DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2008 Páx. 15.045

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 162/2008, do 10 de xullo, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega.

Preámbulo

En desenvolvemento do mandato contido no artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei de Galicia 8/1983, do 8 de xullo, constituíu o Consello da Cultura Galega.

O Decreto 127/1984, do 19 de xullo, segundo o previsto na disposición derradeira primeira do devandito texto legal, aprobou o primeiro regulamento da Lei do Consello da Cultura Galega. Este regulamento posibilitou o funcionamento regular do Consello ao longo dos seus primeiros quince anos de vida.

Por Decreto 237/2000, do 29 de setembro, derrogouse a anterior norma. A extensión progresiva de obxectivos e a crecente actividade do Consello, co inevitable aumento da súa complexidade orgánica e funcional, aconsellaban naquel momento dotar a institución dun novo marco regulamentario. Un marco normativo prolixo que regulou dun xeito case exhaustivo a súa organización e funcionamento.

A definitiva consolidación institucional e social do Consello na defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, os importantes cambios normativos e institucionais vividos nos últimos anos, xunto coa experiencia do seu funcionamento ao longo destes anos poñen de manifesto a necesidade de dotar o Consello dun novo regulamento que garanta unha organización e funcionamento máis simple, áxil e eficaz e que, respectuoso coa súa lei de creación, amplíe a súa capacidade de autoorganización.

Deste xeito, este decreto simplifica e clarifica notablemente a complexa estrutura organizativa do Consello, define e concreta as atribucións de cada un dos seus órganos e fixa as liñas xerais do seu funcionamento e da súa administración, deixando ao regulamento organizativo interno o desenvolvemento destas.

Este novo regulamento supón unha reforma importante do aprobado no ano 2000, aínda que se manteñen moitos dos preceptos daquel. Non obstante, por razóns da súa aplicación e de técnica normativa, entendeuse máis acaído a derrogación completa daquel e a súa substitución polo que agora se aproba.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, previa consulta ao Consello da Cultura Galega, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega.

Apróbase, en execución e desenvolvemento do previsto na Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, o Regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega que se xunta a este decreto.

Disposición derrogatoria.-Disposicións que se derrogan.

Queda derrogado o Decreto 237/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do Consello da Cultura Galega.

Disposición derradeira.-Entrada en vigor.

O regulamento que se aproba entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Concepto e natureza xurídica.

1. O Consello da Cultura Galega, constituído pola Lei de Galicia 8/1983, do 8 de xullo, é un órgano estatutario que ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. O Consello da Cultura Galega goza de plena autonomía orgánica e funcional, e actúa con independencia e obxectividade respecto dos poderes da comunidade autónoma e da súa Administración.

Artigo 2º.-Competencias e fins.

1. Correspóndelle ao Consello da Cultura Galega a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego e, en particular:

a) Analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural de Galicia e fomentar a lingua e cultura galegas.

b) Investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

c) Organizar actuacións culturais adecuadas aos fins do Consello dentro ou fóra de Galicia.

d) Asesorar e consultar os poderes da comunidade autónoma no que xulgue preciso para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

e) Elevar aos poderes da comunidade autónoma informes e propostas a favor da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

2. Para o desenvolvemento das súas competencias o Consello da Cultura Galega poderá relacionarse directamente cos poderes públicos da comunidade autónoma, así como cos poderes públicos do Estado ou doutras comunidades autónomas e con organismos internacionais.

Artigo 3º.-Sede.

A sede do Consello da Cultura Galega radica en Santiago de Compostela.

Artigo 4º.-Réxime xurídico.

O Consello da Cultura Galega réxese pola súa lei constitutiva, polo presente regulamento e mais polas normas de réxime interior aprobadas por el.

Título II

Organización

Capítulo I

Órganos do Consello

Artigo 5º.-Órganos do Consello da Cultura Galega.

Son órganos do Consello da Cultura Galega:

a) O Pleno e os conselleiros e conselleiras.

b) A Comisión Executiva.

c) A Presidencia.

d) A Vicepresidencia ou vicepresidencias.

e) A Secretaría.

f) As seccións.

g) As comisións técnicas.

Capítulo II

Do Pleno e dos seus membros

Artigo 6º.-Composición do Pleno do Consello.

1. Integran o Pleno do Consello da Cultura Galega a totalidade dos seus conselleiros e conselleiras.

2. Son conselleiros/as do Consello da Cultura Galega e membros do seu Pleno:

a) O presidente ou presidenta do Consello, que será elixido/a polos seus membros en votación secreta e nomeado/a por decreto da Xunta de Galicia.

b) O/A titular da consellería responsable de cultura da Xunta de Galicia.

c) Os/As representantes das entidades seguintes, por designación destas:

-Un ou unha representante da Real Academia Galega.

-Un ou unha representante da Academia de Xurisprudencia e Lexislación de Galicia.

-Dous representantes da Universidade galega, elixidos entre o seu profesorado.

-Un ou unha representante do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

-Un ou unha representante do Seminario de Estudos Galegos.

-Un ou unha representante da Academia de Ciencias.

-Un ou unha representante do Instituto da Lingua Galega.

-Un ou unha representante do Instituto de Estudos Xacobeos.

-Un ou unha representante dos museos de Galicia.

-Un ou unha representante da Fundación Rosalía de Castro.

-Un ou unha representante da Real Academia de Belas Artes.

d) Un representante da Fundación Barrié de la Maza e da Fundación Penzol, en virtude do previsto no artigo 3.1º, apartado e) parágrafo final da Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega.

e) Dez personalidades destacadas nos diversos campos da cultura galega, elixidas polo Consello en votación secreta.

3. Correspóndelle ao presidente ou presidenta da Xunta de Galicia a presidencia de honra do Consello e do seu Pleno.

4. O Pleno do Consello elixirá en votación secreta de entre os seus membros o seu secretario ou secretaria e o seu vicepresidente/a ou vicepresidentes.

Artigo 7º.-Do mandato e reelección dos seus membros.

1. O mandato dos conselleiros e conselleiras será de catro anos e poderán ser reelixidos por unha soa vez.

2. As e os conselleiros sinalados nos parágrafos c), d) e e) do punto 2º do artigo 6º serán reelixidos por metades cada dous anos.

3. As e os conselleiros sinalados no parágrafo c) do punto 2º do artigo 6º perderán a condición de membros do Consello no momento en que a entidade que os designase decida substituílos.

Artigo 8º.-Incorporación de novos membros.

1. O Consello poderá incorporar ao Pleno representantes de novas entidades.

2. O procedemento para a incorporación será o seguinte:

a) A proposta poderá ser formulada pola propia entidade, por un terzo dos membros do Consello, pola Comisión Executiva ou pola Presidencia.

b) A proposta será remitida á Secretaría do Consello, que ordenará a apertura dun expediente informativo que xustifique a conveniencia da incorporación da nova entidade.

c) A proposta, unha vez completo o expediente, será elevada ao Pleno e para ser efectiva deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos seus membros.

3. Se o acordo for desestimatorio da solicitude, non poderá presentarse unha nova proposta de incorporación da mesma entidade nun prazo de dous anos, contados a partir da data do dito acordo.

Artigo 9º.-Competencias do Pleno.

Corresponde ao Pleno do Consello:

a) A aprobación do seu Regulamento de réxime interno así como das demais normas de organización e funcionamento de carácter interno que afecten a órganos do Consello da Cultura Galega.

b) A elección da Presidencia, da ou das vicepresidencias e da Secretaría do Consello.

c) A aprobación da programación plurianual da actividade do Consello, así como o control do seu cumprimento.

d) A aprobación do anteproxecto de orzamento anual do Consello e a súa liquidación.

e) A creación e supresión das seccións.

f) A aprobación dos informes e ditames que deba emitir a requirimento doutros poderes ou da Administración autonómica.

g) A resolución dos recursos de alzada que se presenten contra os acordos da Comisión Executiva.

h) A aprobación dunha memoria anual.

i) A formulación das iniciativas e propostas que considere pertinentes no eido cultural.

j) A decisión final sobre a incorporación de novas entidades ao Consello.

k) O establecemento das indemnizacións que, polo exercicio das funcións propias do seu cargo, deban percibir os e as membros do Consello e das súas seccións ou comisións técnicas.

l) O control xeral da actividade dos demais órganos do Consello.

Artigo 10º.-Competencias de conselleiras e conselleiros.

Corresponde a conselleiros e conselleiras o exercicio das seguintes funcións:

a) A asistencia, con voz e voto, ás sesións dos órganos do Consello dos que son membros.

b) A participación nos debates do Pleno.

c) A formulación, de ser o caso, en tempo e forma, de voto particular razoado no caso de discrepancia respecto do parecer da maioría.

d) O estudo e a preparación dos ditames relativos aos asuntos en que lles corresponde ser relatores no Pleno.

e) A coordinación das seccións para as que fosen nomeados.

Capítulo III

Da Comisión Executiva

Artigo 11º.-Composición da Comisión Executiva.

A Comisión Executiva terá un máximo de sete compoñentes, entre os cales estará o/a Presidente/a, o/a Vicepresidente/a ou Vicepresidentes/as, o/a Secretario/a do Consello, que tamén o será desta, e os membros que para tal efecto elixa o Pleno por proposta do presidente.

Artigo 12º.-Competencias da Comisión Executiva.

1. Corresponde á Comisión Executiva:

a) A elaboración para a súa presentación ao Pleno dos proxectos de regulamentos e normas que lle corresponde aprobar ao Pleno.

b) A elaboración para a súa presentación ao Pleno da proposta de anteproxecto de orzamento que aproba o Pleno.

c) A elaboración para a súa presentación ao Pleno da proposta de programación plurianual de actividades do Consello que aproba o Pleno.

d) A preparación das sesións do Pleno e o estudo e a emisión de informes sobre os asuntos sobre os que fose adoptar acordos.

e) O seguimento da actividade ordinaria do Consello, entre outras: aprobación e proposta de gastos, participación e representación do Consello en xurados, premios e outras actividades, realización de publicacións, programación de actividades organizadas ou participadas polo Consello, recepción e trámite de solicitudes de informes.

f) A proposta de creación das seccións ou comisións técnicas do Consello.

g) A aprobación do organigrama administrativo e da relación de postos de traballo do Consello, así como da oferta de emprego público, as bases das convocatorias de selección e provisión de postos de traballo, a separación do servizo do funcionariado, o despido do persoal laboral e o réxime disciplinario do seu persoal.

h) Todas as decisións en materia de persoal que non estean atribuídas a outros órganos.

i) Os convenios, contratacións e concesións, así como a xestión, adquisición e alleamento do patrimonio, a concertación de operacións de crédito, de acordo co previsto no orzamento.

j) O desenvolvemento da xestión económica e orzamentaria do Consello, sen prexuízo das facultades atribuídas a outros órganos.

k) Elevar ao Pleno, por proposta da Xerencia, o sistema de indemnizacións de conselleiros e conselleiras, así como dos e das membros dos demais órganos do Consello.

l) A proposta de designación de coordinadores e coordinadoras das seccións e a designación dos e das membros destas por proposta do coordinador ou coordinadora.

m) A creación e supresión das comisións técnicas específicas e a designación dos seus membros.

2. A Comisión Executiva poderá delegar nas súas e nos seus membros ou nos órganos directivos do Consello as funcións enumeradas nos parágrafos d), e), i), j) e m).

Capítulo IV

Da Presidencia

Artigo 13º.-Presidente/a.

1. O presidente ou presidenta do Consello da Cultura Galega será elixido polo Consello en votación secreta, de acordo co procedemento que estableza o Pleno.

2. Nomearase por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da responsable en materia de cultura. De acordo ao previsto no artigo 16 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparecia e boas prácticas na Administración pública galega, con carácter previo ao nomeamento, porase en coñecemento do Parlamento de Galicia o nome das persoas propostas para o cargo de presidente do Consello da Cultura Galega co fin de que poida dispor a súa comparecencia ante a comisión correspondente da Cámara.

3. O seu mandato será de catro anos, e poderá ser renovado por unha soa vez.

4. Non serán aplicables ao presidente ou presidenta as previsións dos puntos 2 e 3 do artigo 7º.

5. O nomeamento como presidente/a do Consello da Cultura Galega polo Consello da Xunta de Galicia determinará, se é o caso, o pase á situación administrativa de servizos especiais.

Artigo 14º.-Competencias do presidente/a.

1. Corresponde á Presidencia do Consello:

a) A dirección do goberno e da administración do Consello, sen prexuízo das atribucións que neste eido lle correspondan á Comisión Executiva.

b) A representación do Consello.

c) Velar polo cumprimento das disposicións polas que se rexe o Consello e os acordos adoptados por el.

d) O establecemento das directrices xerais da acción de goberno do Consello e a vixilancia do seu cumprimento.

e) A convocatoria e a Presidencia das sesións do Pleno, da Comisión Executiva e a decisión dos empates co seu voto de calidade.

f) O exercicio da superior dirección do persoal ao servizo do Consello.

g) A resolución dos recursos administrativos que se interpuxeren contra os actos do Consello, agás os reservados ao Pleno.

h) O exercicio das accións xudiciais e administrativas en materia da súa competencia.

i) Calquera outra función que lle corresponda ao Consello e que non estea atribuída a outro órgano.

2. A/o presidenta/e poderá delegar as súas competencias na Comisión Executiva, nos seus membros ou nos órganos directivos do Consello, con excepción das sinaladas nos puntos a) e e).

Artigo 15º.-Gabinete de asesoramento.

A/o presidenta/e poderá estar asistida por un Gabinete de asesoramento, que estará composto por un máximo de tres membros, designados libremente por aquela. Estes membros cesarán cando o fixer o presidente ou ben por libre decisión deste.

Capítulo V

Da Vicepresidencia

Artigo 16º.-Vicepresidente/a.

1. O/A vicepresidente/a ou vicepresidentes/as serán elixidos e elixidas polo Pleno do Consello de entre os seus membros, en votación secreta.

2. O seu mandato será de catro anos, e poderá ser reelixido por unha soa vez.

Artigo 17º.-Competencia do ou da vicepresidente/a ou vicepresidentes/as.

Correspóndelle ao/á vicepresidente/a ou, se é o caso, vicepresidentes/as, substituír pola súa orde de antigüidade no seu nomeamento e, se procede, polo de maior idade, ao/á presidente/a nas súas funcións, nos supostos de ausencia ou vacante.

Así mesmo, correspóndelle o exercicio daquelas competencias que lle sexan delegadas pola Presidencia ou pola Comisión Executiva.

Capítulo VI

Da Secretaría

Artigo 18º.-Secretaría.

1. O secretario ou secretaria será elixido polo Pleno do Consello, entre os seus membros, en votación secreta.

2. O seu mandato será de catro anos, e poderá ser reelixido por unha soa vez.

3. O nomeamento como secretario/a do Consello da Cultura Galega determinará o pasamento á situación administrativa que proceda legalmente.

4. No caso de ausencia do secretario ou secretaria, procederase á súa substitución pola persoa que propoña a Presidencia de entre os membros da Comisión Executiva.

Artigo 19º.-Competencias do secretario ou secretaria.

Correspóndenlle ao secretario ou secretaria as seguintes funcións:

a) Preparar a orde do día das sesións do Pleno e da Comisión Executiva, atendendo, se for o caso, as propostas dos seus membros e da Presidencia, e someténdoa á previa aprobación desta.

b) Tramitar as convocatorias das xuntanzas do Pleno e da Comisión Executiva coa debida antelación, acompañadas da correspondente orde do día.

c) Por encargo da Presidencia, realizar tarefas de coordinación entre as diversas seccións.

d) Asistir, con voz e voto, ás sesións do Pleno e da Comisión Executiva e redactar a acta de cada unha delas, que será sometida á aprobación na seguinte sesión.

e) Levar os libros de actas do Pleno e da Comisión Executiva, paxinados e visados polo presidente.

f) Expedir certificacións de actas, acordos, ditames e as súas copias, co visto e prace do presidente ou presidenta.

g) Asinar, xunto ao presidente ou presidenta, os informes e ditames aprobados polo Consello, así como as súas posibles modificacións.

h) Exercer calquera outra atribución que lle sexa delegada.

Capítulo VII

Das Seccións

Artigo 20º.-Seccións.

1. O Pleno do Consello poderá acordar a constitución de seccións encargadas de estudar, elevar informes ou promover actividades en relación cun ámbito concreto de actuación do Consello.

2. Cada sección estará integrada por membros do Consello e por personalidades destacadas, membros de centros de investigación, medios de comunicación social, asociacións culturais ou profesionais ou doutras institucións galegas, que serán designados pola Comisión Executiva, por proposta dos coordinadores ou coordinadoras das respectivas seccións ou da Presidencia.

3. O mandato dos membros das seccións será de catro anos, e poderán ser reelixidos por unha soa vez.

4. A coordinación de cada sección deberá recaer, en todo caso, nun membro do Pleno do Consello da Cultura Galega que será designado polo Pleno.

Título III

Funcionamento

Artigo 21º.-Funcionamento do Pleno.

1. O funcionamento do Pleno axustarase ao previsto neste artigo e no seu regulamento interno, así como ao establecido para os órganos colexiados no capítulo II, do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O Pleno do Consello reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez cada trimestre e sempre que a Presidencia o convoque. Con carácter extraordinario reunirase cando, debido á urxencia dos temas que se van tratar, fose convocado pola Presidencia por propia iniciativa ou por proposta da terceira parte dos seus membros.

3. As sesións do Pleno serán convocadas pola Presidencia con, polo menos, oito días de antelación, fóra dos casos de urxencia, nos que a antelación mínima será de dous días.

4. Para a válida constitución do Pleno, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza do presidente/a e do secretario/a ou, se é o caso, de quen os substitúa, e de polo menos a metade dos seus membros.

5. Os acordos adoptaranse por maioría dos votos da asistencia, excepto nos casos en que a Lei de creación esixa outra maioría.

6. O secretario ou secretaria redactará acta da sesión, na que se consignarán, sucintamente, as deliberacións que precederon á decisión definitiva e os acordos adoptados, a relación dos asistentes, a orde do día da reunión, así como as circunstancias de tempo e lugar en que esta se celebra.

Artigo 22º.-Funcionamento dos restantes órganos colexiados do Consello.

O funcionamento da Comisión Executiva e dos órganos colexiados do Consello axustarase ao disposto con carácter básico na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e nas correspondentes normas de funcionamento interno e, agás no relativo á periodicidade das súas sesións, ao que establece o artigo anterior para o Pleno.

Título IV

Estrutura administrativa

Artigo 23º.-Dos órganos directivos.

1. A Comisión Executiva establecerá o número e competencias dos órganos directivos do Consello.

2. Correspóndelles aos órganos directivos do Consello a xestión e dirección ordinaria da administración do Consello.

Artigo 24º.-A Xerencia.

1. A Xerencia é o órgano superior da estrutura administrativa, encargado do regular desenvolvemento das actividades do Consello baixo a inmediata dirección da Presidencia.

2. O/A xerente será nomeado polo Pleno do Consello, por proposta da presidencia.

3. Ao/Á xerente correspóndenlle as funcións de xefe/a do persoal e do réxime económico e administrativo de todos os servizos e dependencias do Consello, sen prexuízo da superior autoridade da Presidencia e das atribucións do Pleno, da Comisión Executiva e dos conselleiros e conselleiras.

4. O/A xerente terá a condición de persoal directivo, de conformidade co previsto no artigo 13.1º da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público.

Artigo 25º.-Arquivos.

1. Para o estudo e preparación de determinados asuntos da competencia do Pleno ou da Comisión Executiva, o Pleno, cando o estime oportuno e por proposta da Comisión Executiva, poderá acordar a constitución de arquivos de carácter permanente que, en todo caso, serán dirixidos por un membro do Pleno.

2. Estes arquivos para o estudo, documentación e recuperación da memoria cultural galega nos seus diversos campos de actuación terán capacidade para poñer ao dispor de investigadores o seu material documental recuperado.

3. A designación dos membros que formarán as comisións técnicas asesoras dos arquivos será feita pola Comisión Executiva, entre persoas pertencentes ou non ao Pleno, logo de considerar, neste último caso, o seu currículo.

4. Estes arquivos poderán ter un secretario/a, designado/a pola Comisión Executiva por proposta do director ou directora do arquivo, que formará parte da correspondente comisión técnica asesora, e tamén será secretaria ou secretario desta.

Título V

Persoal

Artigo 26º.-Persoal ao servizo do Consello.

1. O persoal do Consello da Cultura Galega desempeñará as funcións técnicas, administrativas e auxiliares que lle correspondan de acordo coa súa categoría e co previsto no organigrama administrativo e na relación de postos de traballo do Consello.

2. O persoal do Consello da Cultura Galega estará integrado por:

a) O persoal laboral propio do Consello da Cultura Galega.

O persoal laboral do Consello rexerase pola lexislación laboral xeral e, agás no caso do persoal eventual e do vinculado por contratos de alta dirección, polo convenio colectivo que resulte de aplicación.

b) O persoal procedente doutras administracións públicas, funcionario ou laboral, destinado no Consello da Cultura Galega.

A este persoal respectaránselle as condicións retributivas e demais dereitos que teñen recoñecidos na súa administración de orixe, quedando nesta na situación administrativa prevista na normativa que lle resulte de aplicación.

Artigo 27º.-Relación de postos de traballo.

1. O Consello contará cunha relación de postos de traballo na que se describirán os distintos postos de traballo do persoal laboral propio do Consello, os reservados ao persoal doutras administracións públicas e os do persoal eventual.

2. Xunto co orzamento o Consello aprobará o cadro do persoal que presta os seus servizos no Consello.

Artigo 28º.-Selección de persoal.

A selección do persoal laboral propio do Consello da Cultura Galega farase por convocatoria pública de acordo con sistemas baseados nos principios de mérito, capacidade, igualdade e publicidade.

Artigo 29º.-Incompatibilidades.

O persoal ao servizo do Consello da Cultura Galega estará afectado polas incompatibilidades establecidas con carácter xeral para o persoal das administracións públicas.

Título VI

Réxime económico-financeiro

Artigo 30º.-Recursos financeiros.

Os recursos financeiros do Consello da Cultura Galega estarán compostos por:

a) A dotación anual que se estableza nos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

b) Os rendementos de dereito privado do seu patrimonio.

c) Os rendementos das actividades que desenvolva.

d) As contribucións voluntarias das entidades con dereito a representación.

e) As doazóns, legados, herdos ou calquera achega que reciba a título gratuíto.

Artigo 31º.-Capacidade xurídica.

O Consello da Cultura Galega ten plena capacidade para adquirir, gravar, transmitir e posuír calquera clase de bens ou dereitos. Así mesmo poderá exercer todo tipo de accións e contraer obrigas a través dos seus representantes legais, debidamente apoderados e autorizados polo Pleno.

Artigo 32º.-Orzamento.

O orzamento do Consello da Cultura Galega figurará como unha unidade orgánica dentro dos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Artigo 33º.-Anteproxecto de orzamento.

O anteproxecto de orzamento anual do Consello da Cultura Galega, elaborado segundo o establecido na normativa reguladora do réxime financeiro e orzamentario da comunidade autónoma, será remitido polo seu presidente ou presidenta á Consellaría de Economía e Facenda da Xunta de Galicia para a súa integración nos orzamentos xerais da comunidade autónoma nunha sección específica diferenciada.

Artigo 34º.-Autorización e disposición dos gastos.

A autorización e a disposición dos gastos, así como o recoñecemento das obrigas e a ordenación dos pagamentos do Consello correspóndelle ao seu presidente ou presidenta, sen prexuízo das delegacións que para o efecto entenda oportunas.

Artigo 35º.-Tesourería.

As dotacións consignadas na sección orzamentaria específica do Consello da Cultura Galega serán entregadas pola Consellaría de Economía e Facenda por petición do organismo e ingresadas na tesourería propia do ente.

A Consellería de Economía e Facenda determinará o procedemento para o seu libramento e para a imputación da execución do Consello da Cultura Galega na contabilidade da comunidade autónoma.

Artigo 36º.-Intervención.

1. Todos os actos, documentos e expedientes do Consello da Cultura Galega dos que se deriven dereitos e obrigas de contido económico serán intervidos e contabilizados nos termos descritos no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. A función interventora será exercida pola Unidade de Control Interno, adscrita á Xerencia, e que desenvolverá as funcións de control dos actos que deran lugar ao recoñecemento de dereitos e obrigas de contido económico, así como dos ingresos e dos pagamentos que deles deriven, de acordo cos principios da función interventora establecidos no artigo 96.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 37º.-Contabilidade.

O Consello da Cultura Galega axustará a súa contabilidade ao réxime de contabilidade pública nos mesmos termos ca os descritos no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 38º.-Indemnizacións.

1. Os membros do Consello, así como as persoas alleas a el que se incorporen ás súas seccións, arquivos ou comisións técnicas, percibirán indemnizacións polo desempeño das funcións que establece a lei de creación ou o presente regulamento.

2. O alcance e contía das devanditas indemnizacións será obxecto dun acordo do Pleno, por proposta da Comisión Executiva.

3. O sistema de indemnizacións comprenderá, ademais das correspondentes por asistencia ás xuntanzas e axudas de custo que o Pleno entenda conveniente fixar, os suplidos que o Pleno considere procedente reintegrar.

4. Tales contías poderán ser revisadas periodicamente polo Pleno, por proposta así mesmo da Comisión Executiva.

Artigo 39º.-Contratación.

Serán aplicables ao Consello da Cultura Galega as normas relativas á contratación do sector público.