DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 30 de xullo de 2008 Páx. 14.616

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1319/2008, do 24 de xullo, sobre ampliación de funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación: homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias.

A Constitución, no seu artigo 149.1.30ª, reserva para o Estado a competencia exclusiva sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais, e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución española, co fin de garantir o cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.

Por outra parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 31 que é da competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o seu artigo 81.1º, o desenvolvan, das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1. 30ª da Constitución, e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

Mediante o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia, as funcións e servizos en materia de educación.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, establecen as normas que regulan a forma e condicións a que se deben axustar os traspasos de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, así como o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias.

De conformidade con todo o anterior, a Comisión Mixta de Transferencias Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia adoptou, na súa reunión do día 23 de xuño de 2008, o oportuno sobre ampliación de funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación: homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, que eleva ao Goberno para a súa aprobación mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento co disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas, e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil oito

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado polo Pleno na súa reunión do 23 de xuño de 2008, polo que se amplían as funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación: homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia os créditos orzamentarios correspondentes nos termos que resultan do propio acordo e da relación anexa.

Artigo 3º

O traspaso a que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da Comisión Mixta.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinan, de conformidade coa relación número 1 do anexo, serán dados de baixa nos correspondentes conceptos orzamentarios e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda aos conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financiar o custo dos servizos asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que se remitan ao departamento citado, por parte do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, os certificados de retención de crédito, para dar cumprimento ao disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este real decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Palma de Mallorca o vinte e catro de xullo de dous mil oito.

Juan Carlos R.

Elena Salgado Méndez

Ministra de Administracións Públicas

ANEXO

Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López, secretarios da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia.

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta de Transferencias, celebrada o día 23 de xuño de 2008, se adoptou un Acordo sobre ampliación de funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación: homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, nos termos que a continuación se expresan:

A) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais en que se ampara a ampliación.

A Constitución, no seu artigo 149.1.30ª, reserva para o Estado a competencia exclusiva sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais, e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución española, co fin de garantir o cumprimento das obrigas dos poderes públicos nesta materia.

Por outra parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 31 que é da competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o seu artigo 81.1º, o desenvolvan, das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1. 30ª da Constitución, e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

Mediante o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia, as funcións e servizos en materia de educación.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, establecen as normas que regulan a forma e condicións a que se axustarán os traspasos de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, así como o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias.

Sobre a base destas previsións normativas, procede formalizar o Acordo sobre ampliación das funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación: homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias.

B) Funcións e servizos da administración do estado que se amplían.

Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, de acordo coas táboas de equivalencia vixentes en cada momento ou, se é o caso, dos criterios xerais e táboas de correspondencia elaboradas polo Ministerio de Educación, Política Social e Deporte.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia comunicará ao Ministerio de Educación, Política Social e Deporte as resolucións de homologación adoptadas polo órgano competente, para que este proceda ao seu rexistro nunha sección especial do Rexistro Central de Títulos e á asignación dun número nacional de credencial que deberá figurar nela.

As resolucións do órgano competente da Xunta de Galicia polas que se conceda a homologación ou validación formalizaranse mediante unha credencial, cuxa data de expedición será a mesma da resolución de homologación e terá efectos en todo o territorio nacional. As características técnicas que deben cumprir os modelos de credencial especifícanse no anexo I.

C) Formas institucionais de cooperación.

Mediante convenio entre o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia establecerase o procedemento para o acceso á base de datos de homologacións e validacións do Ministerio, así como o acceso e utilización do sistema de seguridade para evitar as posibles falsificacións.

Este convenio preverá a creación dunha comisión técnica para establecer os mecanismos de cooperación para homoxeneizar e harmonizar a aplicación dos criterios de homologación e validación.

D) Valoración das cargas financeiras correspondentes á ampliación.

1. A valoración provisional, en valores do ano base 1999, que corresponde ao custo efectivo anual das funcións e servizos que se traspasan á Xunta de Galicia elévase a 6.104,89 euros.

Esta valoración será obxecto de revisión nos termos establecidos no artigo 16.1º da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía.

2. O financiamento, en euros de 2008, que corresponde ao custo efectivo anual dos medios que se amplían, detállase na relación adxunta número 1.

3. Transitoriamente, ata que se produza a revisión do Fondo de Suficiencia como consecuencia da incorporación a el do custo efectivo do traspaso, este custo financiarase mediante a consolidación na Sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos aos distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada Lei de orzamentos.

E) Documentación e expedientes das funcións e servizos que se amplían.

A entrega da documentación e expedientes dos bens e servizos que se amplían realizarase no prazo dun mes desde a publicación do real decreto polo que se aprobe este acordo.

F) Data de efectividade da ampliación.

A ampliación de funcións e servizos, obxecto deste acordo, terá efectividade a partir do día 1 de xaneiro de 2009.

E para que conste, expídese esta certificación en Madrid, o 23 de xuño de 2008. Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López, secretarios da Comisión Mixta.

RELACIÓN Nº 1

Sección 18. Ministerio de Educación e Ciencia. Servizo 02. Programa 321M.

Euros 2008.

-Capítulo I: gastos de persoal.

Total capítulo I: 6.301,36.

-Capítulo II: gastos correntes en bens e servizos.

Total capítulo II: 977,24.

Total custo sección 18: 7.278,60.

Sección 22. Ministerio de Administracións Públicas. Servizo 01. Programa 921P.

Euros 2008.

-Capítulo I: gastos de persoal.

Total Capítulo I: 16.054,64.

-Capítulo II: Gastos correntes en bens e servizos.

Total Capítulo II: 3.967,19.

-Capítulo VI: Investimentos.

Total Capítulo VI: 1.949,66.

Total custo sección 22 21.971,49.

Total custo efectivo.

Custo Sección 18. Ministerio de Educación e Ciencia: 7.278,60 €.

Custo Sección 22. Ministerio de Administracións Públicas: 21.971,49 €.

Créditos afectados polo traspaso: 29.250,09 €.

A deducir:

Recadación ingresos por taxa 079 (ano 2007): 18.489 €.

Total custo efectivo neto: 10.761,09 €.

ANEXO I

Modelo de credencial e as súas características.

Modelo de credencial. Na credencial deberán figurar, polo menos en castelán (alternativa -en texto bilingüe, nun só documento redactado en castelán e na lingua oficial da Comunidade) os seguintes datos:

-Nome, nacionalidade e data de nacemento do interesado.

-Título ou estudos estranxeiros que se homologan ou validan.

-País de orixe dos estudos.

-Título ou estudos españois cos que homologan ou validan.

-Data de concesión da homologación.

As características técnicas básicas dos soportes para a expedición de credenciais serán as seguintes:

-Expediranse sobre soporte de papel celulósico tamaño UNE A-4 de 100 gr/m2, exento de branqueante óptico, con fibras invisibles de resposta á luz ultravioleta, tomando como referencia, no que sexan aplicables, as especificacións contidas no Real decreto 733/1995, do 5 de maio, sobre expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.