene e seguranza.

-RA3. Aplica na orde correcta as técnicas básicas de manicura e de arranxo de uñas e cutícula, para o que selecciona os útiles e os cosméticos necesarios.

-CA3.1. Describíronse as fases dos procesos de manicura e pedicura, e indicáronse as operacións técnicas que se realizan en cada unha.

-CA3.2. Relacionáronse os cosméticos, os útiles e os materiais coas técnicas que se realizan na manicura e nos coidados estéticos das uñas dos pés.

-CA3.3. Preparouse e protexeuse a clientela en función do servizo que se vaia realizar.

-CA3.4. Nun caso práctico de manicura e pedicura:

-Seleccionáronse e preparáronse os produtos e os útiles necesarios.

-Realizáronse as técnicas de desmaquillaxe, limadura e acondicionamento de cutículas, en función das características das uñas e do servizo solicitado.

-Realizáronse as manobras de masaxe seguindo a orde establecida.

-RA4. Efectúa técnicas de puimento e maquillaxe de uñas, avalía os resultados do servizo e, en caso necesario, propón as medidas oportunas.

-CA4.1. Realizáronse técnicas de puimento de uñas utilizando os útiles e os produtos específicos (cosméticos, baetas, limas, etc.), respectando as características das uñas.

-CA4.2. Describíronse as técnicas para limpar a lámina ungueal de restos de produtos antes do puimento ou da maquillaxe.

-CA4.3. Explicáronse os criterios de selección da cor do esmalte en relación coa cor da roupa e do colorete, así como a morfoloxía da uña e da man, para crear a harmonía axeitada.

-CA4.4. Seleccionouse a técnica específica e aplicáronse cosméticos decorativos sobre as uñas, con tres pinceladas e dúas capas, para conseguir un resultado uniforme.

-CA4.5. Realizáronse preguntas tipo que permitan coñecer o grao de satisfacción da clientela respecto ao resultado do servizo e á atención persoal.

-CA4.6. Enumeráronse as causas de tipo técnico e de atención á clientela que poden ser motivo de insatisfacción da clientela.

2.2. Contidos básicos.

Mans e uñas:

-Morfoloxía das mans e das uñas.

-Estrutura e funcións.

-Alteracións máis comúns das uñas.

Útiles e cosméticos utilizados en manicura e pedicura:

-Descrición e manexo dos útiles.

-Xeneralidades dos cosméticos.

-Conservación e mantemento.

-Limpeza e desinfección.

-Criterios de selección.

Organización do servizo:

-Indumentaria do persoal profesional.

-Medidas de protección persoal da clientela.

-Acomodación da clientela.

-Preparación do lugar de traballo.

Proceso de manicura e pedicura:

-Observación do estado da pel e das uñas para detectar alteracións.

-Técnica de desmaquillaxe de uñas.

-Arranxo e forma: técnicas de corte de uñas das mans e dos pés, de limadura e puimento das uñas, e de acondicionamento e retirada de cutículas.

-Manobras de masaxe: efectos e secuencias.

-Técnica de maquillaxe de uñas.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de manicura e pedicura, con preparación dos utensilios, os produtos e os aparellos implicados.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Recoñecemento das características e das aplicacións dos produtos cosméticos de coidados de uñas.

-Hixienización e preparación de equipamentos e de utensilios.

-Aplicación de técnicas de manicura e de pedicura.

-Realización de masaxes das mans e dos pés.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Desenvolvemento de técnicas de hixiene e seguranza nos procesos de manicura e pedicura.

-Recoñecemento das anomalías máis salientables.

-Realización de masaxes das mans e dos pés.

-Aplicación de técnicas de manicura e pedicura.

3. Módulo específico: depilación mecánica e descoloración da peluxe.

-Código: ME0026.

-Duración: 93 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Analiza as características do pelo e da zona, e selecciona a técnica de depilación ou descoloración máis axeitada.

-CA1.1. Describíronse os efectos da depilación mecánica mediante extracción da peluxe con pinzas ou con cera, e da descoloración da peluxe, e explicáronse as vantaxes e os inconvenientes de ambos os procesos.

-CA1.2. Describiuse a estrutura e as características morfolóxicas da peluxe.

-CA1.4. Describíronse as vantaxes e os inconvenientes dos produtos depilatorios segundo a súa temperatura de aplicación en mecánica.

-CA1.5. Xustificáronse as causas que determinan a elección da técnica de descoloración ou de depilación mecánica.

-CA1.6. Enumeráronse as precaucións e as contraindicacións para aplicar as técnicas de descoloración e de depilación mecánica.

-CA1.7. Explicáronse os criterios que permiten discernir os casos en que se debe derivar a clientela a outro persoal profesional.

-RA2. Selecciona e prepara os cosméticos, o material e os aparellos necesarios para realizar a depilación mecánica e a técnica da descoloración da peluxe facial e corporal, consonte a normativa de prevención de riscos laborais.

-CA2.1. Describíronse os procedementos de limpeza do material e dos aparellos empregados na depilación mecánica e na descoloración.

-CA2.2. Preparáronse os útiles e os materiais necesarios nos procesos de depilación mecánica: espátulas, bandas de papel e toalliñas de celulosa.

-CA2.3. Analizouse o método de preparación dos produtos cosméticos descolorantes e as precaucións para ter en conta.

-CA2.4. Identificáronse os aparellos utilizados na depilación con cera quente, morna e fría, e indicáronse as pautas para a súa correcta utilización e conservación.

-CA2.5. Preparáronse os aparellos e a cera quente e morna nas condicións adecuadas para a súa aplicación en procesos de depilación.

-RA3. Aplica técnicas de preparación e acomodación da clientela en función do servizo demandado de depilación ou descoloración, e proporciona a información necesaria.

-CA3.1. Nun caso práctico de acomodación e preparación dunha persoa para lle realizar un servizo de depilación mecánica ou descoloración.

-Acomodouse a persoa na posición ergonómica conveniente en función da zona que se vaia tratar, e protexeuse a súa indumentaria.

-Seleccionáronse os útiles e os materiais necesarios para a aplicación e a retirada de produtos cosméticos descolorantes ou de cera fría, morna e quente.

-Protexeuse o persoal profesional dos produtos descolorantes e das ceras coa indumentaria e os accesorios necesarios.

-Realizáronse as operacións previas de limpeza e desinfección na zona anatómica que se vaia tratar.

-CA3.2. Formuláronse preguntas concretas para recibir a información necesaria para a realización das fichas de clientela.

-CA3.3. Describiuse como se realiza na persoa a proba de sensibilidade aos produtos cosméticos depilatorios e descolorantes, e marcouse o tempo axeitado de exposición.

-CA3.4. Informouse a persoa dos métodos depilatorios que se poden utilizar e dos seus efectos, as súas indicacións e as súas contraindicacións.

-RA4. Aplica con destreza as técnicas de descoloración da peluxe en función das características da zona, consonte as medidas de seguranza e hixiene adecuadas.

-CA4.1. Realizouse a proba de sensibilidade previa a calquera tratamento de descoloración.

-CA4.2. Enumeráronse as normas para a preparación de produtos de descoloración da peluxe.

-CA4.3. Nun caso práctico de descoloración da peluxe:

-Aplicáronse con destreza os produtos descolorantes sobre a zona que se trate, cun grosor de dous ou tres milímetros.

-Vixiouse o proceso de descoloración e, nos casos necesarios, modificáronse os tempos de exposición en función do resultado.

-Retirouse adecuadamente da zona tratada o cosmético descolorante.

-Aplicáronse os coidados posteriores á descoloración necesarios para calmar a pel e para restituír a emulsión epicutánea.

-RA5. Aplica depilación mecánica facial e corporal con pinzas e con cera, tendo en conta as características da zona e aplicando as medidas de seguranza e de hixiene adecuadas.

-CA5.1. Realizáronse as operacións previas aos procesos de depilación mecánica da peluxe, e de preparación e acondicionamento da pel.

-CA5.2. Describíronse as precaucións que cumpra tomar na aplicación dos procesos de depilación mecánica.

-CA5.3. Preparouse a pel coas medidas axeitadas para realizar procesos de depilación mecánica con cera ou con pinzas.

-CA5.4. Describíronse os efectos da depilación mecánica mediante a extracción do pelo con pinzas, e cumpríronse as normas de seguranza e hixiene necesarias neste proceso.

-CA5.5. Nun caso práctico de depilación mecánica con cera:

-Comprobouse que a temperatura e o grao de viscosidade da cera sexan os adecuados para a súa aplicación.

-Aplicouse a cera en tiras de grosor homoxéneo e en sentido do crecemento da peluxe, retirouse en sentido contrario ao de aplicación sen romper a tira, e logo aplicouse presión sobre a zona.

-En aplicacións de cera morna ou fría, colocouse sobre a zona a banda de tea ou de papel, exerceuse presión coa man e extraeuse a banda a contrapelo.

-En caso necesario, completouse con pinzas a depilación da peluxe residual.

-Elimináronse completamente os restos de cera da zona depilada, e aplicáronse os coidados e os produtos cosméticos adecuados.

-CA5.6. Realizáronse as operacións de limpeza, desinfección e hidratación posteriores á depilación con cera.

-RA6. Avalía os procesos e os resultados nas técnicas de depilación mecánica e de descoloración da peluxe, e recoñece as deficiencias que se produzan para mellorar a prestación do servizo.

-CA6.1. Enumeráronse as causas de tipo técnico e de atención á clientela que poden dar lugar a deficiencias na prestación do servizo de descoloración e depilación.

-CA6.2. Realizáronse preguntas tipo que permitan coñecer o grao de satisfacción da clientela, no relativo ao resultado do servizo e á atención persoal recibida.

-CA6.3. En casos prácticos, debidamente caracterizados, de prestación dos servizos de descoloración e depilación:

-Aplicáronse técnicas para identificar as fases do proceso onde se produciran desviacións sobre o resultado previsto.

-Propuxéronse medidas correctoras das desviacións que se puideran producir.

3.2. Contidos básicos.

O pelo:

-Tipos e características.

-Diferenzas entre cabelo e peluxe.

-Alteracións da peluxe relacionadas coa depilación: hipertricose e hirsutismo.

-Lesións cutáneas relacionadas coa depilación mecánica e a descoloración da peluxe.

Aparellos e útiles empregados en depilación mecánica:

-Pinzas: uso, limpeza, desinfección e esterilización.

-Xeneralidades dos fundidores e do roll-on.

-Normas de utilización e seguranza de aparellos eléctricos utilizados na depilación mecánica.

-Conservación e mantemento.

-Limpeza e desinfección.

Cosméticos para a descoloración da peluxe e a depilación mecánica:

-Criterios para a selección, a manipulación, a aplicación e a conservación de ceras (quentes, frías e mornas), cosméticos retardadores do crecemento da peluxe e cosméticos descolorantes.

-Cosméticos para despois da depilación e da descoloración: limpadores, hidratantes e desconxestivos.

Atención e protección da clientela e do persoal profesional:

-Medidas de protección da clientela, posicións ergonómicas e indumentaria.

-Medidas de protección do persoal profesional, da indumentaria e dos accesorios. Ficha de clientela.

Tratamentos estéticos da cor da peluxe:

-Métodos de descoloración da peluxe facial e corporal.

-Indicacións e contraindicacións.

-Preparación da pel.

-Aplicación do produto.

-Aplicación de métodos para acelerar a descoloración: calor seca.

Técnicas depilatorias físicas:

-Métodos de arranque ou avulsión: pinzas e ceras quentes, mornas e frías.

-Indicacións e contraindicacións de cada tipo de cera.

-Posturas da clientela para a depilación de cada zona corporal.

-Precaucións de uso.

-Seguranza e hixiene.

Seguranza e hixiene nos procesos de descoloración da peluxe e depilación mecánica:

-Medidas de protección do persoal profesional e da clientela que reduzan o risco de aparición de reaccións adversas.

-Seguranza e hixiene na utilización de aparellos eléctricos para os procesos de depilación mecánica.

Avaliación e control de calidade nos procesos de depilación e descoloración:

-Parámetros que definen a calidade dos servizos de depilación e descoloración da peluxe.

-Grao de satisfacción da clientela.

-Valoración dos resultados obtidos.

3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de depilación mecánica e descoloración da peluxe, así como a preparación dos utensilios, os produtos e os aparellos implicados.

A definición destas funcións abrangue aspectos como:

-Recoñecemento das características e da aplicación dos produtos cosméticos utilizados na depilación mecánica e na descoloración da peluxe.

-Hixienización e preparación de equipamentos e utensilios.

-Aplicación de técnicas de depilación quente e morna.

-Aplicación da técnica de descoloración da peluxe.

-Acondicionamento posterior da zona.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Desenvolvemento de técnicas de hixiene e seguranza nos procesos de depilación e de descoloración da peluxe.

-Recoñecemento dos métodos e das técnicas de depilación mecánica.

-Preparación e aplicación de produtos descolorantes.

-Aplicación de técnicas de depilación mecánica da peluxe.

-Aplicación de acondicionadores na zona tratada por cosméticos depiladores e descolorantes.

4. Módulo específico: maquillaxe social.

-Código: ME0027.

-Duración: 93 horas.

4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Selecciona e prepara útiles e cosméticos axeitados para maquillaxe social, e recoñece as súas características e as súas aplicacións.

-CA1.1. Enumeráronse os útiles empregados en maquillaxe e establecéronse normas para a súa limpeza, a súa conservación e o seu uso correctos.

-CA1.2. Preparáronse os cosméticos limpadores ou decorativos que se vaian utilizar e ordenáronse de xeito que faciliten o traballo.

-CA1.3. Describíronse os criterios para a elección dos tons dos produtos cosméticos decorativos, en función dos tons da pel, do pelo, dos ollos e da roupa da clientela.

-CA1.4. Explicouse a influencia que ten a luz na realización da maquillaxe.

-RA2. Prepara a pel do rostro da clientela para a realización de maquillaxe social, con aplicación de técnicas de hixiene e protección.

-CA2.1. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, acomodouse a persoa na posición ergonómica e protexeuse a súa indumentaria para a aplicación de técnicas de desmaquillaxe.

-CA2.2. Nun caso práctico de aplicación de técnicas previas á maquillaxe:

-Realizáronse as operacións técnicas de hixiene superficial do rostro utilizando os produtos cosméticos adecuados, e describíronse as direccións correctas en función da zona: ollos, labios, rostro, pescozo e escote.

-Realizouse a tonificación da pel do rostro e evitouse a zona de orbiculares.

-Aplicouse o cosmético hidratante ou tensor seguindo as normas de utilización de fábrica.

-RA3. Aplica técnicas de maquillaxe consonte as medidas de seguranza e hixiene, para obter o resultado pretendido.

-CA3.1. Describíronse as normas de seguranza e hixiene que se deben aplicar na realización dunha maquillaxe de día.

-CA3.2. Nun caso práctico de maquillaxe de día personalizada:

-Realizáronse as preguntas necesarias para coñecer o estilo da persoa.

-Determinouse a harmonía das cores que se van utilizar.

-Aplicouse axilmente o fondo de maquillaxe adecuado ao tipo de pel, utilizando a técnica específica.

-Aplicáronse os pos soltos ou compactos tendo en conta o tipo de fondo.

-Aplicáronse os cosméticos decorativos de ollos, labios e meixelas, mediante as técnicas adecuadas e manexando destramente os útiles necesarios.

-CA3.3. Formuláronse as preguntas que permitan coñecer o grao de satisfacción da clientela, respecto ao resultado do servizo e á atención persoal recibida.

-RA4. Identifica os procesos e os resultados da maquillaxe de día e aplica as medidas necesarias para a corrección de desviacións.

-CA4.1. Enumeráronse as causas que poden dar lugar a deficiencias na prestación do servizo de maquillaxe, tanto de tipo técnico como de atención persoal á clientela.

-CA4.2. Realizáronse preguntas tipo que permitan coñecer o grao de satisfacción da clientela respecto ao resultado do servizo e á atención persoal recibida.

-CA4.3. Describíronse as medidas máis idóneas para propor correccións das desviacións que se puideran producir na prestación do servizo.

4.2. Contidos básicos.

Tipos e características morfofisiolóxicas da clientela:

-Tipo de pel.

-Cor da pel.

-Tipos de óvalos.

-Tipos de frontes, queixos, ollos, beizos e pescozos.

-Tipo de silueta.

Harmonías de cor:

-Harmonía e contraste.

-Cores cálidas e frías.

-Táboa orientadora de harmonías.

Equipamento de maquillaxe:

-Útiles e materiais.

-Cosméticos decorativos.

-Cosméticos de hixiene e hidratación.

-Produtos de limpeza e desinfección.

Métodos de aplicación de produtos cosméticos decorativos:

-Batido.

-Delineado.

-Perfilado.

-Esfumado.

-Outros métodos.

Procesos de maquillaxe:

-Técnica de desmaquillaxe e limpeza superficial da pel.

-Técnica de aplicación do fondo de maquillaxe.

-Técnica da maquillaxe de ollos.

-Técnica da maquillaxe de labios.

-Técnica de aplicación de colorete e pos faciais.

4.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realización de maquillaxe de día sen aplicación de próteses.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Recoñecemento das características e das aplicacións dos produtos cosméticos utilizados na maquillaxe.

-Hixienización e preparación de equipamentos e utensilios.

-Realización de técnicas de hixiene e protección da pel.

-Aplicación de técnicas de maquillaxe social.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Desenvolvemento de técnicas de hixiene e seguranza nos procesos de maquillaxe.

-Recoñecemento dos métodos e das técnicas de maquillaxe social.

-Desenvolvemento de esbozos e técnicas de debuxo rápido.

-Experimentación coa cor como linguaxe artística.

-Aplicación de técnicas de maquillaxe social.

5. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0028.

-Duración: 160 horas.

5.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

-RA1. Realiza actividades básicas de recepción, almacenaxe e conservación de material de estética, identifica as súas características e aplica os procedementos consonte as instrucións recibidas.

-CA1.1. Interpretáronse as instrucións recibidas e identificouse a documentación asociada aos procesos de recepción de mercadorías.

-CA1.2. Identificouse a adecuación cualitativa e cuantitativa das mercadorías recibidas respecto ás solicitadas, conforme instrucións ou procedementos establecidos.

-CA1.3. Comunicáronse nun tempo adecuado e na forma indicada as desviacións e as anomalías detectadas no proceso de recepción.

-CA1.4. Aplicáronse correctamente os criterios axeitados para realizar as operacións de almacenaxe, tendo en conta instrucións e normas establecidas.

-CA1.5. Clasificáronse as mercadorías seguindo as condicións adecuadas de conservación e seguranza laboral.

-CA1.6. Controlouse a data de caducidade das existencias.

-CA1.7. Mantívose o almacén en condicións adecuadas de orde e limpeza.

-RA2. Participa na limpeza, na desinfección e na preparación dos equipamentos e do lugar de traballo, así como en actividades de control de axenda, recepción e atención da clientela no salón de beleza, tendo en conta a relación entre as normas de comportamento e a calidade do servizo prestado.

-CA2.1. Realizouse correctamente a hixienización e a desinfección das superficies e da moblaxe.

-CA2.2. Preparouse adecuadamente o ámbito de traballo en relación co servizo que se vaia realizar e interpretáronse os procedementos específicos da empresa.

-CA2.3. Preparáronse os utensilios, os accesorios e os aparellos axeitados para cada técnica.

-CA2.4. Adaptouse a imaxe persoal á imaxe da empresa, conforme os seus requisitos de indumentaria laboral e de limpeza.

-CA2.5. Rexistráronse correctamente citas dos servizos que se prestan, seguindo os criterios establecidos.

-CA2.6. Recibiuse a clientela cun trato amable e educado.

-CA2.7. Acomodouse e protexeuse a clientela en función da técnica estética que se lle vaia aplicar e das indicacións recibidas.

-CA2.8. Solicitouse adecuadamente a información necesaria para a reflectir no expediente de cliente.

-CA2.9. Recolleuse a opinión da clientela para relacionar a súa satisfacción coa calidade do servizo aplicado.

-CA2.10. Realizouse a recollida selectiva dos produtos de refugallo xerados, e recoñecéronse as normas hixiénico-sanitarias de obrigado cumprimento que se recollen na normativa, así como as específicas da empresa.

-RA3. Realiza as técnicas básicas de hixiene facial, tras un diagnóstico do tipo e do estado da pel, segundo as indicacións do persoal profesional supervisor.

-CA3.1. Acomodouse e protexeuse a persoa que demanda o servizo de hixiene facial de acordo cos parámetros de hixiene e seguranza establecidos.

-CA3.2. Presentouse unha imaxe axeitada do persoal profesional no relativo ao seu pelo, aos accesorios persoais e á indumentaria laboral, e asumíronse os criterios da empresa para aplicar as fases do proceso de hixiene facial.

-CA3.3. Valorouse o estado da pel e seleccionáronse os aparellos, os útiles e os cosméticos axeitados, así como as manobras de masaxe facial para a prestación do servizo.

-CA3.4. Rexistráronse nas fichas os datos necesarios e salientables da clientela para mellorar a prestación do servizo.

-CA3.5. Aplicáronse as fases do proceso de hixiene facial profunda tendo en conta:

-Manobras de manipulación correctas dos aparellos eléctricos.

-Técnicas de masaxe (afloracións, friccións, amasamentos, etc.) e secuencia das manobras da masaxe coa presión, a dirección e o ritmo axeitados.

-Reaccións dos cosméticos na pel e necesidades que poidan xurdir.

-Tempos de exposición recomendados e efectos de cada cosmético empregado nos procesos de hixiene.

-Acondicionamento final do proceso e recomendacións sobre os coidados que se deban seguir.

-CA3.6. Valorouse a calidade da prestación do servizo para detectar posibles melloras.

-RA4. Aplica baixo supervisión técnicas básicas de manicura, pedicura, depilación e descoloración da peluxe, tendo en conta a relación entre a técnica seleccionada e os resultados finais, e recoñece o efecto dos produtos utilizados.

-CA4.1. Identificáronse e interpretáronse os procedementos específicos da empresa para a realización de manicura, pedicura e depilación ou descoloración da peluxe.

-CA4.2. Identificáronse e relacionáronse as fases e os modos de operar previos ao desenvolvemento das técnicas, atendendo a instrucións e normas establecidas.

-CA4.3. Verificouse a dispoñibilidade dos elementos necesarios previamente ao desenvolvemento das técnicas estéticas que se vaian realizar.

-CA4.4. Preparouse e protexeuse a clientela seguindo instrucións e procedementos establecidos na empresa.

-CA4.5. Aplicáronse as técnicas estéticas baixo supervisión e seguindo instrucións e procedementos establecidos, e seguíronse con dilixencia as instrucións recibidas.

-CA4.6. Mantívose o lugar de traballo limpo e ordenado durante todo o proceso.

-CA4.7. Describiuse a posición ergonómica da clientela e do persoal profesional para a realización de cada servizo estético.

-CA4.8. Realizáronse todas as operacións tendo en conta a normativa hixiénico-sanitaria, de seguranza laboral e de protección ambiental.

-CA4.9. Completouse o proceso no tempo requirido e indicado pola empresa.

-RA5. Prepara a pel aplicando técnicas de limpeza e protección, prepara o equipamento e aplica maquillaxes sociais ou de fantasía sen próteses, para o que determina a harmonía estética e cromática, en relación coas necesidades da clientela e tendo en conta o momento e a circunstancia en que se vaian lucir.

-CA5.1. Preparouse adecuadamente a pel para o desenvolvemento das técnicas de maquillaxe, seguindo os criterios establecidos pola empresa.

-CA5.2. Identificáronse e seleccionáronse os cosméticos segundo as instrucións recibidas, tendo en conta a relación entre as súas características e a técnica de maquillaxe que se vaia realizar.

-CA5.3. Valorouse a responsabilidade asociada ás actividades profesionais da persoa maquilladora, tendo en conta as indicacións recibidas para favorecer a protección da clientela e a aplicación das normas de seguranza e hixiene.

-CA5.4. Describiuse a posición ergonómica da clientela e das persoas profesionais para realizar maquillaxes.

-CA5.5. Aplicáronse correctamente cosméticos decorativos, baixo supervisión e coas indicacións da persoa responsable.

-CA5.6. Realizouse a limpeza dos útiles cos produtos indicados e conserváronse en bo estado para o próximo uso.

-CA5.7. Completouse o proceso no tempo requirido e indicado pola empresa.

-RA6. Mantén relacións profesionais adecuadas, actúa con responsabilidade e amosa respecto tanto polos procedementos e as normas da empresa como polo resto de membros do equipo.

-CA6.1. Recoñecéronse e interpretáronse os procedementos e as normas da empresa, e amosouse unha actitude de respecto en relación co comportamento interno nela.

-CA6.2. Incorporouse puntualmente ao posto de traballo e non o abandonou sen xustificación antes do establecido.

-CA6.3. Actuouse con dilixencia e responsabilidade ante as instrucións recibidas.

-CA6.4. Mantívose unha comunicación eficaz e respectuosa co resto de membros do equipo.

-CA6.5. Mantívose unha actitude de colaboración e de coordinación co resto de membros do equipo.

CA6.6. Mantívose unha actitude de aprendizaxe e actualización ante observacións realizadas sobre o desempeño das súas funcións.

Ver referencia pdf "15700D002P012.PDF"

Ver referencia pdf "15700D003P023.PDF"