DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 28 de xullo de 2008 Páx. 14.385

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2008 pola que se convocan dous cursos sobre plans de emerxencia municipal: elaboración e implantación.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2008, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de dous cursos sobre plans de emerxencia municipal: elaboración e implantación, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Con estes cursos preténdese dotar o persoal responsable da elaboración e implantación do plan de emerxencia municipal dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización de métodos de prevención e planificación necesarios, en función dos posibles riscos a que estean expostos os seus concellos.

Destinatarios

-Persoal técnico dos concellos con responsabilidade na elaboración do Plan de emerxencia municipal (PEMU).

-Responsables das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia (presidente, xefe, subxefe, e xefe de grupo), que colaboren na elaboración e implantación do PEMU.

Desenvolvemento.

1. Prazas: 27 por curso.

2. Duración: 22 horas lectivas.

3. Datas: outubro de 2008.

4. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública, avda. da Cultura, s/n. A Estrada.

Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos/das participantes é gratuíta.

2. As persoas interesadas poderán cubrir a solicitude que se amosa na páxina web http://agasp.xunta.es, ou o modelo anexo á convocatoria da actividade.

3. As solicitudes deberán vir asinadas pola persoa responsable da correspondente unidade e co selo desta. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

4. Presentación das solicitudes:

-Por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n 36680, A Estrada.

-A través do fax nº 886 20 61 23 do Servizo de Formación-Sección de Protección Civil e Bombeiros da Agasp.

-Segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 5 de setembro de 2008.

Contido.

-Estrutura e organización do PEMU.

-CECOPAL.

-Cartografía dixital do Plan de emerxencias.

-Operatividade.

-Os arquivos informáticos.

-Catálogo de medios e recursos.

-Tipoloxía de riscos.

-Análise e determinación de riscos.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos/as farase pública o día 20 de setembro de 2008 na páxina web http://agasp.xunta.es.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 15 de xullo de 2008.

P.S. (Disposición primeira Orde 31-1-2008,

DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "14400D012P042.PDF"