DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 01 de agosto de 2008 Páx. 14.815

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 158/2008, do 10 de xullo, sobre asunción da ampliación das funcións e servizos en materia de conservación da natureza (Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1082/2008, do 30 de xuño, e a súa asignación á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A través dos reais decretos 167/1981, do 9 de xaneiro, 1234/1983, do 20 de abril, e 1535/1984, do 20 de xuño, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración xeral do Estado en materia de conservación da natureza.

A través do Real decreto 1082/2008, do 30 de xuño, amplíanse as funcións e servizos en materia de conservación da natureza (Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), traspasados por parte da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Procede por medio deste decreto a asunción de forma expresa do traspaso de funcións e servizos que se establece no Real decreto 1082/2008, do 30 de xuño, e proceder á súa asignación aos órganos competentes da comunidade autónoma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Asunción do traspaso.

Quedan asumidas as funcións e servizos traspasados pola Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1082/2008, do 30 de xuño, sobre ampliación das funcións e servizos da Administración xeral do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de conservación da natureza (Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencia do 23 de xuño de 2008.

Artigo 2º.-Asignación de funcións.

De acordo co establecido no Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, asígnanselle á citada consellería as funcións e servizos asumidos.

Artigo 3º.-Efectividade do traspaso.

A asunción de funcións e servizos obxecto deste decreto terá efectividade a partir do 1 de xullo de 2008, de acordo co disposto no Real decreto 1082/2008, do 30 de xuño.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto e para adoptar as medidas precisas para a plena efectividade das funcións e servizos traspasados.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza