DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 13 de agosto de 2008 Páx. 15.529

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 21 de xullo de 2008 pola que se acorda a cesión en uso dunha embarcación á confraría de pescadores de Malpica de Bergantiños.

O Decreto 500/2005, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, dispón que esta é o órgano da Administración ao que lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de Autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

Por outra banda, a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, defíneas como corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade para obrar para o cumprimento dos fins e exercicio das funcións que lles estean encomendadas, que actuán como órganos de consulta e colaboración coas administracións na promoción do sector pesqueiro, e están suxeitas á tutela da Administración pública galega, exercida a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Dentro das súas funcións correspóndelles xestionar as áreas da zona marítima e marítimo-terrestre que lles foron confiadas mediante o correspondente título administrativo habilitante e xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos por calquera das administracións públicas para o cumprimento dos seus fins.

No marco do réxime legal regulador das relacións entre as administracións e as corporacións de dereito público, e logo de petición da Confraría de Pescadores de Malpica de Bergantiños, cómpre cederlle á devandita confraría o uso da embarcación adscrita a esta consellería, para ser destinada a fins de utilidade pública e de interese social.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en uso á confraría de pescadores de Malpica de Bergantiños da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Peña Forcada.

Ano de construción: 1991.

Modelo: Rodman 38.012.

Casco: P.R.F.V.

Motores: 2, marca Man diesel, modelos D-0826 LE de 240 CV cada un con numeración 1608426588C301-1608553596C301.

Dimensións: eslora 11,00 metros; manga 3,90 metros e puntal 1,58 metros.

Total (R.B.) 10,45 TRB.

Matrícula VI-5; folio 11-91; lista 8ª; ano de inscrición 1991; distintivo EB-3223.

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido polos artigos 35 bis, da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, a confraría cesionaria destinará o ben cedido a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

b) A cesión, en uso, outorgarase polo prazo de cinco anos, contados a partir da súa formalización, sendo prorrogable por períodos sucesivos de igual duración, sempre que exista acordo expreso desta consellería, despois da petición formulada pola confraría cesionaria con anterioridade ao vencemento do periodo anterior, quedando excluída a tácita recondución.

c) A confraría cesionaria farase cargo dos gastos necesarios para a reparación e posta en funcionamento do dito ben, realizando tamén todas as reparacións que sexan necesarias para mantelo en bo estado de uso, sen que no momento da súa devolución á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poida esta ser compelida á satisfacción dos gastos realizados por ningún destes conceptos.

d) Tanto se o ben cedido non se aplicase aos fins sinalados como se se descoidase ou se utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

e) A confraría cesionaria responderá do valor do ben cedido no caso de destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que se puidesen ocasionar, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

Artigo 3º

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue e o órgano competente da Confraría de Pescadores de Malpica de Bergantiños, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da secretaría xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Segunda.-Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos