DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 06 de agosto de 2008 Páx. 15.126

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de xullo de 2008 pola que se regula o desenvolvemento do proxecto final de carreira dos estudos superiores de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro, estableceu os estudos superiores de deseño e as ensinanzas mínimas e regulou a proba de acceso. En desenvolvemento desta norma básica, o Decreto 233/2005, do 14 de xullo, estableceu para a súa aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia o currículo dos estudos superiores de deseño e regulou o acceso ás ditas ensinanzas, e habilitou a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as normas necesarias para a aplicación e interpretación do disposto neste decreto autonómico.

Posteriormente, a Orde do 25 de abril de 2007 regulou a avaliación, a acreditación académica e a mobilidade do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño e as de conservación e restauración de bens culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta normativa establece para os estudos de deseño a obrigatoriedade, ao final dos tres cursos académicos, de presentar un proxecto final de carreira co obxectivo de comprobar se o alumno asimilou os coñecementos adquiridos a través das ensinanzas cursadas no centro e se é capaz de os integrar e os aplicar e, xa que logo, de desempeñar unha actividade profesional no campo do deseño propio da especialidade e do nivel cursados.

Procede, polo tanto, regular o proxecto final de carreira dos estudos superiores de deseño, para establecer os obxectivos, estrutura, requisitos e procedementos de presentación e de avaliación.

En consecuencia, e de acordo co establecido na disposición derradeira segunda do Decreto 233/2005, do 14 de xullo, polo que se establece o currículo dos estudos superiores de deseño e se regula o acceso ás ditas ensinanzas, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto desta orde é regular o desenvolvemento do proxecto final de carreira nos estudos superiores de deseño que se imparten na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Obxectivos.

1. O proxecto final de carreira consiste na elaboración dun deseño orixinal dirixido ao ámbito da produción industrial, realizado individualmente polo alumnado para demostrar que está capacitado para desempeñar unha actividade profesional no campo do deseño propio da especialidade.

2. Son obxectivos do proxecto os seguintes:

a) Aplicar e integrar os coñecementos adquiridos nas diversas materias.

b) Analizar, definir e resolver os aspectos conceptuais, estéticos e técnicos e verificar a viabilidade do proxecto.

c) Codificar e transmitir correctamente a información gráfica e técnica necesaria na planificación das distintas etapas da produción e construción.

d) Utilizar unha metodoloxía baseada na investigación e na análise, para interpretar e xerar a información necesaria.

Terceiro.-Contidos.

O proxecto final de carreira constará de:

1. Memoria xustificativa.

Estudo que sitúa o produto obxecto do proxecto no contexto social do seu tempo, os seus antecedentes históricos e as achegas ou peculiaridades que ofrece.

2. Memoria descritiva.

Realizarase unha análise dos procesos e das fases na elaboración do produto, tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Funcional, de utilidade.

b) Estético e formal.

c) Estrutural.

d) Técnico, canto a materiais e procesos necesarios para a realización do produto.

e) Económico. Avance ou estimación valorada do produto e, de ser o caso, análise de estado de medicións.

3. Testemuño gráfico.

Referido ás diversas etapas do traballo conducentes á realización do produto, incluíndo cantos bosquexos, debuxos e demais material gráfico cumpra. No caso de deseño de moda, este material gráfico fará referencia a cinco estilismos completos.

4. Testemuño volumétrico.

Obrigatorio nas especialidades de deseño de moda e de produtos; nas de deseño gráfico e de interiores, soamente cando sexa exixido polo tribunal. Poderá ser maqueta, modelo ou prototipo, segundo o exixa a visualización real do produto.

Cuarto.-Convocatorias.

1. O proxecto final de carreira, incluíndo a fase de proposta e proxecto, desenvolverase durante dúas convocatorias:

a) Convocatoria ordinaria que abranguerá o primeiro cuadrimestre do curso, durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro.

b) Convocatoria extraordinaria que abranguerá o segundo cuadrimestre do curso, durante os meses de marzo, abril, maio e xuño.

2. O alumnado disporá dun máximo de dúas convocatorias para a superación do proxecto final de carreira; excepcionalmente, poderá solicitar unha convocatoria extraordinaria segundo o procedemento establecido no artigo 4 da Orde do 25 de abril de 2007 pola que se regula a avaliación, a acreditación académica e a mobilidade do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño e as de conservación e restauración de bens culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto.-Presentación de propostas para a realización do proxecto final.

1. A proposta deberá recoller co suficiente grao de definición o contido e as características do proxecto que se vai realizar. Para a súa presentación o alumnado fará unha inscrición nos seguintes períodos:

a) No caso da convocatoria ordinaria, o centro fixará a inscrición durante a última quincena do mes de setembro.

b) No caso da convocatoria extraordinaria, o centro fixará a inscrición durante a última quincena do mes de febreiro.

2. A presentación da proposta farase durante os dez días seguintes ao remate do prazo de inscrición mediante exposición oral ante o tribunal na forma e durante o tempo que este estableza e coa achega da documentación e o soporte gráfico precisos. O tribunal valorará a proposta presentada, tendo en conta os seguintes aspectos:

a) O seu interese global, con atención ao seu valor de utilidade, estético, formal e estrutural, así como a orixinalidade da formulación.

b) A posibilidade de realización efectiva do proxecto, nos prazos establecidos e cos medios e instalacións con que se conta.

3. No caso de que o tribunal constituído para o efecto non acepte a proposta, este motivará a súa decisión e o alumno deberá introducir as modificacións oportunas ou ben presentar unha nova proposta no prazo fixado polo tribunal. A valoración das propostas farase constar nunha acta en termos de aceptado ou non aceptado.

4. Unha vez valorada positivamente a proposta, o alumnado poderá formalizar a matrícula do proxecto final de carreira nos prazos e polo procedemento que estableza o centro. Para iso, deberá ter superadas todas as materias da especialidade ou ben ter pendentes un máximo de 21 créditos correspondentes ás ditas materias.

Sexto.-Fases de realización do proxecto.

1. A entrega do proxecto final de carreira, na data e forma establecida polo presidente do tribunal, realizarase na secretaría do centro, tendo en conta os seguintes prazos:

a) No caso da convocatoria ordinaria, a entrega realizarase na segunda quincena do mes de xaneiro.

b) No caso da convocatoria extraordinaria, a entrega realizarase na segunda quincena do mes de xuño.

2. A sesión de defensa do proxecto final de carreira, que será obrigatoria e pública, terá lugar dentro dos quince días seguintes á presentación del, na data que determine o presidente do tribunal.

Sétimo.-Cualificación.

1. A cualificación do proxecto final de carreira será global e única, tendo en conta todos os seus contidos.

2. Para cualificar o proxecto utilizarase a escala numérica de 1 a 10, con dous decimais. Considerarase que se superou o proxecto se a cualificación é igual ou superior a 5.

3. O tribunal publicará a acta cos resultados obtidos polo alumnado. No caso do alumnado que non obteña cualificación positiva, o tribunal incluirá unha xustificación de acordo cos criterios de avaliación establecidos. En calquera caso, garantirase o coñecemento por parte do alumnado dos criterios e argumentos que xustifiquen a cualificación negativa do proxecto final de carreira e, de ser o caso, o tribunal poderá autorizar a continuación do dito proxecto na seguinte convocatoria.

4. Contra a resolución do tribunal o alumnado poderá presentar reclamación no prazo de tres días, contados a partir da data da súa comunicación, ante a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que deberá resolver nun prazo máximo de 15 días. A resolución desta porá fin á vía administrativa.

Oitavo.-Tribunal de valoración.

1. O tribunal terá a responsabilidade de valorar as propostas de proxecto presentadas e avaliar os proxectos aceptados de acordo co establecido no artigo terceiro desta orde.

2. Ao inicio do curso escolar constituirase un tribunal por cada unha das especialidades, designado polo director do centro, que estará integrado por:

a) Presidente, o director do centro ou profesor en quen delegue.

b) Catro vogais, de entre os cales actuará como secretario o de menor idade.

3. Entre os vogais poderá ser designada unha personalidade de recoñecido prestixio no sector correspondente.

Noveno.-Titor/a do proxecto.

1. O/a titor/a do proxecto final de carreira ten a responsabilidade de orientar o alumnado no desenvolvemento do proxecto e informar a súa presentación para a avaliación.

2. O alumnado, antes da presentación da proposta, poderá elixir o titor de entre o profesorado do equipo docente da especialidade. Con este fin, na solicitude de inscrición, o alumnado presentará unha relación, por orde de preferencia, de tres posibles titores. O presidente do tribunal, logo de ver as solicitudes, decidirá a adxudicación das titorías.

3. O profesorado do centro poderá levar a titoría dun máximo de catro proxectos sempre que a dispoñibilidade e necesidades do centro o permitan. Esta titoría terá a consideración dunha hora lectiva á semana por cada dous alumnos.

4. Son funcións do/a titor/a do proxecto final de carreira as seguintes:

a) Asesorar ao alumnado sobre a idoneidade da proposta.

b) Orientar o desenvolvemento do proxecto nas súas diferentes fases.

c) Informar o alumnado sobre a procedencia da presentación do proxecto final de carreira.

d) Informar ao tribunal dos aspectos máis relevantes do proxecto final de carreira e do seu desenvolvemento.

Décimo.-Criterios de avaliación.

1. O tribunal avaliará os contidos do proxecto, prestando especial atención ao informe do titor e á información recollida na sesión de defensa do proxecto.

2. O equipo docente da especialidade correspondente establecerá os criterios xerais que se terán en conta na avaliación do proxecto final de carreira. En calquera caso, garantirase o coñecemento destes criterios polo alumnado no momento que se produza a matrícula.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria