DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 01 de agosto de 2008 Páx. 14.814

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Mediante Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións da Administración do Estado en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e a aplicación dos beneficios fiscais a estas.

Procede, en virtude do citado traspaso, asumir de forma expresa as devanditas funcións, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado polo Pleno na súa reunión do 23 de xuño de 2008, e a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xullo de dous mil oito

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Asunción do traspaso.

Quedan asumidas as funcións traspasadas pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, sobre ampliación de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de asociacións: declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias do 23 de xuño de 2008, publicado como anexo ao Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño.

Artigo 2º.-Asignación de funcións.

1. De acordo co establecido no Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, asígnanselle á citada consellería as funcións asumidas.

2. Serán competentes para tramitar a solicitude e instruír o procedemento de declaración de utilidade pública os seguintes órganos:

-A Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza respecto das asociacións inscritas no Rexistro Central de Asociacións por ter ámbito autonómico.

-As delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza respecto das asociacións que desenvolvan as súas actividades e establecesen o seu domicilio dentro do territorio provincial respectivo e estean inscritas no correspondente rexistro provincial de asociacións.

-Os organismos públicos encargados dos rexistros de asociacións especiais, respecto das asociacións reguladas por leis especiais, estatais ou autonómicas, e inscritas nos citados rexistros.

3. Será competente para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de instrución do procedemento por algún dos órganos a que se refire o número anterior.

Artigo 3º.-Efectividade do traspaso.

A asunción de funcións obxecto deste decreto ten efectividade a partir do día 1 de xullo de 2008, de acordo co disposto no Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto e para adoptar as medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións traspasadas.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, dez de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza