DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 28 de xullo de 2008 Páx. 14.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 18 de xullo de 2008 pola que se estende o ámbito temporal de aplicación e se reabre o prazo para a presentación de solicitudes das axudas previstas na Orde do 21 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008.

Por Orde do 21 de abril de 2008, da Consellería de Traballo, publicada no Diario Oficial de Galicia número 81, do 28 de abril de 2008, establecéronse as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procedeu á súa convocatoria para o ano 2008.

Finalizado o prazo para a presentación de solicitudes o pasado día 15 de xullo de 2008, tendo en conta as solicitudes presentadas ata esa data, e a dispoñibilidade de créditos orzamentarios para o financiamento das axudas do programa de promoción do emprego autónomo, resulta oportuno reabrir o prazo de presentación de solicitudes coa finalidade de apoiar no exercicio 2008 un maior número de proxectos de autoemprego, que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores ou traballadoras autónomos/as ou por conta propia.

Isto leva consigo adecuar o ámbito temporal de aplicación da Orde do 21 de abril de 2008, establecido no seu artigo 1.1º, e o prazo xeral de presentación de solicitudes establecido no seu artigo 10.2º.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Reábrese o prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo, establecido na Orde do 21 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, que rematará o 15 de setembro de 2008.

2. Deberá respectarse o prazo xeral establecido no punto anterior aínda que non transcorresen os prazos específicos previstos na devandita orde para cada tipo de axuda.

3. Poderán subvencionarse ao abeiro da Orde do 21 de abril de 2008 as altas no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos ou en mutualidade de colexio profesional que cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen ata o 15 de setembro de 2008 inclusive.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo