DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 30 de xullo de 2008 Páx. 14.615

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 154/2008, do 17 de xullo, polo que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao nas universidades do sistema universitario de Galicia para o curso 2008-2009.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada por Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece no seu artigo 8.2º que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, ben por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da Universidade, ben por iniciativa da universidade mediante proposta do Consello de Goberno, en ambos os casos con informe previo favorable do Consello Social.

O artigo 35.2º da Lei orgánica 6/2001 establece que, ademais do recollido no parágrafo anterior, as universidades deberán obter a verificación do Consello de Universidades de que o oportuno plano de estudos se axusta ás directrices e condicións establecidas polo Goberno, na súa virtude, por Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, estableceuse a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais. A verificación positiva das titulacións que se autorizan neste decreto foi acordada polo Consello de Universidades na súa sesión plenaria do 28 de maio de 2008.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, téndose acordado no Consello Galego de Universidades do 5 de novembro de 2007, unhas liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e de posgrao no sistema universitario de Galicia.

No artigo 3 do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establécese que a autorización para a implantación de estudos no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase por decreto do Consello da Xunta de Galicia. Previamente terá que ser emitido informe polo Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 5.j) da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades.

Baixo a formulación xeral exposta, neste decreto autorízase a implantación de estudos conducentes aos títulos de grao no Sistema Universitario de Galicia (Sug), unha vez cumpridos todos os requisitos previos ao acto formal de autorización por parte da Xunta de Galicia.

O deseño da nova oferta de titulacións e especialidades no Sistema Universitario de Galicia, ademais de perseguir o obxectivo irrenunciable da transmisión do coñecemento, debe enmarcarse nun sistema máis aberto, diverso e versátil, que permita e favoreza unha mellor adaptabilidade a unha realidade laboral cambiante en exixencias e capacidades e que facilite e promova a formación ao longo da vida que demanda a sociedade actual.

O proceso de implantación dos novos títulos de grao debe permitir o deseño dunha oferta global cun eficiente aproveitamento dos recursos -os existentes e aqueles que será necesario dotar para a adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior- para mellorar a calidade do Sug. É necesario tender a unha oferta o máis completa e versátil posible e, ao mesmo tempo, diminuír as repeticións dentro do Sug e eliminar as redundancias dentro dunha mesma universidade.

Aínda que é necesario configurar unha oferta dinámica, a primeira fase recollerá, exclusivamente, a adaptación da oferta actual no Sistema Universitario de Galicia ás directrices fixadas no novo marco lexislativo.

Por todo isto, en aplicación do artigo 8.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e do artigo 3.3º do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta dos Consellos de Goberno das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, cos informes previos favorables dos Consellos Sociais respectivos, logo do informe favorable do Consello Galego de Universidades, verificados positivamente os planos de estudos polo Consello de Universidades, en exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezasete de xullo de dous

mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Universidade da Coruña.

Campus da Coruña.

1. Concédese autorización para que na Facultade de Ciencias da Saúde se implanten os estudos conducentes ao título de grao en terapia ocupacional.

2. Concédese autorización para que na Facultade de Socioloxía, se implanten os estudos conducentes ao título de grao en socioloxía.

Artigo 2º.-Universidade de Santiago de Compostela.

Campus de Santiago de Compostela.

1. Concédese autorización para que na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais se implanten os estudos conducentes ao título de grao en ciencia política e da administración.

2. Concédese autorización para que na Facultade de Matemáticas se implanten os estudos conducentes ao título de grao en matemáticas.

Artigo 3º.-Universidade de Vigo.

Campus de Pontevedra.

1. Concédese autorización para que na Facultade de Belas Artes se implanten os estudos conducentes ao título de grao en belas artes.

Artigo 4º.-Implantación das novas ensinanzas.

A implantación polas Universidades do Sistema Universitario de Galicia dos planos de estudos conducentes á obtención dos títulos que se autorizan neste decreto realizarase coa temporalidade prevista no correspondente plan de estudos verificado polo Consello de Universidades.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Autorízase á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-A efectiva impartición das ensinanzas autorizadas neste decreto queda condicionada ao procedemento establecido no artigo 35 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada por Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril e no capítulo VI do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria