DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2008 Páx. 15.161

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/2008, do 28 de xullo, galega de medidas tributarias en relación co imposto sobre sucesións e doazóns.

Exposición de motivos

O eixe central no sistema impositivo español, no que atinxe á imposición directa das persoas físicas, constitúeo o imposto sobre a renda, que grava con carácter xeral os rendementos do traballo, do capital e de actividades económicas e as ganancias e as perdas patrimoniais, se ben nestas últimas se exclúen as obtidas a título lucrativo que son obxecto do imposto sobre sucesións e doazóns. Polo tanto, podemos afirmar que o lexislador optou por non gravar os incrementos patrimoniais obtidos a título lucrativo no IRPF para sometelos a gravame a través dun imposto específico que é o imposto sobre sucesións e doazóns, sen dúbida polas características especiais que rodean este tipo de transmisións, sobre todo as recibidas a través de herdanzas, nas cales a carga tributaria debe adecuarse ás circunstancias persoais e familiares dos participantes nas transmisións hereditarias.

De todo o anterior podemos deducir que a renda das persoas físicas se acha gravada por dous impostos entrelazados e coordinados entre si, polo que este esquema xeral debe manterse, evitando simples supresións de figuras tributarias ou modificacións que afecten a estrutura esencial destes tributos, sen acometer unha reforma conxunta de toda a imposición xeral sobre a renda, xa que se provocarían descoordinacións entre as figuras tributarias mencionadas que poderían dar lugar a determinados efectos que irían en contra dos principios constitucionalmente protexidos de xustiza, igualdade e progresividade.

Esta lei ten por obxecto a actualización do imposto de sucesións e doazóns á luz das modificacións realizadas noutros impostos e dos cambios operados na sociedade desde a promulgación da norma actual que o regula, que data de 1987, ademais dunha adecuación ás peculiaridades propias da Comunidade Autónoma de Galicia dada a condición de imposto cedido e a cesión de capacidade normativa ás comunidades autónomas no actual sistema de financiamento. A lei estrutúrase en catro títulos, tres disposicións adicionais, dúas transitorias, unha derrogatoria e tres derradeiras.

As medidas máis importantes adoptadas nesta lei benefician principalmente o cónxuxe e os ascendentes e descendentes, medidas como son a exclusión de tributación de todas aquelas herdanzas inferiores a 125.000 euros e a actualización e rebaixa da tarifa, así como o establecemento de melloras nas reducións existentes.

No primeiro caso, deixan de tributar as herdanzas recibidas por descendentes e adoptados, cónxuxes, ascendentes e adoptantes cunha base impoñible inferior a 125.000 euros por herdeiro. Con esta medida elimínase de tributación a maior parte das herdanzas de pais a fillos, ao que hai que unir a práctica eliminación da tributación para os menores de 21 anos.

No segundo caso actualízase a tarifa do imposto para os grupos I e II na liña seguida polas sucesivas reformas do IRPF, consistente na redución substancial dos tipos impositivos e na redución de tramos para a simplificación da tarifa. Neste sentido adóptase unha tarifa para as sucesións e outra para as doazóns. Así, o tipo máximo en sucesións pasa do 34 ao 18%, mentres que os tramos pasan de 16 a 6; en doazóns a nova tarifa consta de tres tramos, pasando o máximo do 34 ao 9%. Para os grupos III e IV mantense a tarifa actualmente vixente. Por outra parte, modifícanse para os grupos I e II os coeficientes de patrimonio preexistente que pasan á unidade, non producindo polo tanto incremento da cota tributaria, manténdose nos mesmos termos para os grupos III e IV.

No tocante ás reducións, mellóranse e amplíanse as existentes, ademais de crear algunhas reducións novas, sendo o máis significativo o seguinte:

-Reducións por parentesco: actualización das reducións por parentesco, aumentando dun xeito importante as reducións dos/as fillos/as ata 25 anos, que pasan de 15.956,87 euros a una franxa entre 600.000 e 900.000 euros segundo a idade, e aumento das reducións por discapacidade, cunha redución total para as minusvalideces superiores ao 65% sempre que o suxeito pasivo non teña un patrimonio preexistente superior a 3.000.000 de euros.

-Redución por vivenda habitual: no caso da vivenda habitual elimínase a tributación cando a persoa adquirente sexa o cónxuxe e elévase a porcentaxe ata o 99% da base impoñible nos demais casos en función do valor da vivenda, cun límite de 600.000 euros por herdeiro. Ademais amplíase o límite das doazóns recibidas para a adquisición dunha vivenda habitual en Galicia a 60.000 euros, sendo tamén aplicable este beneficio para doazóns posteriores á compra destinadas ao pagamento dos préstamos pendentes.

-Reducións para as actividades económicas: inclúense reducións do 99% da base impoñible tanto en sucesións como en doazóns para as explotacións agrarias, empresas individuais, pemes e familiares, entendendo por familiares aquelas en que o grupo de parentesco teña polo menos o 50% do capital.

Así mesmo, créase unha redución do 95% da base impoñible por adquisición mortis causa de predios rústicos de dedicación forestal situados en terreos incluídos na Rede galega de espazos protexidos.

Finalmente, adóptanse medidas comúns para as adquisicións mortis causa e as inter vivos, nas que destaca a equiparación ao matrimonio das unións estables de parellas, que poden acceder aos importantes beneficios fiscais recollidos na normativa para os cónxuxes e que esta norma amplía.

Esta lei enmárcase dentro das competencias normativas que ás comunidades autónomas atribúen a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, e a Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, en relación co imposto sobre sucesións e doazóns, polo que se aplicará conxuntamente co establecido na Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei galega de medidas tributarias en relación co imposto sobre sucesións e doazóns.

Título I

Adquisicións por causa de morte

Capítulo único

Reducións da base impoñible

Sección primeira

Reducións subxectivas

Artigo 1º.-Reducións por parentesco.

Nas adquisicións por causa de morte, incluídas as dos beneficiarios de pólizas de seguros de vida, aplicaranse as reducións seguintes:

Por razón do parentesco co causante, a que corresponda das incluídas nos grupos seguintes:

a) Grupo I: adquisicións por descendentes e adoptados menores de 21 anos, 1.000.000 de euros, máis 100.000 euros por cada ano menos de 21 que teña o habente causa, cun límite de 1.500.000 euros.

b) Grupo II: adquisicións por descendentes e adoptados de 21 anos ou máis e menores de 25, 900.000 euros, menos 100.000 euros por cada ano maior de 21 ata 24; de 25 anos ou máis, cónxuxes, ascendentes e adoptantes: 18.000 euros.

c) Grupo III: adquisicións por colaterais de segundo e terceiro grao, e ascendentes e descendentes por afinidade: 8.000 euros.

d) Grupo IV: nas adquisicións por colaterais de cuarto grao, graos máis distantes e estraños, non haberá lugar a redución.

Artigo 2º.-Redución por discapacidade.

Aplicaranse, ademais das que poidan corresponder en función do grao de parentesco co causante, as reducións seguintes:

a) Redución de 150.000 euros ás persoas que teñan a consideración legal de persoas discapacitadas, cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%, de acordo co baremo a que se refire o artigo 148 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobada polo Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño.

b) Redución do 100% da base impoñible para aquelas persoas pertencentes aos grupos I e II a que fai referencia o artigo 1 desta lei que, conforme a normativa anteriormente citada, acrediten un grao de minusvalidez igual ou superior ao 65%, sempre que o patrimonio preexistente do suxeito pasivo non exceda os 3.000.000 de euros.

c) Redución de 300.000 euros para aquelas persoas que, conforme a normativa anteriormente citada, acrediten un grao de minusvalidez igual ou superior ao 65% e non teñan dereito á redución sinalada na letra anterior.

O grao de minusvalidez deberase acreditar mediante certificado ou resolución expedida polo órgano competente. En particular, considerarase acreditado un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% no caso dos pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez e no caso dos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Igualmente, considerarase acreditado un grao de minusvalidez igual ou superior ao 65% cando se trate de persoas cuxa incapacidade sexa declarada xudicialmente, aínda que non alcance o devandito grao, así como nos casos de dependencia severa e gran dependencia, sempre que estas últimas situacións sexan recoñecidas polo órgano competente, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de

dependencia.

Artigo 3º.-Redución pola adquisición das indemnizacións da síndrome tóxica e por actos de terrorismo.

Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa se integren indemnizacións satisfeitas polas administracións públicas ás persoas herdeiras dos afectados pola síndrome tóxica, practicarase unha redución do 99% sobre os importes percibidos, con independencia das outras reducións que procedan, tendo esta carácter retroactivo, e sendo polo tanto aplicable con independencia tanto da data do devengo do imposto como do recoñecemento e pagamento da indemnización.

Será aplicable a mesma porcentaxe de redución, e co mesmo carácter, nas prestacións públicas extraordinarias por actos de terrorismo percibidas polos herdeiros.

Artigo 4º.-Incompatibilidade de reducións.

As reducións previstas nos artigos 1 e 2 supoñen unha mellora con respecto ás mesmas reducións establecidas pola normativa estatal e substitúen a estas. A establecida no artigo 3 establécese como propia.

Sección segunda

Reducións obxectivas

Artigo 5º.-Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades.

Nos casos en que na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor dunha empresa individual ou dun negocio profesional, ou de participacións en entidades ou de dereitos de usufruto sobre estes, practicarase unha redución do 99% do mencionado valor cando concorran as circunstancias seguintes:

a) Que o centro principal de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, se atope situado en Galicia e se manteña durante os cinco anos seguintes á data de devengo do imposto.

b) Que na data de devengo do imposto á empresa individual, ao negocio profesional ou ás participacións lles sexa aplicable a exención regulada no punto 8.º do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio. Para estes efectos, a participación do suxeito pasivo no capital da entidade debe ser:

-Con carácter xeral, do 50 por 100 como mínimo, xa sexa de forma individual ou conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o cuarto grao da persoa falecida, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción.

-Do 5% computado de forma individual, ou do 20% conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o cuarto grao do falecido, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción, cando se trate de participacións en entidades que teñan a consideración de empresas de reducida dimensión de acordo co disposto no artigo 108 do Real decreto lexislativo 4/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades.

No caso de que tan só se teña dereito parcial á exención regulada no punto 8.º do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, tamén será aplicable, na mesma proporción, esta redución.

c) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, do causante.

d) Que a persoa adquirente manteña o adquirido e cumpra os requisitos da exención do imposto sobre o patrimonio durante os cinco anos seguintes ao devengo do imposto de acordo co establecido nos puntos anteriores deste artigo, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a adquisición en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

e) Que a empresa individual ou a entidade viñese exercendo efectivamente as actividades do seu obxecto social durante un período superior aos dous anos anteriores ao devengo do imposto.

Artigo 6º.-Redución pola adquisición de explotacións agrarias e de elementos afectos.

1. Nos casos en que na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor dunha explotación agraria situada en Galicia ou de dereitos de usufruto sobre esta, practicarase unha redución do 99% do mencionado valor cando concorran as circunstancias seguintes:

a) Que na data de devengo o causante teña a condición de agricultor/a profesional.

b) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, do causante.

c) Que a persoa adquirente manteña no seu patrimonio a explotación agraria durante os cinco anos seguintes ao devengo do imposto, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a explotación en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

d) Que a explotación agraria viñese exercendo efectivamente actividades agrarias durante un período superior aos dous anos anteriores ao devengo do imposto.

2. Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor de elementos dunha explotación agraria situada en Galicia ou de dereitos de usufruto sobre estes, practicarase unha redución do 99% do mencionado valor cando concorran as circunstancias seguintes:

a) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, do causante.

b) Que na data de devengo as persoas adquirentes teñan a condición de agricultor/a profesional en canto á dedicación de traballo e procedencia de rendas, e sexan titulares ben dunha explotación agraria á cal estean afectos os elementos que se transmiten ou ben socios/as dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil que sexa titular dunha explotación agraria á que estean afectos os elementos que se transmiten.

c) Que a persoa adquirente manteña os elementos adquiridos afectos á explotación agraria durante os cinco anos seguintes ao devengo do imposto, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita os elementos en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

d) Que a explotación agraria viñese exercendo efectivamente actividades agrarias durante un período superior aos dous anos anteriores ao devengo do imposto.

3. Para os efectos das reducións previstas nos puntos 1 e 2 anteriores, os termos de «explotación agraria», «agricultor/a profesional», «elementos dunha explotación» e «titular da explotación» son os definidos na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

Artigo 7º.-Redución por adquisición de vivenda habitual.

1. Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor da vivenda habitual do causante, e a adquisición corresponda aos seus descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade, practicarase unha redución cun límite de 600.000 euros aplicando a porcentaxe de redución que corresponda en función do valor real total do inmoble:

Ver referencia pdf "15200D001P005.PDF"

Cando a adquisición corresponda ao cónxuxe, a redución será do 100% do valor na base impoñible cun límite de 600.000 euros.

No caso do parente colateral, este deberá ser maior de 65 anos e será necesaria a convivencia co causante durante os dous anos anteriores ao falecemento.

2. As persoas adquirentes deberán manter a vivenda adquirida durante os cinco anos seguintes ao devengo do imposto, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a vivenda en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

No caso de que se produza a venda da vivenda durante o indicado prazo, e a totalidade do seu importe se reinvista na adquisición dunha vivenda situada en Galicia que constitúa ou vaia constituír a vivenda habitual da persoa adquirente, non se perderá a redución solicitada.

3. Considerarase vivenda habitual, e reinvestimento en vivenda habitual, a que se axuste á definición e aos requisitos establecidos pola normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Cando por un mesmo transmitente se produza a transmisión de varias vivendas habituais nun ou en varios actos, por causa de morte ou por pactos sucesorios, unicamente se poderá practicar a redución por unha soa vivenda habitual.

Artigo 8º.-Redución pola adquisición de predios rústicos incluídos na Rede galega de espazos protexidos.

1. Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor de predios rústicos de dedicación forestal situados en terreos incluídos na Rede galega de espazos protexidos, e sempre que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes ou colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive do causante, practicarase unha redución do 95% do mencionado valor.

2. As persoas adquirentes deberán manter os predios adquiridos durante os cinco anos seguintes ao devengo do imposto, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou os transmita en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

Artigo 9º.-Incompatibilidade de reducións.

As reducións previstas nesta sección, agás a regulada no artigo 7, son propias da comunidade autónoma e serán incompatibles, para unha mesma adquisición, entre si e coa aplicación das reducións reguladas na Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, ou coas reguladas en leis especiais en relación con este imposto, sempre que fosen establecidas en consideración á natureza do ben obxecto daquelas.

Artigo 10º.-Requisito de mantemento e incumprimento de requisitos.

1. O habente causa non poderá facer, nos períodos de mantemento establecidos en cada redución, actos de disposición ou operacións societarias que, directa ou indirectamente, poidan dar lugar a unha minoración substancial do valor de adquisición.

2. Se deixan de cumprir os requisitos establecidos nas reducións anteriores, deberase pagar a parte do imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da redución practicada e os xuros de demora.

Artigo 11º.-Solicitude das reducións.

As reducións previstas nesta sección non se aplicarán de oficio e deberán ser solicitadas polos suxeitos pasivos na presentación da declaración do imposto. A solicitude non se poderá rectificar con posterioridade, agás que a rectificación se presente no período regulamentario de declaración.

Artigo 12º.-Base das reducións.

A porcentaxe de redución aplicarase sobre o resultado de deducir do valor do ben ou dereito o importe das cargas e gravames que prevé o artigo 12 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, así como a parte proporcional do importe das débedas e gastos que sexan deducibles de acordo cos artigos 13 e 14 da mesma lei, sempre que estes últimos se tivesen en conta na fixación da base impoñible individual do habente causa.

Título II

Adquisicións lucrativas entre vivos

Capítulo único

Reducións da base impoñible

Sección única

Reducións obxectivas

Artigo 13º.-Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades.

Nos casos de transmisión de participacións inter vivos dunha empresa individual ou dun negocio profesional ou de participacións en entidades, aplicarase unha redución na base impoñible, para determinar a base liquidable, do 99% do valor de adquisición, sempre e cando concorran as condicións seguintes:

a) Que a persoa doadora teña 65 anos ou máis ou se atope en situación de incapacidade permanente en grao de absoluta ou grande invalidez.

b) Que, se a persoa doadora vén exercendo funcións de dirección, deixe de exercer e percibir remuneracións polo exercicio das devanditas funcións desde o momento da transmisión.

Para estes efectos, non se entenderá comprendida entre as funcións de dirección a mera pertenza ao consello de administración da sociedade.

c) Que o centro principal de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, se atope situado en Galicia e que se manteña durante os cinco anos seguintes á data de devengo do imposto.

d) Que na data do devengo do imposto á empresa individual, ao negocio profesional ou ás participacións lles sexa aplicable a exención regulada no punto 8.º do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio. Para estes efectos, a participación do suxeito pasivo no capital da entidade debe ser:

-Con carácter xeral, do 50% como mínimo, xa sexa de forma individual ou conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o cuarto grao, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción.

-Do 5% computado de forma individual, ou do 20% conxuntamente co seu cónxuxe, ascendentes, descendentes ou colaterais de ata o cuarto grao, xa teña a súa orixe o parentesco na consanguinidade, na afinidade ou na adopción, cando se trate de participacións en entidades que teñan a consideración de empresas de reducida dimensión de acordo co disposto no artigo 108 do Real decreto lexislativo 4/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades.

No caso de que tan só se teña dereito parcial á exención regulada no punto 8.º do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, tamén será aplicable, na mesma proporción, esta redución.

e) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, da persoa doadora.

f) Que a persoa adquirente manteña o adquirido e cumpra os requisitos da exención do imposto sobre o patrimonio durante os cinco anos seguintes ao devengo do imposto de acordo co establecido nos puntos anteriores deste artigo, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a adquisición en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

g) Que a empresa individual ou a entidade viñese exercendo efectivamente as actividades do seu obxecto social durante un período superior aos dous anos anteriores ao devengo do imposto.

Artigo 14º.-Redución pola adquisición de explotacións agrarias.

Nos casos de transmisións de participacións inter vivos dunha explotación agraria situada en Galicia ou de dereitos de usufruto sobre esta, aplicarase unha redución na base impoñible, para determinar a base liquidable, do 99% do valor de adquisición, sempre e cando concorran as condicións seguintes:

a) Que a persoa doadora teña 65 ou máis anos ou se atope en situación de incapacidade permanente en grao de absoluta ou grande invalidez.

b) Que na data de devengo a persoa doadora teña a condición de agricultor/a profesional e perda tal condición a consecuencia da doazón.

c) Que a adquisición corresponda ao cónxuxe, descendentes ou adoptados e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, da persoa doadora.

d) Que a persoa adquirente manteña no seu patrimonio a explotación agraria e a súa condición de agricultor/a profesional durante os cinco anos seguintes ao devengo do imposto, agás que dentro do devandito prazo faleza a persoa adquirente ou transmita a explotación en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

e) Que a explotación agraria viñese exercendo efectivamente as actividades do seu obxecto social durante un período superior aos dous anos anteriores ao devengo do imposto.

Artigo 15º.-Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica, de participacións en entidades e de explotacións agrarias nos pactos sucesorios.

No caso dos feitos impoñibles recollidos na alínea a) do artigo 3.1º da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, nos que non se produza o falecemento do transmitente, os requisitos para a aplicación da redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica, de participacións en entidades e de explotacións agrarias serán os establecidos para as adquisicións inter vivos.

Artigo 16º.-Redución pola adquisición de diñeiro destinado á adquisición dunha vivenda habitual en Galicia.

Nas doazóns a fillos e descendentes de diñeiro destinado á adquisición da súa vivenda habitual aplicarase unha redución do 95% da base impoñible do imposto, sempre que se cumpran os requisitos seguintes:

a) A persoa donataria deberá ser menor de 35 anos ou muller vítima de violencia de xénero. No primeiro caso débese tratar da adquisición da súa primeira vivenda habitual. No segundo, non debe ser titular doutra vivenda.

b) O importe da doazón non poderá superar os 60.000 euros. Este límite é único e aplícase tanto no caso dunha soa doazón como no caso de doazóns sucesivas, sempre que se outorguen a favor da mesma persoa donataria, proveñan dun ou de distintos ascendentes. No caso de que o importe da doazón ou doazóns a que se refire este artigo supere esta cantidade, non haberá dereito a ningunha redución.

c) A suma da base impoñible total menos o mínimo persoal e familiar para efectos do IRPF do donatario, correspondente ao último período impositivo, cuxo prazo regulamentario de declaración estea concluído na data do devengo da primeira doazón, non poderá ser superior a 30.000 euros.

d) A doazón débese formalizar en escritura pública na que se exprese a vontade de que o diñeiro doado se destine á adquisición da vivenda habitual da persoa donataria. No caso dos menores de 35 anos deberá constar tamén que se trata da súa primeira vivenda habitual. Esta declaración de vontade deberá ser simultánea á doazón.

e) A persoa donataria deberá adquirir unha vivenda situada en Galicia nos seis meses seguintes á doazón. No caso de haber varias doazóns, o prazo computarase desde a data da primeira doazón. A redución non se aplicará a doazóns de diñeiro posteriores á compra da vivenda, agás nos supostos de adquisición con prezo aprazado ou financiamento alleo, sempre que se acredite que o importe do diñeiro doado se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito, co prazo, límites e requisitos establecidos nas alíneas anteriores, agás no xeito de computar o prazo de seis meses, que se fará para cada doazón.

f) Considerarase vivenda habitual a que se axuste á definición e aos requisitos establecidos pola normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas. A acreditación da situación de violencia de xénero farase segundo o disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 17º.-Incompatibilidade de reducións.

As reducións previstas nesta sección son propias da comunidade autónoma e serán incompatibles, para unha mesma adquisición, entre si e coa aplicación das reducións reguladas na Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, ou coas consideradas en leis especiais en relación con este imposto sempre que fosen establecidas en consideración á natureza do ben obxecto daquelas.

Artigo 18º.-Requisito de mantemento e incumprimento de requisitos.

1. O habente causa non poderá facer actos de disposición ou operacións societarias que, directa ou indirectamente, poidan dar lugar a unha minoración substancial do valor de adquisición.

2. Se deixan de cumprir os requisitos establecidos nas reducións anteriores, deberase pagar a parte do imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da redución practicada e os xuros de demora.

Artigo 19º.-Solicitude das reducións.

As reducións previstas nesta sección non se aplicarán de oficio e deberán ser solicitadas polos suxeitos pasivos na presentación da declaración do imposto, e non se poderá rectificar con posterioridade, agás que a rectificación se presente no período regulamentario de declaración.

Artigo 20º.-Base das reducións.

A porcentaxe de redución aplicarase sobre o resultado de deducir do valor do ben ou dereito o importe das cargas e gravames que prevén os artigos 12 e 16 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, así como a parte proporcional do importe das débedas que sexan deducibles de acordo cos artigos 13 e 17 da mesma lei, sempre que estes últimos se tivesen en conta na fixación da base impoñible individual do habente causa.

Título III

Débeda tributaria

Artigo 21º.-Tarifa.

A cota íntegra do imposto sobre sucesións e doazóns obterase aplicando á base liquidable os tipos de gravame seguintes en función dos graos de parentesco sinalados no artigo 1:

a) No caso dos feitos impoñibles recollidos nas alíneas a) e c) do artigo 3.1º da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e sempre que os suxeitos pasivos estean incluídos nos grupos I e II do artigo 1 desta lei, aplicarase a tarifa seguinte:

Ver referencia pdf "15200D001P005.PDF"

b) No caso dos feitos impoñibles recollidos na alínea b) do artigo 3.1º da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e sempre que os suxeitos pasivos estean incluídos nos grupos I e II do artigo 1 desta lei e a doazón se formalice en escritura pública, aplicarase a tarifa seguinte:

Ver referencia pdf "15200D001P005.PDF"

No caso de non se cumpriren os requisitos establecidos nesta letra será aplicable a tarifa sinalada na alínea anterior.

c) No caso dos feitos impoñibles recollidos nas alíneas a), b) e c) do artigo 3.1º da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e sempre que os suxeitos pasivos estean incluídos nos grupos III e IV do artigo 1º desta lei, aplicarase a tarifa seguinte:

Ver referencia pdf "15200D001P005.PDF"

Artigo 22º.-Cota tributaria.

A cota tributaria polo imposto sobre sucesións e doazóns obterase aplicando á cota íntegra o coeficiente multiplicador que corresponda dos que se indican a seguir, establecidos en función do patrimonio preexistente do contribuínte e do grupo, segundo o grao de parentesco sinalado no artigo 1º desta lei:

Ver referencia pdf "15200D001P005.PDF"

Artigo 23º.-Dedución para adquisicións mortis causa por suxeitos pasivos do grupo I.

Nas adquisicións mortis causa por suxeitos pasivos incluídos no grupo I do artigo 1 desta lei, incluídas as cantidades percibidas polas persoas beneficiarias de seguros sobre a vida, practicarase unha dedución do 99% do importe da cota.

Artigo 24º.-Dedución por parentesco.

1. Nas adquisicións mortis causa por suxeitos pasivos incluídos no grupo II do artigo 1, aplicarase unha dedución do 100% da cota tributaria sempre que a súa base impoñible sexa igual ou inferior a 125.000 euros.

2. Para o cómputo do límite de 125.000 euros sinalado no punto anterior, teranse en conta as bases impoñibles dos pactos sucesorios realizados. Tamén se computarán as bases impoñibles das doazóns e demais transmisións inter vivos equiparables que sexan acumulables de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, así como o valor dos usufrutos e outras institucións a que se refire o artigo 26 da mesma norma que se teñan en conta para a determinación do tipo medio de gravame aplicable.

Título IV

Normas comúns ás adquisicións por causa de morte e entre vivos

Artigo 25º.-Tratamento fiscal das unións estables de parella.

Para os efectos da aplicación desta lei, equipáranse ao matrimonio as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio.

Disposicións adicionais

Primeira.-Valoración previa de bens inmobles.

Nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, nos casos de solicitude das valoracións previas de bens inmobles a que se refire o artigo 90 da Lei xeral tributaria, será necesaria a presentación da valoración realizada no prazo de presentación do imposto.

Segunda.-Solicitude de valoracións previas.

Nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, para o exercicio do dereito recoñecido no artigo 90 da Lei xeral tributaria, e sempre que non se solicite a valoración a través da páxina web da Consellería de Economía e Facenda, deberase aboar, se é o caso, a taxa correspondente e presentar o xustificante do seu pagamento xunto coa solicitude de valoración.

Terceira.-Dedución en cota por solicitude de valoración previa.

Os suxeitos pasivos do imposto sobre sucesións e doazóns e do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que solicitasen valoración previa ao amparo do artigo 90 da Lei xeral tributaria, pagasen a taxa correspondente e presentasen a valoración xunto coa declaración do imposto poderán deducir da cota tributaria o importe satisfeito pola taxa.

Disposicións transitorias

Primeira.-Aplicación da normativa sobre xestión do imposto.

Á entrada en vigor desta lei, e mentres non sexan aprobados os desenvolvementos regulamentarios, serán aplicables as normas regulamentarias vixentes en todo aquilo que non se opoña ou contradiga a esta lei.

Segunda.-Prazo de mantemento das adquisicións.

Naqueles casos en que se estea gozando da redución por adquisición de vivenda habitual do causante no momento da entrada en vigor desta lei, e non se incumprise o requisito de permanencia de dez anos, o prazo de mantemento da adquisición será de cinco anos desde o devengo do imposto.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Á entrada en vigor desta lei quedarán derrogadas as disposicións seguintes:

-Artigo 2 da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.

-Artigo 1 da Lei 7/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.

-Artigos 1 e 2 da Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas.

-Artigo 3 da Lei 14/2004, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

-Artigo 53 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Segunda.-En xeral, quedarán derrogadas todas aqueloutras disposicións de rango igual ou inferior que contradigan, se opoñan ou resulten incompatibles co que establece esta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día 1 de setembro de 2008.

Segunda.-Desenvolvemento regulamentario.

Facúltase o Goberno e o conselleiro ou a conselleira competente en materia de facenda para que diten as disposicións necesarias para desenvolver e aplicar esta lei.

Terceira.-Leis de orzamentos.

As leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderán modificar as reducións da base impoñible, as tarifas, os coeficientes de patrimonio preexistente e as deducións da cota tributaria.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente