DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 14 de agosto de 2008 Páx. 15.570

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 4 de agosto de 2008 pola que se establecen as regras de desenvolvemento e a convocatoria das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) número 3820/85, do Consello, e a Directiva 91/439/CEE, do Consello, establece unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

A formación obrigatoria dos condutores establécese como algo diferente da que actualmente existe para a obtención dos permisos de condución a que se refire a Directiva 91/439/CEE do Consello, do 29 de xullo de 1991, sobre o permiso de condución, incorporada ao ordenamento interno polo Regulamento xeral de condutores, aprobado polo Real decreto 772/1997, do 30 de maio. A nova formación difire desta última tanto na súa estrutura como no seu contido e destinatarios. Por unha parte, establécese unha cualificación inicial que se debe obter con independencia do permiso de condución e, pola outra, unha formación continua dirixida a manter actualizados os coñecementos inicialmente exixidos. As materias sobre as que se exixen coñecementos afectan fundamentalmente a actividade de transporte a que se dedican profesionalmente estes condutores.

En desenvolvemento destas previsións ditouse o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, que no seu capítulo VI (artigos 14 a 17), e no seu anexo V, recolle a regulación dos exames para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

O artigo 15 do referido Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano, e o órgano competente poderá publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria.

Ademais, cómpre incidir na transparencia destes procesos, razóns que levan á inclusión nesta orde de normas que terá en conta necesariamente o tribunal designado para a súa celebración e avaliación.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Directiva 2003/59/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, e no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Probas que se convocan.

1. Convócanse os procesos selectivos das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As probas correspondentes a cada un dos indicados procesos terán lugar en sábado, domingo ou festivo abranguido entre:

-Primeira convocatoria: entre o 3 e o 19 de outubro de 2008.

-Segunda convocatoria: entre o 28 de novembro e o 14 de decembro de 2008.

3. Por medio de resolución da Dirección Xeral de Transportes, que será obxecto de publicación na web da Dirección Xeral de Transportes relativa a actividades de formación http://www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/2175, determinaranse as datas exactas e o lugar de cada unha das probas, e recollerase o desenvolvemento de cada unha das convocatorias de exame.

4. Os aspirantes que teñan superados os cursos preceptivos nos 6 meses anteriores á realización dos exames poderán presentarse ás correspondentes convocatorias, realizando o exame relativo á modalidade de transporte de mercadorías ou de viaxeiros, en función do curso previo realizado.

Aqueles condutores que estean habilitados para realizar transportes de mercadorías e amplíen ou modifiquen as súas actividades para efectuar transporte de viaxeiros, unicamente estarán obrigados tanto a asistir á parte do curso relacionada cos obxectivos 1.4, 1.5, 2.2 e 3.7 da sección 2ª do anexo I do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, como a realizar aquela parte do exame que se refira a tales obxectivos.

Igualmente, aqueles condutores que estean habilitados para realizar transportes de viaxeiros, e amplíen ou modifiquen as súas actividades para efectuar transporte de mercadorías, unicamente estarán obrigados tanto a asistir á parte do curso relacionada cos obxectivos 1.4, 2.2 y 3.7 da sección 1ª do anexo I do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, como a realizar aquela parte do exame que se refira a tales obxectivos.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

É un requisito imprescindible para poder participar nas probas de cualificación inicial ter realizado e superado o curso de formación correspondente nos 6 meses inmediatamente anteriores á data de realización do exame, para o cal, finalizado este, e con efectos do día da súa finalización, o director docente do centro que o impartise expedirá a cada alumno que o seguise con aproveitamento un certificado acreditativo de ter realizado a formación teórica e práctica exixidas sobre as materias obxecto de curso e, simultaneamente, comunicará por vía telemática ao órgano competente a finalización do curso e a listaxe de todos os alumnos que o superasen, identificados polo seu nome e apelidos e número de documento nacional de identidade ou, de ser o caso, do número de identificación de estranxeiro.

Recibida a devandita comunicación, o órgano competente procederá a anotar na sección correspondente do Rexistro xeral de transportistas e de actividades auxiliares e complementarias do transporte, a realización do curso de que se trate por parte dos correspondentes condutores.

Exíxese tamén, para poder participar nas probas de cualificación inicial, que os aspirantes teñan residencia habitual en Galicia con independencia do lugar en que realizaran o curso preceptivo.

Para tales efectos, presumirase que a residencia habitual do aspirante se atopa no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

-Que o aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano contado dende a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios;

-Que o aspirante acredite que, sen cumprir o requisito da alínea anterior, se viu obrigado por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.

Terceira.-Solicitudes.

1. A comunicación telemática realizada polos directores dos respectivos centros docentes, coa listaxe de todos os alumnos que superaron o correspondente curso e que aboaron a taxa, será considerada a solicitude para tomar parte nas probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional.

No suposto de que os alumnos presentados non superasen a devandita proba e desexen presentarse nas seguintes convocatorias que se celebren dentro do prazo dos 6 meses posteriores á superación do curso, deberán presentar novas solicitudes, ou ben a través dos centros, ou ben directamente, e poderanse formular: a) por vía telemática; b) no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Transportes (praza de Europa 5A, 2º andar. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela); ou c) por algún dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes que se presenten, se é o caso, nas oficinas de correos, deberán ir en sobre aberto para ser seladas e datadas polo funcionario correspondente antes de seren certificadas.

Todas as comunicacións recibidas dentro do prazo de inscrición a exame de cada convocatoria, de conformidade co previsto na base cuarta desta orde, darán dereito á realización do correspondente exame.

2. En todo caso, xunto coas solicitudes deberase achegar o impreso de taxa de autoliquidación, de conformidade co previsto na base quinta da presente orde.

As solicitudes presentadas a través de rexistro deberán formularse no modelo normalizado que se recolle como anexo I desta orde, e os interesados poderán a el no enderezo web http://www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/2175.

3. Os prazos de presentación das solicitudes establécense do seguinte xeito:

-Primeira convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 20 de agosto ao 10 de setembro, ambos inclusive.

-Segunda convocatoria: abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 10 ao 31 de outubro, ambos inclusive.

A non presentación da solicitude e o pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión do aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio nel.

Cuarta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co título VI da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, e coa Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para acceder ás presentes convocatorias deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade de vinte euros con noventa e oito céntimos (20,98 €), por cada unha das actividades mencionadas a que cada interesado se presente, e por cada convocatoria.

2. O ingreso da/s taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia; para tal fin, terán que se empregar os impresos de autoliquidación oficiais, que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ou da Dirección Xeral de Transportes, nos servizos provinciais de Transportes, ou nas delegacións provinciais da consellería.

Os impresos de autoliquidación cubriranse indicando os seguintes códigos:

-Consellería de: PTOPT: Código: 06.

-Delegación de: SS.CC.: Código: 13.

-Servizo de: Transportes: Código: 02.

-Denominación: Obtención da aptitude profesional acreditativa da cualificación inicial; Código: 31 01 17.

Quinta.-Admisión de aspirantes.

a) A relación de aspirantes admitidos en cada convocatoria publicarase na web sinalada e no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Transportes cun mínimo de 10 días naturais antes da data de realización do exame.

b) Os dereitos de exame devolveránselles aos solicitantes excluídos das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación na web e no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Transportes, da resolución citada no punto anterior, empregando para o efecto o modelo que figura nesta resolución como anexo II.

Sexta.-Desenvolvemento das probas.

1. Xunto coa listaxe de admitidos da base anterior, o tribunal publicará a data e a hora de celebración do exame, así como as instrucións de funcionamento e desenvolvemento da proba, coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade.

2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído das probas quen non compareza.

3. Os aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa non admisión á realización das probas. Recoméndase igualmente que concorran provistos dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

Sétima.-Estrutura e cualificación dos exercicios.

1. Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento, serán os establecidos no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, pola que se regulan estas probas.

2. O exame constará de 100 preguntas tipo «test», cada unha das cales constará de catro respostas alternativas, sobre o contido das materias incluídas na sección 1ª ou 2ª da alínea A) do anexo I; segundo a clase de permisos de condución a que se refira; 25 de tales preguntas estarán referidas aos obxectivos 1.4, 2.2 e 3.7 cando o programa do exame sexa o contido na sección 1ª do anexo I, e aos obxectivos 1.4, 2.2 e 3.7 cando o programa do exame sexa o contido na sección 2ª do anexo I.

3. O exame incluirá, en todo caso, polo menos unha pregunta relativa a cada un dos obxectivos enumerados na sección correspondente da alínea A) do anexo I.

4. O tempo para a realización do exame non será inferior a 2 horas.

5. As respostas correctas valoraranse con 1 punto e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. As preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

6. Para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.

Oitava.-Tribunal.

O tribunal das probas estará formado por cinco membros: o presidente, tres vogais e o secretario, que actuará con voz e voto, designándose membros suplentes dos anteriores.

O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Transportes:

Presidente: Antón García Río.

Presidente suplente: Xosé Lluis Fernández Suárez.

Vogais:

María del Mar Estévez Mosquera.

María Elena Nimo Mayo.

Rodrigo López Asorey.

Vogais suplentes:

David Conde Varela.

Fidel Juan González Deus.

Alfonso Tenorio Aranguren.

Secretario: Pablo Amenedo Bermúdez.

Secretario suplente: Marina Cid Dopazo.

2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

3. O secretario do tribunal elaborará un modelo harmonizado e continuado de acta en que recollerá a lista das sesións realizadas e un resumo do contido destas. O referido modelo autorizarase coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

4. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que os restantes participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, os aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, deberán indicalo expresamente na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecido polo órgano competente, e xuntando á solicitude os documentos xustificativos desta circunstancia. Así mesmo, deberán incorporar á solicitude un escrito motivado indicando as adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

5. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

6. Para os efectos de cualificación, e de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualificarase o tribunal como de categoría primeira.

Décima.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Transportes, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.cptopt.xunta.es).

b) Correo electrónico: ordenacion.transportes@xunta.es.

Disposición derradeira

Contra esta orde pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de 2 meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, pola que se regula a xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

Ver referencia pdf "15700D001P006.PDF"

-Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada.

-Orde do 4 de agosto de 2008 pola que se establecen regras de desenvolvemento e a convocatoria das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

Ver referencia pdf "15700D001P006.PDF"

-Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada.

-Orde do 4 de agosto de 2008 pola que se establecen regras de desenvolvemento e a convocatoria das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.