DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 08 de agosto de 2008 Páx. 15.201

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 166/2008, do 24 de xullo, polo que se desafectan do dominio público unhas franxas de terreo de dous inmobles da antiga Cámara Agraria Local de Padrón con motivo da expropiación pola obra do eixe atlántico de alta velocidade.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular de dous inmobles da antiga Cámara Agraria Local de Padrón consonte a disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos de lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

O Ministerio de Fomento comunicou a tramitación de expediente expropiatorio que afecta dous inmobles da antiga Cámara Agraria Local de Padrón.

A Consellería do Medio Rural como departamento que tiña adscrito o inmoble informou favorablemente a desafectación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Franxa de terreo de 216 m2 que forma parte da parcela 422 do plano xeral da zona de concentración parcelaria de Cruces, concello de Padrón, no sitio de Patelo de 665 m2 segundo rexistro e que linda: norte, José Rabuñol Cruces; canle de rego en medio; sur, Ernesto Mariño Rios; leste, camiño; oeste, Rosa Ríos Boquete. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Padrón ao tomo 487, libro 110, folio 84, predio 9.640. Referencia catastral: 15066B503004220000FZ.

2. Franxa de terreo de 1.020 m2 que forma parte do predio 547 do plano xeral da zona de concentración parcelaria de Cruces, concello de Padrón, no sitio de Caldeirona de 1.966 m2 segundo rexistro e que linda: norte, estrada nacional A Coruña-Vigo; sur e leste, zona excluída; oeste, estrada A Coruña-Vigo, que a separa da de Ramón Pardal Crespo, Rosa López Rodríguez e outros propietarios. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Padrón ao tomo 487, libro 110, folio 90, predio 9.646. Referencia catastral: 15066B503005470001GD, 15066B503005470000FS.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda