DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 12 de agosto de 2008 Páx. 15.340

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de producións agrícolas en Galicia.

O Real decreto 1228/2006, do 27 de outubro de 2006, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de actividades auxiliares en agricultura, pertencente á familia profesional agraria, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de producións agrícolas en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de producións agrícolas queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: producións agrícolas.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: agraria.

Terceiro.-Competencia xeral.

Executar operacións auxiliares en cultivos agrícolas seguindo instrucións de superiores ou o plan de traballo, e cumprindo as medidas de prevención de riscos laborais, calidade e protección ambiental.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan deseguido:

a) Preparar unha pequena superficie do terreo, manualmente ou con axuda de maquinaria sinxela, e adecuala para a implantación de cultivos.

b) Instalar pequenas infraestruturas de protección de cultivos, manualmente ou con axuda de maquinaria sinxela.

c) Sementar nunha pequena superficie de terreo, no momento adecuado e coa profundidade axeitada para cada tipo de semente.

d) Preparar alcouves no invernadoiro, dependendo do cultivo, e realizar as correspondentes operacións auxiliares de reprodución e propagación.

e) Plantar ou transplantar cultivos distribuídos sobre o terreo, consonte as súas especificacións.

f) Regar o cultivo, manualmente ou accionando mecanismos sinxelos, para satisfacer as súas necesidades hídricas.

g) Fertilizar os cultivos manualmente para satisfacer as súas necesidades e evitar carencias nutritivas.

h) Aplicar ao cultivo tratamentos fitosanitarios na dose e no momento indicados, para manter a sanidade das plantas.

i) Realizar operacións culturais de mantemento do solo e do cultivo con ferramenta e con pequena maquinaria.

j) Recoller os produtos e os subprodutos agrícolas no momento indicado e coas técnicas adecuadas para cada tipo de produto.

k) Preparar materias primas agrarias e/ou agroalimentarias, atendendo ás súas características, para a súa posterior transformación e o seu acondicionamento.

l) Realizar operacións auxiliares de mantemento de equipamentos e instalacións, con garantía do seu funcionamento e da súa hixiene.

m) Cumprir as especificacións establecidas no plan de prevención de riscos laborais, para detectar e previr os riscos asociados ao posto de traballo.

n) Aplicar as medidas de protección para reducir o impacto ambiental na actividade propia.

o) Manter unhas adecuadas relacións profesionais no ambiente de traballo, traballando en equipo cun espírito de colaboración.

p) Actuar con confianza na propia capacidade profesional e prestar atención ás innovacións que dentro do sector se produzan e fomenten o seu desenvolvemento profesional.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Actividades auxiliares en agricultura, AGA163_1 (Real decreto 1228/2006), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

-UC0517_1: realizar operacións auxiliares para a preparación do terreo, a sementeira e a plantación de cultivos agrícolas.

-UC0518_1: realizar operacións auxiliares para a rega, a fertilización e a aplicación de tratamentos en cultivos agrícolas.

-UC0519_1: realizar operacións auxiliares nos coidados culturais e de colleita de cultivos, e no mantemento das instalacións en explotacións agrícolas.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional. Desenvolve a súa actividade profesional na área de produción en empresas grandes, medianas e pequenas, tanto públicas (no ámbito das administracións local, autonómica e estatal) como privadas (dedicadas ao cultivo agrícola). Así mesmo, ten capacitación para realizar tratamentos praguicidas a nivel básico, segundo a actividade regulada pola normativa correspondente.

2. Sectores produtivos. Localízase no sector agrario, dentro do subsector agrícola, nas actividades produtivas de explotacións agrícolas, extensivas, hortícolas, frutícolas, de cultivos herbáceos e de flor cortada.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

-Peón agrícola.

-Peón agropecuario.

-Peón en horticultura.

-Peón en fruticultura.

-Peón en cultivos herbáceos.

-Peón en cultivos de flor cortada.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan deseguido:

-ME0033. Operacións auxiliares de preparación do terreo, plantación e sementeira de cultivos agrícolas.

-ME0034. Operacións auxiliares de rega, fertilización e control da sanidade en cultivos agrícolas.

-ME0035. Operacións auxiliares nos cultivos e de mantemento de instalacións en explotacións agrícolas.

-ME0036. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non é preciso que os espazos formativos identificados se diferencien mediante cerramentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Esta resolución entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: operacións auxiliares de preparación do terreo, plantación e sementeira de cultivos agrícolas.

-Código: ME0033.

-Duración: 140 horas.

1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Define os tipos de solos, de emendas e de fertilizantes, describe as operacións de preparación do terreo e realízaas nun caso práctico conforme as técnicas e os medios adecuados, aplicando as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa de protección ambiental.

-CA1.1. Describíronse os sistemas de roza e limpeza adecuados para cada caso.

-CA1.2. Distinguíronse os tipos de solos ou substratos.

-CA1.3. Diferenciáronse os tipos de emendas e fertilizantes, e o seu método de aplicación.

-CA1.4. Describíronse os labores de preparación do terreo segundo o obxectivo establecido.

-CA1.5. Describíronse as ferramentas, as instalacións, a maquinaria e os equipamentos utilizados, así como as súas necesidades de mantemento.

-CA1.6. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais en relación coas operacións auxiliares no acondicionamento do terreo do medio de cultivo.

-CA1.7. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de preparación dun solo con pequena maquinaria:

Realizáronse operacións de limpeza, desentulla e roza.

Realizáronse as operacións de preparación do terreo necesarias para o cultivo que se estableza.

Incorporouse a fertilización orgánica e mineral segundo as necesidades do cultivo.

Utilizáronse correctamente os equipamentos, a maquinaria e os materiais adecuados para as operacións a realizar.

Limpáronse e ordenáronse as instalacións, a maquinaria, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizouse o seu mantemento básico.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas ambientais e de prevención de riscos laborais, cunha utilización correcta dos equipamentos individuais e xerais de protección.

* RA2. Describe os elementos e os sistemas de protección e de abeiro de cultivos, e efectúa os traballos básicos para a instalación de infraestruturas, cos medios apropiados e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

-CA2.1. Identificáronse os elementos das infraestruturas sinxelas nunha explotación agraria.

-CA2.2. Describíronse os traballos de instalación de infraestruturas sinxelas para a protección de cultivos.

-CA2.3. Identificáronse os materiais de construción nas infraestruturas.

-CA2.4. Describíronse os labores de limpeza e mantemento básico da maquinaria, as instalacións, as ferramentas e os equipamentos utilizados.

-CA2.5. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais relacionadas coas operacións auxiliares na instalación de infraestruturas, con especial atención á xeración e á xestión de residuos.

-CA2.6. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de construción e instalación de infraestruturas básicas necesarias para a implantación do cultivo:

Realizáronse as gabias e os foxos necesarios, manualmente ou utilizando pequena maquinaria.

Descargáronse e colocáronse correctamente os materiais para a instalación de umbráculos, túneles, acolchados, viveiros, invernadoiros, sistemas de rega e outras infraestruturas.

Executáronse os traballos seguindo unha sucesión adecuada de tarefas.

Limpáronse e ordenáronse as instalacións, a maquinaria, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizouse o seu mantemento básico.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas de protección ambiental e de prevención de riscos laborais, cunha correcta utilización dos equipamentos individuais e xerais de protección.

* RA3. Explica as operacións necesarias para a recepción, o acondicionamento e a conservación do material vexetal, e efectúa a sementeira, o transplante ou a plantación nun caso práctico, utilizando as técnicas e os medios acaídos en diversos supostos, e aplicando as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

-CA3.1. Describíronse os labores de sementeira.

-CA3.2. Describíronse os labores de transplante.

-CA3.3. Describíronse os labores de plantación.

-CA3.4. Describíronse as formas e os métodos de sementeira e de plantación.

-CA3.5. Describíronse as operacións auxiliares de manexo de reprodución e propagación vexetais.

-CA3.6. Identificáronse as técnicas de preparación, acondicionamento e conservación do material vexetal.

-CA3.7. Describíronse as medidas de limpeza e conservación de instalacións, equipamentos, maquinaria e ferramentas.

-CA3.8. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais relacionadas coas operacións auxiliares na sementeira, o transplante ou a plantación.

-CA3.9. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de sementeira, transplante ou plantación con pequena maquinaria ou manualmente:

Descargáronse correctamente plantas e sementes.

Efectuáronse as operacións necesarias para a preparación e o acondicionamento do material vexetal.

Mantívose a planta ou a semente en condicións adecuadas ata a súa plantación ou sementeira.

Marcouse no terreo a distribución da plantación.

Realizáronse os foxos e os camallóns necesarios.

Preparáronse e manexáronse correctamente os sistemas de sementeira e plantación.

Realizáronse as operacións auxiliares de reprodución e propagación.

Efectuouse a rega e a compactación precisas para o asento.

Distribuíuse a semente uniformemente e á profundidade indicada.

Realizouse a sementeira, o transplante ou a plantación.

Limpáronse, desinfectáronse e ordenáronse as instalacións, a maquinaria, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizouse o seu mantemento básico.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas ambientais e de prevención de riscos laborais, cunha correcta utilización dos equipamentos individuais e xerais de protección.

1.2. Contidos básicos.

Acondicionamento do terreo ou medio de cultivo:

-Tipos de solos. Métodos para a preparación do terreo. Establecemento da secuencia das operacións para preparar o solo. Substratos. Tipos e mesturas. Labores de preparación do solo ou medio de cultivo. Técnicas de fertilización e emendas segundo os cultivos. Coñecemento de equipamentos, ferramentas e pequena maquinaria. Tipos, compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos utilizados no acondicionamento do solo.

Instalación de infraestruturas:

-Umbráculos e tipos de mallas de sombreo. Tipos de invernadoiros, viveiros e túneles. Materiais de cuberta. Tipos de cortaventos. Sistemas de rega. Tipos de acolchados. Tipos, compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos utilizados na instalación de pequenas infraestruturas.

Sementeira, plantación e transplante:

-Características morfolóxicas das plantas. Métodos de preparación, acondicionamento e conservación da semente, da plántula e da planta. Operacións de sementeira, transplante e plantación. Sistemas de plantación e sementeira. Épocas de sementeira. Doses de sementeira. Marcos de plantación. Alcouves: fundamento, bandexas, caixóns e contedores. Labores de reprodución e propagación, utilizando os produtos, as instalacións e os materiais requiridos. Operacións necesarias para a produción e a protección das plantas en viveiros e invernadoiros. Tipos, compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos utilizados na sementeira, no transplante e na plantación de cultivos.

Medidas de prevención de riscos laborais e de protección ambiental en actividades agrícolas:

-Capacidade das persoas para modificaren o medio natural. Conservación do solo mediante boas prácticas agrarias. Cultivos transxénicos.

1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar operacións auxiliares de preparación do terreo, plantación e sementeira de cultivos agrícolas.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Identificación de tipos de solos e substratos.

-Aplicación dos labores preparatorios do solo ou do medio de cultivo.

-Instalación de infraestruturas sinxelas para a protección de cultivos.

-Operacións de sementeira, transplante e plantación.

-Sensibilización ambiental para a realización dunhas boas prácticas agrícolas.

2. Módulo específico: operacións auxiliares de rega, fertilización e control da sanidade en cultivos agrícolas.

-Código: ME0034.

-Duración: 140 horas.

2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Identifica os elementos do sistema de rega, describe as súas condicións de funcionamento, e realiza a rega nun caso práctico utilizando os medios apropiados e aplicando os procedementos establecidos, así como as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

-CA1.1. Identificáronse os compoñentes principais dunha instalación de rega, e describiuse basicamente o seu funcionamento.

-CA1.2. Describiuse o uso óptimo dos elementos de rega manuais e o correcto manexo dos elementos que forman parte de mecanismos sinxelos, de forma que a súa aplicación non ocasione danos ao cultivo nin supoña un uso irresponsable da auga.

-CA1.3. Describíronse os labores de mantemento básico dunha instalación de rega.

-CA1.4. Describíronse os labores de limpeza e conservación das instalacións, as ferramentas e os equipamentos utilizados.

-CA1.5. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais relacionadas coas operacións auxiliares na rega.

-CA1.6. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de rega manual ou accionada por mecanismos sinxelos:

Comprobáronse e comunicáronse as incidencias do funcionamento dos elementos de rega.

Reparáronse as avarías sinxelas e substituíronse eficazmente os elementos deteriorados.

Aplicouse uniformemente a cantidade de auga necesaria nas regas manuais ou, de ser o caso, efectuouse correctamente o accionamento de mecanismos sinxelos.

Limpáronse, desinfectáronse e ordenáronse as instalacións, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizouse o seu mantemento básico.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas ambientais e de prevención de riscos laborais, cunha utilización correcta dos equipamentos individuais e xerais de protección.

* RA2. Especifica os principais tipos de fertilizantes e, nun caso práctico, fertiliza manualmente ou realiza operacións auxiliares de fertilización nunha área de cultivo utilizando os medios axeitados e aplicando os procedementos establecidos, as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

-CA2.1. Identificáronse os tipos de fertilizantes orgánicos e a súa procedencia, e describiuse o proceso de elaboración de compost a partir dos residuos orgánicos do cultivo, así como a súa aplicación.

-CA2.2. Explicáronse as características básicas dos fertilizantes químicos.

-CA2.3. Interpretáronse as etiquetas dos fertilizantes químicos.

-CA2.4. Describíronse os labores de apoio nas operacións de carga e distribución mecanizada de fertilizantes orgánicos e químicos.

-CA2.5. Describíronse as operacións de carga e distribución manual localizada de fertilizantes químicos e orgánicos.

-CA2.6. Detalláronse os labores de limpeza, mantemento e conservación de instalacións, máquinas, ferramentas e equipamentos utilizados na carga, na distribución e no abastecemento de fertilizantes químicos e orgánicos.

-CA2.7. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais relacionadas coas operacións auxiliares na fertilización.

-CA2.8. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de fertilización manual ou operación auxiliar:

Realizouse o abastecemento de fertilizantes utilizando os medios mecánicos correspondentes.

Realizáronse os labores de apoio nas operacións de carga e distribución mecanizada de fertilizantes.

Distribuíuse manualmente o fertilizante na dose e no momento indicados, e de xeito homoxéneo.

Limpáronse, desinfectáronse e ordenáronse as instalacións, as máquinas, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizouse o seu mantemento básico.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas ambientais e de prevención de riscos laborais, cunha utilización correcta dos equipamentos individuais e xerais de protección.

-CA2.9. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de elaboración e aplicación de compost:

Realizouse un composteiro ou a identificación do espazo máis acaído para a elaboración de compost.

Utilizáronse os residuos orgánicos dos cultivos triturados, tendo en conta os equilibrios na relación C/N.

Controláronse as condicións de humidade e temperatura.

Distribuíuse o fertilizante orgánico previamente peneirado.

* RA3. Describe e identifica os principais axentes nocivos para o cultivo, interpreta a información recollida no envase do produto biocida e, nun caso práctico, realiza operacións de preparación e aplicación de produtos segundo as indicacións establecidas, aplicando as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

-CA3.1. Identificáronse os grupos de parasitos que afectan os cultivos.

-CA3.2. Describíronse as características xerais dun produto para tratamento fitosanitario, partindo da información recollida no envase.

-CA3.3. Interpretouse a simboloxía de seguridade dos produtos fitosanitarios.

-CA3.4. Describíronse as operacións de mestura, de preparación do caldo e de aplicación na forma e na proporción establecidas.

-CA3.5. Detalláronse os labores de limpeza, o manexo e o mantemento básico das ferramentas, os equipamentos e as instalacións que se empregan nos tratamentos, segundo o modo de aplicación e o tipo de produto empregado.

-CA3.6. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais relacionadas coas operacións auxiliares na aplicación de tratamentos.

-CA3.7. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de tratamentos do cultivo con pequena maquinaria:

Revisáronse as máquinas e os equipamentos de tratamento utilizados para comprobar que funcionen correctamente.

Realizáronse as operacións de mestura e preparación do caldo na forma e na proporción establecidas.

Aplicáronse uniformemente os tratamentos fitosanitarios, no momento oportuno e co equipamento indicado.

Limpáronse, desinfectáronse, e manexáronse apropiadamente e con orde as instalacións, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizouse o seu mantemento básico.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas ambientais e de prevención de riscos laborais, cunha utilización correcta dos equipamentos individuais e xerais de protección.

2.2. Contidos.

Regas:

-Influencia do medio sobre as necesidades de rega dos cultivos. Climatoloxía básica: meteoros atmosféricos. A auga no solo: comportamento. Sistemas básicos de aplicación de rega: manual, automatizada por goteo e automatizada por aspersión. Instalacións de rega: valvularía e tensiómetros. Práctica da rega: intensidade, duración e momento de aplicación. Sensibilización ambiental. Boas prácticas agrarias no uso da auga. Fertirrega. Lectura. Conservación, reparación sinxela e limpeza do sistema de rega. Tipos, compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos utilizados na rega de cultivos.

Fertilizantes:

-Nutrición das plantas. Fertilizantes orgánicos: tipos, procedencia e características xerais básicas. Fertilizantes sólidos: estercos. Fertilizantes líquidos: xurros. Fertilizantes verdes. O compost e o proceso de compostaxe. Fertilizantes químicos: características xerais básicas. Fertilizantes simples. Fertilizantes compostos. Interpretación de etiquetas: riqueza do fertilizante. Distribución de fertilizantes orgánicos. Características básicas da maquinaria empregada. Remolques. Distribuidores. Cisternas. Labores de apoio en carga e distribución. Distribución manual localizada dos fertilizantes orgánicos. Limpeza e conservación diaria do equipamento, as ferramentas e as instalacións que se empregan na fertilización. Distribución de fertilizantes químicos. Características básicas da maquinaria empregada. Moegas. Distribuidores. Labores de apoio en carga e distribución. Distribución manual localizada dos fertilizantes químicos. Normas de prevención de riscos laborais. Tipos,

compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos utilizados na fertilización de cultivos.

Sanidade das plantas:

-Aspectos xerais sobre a sanidade das plantas. Pragas e enfermidades. Malas herbas. Métodos de control.

-Medios de defensa fitosanitarios. Produtos fitosanitarios: descrición e xeralidades. Perigo dos produtos fitosanitarios e dos seus residuos. Riscos para o persoal aplicador e para o medio derivados da utilización dos produtos fitosanitarios. Intoxicacións e outros efectos sobre a saúde. Primeiros auxilios.

-Aplicación de tratamentos fitosanitarios. Interpretación da etiquetaxe e das fichas de datos de seguranza. Equipamentos de aplicación. Limpeza, mantemento, regulación e revisión dos equipamentos. Nivel de exposición do persoal operario: medidas preventivas e de protección no uso de produtos fitosanitarios. Boas prácticas ambientais. Sensibilización ambiental. Principios da rastrexabilidade. Requisitos en materia de hixiene dos alimentos e dos pensos.

Normativa relacionada con actividades agrícolas:

-Relación entre traballo e saúde: normativa sobre prevención de riscos laborais.

-Protección do medio e eliminación de envases baleiros: normativa específica.

-Normativa que afecta a utilización de produtos fitosanitarios. Infraccións e sancións.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar operacións auxiliares para a rega, a fertilización e o control da sanidade en cultivos agrícolas.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Realización da rega manual ou por mecanismos sinxelos, e o mantemento básico das instalacións de rega.

-Identificación dos principais tipos de fertilizantes e a súa adecuada aplicación.

-Identificación das principais pragas, enfermidades e malas herbas que afectan os cultivos agrícolas, e descrición dos métodos de control.

-Control da sanidade vexetal.

-Aplicación de produtos fitosanitarios: interpretación da etiquetaxe, realización das operacións de mestura e preparación do caldo, manexo e mantemento dos equipamentos empregados na aplicación

-Sensibilización ambiental para a realización dunhas boas prácticas agrícolas.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Sensibilización ambiental para realizar unhas boas prácticas agrícolas na realización da rega e na aplicación de produtos fertilizantes e fitosanitarios.

-Identificación das principais pragas e enfermidades dos cultivos agrícolas.

-Aplicación das técnicas de rega, fertilización e aplicación dos produtos fitosanitarios.

-Emprego e mantemento das principais ferramentas, da maquinaria e das instalacións de rega, e aplicación de fertilizantes e de produtos fitosanitarios.

3. Módulo específico: operacións auxiliares nos cultivos e de mantemento de instalacións en explotacións agrícolas.

-Código: ME0035.

-Duración: 140 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Describe as principais especies cultivadas e as técnicas do seu cultivo e, nun caso práctico, efectúa os labores ou as operacións que cumpra de mantemento do solo e da planta, utilizando os medios apropiados, e aplicando as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

-CA1.1. Recoñecéronse os órganos fundamentais dos vexetais e a súa función.

-CA1.2. Identificáronse as principais especies de plantas cultivadas.

-CA1.3. Identificáronse as principais características e as exixencias das especies utilizadas en explotacións agrícolas.

-CA1.4. Describíronse as operacións culturais rutineiras aplicadas ao solo e á planta realizadas para o mantemento do cultivo en condicións óptimas.

-CA1.5. Describíronse as operacións de manexo xeral das estruturas de protección e abeiro dos cultivos.

-CA1.6. Describíronse as operacións auxiliares de reprodución e propagación.

-CA1.7. Describíronse os labores de limpeza e de mantemento básico das instalacións, das ferramentas e dos equipamentos utilizados.

-CA1.8. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais relacionadas coas operacións auxiliares para o mantemento do solo e das plantas en cultivos agrícolas.

-CA1.9. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de operacións culturais rutineiras:

Realizáronse manualmente ou con pequena maquinaria os labores de mantemento do solo.

Realizáronse manualmente ou con pequenas ferramentas os labores básicos de titoraxe, poda e rareo.

Realizáronse co equipamento adecuado as aplicacións de tratamento foliar, no xeito e no momento establecidos.

Realizáronse as operacións básicas de mantemento das estruturas de protección e abeiro dos cultivos.

Realizáronse as operacións auxiliares de reprodución e propagación.

Limpáronse, desinfectáronse e ordenáronse as instalacións, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizáronse as operacións básicas do seu mantemento.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas ambientais e de prevención de riscos laborais, cunha utilización correcta dos equipamentos individuais e xerais de protección.

* RA2. Define e aplica nun caso práctico as técnicas de colleita, almacenaxe e envasamento dos produtos e dos subprodutos agrícolas, utilizando os medios apropiados e tendo en conta as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

-CA2.1. Describíronse os labores de colleita.

-CA2.2. Describíronse as condicións e as operacións necesarias para o acondicionamento e o transporte de produtos e subprodutos.

-CA2.3. Describíronse as técnicas de envasamento e almacenaxe necesarias para a conservación.

-CA2.4. Describíronse as operacións de manipulación e tratamento de restos vexetais.

-CA2.5. Describíronse os labores de limpeza e mantemento básico das instalacións, das ferramentas e dos equipamentos utilizados.

-CA2.6. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais relacionadas coas operacións auxiliares para a colleita e a conservación de cultivos agrícolas.

-CA2.7. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de colleita e conservación de cultivos:

Recolléronse os cultivos manualmente ou con pequenas ferramentas, seguindo os criterios de calidade recomendados.

Acondicionáronse adecuadamente os produtos e os subprodutos, de xeito que se evite ocasionar danos.

Clasificáronse, envasáronse e almacenáronse os produtos dos cultivos para unha boa conservación.

Realizouse unha manipulación correcta dos restos vexetais e enviáronse ao lugar axeitado.

Limpáronse, desinfectáronse e ordenáronse as instalacións, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizouse o seu mantemento básico.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas ambientais e de prevención de riscos laborais, cunha utilización correcta dos equipamentos individuais e xerais de protección.

* RA3. Especifica os traballos necesarios para o mantemento básico das instalacións e efectúa as operacións requiridas nun caso práctico, utilizando os medios apropiados e tendo en conta as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

-CA3.1. Describíronse os labores de mantemento dunha instalación.

-CA3.2. Identificáronse as características xerais dos produtos de limpeza e hixienización, a partir da información recollida no envase.

-CA3.3. Describíronse as operacións de limpeza, desinfección, desinsectación, desratización, orde e mantemento básico das instalacións.

-CA3.4. Describíronse os labores básicos de limpeza e mantemento das instalacións, dos equipamentos e das ferramentas.

-CA3.5. Definíronse as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais relacionadas coas operacións auxiliares para o mantemento nas instalacións.

-CA3.6. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, de mantemento básico nunha instalación:

Limpouse cos produtos, as ferramentas e os equipamentos adecuados.

Desinfectouse, desinsectouse e desratizouse cos produtos, as ferramentas e os equipamentos adecuados.

Limpáronse, desinfectáronse e ordenáronse as instalacións, as ferramentas e os equipamentos utilizados, e realizouse o seu mantemento básico.

Nas operacións anteriores, aplicáronse as medidas ambientais e de prevención de riscos laborais, cunha correcta utilización dos equipamentos individuais e xerais de protección.

3.2. Contidos.

Operacións culturais:

-Fisioloxía das plantas: desenvolvemento vexetativo, floración e frutificación. Poda. Equipamentos e ferramentas de poda. Principios xerais da poda leñosa, en verde e despuntes. Manexo da calladura e o rareo de froitos. Labores culturais para o mantemento das condicións de cultivo. Rareos manuais. Invernadoiros: tipos de estruturas máis frecuentes e manexo. Plásticos e materiais de cuberta: características. Manexo do solo. Normas ambientais e de prevención de riscos laborais en operacións culturais. Tipos, compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos utilizados nas operacións culturais dos cultivos.

Colleita e conservación de cultivos:

-Proceso de maduración. Maduración fisiolóxica e comercial. Índices de maduración. Colleita manual. Época e momento da colleita: ferramentas e utensilios. Plataformas hidráulicas para invernadoiros. Contedores para a recepción e o transporte. Instalacións de almacenaxe e conservación de colleitas, froitos e hortalizas. Envasamento e manipulación. Sistemas de conservación. Tratamento de residuos. Tipos, compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos utilizados na colleita e na conservación de cultivos. Normas ambientais e de prevención de riscos laborais en colleita e conservación de cultivos.

Mantemento básico en instalacións:

-Elementos de protección persoal e das instalacións. Equipamentos e material de limpeza e desinfección: compoñentes, regulación e mantemento. Equipamentos e material de mantemento básico de instalacións. Desinfección, desinsectación e desratización: clasificación. Métodos de loita. Produtos. Riscos e prevención de accidentes e danos no uso de instalacións agrarias. Preservación do medio no uso de instalacións. Tipos, compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos utilizados no mantemento de instalacións.

Medidas básicas relacionadas de prevención de riscos laborais e de protección ambiental en actividades agrícolas.

3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar operacións auxiliares nos coidados culturais e de colleita de cultivos, e no mantemento das instalacións en explotacións agrícolas.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Realización das operacións culturais rutineiras en solo e planta.

-Colleita, almacenaxe e envasamento dos produtos e subprodutos agrícolas.

-Mantemento básico das instalacións.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Identificación das principais especies cultivadas e recoñecemento das súas exixencias.

-Realización dos labores de mantemento do solo.

-Realización dos coidados culturais: poda, titoraxe e rareo.

-Realización dos labores de colleita.

-Aplicación das técnicas máis adecuadas de transporte, almacenaxe e envasamento dos produtos e subprodutos agrícolas.

-Realización das operacións requiridas para o mantemento básico das instalacións: orde, limpeza, desinfección, desinsectación e desratización.

En caso de que a docencia dos módulos específicos sexa impartida por dous membros do profesorado, é conveniente que sexa a mesma persoa a que imparta este módulo e o de operacións auxiliares de preparación do terreo, plantación e sementeira de cultivos agrícolas.

4. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0036.

-Duración: 160 horas.

4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Efectúa as operacións de preparación do terreo, plantación e sementeira dos cultivos, manexando os equipamentos necesarios e seguindo as especificacións establecidas.

-CA1.1. Comprendéronse as instrucións para a execución do proceso de preparación do terreo, plantación e sementeira de especies vexetais, e leváronse á práctica na orde establecida.

-CA1.2. Realizáronse as operacións necesarias para a correcta limpeza e preparación dos equipamentos e dos útiles.

-CA1.3. Executáronse as operacións de preparación do terreo (roza, limpeza, fertilización e emendas), cun correcto manexo dos equipamentos.

-CA1.4. Colocáronse os materiais para a instalación de umbráculos, túneles, acolchados, invernadoiros, sistema de rega e outras infraestruturas.

-CA1.5. Sementáronse, plantáronse ou transplantáronse materiais vexetais, asegurando a correcta implantación de sementes ou de chantóns.

-CA1.6. Distribuíronse as sementes uniformemente e á profundidade indicada, e realizouse a primeira rega despois da implantación do material.

-CA1.7. Realizáronse repicaxes que garantan a viabilidade das plantas.

-CA1.8. Conseguíronse rendementos axeitados en calidade e no tempo indicado.

-CA1.9. Responsabilizouse do traballo desenvolvido e amosouse iniciativa.

* RA2. Rega, fertiliza e aplica tratamentos fitosanitarios en cultivos agrícolas, prepara os equipamentos e opera conforme os procedementos establecidos.

-CA2.1. Realizáronse as regas de xeito uniforme e coa cantidade de auga necesaria, e manexáronse os mecanismos da rega automática.

-CA2.2. Aplicáronse homoxeneamente os fertilizantes, na dose adecuada e no momento indicado.

-CA2.3. Realizáronse as operacións de mestura, preparación e aplicación de produtos fitosanitarios na forma e na proporción establecidas.

-CA2.4. Verificouse a efectividade dos tratamentos fitosanitarios.

-CA2.5. Manexáronse as máquinas con pulcritude, precisión e seguranza, aplicando os procedementos establecidos e as técnicas adecuadas.

* RA3. Realiza as operacións auxiliares nos coidados culturais e de colleita que precisen os cultivos establecidos, así como os traballos necesarios para o mantemento básico das instalacións.

-CA3.1. Realizáronse as operacións de titoraxe e rareo en función do cultivo de que se trate.

-CA3.2. Realizáronse as operacións de poda do cultivo establecido.

-CA3.3. Realizáronse, en casos necesarios, as operacións auxiliares de reprodución e propagación.

-CA3.4. Recolléronse os cultivos seguindo os criterios de calidade recomendados.

-CA3.5. Acondicionáronse adecuadamente os produtos e os subprodutos.

-CA3.6. Manexáronse as ferramentas e a maquinaria precisas con orde e pulcritude, aplicando os procedementos establecidos e as técnicas adecuadas.

-CA3.7. Describíronse os labores básicos de limpeza e mantemento das instalacións, dos equipamentos e das ferramentas.

* RA4. Actúa consonte as normas de seguranza e prevención de riscos laborais e ambientais.

-CA4.1. Cumpriuse a normativa xeral sobre prevención e seguranza, así como a establecida pola empresa.

-CA4.2. Identificáronse as situacións e os factores de risco presentes no ámbito de actuación no centro de traballo.

-CA4.3. Adoptáronse actitudes relacionadas coa actividade para reducir os riscos laborais e ambientais.

-CA4.4. Empregáronse os equipamentos de protección individual (EPI) establecidos para as operacións.

-CA4.5. Utilizáronse os dispositivos de protección de máquinas, equipamentos e instalacións nas actividades.

-CA4.6. Actuouse segundo o plan de prevención.

-CA4.7. Mantivéronse as zonas de traballo libres de riscos, con orde e limpeza.

-CA4.8. Traballouse con criterios de redución no consumo de enerxía e na xeración de lixo.

* RA5. Actúa de forma responsable e intégrase no sistema de relacións técnico-sociais da empresa.

-CA5.1. Executáronse con dilixencia as instrucións recibidas.

-CA5.2. Responsabilizouse do traballo desenvolvido e comunicouse eficazmente coa persoa adecuada en cada momento.

-CA5.3. Cumpríronse os requisitos e as normas técnicas, demostrouse un bo facer profesional e finalizouse o traballo nun tempo límite razoable.

-CA5.4. Amosouse unha actitude de respecto cara aos procedementos e ás normas establecidas.

-CA5.5. Organizouse o traballo realizado conforme as instrucións e os procedementos establecidos, cumpríronse as tarefas en orde de prioridade e actuouse baixo criterios de seguranza e calidade nas intervencións.

-CA5.6. Coordinouse co resto do persoal na realización das actividades, e informouse de calquera cambio, necesidade salientable ou continxencia.

-CA5.7. Incorporouse puntualmente ao posto de traballo, realizou os descansos instituídos e non abandonou o centro de traballo antes do establecido sen motivos xustificados.

Ver referencia pdf "15500D002P008.PDF"

Ver referencia pdf "15500D003P018.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE