DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2008 Páx. 15.168

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 30 de xullo de 2008 sobre publicación das sancións por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais e creación dun rexistro de consulta pública.

O artigo 40.2º do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado mediante Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, dispón que en materia de prevención de riscos laborais as sancións impostas por infraccións moi graves, unha vez firmes, se farán públicas na forma que se determine regulamentariamente.

Este desenvolvemento regulamentario prodúcese coa aprobación do Real decreto 597/2007, do 4 de maio, que contén as normas básicas necesarias para a aplicación práctica da publicidade das sancións por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais, se ben algúns aspectos organizativos, lle compete ás comunidades autónomas en execución da competencia de organización das súas institucións de autogoberno que lle atribúe a Constitución española no seu artigo 148.1º.1.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 29.1º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia de execución da lexislación en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servizos que, neste ámbito e a nivel de execución, lle corresponden ao Estado respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección deste.

Esta competencia de execución foi traspasada á comunidade autónoma polo Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de traballo.

Ao abeiro do anterior, e conforme a normativa substantiva, procedemental e orgánica vixente, e a reestruturación orgánica levada a cabo polos decretos 211/2005, do 3 de agosto, 232/2005, do 11 de agosto, e 14/2008, do 7 de febreiro, polos que, respectivamente, se establecen a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, dos departamentos da Xunta de Galicia e da Consellería de Traballo, correspóndelle á Dirección Xeral de Relacións Laborais a dirección, coordinación, control e execución das competencias da comunidade autónoma en materia laboral, seguridade e saúde laboral, cooperativas e entidades de economía social.

Por outra banda, o Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións na materia laboral, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector, establece que o coñecemento das infraccións nestas materias lle corresponderá á Consellería de Traballo, e conforme a distribución competencial establecida neste decreto, en virtude de acta levantada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e mediante a tramitación do correspondente procedemento.

Resulta, polo tanto, preciso unha norma da Comunidade Autónoma galega que execute e desenvolva determinados aspectos do Real decreto 597/2007, do 4 de maio, que fundamentalmente fagan referencia á determinación do órgano competente para ordenar a publicación das sancións, aos medios de publicación destas e á creación do rexistro público en que se inscribirán as sancións impostas por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e en uso das facultades que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, ámbito de aplicación e finalidade.

Esta orde ten por obxecto fixar a competencia, o procedemento e os medios para facer públicas as sancións que por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais impoñan os órganos competentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e a creación do correspondente rexistro.

Artigo 2º.-Competencia e procedemento.

1. Todas as sancións impostas por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez firmes, faranse públicas na forma e mediante os medios previstos nesta orde.

2. O procedemento para facer públicas as sancións impostas por infraccións moi graves iniciarase, de oficio, mediante proposta expresa contida na acta de infracción da Inspección de Traballo e Seguridade Social e a súa publicación farase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo.

3. A Dirección Xeral de Relacións Laborais, tan axiña como teña coñecemento da firmeza dunha sanción imposta por infracción moi grave en materia de prevención de riscos laborais, ditará resolución ordenando a súa publicación no Diario Oficial de Galicia nun prazo non superior a tres meses contado desde a data de adquisición de firmeza do acto.

4. Semestralmente, a Dirección Xeral de Relacións Laborais publicará a través da páxina web da Consellería de Traballo a relación de empresas sancionadas, nos seis meses anteriores.

Artigo 3º.-Contido da publicación.

1. A publicación incluirá os seguintes datos, debendo figurar todos eles na resolución que ordene a publicación:

a) Nome ou razón social da empresa sancionada.

b) Sector de actividade a que se dedica, indicando o número de clasificación da actividade económica de que se trate (CNAE).

c) Número do documento nacional de identidade das persoas físicas ou código de identificación fiscal das persoas xurídicas.

d) Domicilio social.

e) Infracción cometida e precepto legal infrinxido.

f) Sanción económica imposta, incluíndo a súa contía, así como as demais sancións impostas con carácter principal ou accesorio, se as houbese.

e) Data de extensión da acta de infracción.

f) Data en que a sanción adquire firmeza.

2. A publicación non alcanzará as recargas de prestacións económicas do sistema da Seguridade Social que poidan ser fixadas polo órgano competente de conformidade co previsto na normativa reguladora do devandito sistema.

Artigo 4º.-Creación do rexistro público.

1. Créase o Rexistro Público de Empresas Sancionadas por Comisión de Infraccións moi Graves en Materia de Prevención de Riscos Laborais.

2. O rexistro quedará adscrito á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e nel inscribiranse todos os datos que foron obxecto de publicación e sinalados no artigo anterior, ademais da data de publicación da sanción no Diario Oficial de Galicia.

3. A inscrición no rexistro das empresas sancionadas practicaraa de oficio a Dirección Xeral de Relacións Laborais unha vez que teña coñecemento da firmeza da sanción.

4. O rexistro habilitarase en soporte informático, terá carácter de rexistro administrativo e será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia. O contido e acceso a el será público e rexerase polo previsto nesta norma e normativa complementaria. De acordo co artigo 4.1º do Real decreto 597/2007, do 4 de maio, a consulta do rexistro non habilita en ningún caso para o tratamento posterior dos datos ou a súa inclusión nun ficheiro para os efectos previstos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

5. Os datos rexistrais correspondentes ás sancións impostas por infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais cancelaranse aos cinco anos contados desde o día seguinte a aquel en que se publicasen no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional

Desenvolvemento e execución.-Facúltase a Dirección Xeral de Relacións Laborais para cantas actuacións sexan necesarias para a execución e aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo