DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 28 de xullo de 2008 Páx. 14.367

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 16 de xullo de 2008 pola que se establece o programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (E.I.L.), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 211/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, e polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

As transformacións que se veñen experimentando nos últimos anos no contorno social, económico, organizativo e tecnolóxico configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social, definida como a imposibilidade de exercer dereitos sociais, fundamentalmente o dereito ao traballo, o que provoca numerosos efectos colaterais tales como desmotivación persoal, abandono de hábitos sociais e laborais.

Para paliar estas situacións establécense os procesos de integración social, que teñen unha innegable relación co ámbito do emprego. Deste xeito aquelas actuacións que amplíen as posibilidades de inserción no mercado laboral supoñen para estas persoas unha forma eficaz para seren parte activa da sociedade a que pertencen.

Impulsado polo Goberno o proceso de Diálogo Social de Galicia, e como resultado deste, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia subscribiron o 5 de febreiro de 2007 o Acordo sobre obxectivos e medidas de emprego de Galicia, que establece os obxectivos que cómpre acadar en materia de emprego na liña de converxencia coa media do Estado e coa de Europa, e as medidas e recursos que se implementarán para a consecución destes obxectivos, iniciándose unha nova etapa no marco das relacións laborais. En concreto, no acordo sobre obxectivos e medidas para o emprego en Galicia, dedícase o capítulo oitavo ás medidas para acadar os obxectivos de inserción laboral dos demandantes en risco de exclusión, establecéndose medidas concretas en apoio deste colectivo, ás cales responde esta orde.

É no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral e, en concreto, no seu capítulo V onde, con carácter enunciativo, se establecen as medidas de fomento que ás empresas de inserción laboral poderá destinar a Administración. Esta orde desenvolve polo que respecta á Consellería de Traballo ese capítulo, e establece o programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (E.I.L.) e á súa convocatoria para o ano 2008.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Por todo o exposto, no desenvolvemento da planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión do día 28 de novembro de 2007, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Finalidade e principios de xestión.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e proceder á súa convocatoria no ano 2008, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que poidan cumprir a súa función social.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao establecido nesta lei, ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e nesta orde.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as entidades promotoras das empresas de inserción laboral nos termos do artigo 8º.1 e as empresas de inserción laboral, unha vez cualificadas e rexistradas como tales no rexistro habilitado para tal efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego, en virtude do establecido no Decreto 156//2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral e na Orde do 6 de maio do 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo, coa finalidade de posibilitar o acceso ao emprego de colectivos desfavorecidos, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas e non incorran nas circunstancias previstas nos números

2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Poderán solicitar e ser beneficiciarias das axudas aquelas empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral. Non obstante, non poderá procederse ao pagamento da axuda en canto non obtivese esa cualificación.

Artigo 3º.-Suxeitos e beneficiarios da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral.

1. A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral vai dirixida a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, nas cales concorran un ou varios factores de exclusión relacionados neste artigo.

2. Para os efectos desta orde son factores de exclusión sociolaboral os seguintes:

a) A discapacidade física, psíquica ou sensorial ou a enfermidade mental en graos que dificulten, pero non imposibiliten, a súa inserción laboral común.

b) A condición de persoa en proceso de rehabilitación e socialización normalizada, por proceder dunha situación de desestruturación persoal e familiar, de conflito co contorno, ou rexeitamento social, tales como adiccións a drogas ou alcol, o exercicio da prostitución, o cumprimento de penas privativas de liberdade, etc.

c) A situación de cargas familiares non compartidas, agravadas por outros factores ou carencias persoais ou familiares.

d) A condición de inmigrante ou emigrante retornado, cando, polas súas características ou circunstancias persoais, presenten especiais dificultades de integración no mercado laboral.

e) A condición de persoa sen fogar.

f) A procedencia de institucións de protección ou reeducación de menores.

g) A condición de muller vítima de violencia de xénero que, por proceder de recursos específicos de acollida ou por calquera outra circunstancia, implique especiais dificultades de integración laboral.

h) A pertenza a determinadas minorías étnicas cando tal condición implique especiais problemas de integración laboral.

i) Calquera outro factor non previsto expresamente neste artigo sempre que, ponderado polos servizos sociais no contexto persoal, familiar e social da persoa, se considere que condiciona gravemente a súa empregabilidade.

3. Poderán ser, ademais, beneficiarios da inserción laboral a través de empresas de inserción:

a) As persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia ou prestación de natureza equivalente e outros usuarios e usuarias do Plan galego de inclusión social, así como as perceptoras das axudas a vítimas de violencia de xénero xestionadas pola comunidade autónoma.

b) As persoas en situación ou risco de exclusión social que non accedan á dita prestación por falla do período de residencia ou empadroamento, características das unidade de convivencia, obriga de alimentos, idade ou tempo máximo de percepción.

c) As persoas desempregadas inscritas ininterrompidamente na oficina de emprego durante dous anos, as persoas desempregadas durante un período superior a doce meses maiores de corenta e cinco anos e as admitidas no programa que establece a axuda específica denominada renda activa de inserción que o soliciten e que a criterio do Servizo Público de Emprego de Galicia ou entidades asociadas requira a súa inclusión nun proceso de inserción a través dunha empresa de inserción laboral e que, en todo caso, se encontren en situación ou risco de exclusión social.

Artigo 4º.-Características dos contratos de traballo subvencionables.

Os contratos de traballo celebrados entre os/as traballadores/as en risco ou en situación de exclusión social, cualificados de acordo co procedemento establecido no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, e as empresas de inserción laboral deberán reunir as seguintes características para poderen ser subvencionables:

a) Deberán formalizarse por escrito aceptándose calquera das modalidades de contratación existentes na normativa laboral vixente.

b) Non terán unha duración inferior a 12 meses nin superior a 24 meses, nin unha xornada inferior ao 50% da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legalmente establecida.

c) Con carácter previo ao contrato, deberán subscribir a persoa seleccionada, a empresa de inserción e os servizos sociais o convenio de inserción, nos termos sinalados no artigo 13 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo.

Artigo 5º.-Actuacións subvencionables.

Poderán ser obxecto das axudas destinadas ao sostemento das empresas de inserción laboral as seguintes actuacións:

1. Contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social.

2. Contratación dos xerentes ou técnicos necesarios para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción.

3. Contratación de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción.

4. Realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario.

5. Formalización de préstamos con entidades financeiras.

6. Creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.

Artigo 6º.-Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

1. Subvencionaranse os contratos de traballo celebrados con persoas en situación ou en risco de exclusión social, de acordo co artigo 3º da presente orde, desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación e cubertos segundo a tramitación establecida no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, e no marco dos convenios individuais de inserción, co fin de facilitar a adquisición de habilidades socio-laborais e o tránsito cara a un medio laboral totalmente normalizado.

2. A contía máxima da subvención será o 50% do salario mínimo interprofesional mensual por cada traballador/a, que se reducirá proporcionalmente á duración da xornada.

3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as mensualidades correspondentes aos contratos de traballo existentes e/ou formalizados desde o 1 de setembro de 2007 ata o 30 de setembro de 2008.

4. Nos casos en que a permanencia no posto de traballo cesase antes de finalizar o período previsto no convenio de inserción correspondente, a empresa deberá ocupar o posto con outro/a traballador/a en que concorra algunha das circunstancias do artigo 3 desta orde.

5. Para os efectos da axuda recollida neste artigo terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

6. As empresas presentarán as súas solicitudes no mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral, respectando, pola súa vez, o prazo xeral establecido no artigo 14º desta orde.

As solicitudes polas contratacións realizadas desde o 1 de setembro de 2007 ata a publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da entrada en vigor desta orde. Neste caso non se exixirá o requisito da situación de desemprego dos traballadores no momento da contratación.

Artigo 7º.-Subvención pola contratación de xerentes ou técnicos.

1.Para a contratación dos xerentes ou técnicos necesarios para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción, poderá concederse unha subvención equivalente ao 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, calculada sobre 24 mensualidades.

2. Esta subvención poderá solicitarse por cada empresa de inserción laboral e terá como límite máximo a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que coas contratacións obxecto de subvención se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e a boa fin dela.

3. Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía dos incentivos establecidos nos puntos anteriores será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

4. Quedan excluídas desta subvención as contratacións de persoas que traballasen nas entidades promotoras nos 24 meses anteriores á contratación pola cal se solicite subvención. Non obstante esta exclusión non se aplicará a aquelas persoas que estivesen prestando servizos nas entidades promotoras no período comprendido entre o 1 de setembro de 2007 e a data de entrada en vigor desta orde.

5. As empresas presentarán a solicitude dentro do prazo dun mes contado desde a data da contratación, respectando, pola súa vez, o prazo xeral establecido no artigo 14º desta orde.

As solicitudes polas contratacións realizadas desde o 1 de setembro de 2007 ata a publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da entrada en vigor da presente orde.

Artigo 8º.-Subvención pola contratación de técnicos en orientación e acompañamento á inserción.

1. As entidades que promovan máis dunha empresa de inserción laboral e as empresas de inserción laboral poderán acceder a unha subvención para a contratación de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción.

2. Esta subvención será equivalente ao 50% dos custos laborais totais, incluídas ás cotizacións á Seguridade Social calculada sobre 24 mensualidades e terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

3. Finalizado o período máximo subvencionado, a empresa beneficiaria poderá solicitar novamente esta axuda.

4. O persoal técnico en accións de orientación deberá posuír unha titulación universitaria axeitada aos labores que se van realizar ou unha experiencia en programas de orientación e acompañamento de dous anos.

5. Quedan excluídas desta subvención as contratacións de persoas que traballasen nas entidades promotoras da empresa de inserción laboral nos 24 meses anteriores á contratación pola cal se solicite subvención. Non obstante, esta exclusión non se aplicará a aquelas persoas que estivesen prestando servizos nas entidades promotoras no período comprendido entre o 1 de setembro de 2007 e a data de entrada en vigor desta orde.

6. As empresas presentarán a súa solicitude no prazo dun mes contado desde a data da contratación obxecto da subvención, respectando, pola súa vez, o prazo xeral establecido no artigo 14º desta orde.

As solicitudes polas contratacións realizadas desde o 1 de setembro de 2007 ata a publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da entrada en vigor desta orde.

Artigo 9º.-Subvención pola realización de labores de mediación laboral.

1. Subvencionarase a empresa de inserción laboral cunha axuda de 6.000 euros pola incorporación indefinida á empresa ordinaria dun/dunha traballador/a en proceso de inserción xestionada pola empresa de inserción laboral ou pola entidade promotora. Se o contrato subscrito é de carácter temporal e ten unha duración inferior a dous anos e superior a 6 meses a subvención reducirase proporcionalmente. O prazo entre a baixa na empresa de inserción laboral e a data de alta na empresa ordinaria non será superior a un mes.

2. Subvencionarase cunha axuda de 6.000 euros á empresa de inserción laboral que asesore, apoie e acompañe un/unha traballador/a en proceso de inserción na súa iniciativa de autoemprego individual.

3. Esta subvención poderá solicitarse transcorridos 6 meses desde a formalización do contrato coa empresa ordinaria ou desde a alta no réxime especial de traballadores autónomos, respectando, pola súa vez, o prazo xeral establecido no artigo 14º desta orde.

4. As empresas de inserción laboral beneficiarias desta subvención asumen a obriga de realizar o seguimento laboral das persoas inseridas no mercado ordinario.

Artigo 10º.-Subvención financeira.

1. A subvención financeira ten por finalidade facilitar o emprego nas empresas de inserción laboral, mediante a redución dos xuros dos préstamos para financiar investimentos en activo fixo, concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Traballo e solicitado a nome da empresa de inserción laboral. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do préstamo para financiar o activo circulante.

2. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á redución de seis puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo sen que, en ningún caso, o xuro que deba satisfacer a entidade beneficiaria, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia.

3. A contía máxima desta axuda non poderá ser superior a 3.000 euros por emprego creado ao abeiro desta orde e para os colectivos definidos no artigo 3º desta orde.

Artigo 11º.-Subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.

1. As empresas de inserción laboral de nova creación ou que amplíen o seu cadro de persoal creando novos empregos para persoas en proceso de inserción poderán beneficiarse dunha axuda cuxo importe se calculará en función do investimento en activo fixo.

2. A contía desta subvención será do 60% do custo total dos investimentos en activos fixos, excluídos os impostos que gravan a adquisición, que se realicen e xustifiquen no ano 2008. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo ocupados por persoas en procesos de inserción ata un máximo de 12.000 euros por posto de traballo ocupado por persoas en proceso de inserción.

3. Os activos fixos que se imputen para o cálculo da subvención deben estar directamente relacionados coa actividade principal desenvolvida pola empresa de inserción.

Artigo 12º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

Os contratos realizados co/a cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

Contratacións realizadas con traballadores ou traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servizos na mesma empresa mediante un contrato de carácter indefinido. Esta exclusión non será de aplicación a aquelas empresas que, reunindo os requisitos para a súa cualificación como empresa de inserción laboral, funcionasen como tales na data de entrada en vigor desta orde.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Traballadores e traballadoras que rematasen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 13º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 14º.-Solicitudes, autorizacións e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións presentaranse no rexistro da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse ao director xeral de Promoción do Emprego.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá achegar coas solicitudes as devanditas certificacións.

3. Mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

4. Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza expresamente a Consellería de Traballo para que, de acordo co establecido nos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención, e na páxina web oficial da Consellería de Traballo.

5. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: http://traballo.xunta.es.

6. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de outubro de 2008.

7. Nos prazos sinalados nos artigos 6, 7 e 8 desta orde entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da contratación ou da entrada en vigor da orde de convocatoria. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 15º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada:

1. Documentación común para todas as modalidades de axuda:

a) Se o solicitante é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

b) Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que se solicita (anexo III).

c) Alta no imposto de actividades ecónomicas ou, se for o caso, no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda, así como escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas.

d) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

e) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VI).

f) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

2. Documentación específica:

a) Subvención para a contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social:

1. Coa primeira solicitude deberán achegar:

-Copia simple do DNI, documentos acreditativos do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, copias dos contratos de traballo, convenios de inserción e altas na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras polos cales se solicita subvención.

-Boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2), recibos de salarios e documento bancario de transferencia acreditativo do pagamento da mensualidade.

-Descrición detallada do posto de traballo que se vai cubrir e as súas características técnicas.

2. Nas restantes solicitudes mensuais deberán presentar:

-Os documentos anteriormente citados de cada novo traballador contratado na data da mensualidade.

-Boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2), recibos de salarios e documento bancario de transferencia acreditativo do seu pagamento.

b) Subvención á contratación de xerentes ou técnicos:

-Memoria explicativa da necesidade da contratación de xerentes ou técnicos para o desenvolvemento da actividade, número e perfís profesionais destes e o orzamento desagregado por conceptos, a proposta de servizos que van desenvolver e o calendario previsto para a súa realización.

-Copia simple do DNI do xerente ou técnico, contrato de traballo e alta na Seguridade Social.

-Declaración dos custos laborais totais a cargo da empresa referidos ao primeiro ano.

c) Subvención á contratación de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción:

-Memoria descritiva da necesidade da contratación de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción, número e perfís profesionais destes e funcións que van realizar en relación coas categorías profesionais e custos laborais totais.

-Copia simple do DNI do técnico, contrato de traballo e alta na Seguridade Social.

-Declaración dos custos laborais totais a cargo da empresa referidos ao primeiro ano.

-E, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudos ou copia compulsada do título universitario.

d) Subvención pola realización de labores de mediación laboral:

-Copia simple do DNI do traballador/a contratado/a.

-Documentos de baixa e alta no correspondente réxime da Seguridade Social e, se for o caso, contrato de traballo.

e) Subvención financeira:

-Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da subvención.

-Contrato de préstamo ou, na súa falta, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no cal figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (anexo IV).

-Plan de investimentos xunto coas facturas, facturas pro forma ou orzamentos dos activos fixos e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes que se financiarán co préstamo.

-Declaración do número de empregos creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo III).

f) Subvención á creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral:

-Memoria descritiva da actividade e orzamento dos gastos necesarios.

-Detalle do plan de investimentos en activos fixos e calendario para a súa execución, xunto coas facturas pro forma e orzamentos.

-Estudo económico-financeiro de viabilidade do proxecto.

-Balance de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios.

-Declaración do número de empregos creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo III).

Artigo 16º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, o Servizo dos Autónomos, Inserción Laboral e Calidade do Emprego encargado da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán o interesado para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará, desistido da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 17º.-Procedemento de concesión, resolución e recursos.

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo dos Autónomos, Inserción Laboral e Calidade do Emprego da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

3. Logo da fiscalización pola intervención das propostas emitidas polo correspondente servizo, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación do conselleiro de Traballo e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións de concesión ou denegación deberán ser sempre motivadas.

4. O prazo para resolver e notificar será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Xustificación e pagamento.

A. Documentación común:

De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

-Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a cal se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

-Declaración complementaria da establecida no artigo 15.1º d) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

B. Documentación específica:

a) Subvención á contratación de xerentes ou técnicos:

-Informe escrito da actuación desenvolvida.

-Nóminas, transferencias bancarias do seu pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) do persoal subvencionado, correspondentes á mensualidade de outubro de 2008.

b) Subvención á contratación de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción:

-Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida.

-Nóminas, transferencias bancarias do seu pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) do persoal subvencionado, correspondentes á mensualidade de outubro de 2008.

c) Subvención financeira:

-Copia do contrato de préstamo, no caso de non se xuntar á solicitude.

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

d) Subvención á creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 30 de novembro do 2008.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a entidade beneficiaria non se encontre ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 19º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

1. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse logo que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1828 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15-2-2007).

4. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e presentar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. No suposto de extinción da relación laboral do traballador ou da traballadora polo/a que se concedeu a subvención, ao abeiro dos artigos 7º e 8º da presente orde, procederá a cobertura do posto por un novo traballador ou unha nova traballadora, que deberá reunir os mesmos requisitos do contrato inicial, e terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola entidade beneficiaria ao órgano competente que concedeu a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

6. Co fin de garantir o cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias deberán presentar nos tres meses seguintes e durante o ano posterior ao de realización das contratacións, unha declaración da media de persoal traballador no conxunto dos centros de traballo en Galicia nun período igual á duración do contrato subvencionado, contado desde o mes de realización das contratacións, así como o TC2 correspondente ao mes en que se efectuaron as ditas contratacións.

7. No caso da subvención financeira, a entidade beneficiaria da subvención acreditará, no primeiro trimestre natural do seguinte exercicio e ata a súa completa xustificación, mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, así como os correspondentes xustificantes de pagamento, que o importe do préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto da subvención.

A entidade beneficiaria, no prazo de 30 días, desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

8. Cumprir aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei /2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 23º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 24º.-Réxime de axudas.

1. As axudas ás contratacións do artigo 6º están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario polo seu sometemento ao Regulamento (CE) nº 2204/2002, da Comisión da Unión Europea, do 12 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais para o emprego (DOCE L 337, do 13 de decembro).

O dito regulamento aplicarase ás axudas concedidas en todos os sectores, incluídas as actividades relacionadas coa produción, transformación e comercialización de produtos que figuran no anexo I do tratado.

Non se aplicará ás axudas concedidas aos sectores da minaría e a construción naval.

2. As axudas pola contratación de xerentes ou técnicos necesarios para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción, pola contratación de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción, pola realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario, pola formalización de préstamos con entidades financeiras e pola creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral, quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis. Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución das solicicitudes de subvención. Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida

a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aqueles documentos que, de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación do conselleiro.

Cuarta.-A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-Para os efectos do sinalado no artigo 3º, letra d), terán a consideración de retornados/as aqueles emigrantes que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Sexta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución do director xeral de Promoción do Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Sétima.-No exercicio económico 2008, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións 16.02.322C.470.2, código de proxecto 2007 00675 cun crédito de 3.792.691 euros; 16.02.322C.470.5, código de proxecto 2007 00 680, cun crédito de 700.000 euros; 16.02.322C.481.1, código de proxecto 2007 00 682 cun crédito de 300.000 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, e constitúen o importe global para o financiamento desta orde; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación indefinida das mulleres como medida para lograr un mercado de traballo igualitario, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen os programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción da mocidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se

establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, cofinanciada polo Fondo Social Europeo; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social

Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e na empresa ordinaria, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e se procede á súa convocatoria para o ano 2008; e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras, autoemprego e economía social, incluídos no programa orzamentario 322C.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "14400D007P023.PDF"