DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 01 de agosto de 2008 Páx. 14.814

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 156/2008, do 10 de xullo, sobre asunción dos medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña) traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1081/2008, do 30 de xuño, e a súa adscrición ao Servizo Galego de Saúde.

A Constitución, no seu artigo 149.1.16ª, reserva para o Estado a competencia exclusiva en materia de sanidade exterior, bases e coordinación xeral da sanidade.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1º que lle corresponde á comunidade autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. Así mesmo, o artigo 33.4º dispón que a comunidade autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguranza social, reservando o Estado para si a alta inspección conducente ao cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo.

A través do convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia para a execución do protocolo subscrito para regular o uso compartido civil e militar do Hospital Básico da Defensa en Ferrol, asinado polo presidente da Xunta deGalicia e o ministro de Defensa con data 10 de xullo de 2007, establécese que mediante real decreto será efectuado o traspaso á Xunta de Galicia do persoal civil do citado hospital.

Mediante Real decreto 1081/2008, do 30 de xuño, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia os medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol.

Procede, en virtude do citado traspaso de medios, asumilos de forma expresa, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia na súa reunión do 23 de xuño de 2008 sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Asunción do traspaso.

Quedan asumidos os medios persoais traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1081/2008, do 30 de xuño, sobre traspaso á comunidade autónoma dos medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña), nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia na súa reunión do 23 de xuño de 2008, publicado como anexo ao Real decreto 1081/2008.

Artigo 2º.-Adscrición dos medios persoais traspasados.

1. Adscríbense ao Servizo Galego de Saúde os medios asumidos a que fai referencia o artigo anterior.

2. A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde exercerán, no marco das súas respectivas competencias, as funcións que viña desempeñando o Ministerio de Defensa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outras consellerías de acordo coas disposicións vixentes.

Artigo 3º.-Efectividade do traspaso.

A asunción dos medios obxecto deste decreto terá efectividade a partir do 1 de xullo de 2008, de acordo co disposto no Real decreto 1081/2008.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto e para adoptar as medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica dos medios traspasados.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza