DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 11 de agosto de 2008 Páx. 15.262

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 28 de xullo de 2008 pola que se modifica a do 13 de decembro de 2006, pola que se desenvolve o Plan de recuperación do polbo e se ditan normas para a aprobación de plans zonais.

A Orde do 13 de decembro de 2006 pola que se desenvolve o Plan de recuperación do polbo e se ditan normas para a aprobación de plans zonais, establece as bases da xestión e os contidos mínimos para a elaboración dos plans zonais de explotación no marco do Plan de recuperación do polbo. Concretamente o seu artigo 4 determina o contido mínimo dos plans, entre os que figura o establecemento dun período de veda, topes de captura e un tamaño mínimo para esta especie.

Desde a entrada en vigor do Plan de recuperación do polbo, no ano 2006, levouse a cabo un seguimento específico para este recurso. Este seguimento recomenda buscar unha fórmula máis flexible que permita a súa modificación en función do estado do recurso e as recomendacións técnicas, polo que o tope concreto pode ir establecido dentro dos plans zonais.

Por tal motivo, unha vez oído o sector,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 4º da Orde do 13 de decembro de 2006 pola que se desenvolve o Plan de recuperación do polbo e se ditan normas para a aprobación dos plans zonais, que queda coa seguinte redacción:

Artigo 4º.- Contido mínimo do plan zonal.

1. O plan zonal deberá establecer para a totalidade da zona un período continuado de dous meses de veda para o polbo, comprendidos entre abril e xullo. Para a súa determinación oirase o sector afectado.

Esta veda será de aplicación a todas as embarcacións incluídas no ámbito xeográfico do plan zonal, independentemente das artes que empreguen.

2. Fóra dos períodos de veda, o plan establecerá medidas de xestión para a pesca do polbo, que incluirán como mínimo o establecemento:

a) Dun tamaño mínimo legal, que non poderá ser inferior a 1 kg establecido na Orde do 29 de outubro de 2007, pola que se modifica a do 15 de novembro de 2002, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos.

b) Dun tope máximo de captura.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos