DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 28 de xullo de 2008 Páx. 14.358

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 17 de xullo de 2008 pola que se convoca concurso de selección de grupos de acción costeira.

A aprobación do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca e a normativa de aplicación e desenvolvemento deste supuxo a regulación dun novo eixe dirixido ao desenvolvemento das zonas pesqueiras.

Polo de agora, toda actuación levada a cabo ao abeiro dos fondos comunitarios destinados ao sector pesqueiro, fundamentalmente os fondos IFOP, tiñan unha orientación claramente dirixida aos actores e aos medios que estes empregaban para desenvolver a súa actividade profesional, xa fora mediante a dotación de infraestruturas portuarias, a concesión de axudas para a posta en funcionamento de novas industrias, a modernización dos centros de traballo existentes, a mellora na comercialización e demais medidas que se establecían nas convocatorias de axudas publicadas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Coa novidade introducida co eixe 4 do FEP, establécese unha visión diferente do destino dos fondos e das persoas beneficiadas coa aplicación dos fondos. Non se pode falar dunhas accións distintas ou dun resultado distinto das accións executadas, senón dunha forma distinta de poñelas en práctica que implica a participación de entidades ou grupos locais que representen interlocutores públicos e privados procedentes de distintos sectores socieconómicos locais.

Son tamén distintas das consecuencias para as zonas costeiras e para as poboacións. Namentres as anteriores accións e o resto das medidas do actual FEP teñen un claro enfoque mar-terra, a medida do eixe 4 ten un enfoque terra-mar, buscando a mellora socioeconómica das poboacións ou comunidades pesqueiras en que residen os profesionais do sector pesqueiro.

A implantación desta medida en Galicia ten unha grande importancia en canto á súa dimensión social dado que, si se pode falar de que en Europa, máis do 50% da poboación vive a menos de 50 quilómetros da costa, en Galicia esa cifra elévase a máis do 70% da nosa poboación. Este dato supón necesariamente que toda actuación debe partir dunha primeira fase xa levada a cabo pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos que a necesidade de seleccionar as zonas ou áreas xeográficas nas que se van realizar as actuacións contempladas no eixe 4 do FEP.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en base a tres criterios de selección, identificou 7 zonas ao longo do litoral de Galicia que serán as beneficiarias en maior ou menor medida das actuacións contempladas nesta orde. Os criterios de selección das zonas foron a baixa densidade de poboación, pequenos concellos dedicados á pesca e a aplicación dunha fórmula de coeficiente de crecemento do sector pesqueiro en que se recollía a variación de frota, arqueo, potencia, desembarcos e poboación dedicada á pesca. Como resultado deste traballo, establecéronse 7 zonas no litoral galego:

Zona 1: A Mariña-Ortegal.

Zona 2: golfo Ártabro.

Zona 3: Costa da Morte.

Zona 4: seo de Fisterra, ría de Muros-Noia.

Zona 5: ría de Arousa.

Zona 6: ría de Pontevedra.

Zona 7: ría de Vigo-A Guarda.

Realizada a selección das zonas, o seguinte paso ten que ir necesariamente dirixido a alcanzar os obxectivos ou fins que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, respectando o establecido na normativa comunitaria, busca coa posta en marcha dunha medida innovadora como a regulada nesta orde, mediante a consecución dun enfoque integrado ou global das accións para desenvolver e mediante a participación activa dos axentes do sector pesqueiro, dos axentes sociais, dos axentes económicos e das administracións locais.

Esta participación integrada ou global ten como finalidade que as actuacións que se pretendan desenvolver nunha zona teñan unha proxección de carácter ascendente, é dicir, partindo da visión que en cada zona teñan as persoas que viven e conviven, se plasmen as súas necesidades, inquedanzas e iniciativas para a súa execución directa sen necesidade, agás as de control e respecto á legalidade vixente, dunha acción concreta da Administración.

Polo tanto, é necesaria a creación dunha asociación constituída polos axentes anteriormente mencionados, que deberá obter o recoñecemento de grupo de acción costeira. Será a cada un dos grupos recoñecido para cada unha das zonas (soamente un grupo por zona), ao cal lle corresponda o labor de integrar a todos os colectivos, elaborar un plan estratéxico zonal e o labor de dinamización e desenvolvemento das accións previstas para cada zona, partindo dunha visión zonal de desenvolvemento socioeconómico.

Debemos destacar que a alínea d), do artigo 8 da orde que nos ocupa establece como criterio de selección dos grupos de acción costeira contar con representación feminina nos cargos da asociación, podendo outorgar ata 25 puntos por tal circunstancia. Esta medida debe entenderse enmarcada nas denominadas accións positivas, reguladas tanto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, como na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Así, no artigo 4º de Lei 7/2004, citada, establécese, entre outras cousas, que non se considerarán discriminatorias as medidas especiais encamiñadas a acelerar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como que as medidas de acción positiva manteranse mentres non estean plenamente acadados os obxectivos de igualdade de oportunidades.

Neste contexto parece conveniente lembrar que, en Galicia, tanto as cotas de actividade como de ocupación das mulleres son cronicamente inferiores ás dos homes. A modo de exemplo sirvan os datos do primeiro trimestre de 2008 da enquisa da poboación activa, que indican, para as mulleres, unha taxa de actividade do 45,72 e unha taxa de ocupación do 41,35, mentres que para os homes son, respectivamente, do 63,91 e do 59,17.

Así, a alínea d), do artigo 8 adquire unha importancia singular, posto que persegue acadar o equilibrio no emprego, entre homes e mulleres, e, particularmente no desempeño de cargos directivos, nos cales o déficit feminino resulta notorio.

Deste xeito, este criterio de xénero resulta conveniente e axeitado por canto a actividade e o emprego da muller nas zonas dependentes da pesca se atopan lonxe dunha situación de igualdade efectiva, constituíndo, as mulleres, un clarísimo suposto de colectivo desfavorecido.

En congruencia co dito, o Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca (FEP), alude no parágrafo 13 do seu preámbulo á eliminación das desigualdades entre homes e mulleres, e, no seu artigo 44.2º, á posibilidade de financiamento de medidas particularmente destinadas ás mulleres, sempre que formen parte dunha estratexia de desenvolvemento sostible, tal e como se pretende co criterio de xénero recollido no artigo 8º desta orde.

Por outra banda, conxuntamente coa selección do grupo e do plan estratéxico, é necesario fixar un procedemento de selección de proxectos e de pagamento dos proxectos que garanta a eficacia e a eficiencia na xestión das axudas públicas, así como alcanzar unha máxima transparencia mediante procedementos de control e auditoría de cada grupo.

O novo eixe supón, en definitiva, unha oportunidade para que as poboacións pesqueiras poidan gozar dun desenvolvemento na súa estrutura socioeconómica contando coa participación activa das organizacións representativas das persoas profesionais do sector pesqueiro, partindo dunha visión zonal e de análise das necesidades concretas de cada área, o que permitirá o desenvolvemento local, o fornecemento da capacidade organizativa do sector pesqueiro, un estímulo á innovación e unha diversificación para as persoas profesionais do mar, buscando unha continuidade e estabilidade deste desenvolvemento máis alá da propia existencia dos fondos de financiamento.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto:

a) Convocar proceso de selección de asociacións para outorgarlles o recoñecemento de entidade colaboradora da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos baixo a denominación de grupo de acción costeira (en adiante GAC).

b) Fixar o contido mínimo do Plan estratéxico zonal (en adiante PEZ).

Artigo 2º.-Das zonas pesqueiras.

De conformidade co Programa Operativo do Fondo Europeo da Pesca, establécense no territorio de Galicia sete zonas, que comprenden os concellos do litoral, situados no seguinte ámbito xeográfico e na que se deberán realizar as actuacións que se van subvencionar no marco dos plans que se aproben ao abeiro desta orde:

Zona 1: A Mariña-Ortegal: concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira e Valdoviño.

Zona 2: golfo Ártabro: concellos de Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Bergondo, Sada, Oleiros, Arteixo, Cambre e Culleredo.

Zona 3: Costa da Morte: concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Muxía, A Laracha e Vimianzo.

Zona 4: Seo de Fisterra, Ría Muros-Noia: concellos de Cee, Fisterra, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.

Zona 5: ría de Arousa: concellos de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño e O Grove.

Zona 6: ría de Pontevedra: concellos de Sanxenxo, Poio, Marín e Bueu.

Zona 7: ría de Vigo-A Garda: concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.

Artigo 3º.-Orzamento total do eixe 4 do FEP.

1. O orzamento total establecido para as actuacións previstas no eixe 4 do FEP 2007-2013 para Galicia é de 40 millóns de euros.

Este crédito distribuirase por sétimas partes nas diferentes leis anuais de orzamentos para o citado período.

Estes importes serán incrementados anualmente coas incorporacións de crédito que legalmente correspondan.

2. Establécese unha reserva de eficacia do 7% do total deste, que se materializará cunha retención de crédito a comezos do exercicio orzamentario correspondente.

3. A contía determinada no punto anterior, unha vez descontada a reserva de eficacia, distribuirase do seguinte xeito entre os distintos GAC das distintas zonas establecidas no artigo 2 desta orde:

a) Zona 1: A Mariña-Ortegal: 10%.

b) Zona 2: golfo Ártabro: 10%.

c) Zona 3: Costa da Morte: 25%.

d) Zona 4: Seo de Fisterra, ría Muros-Noia: 25%.

e) Zona 5: ría de Arousa: 10%.

f) Zona 6: ría de Pontevedra: 10%.

g) Zona 7: ría de Vigo-A Guarda: 10%.

4. No suposto de que algún dos PEZ teñan unha contía superior á fixada no parágrafo anterior, se adxudicará a porcentaxe fixada sen que se poida producir incremento algún, agás nos casos previstos para a aplicación da reserva de eficacia.

capítulo ii

do proceso de selección dos grupos de acción costeira e da aprobación dos plans

Artigo 4º.-Da condición de grupo de acción costeira.

1. Para obter a condición de grupo de acción costeira, as asociacións que aspiren a obter tal recoñecemento deberán cumprir os requisitos establecidos na lexislación vixente en materia de entidades colaboradoras, concretamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ter sido constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

2. O grupo deberá estar constituído por entidades representativas dos seguintes sectores:

a) Sector pesqueiro: integrarano as asociacións e entidades de interese colectivo pesqueiro, marisqueiro e acuícola con personalidade xurídica propia.

b) Sector social: integrarán este sector as asociacións socioculturais, deportivas, ecoloxistas, recreativas e educativas, as asociacións de mulleres e outras similares.

c) Sector económico: integrado polas asociacións de empresarios e empresarias, de axentes económicos e organizacións sindicais.

d) Sector público: integrado polas administracións públicas de ámbito local e entidades do sector público vinculadas ou dependentes destas.

3. A composición da citada asociación deberá contar cunha mostra representativa de todos estes sectores, garantindo en todo caso, que polo menos o 50% do peso nos órganos de goberno do grupo corresponda ao sector pesqueiro.

4. Poderán participar asociacións de ámbito suprazonal sempre que non existan entidades da mesma natureza a nivel zonal.

Artigo 5º.-Dos requisitos mínimos para a constitución dun GAC.

1. Soamente se outorgará a condición de GAC a unha asociación por zona.

2. A asociación, para obter o recoñecemento de GAC, deberá cumprir como mínimo as seguintes condicións:

Primeira.-As asociacións deberán permitir a integración nela de todas as entidades asociativas e de representación de intereses colectivos, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como administracións locais e entidades públicas dependentes destas, dentro do ámbito territorial correspondente, non permitindo en ningún caso a participación de persoas físicas ou xurídicas individuais con ánimo de lucro.

Segunda.-A asociación que aspire a obter o recoñecemento como GAC deberá ter como obxectivos, entre outros:

a) Constituír e decidir en todas as medidas amparadas polo Eixe IV do FEP a selección das operacións que deban levarse a cabo polo sector privado e público, dentro da estratexia de desenvolvemento local establecida.

b) Participar en cantas iniciativas zonais, rexionais, nacionais, e internacionais que contribúan a potenciar o desenvolvemento socioeconómico do sector pesqueiro da zona.

c) Servir ás entidades asociadas de centro receptor, canalizador e distribuidor de toda a información relativa ao campo de acción do desenvolvemento local e rexional.

d) A prospección e coñecemento das dotacións, recursos e proxectos existentes no territorio en cada momento.

e) Ser factor de sensibilización das administracións, entidades públicas e privadas, así como ás institucións comunitarias europeas co obxecto de poder optimizar o aproveitamento dos recursos endóxenos da zona de cara ao seu desenvolvemento harmónico, equilibrado, sostido e integral.

f) Posibilitar entre as entidades asociadas o intercambio de experiencias e metodoloxías de traballo e intervención no ámbito do desenvolvemento zonal e rexional.

g) Promover a cooperación interrexional e transnacional con outras asociacións ou organizacións creados ao abeiro do eixe 4 do Fondo Europeo da Pesca.

h) Calquera outra que favoreza o desenvolvemento sostible do territorio conforme aos obxectivos establecidos no apartado II do artigo 43 do Regulamento CE 1198/2006 do Fondo Europeo da Pesca.

Con carácter transversal a todas as actuacións executadas polo GAC:

a) Fomentar, impulsar, programar e colaborar en actuacións dirixidas á diversificación de actividades mediante a promoción de emprego múltiple para pescadores polo medio da creación de traballos adicionais fóra do sector pesqueiro.

b) Fomentar, impulsar, programar e colaborar en actuacións dirixidas á busca de valor engadido para os produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

c) Impulsar o exercicio profesional dirixido a fomentar a igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes, ademais de desenvolver e aplicar con disciplina, tanto o saber científico relativo ás relacións de igualdade de oportunidades humano-sociais, como os servizos destinados a satisfacer as necesidades e aspiracións das mulleres, tendo en conta a promoción da igualdade de oportunidades.

d) Promover actividades de carácter informativo, de investigación, prevención e sensibilización, tendo como principais destinatarios o sector pesqueiro, e prioritariamente as mulleres, mozos/as e colectivos desfavorecidos vinculados ao citado sector.

e) Fomentar, impulsar, programar e colaborar en actuacións dirixidas á protección do medio ambiente nas zonas pesqueiras co fin de manter o seu atractivo, rexenerar e desenvolver os pobos costeiros de pescadores, así como participar nas actuacións de restablecemento do potencial produtivo do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola danado coma consecuencia de desastres naturais ou industriais.

Terceira.-Cada asociación designará unha Presidencia e unha Xunta Directiva da Asociación que serán os órganos de relación do GAC coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para esta finalidade.

Artigo 6º.-Das solicitudes.

1. As solicitudes para obter a condición de entidade colaboradora coma grupo de acción costeira deberanse acompañar da seguinte documentación:

A. Referida ao grupo:

a) Documentación acreditativa dos extremos contidos no artigo 8.

b) Actas das xuntanzas previas celebradas.

c) Acta de constitución e estatutos da asociación.

B. Referida ao Plan:

a) O Plan Estratéxico Zonal (PEZ).

2. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial que figura no anexo I desta orde xunto coa documentación mencionada no apartado anterior na sede dos servizos centrais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela ou nos lugares aos que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante LRXAPAC), e deberán dirixirse ao secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

3. O prazo para a presentación das solicitudes e a documentación complementaria iniciaráse o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de outubro deste ano.

Artigo 7º.-Da comisión de valoración de solicitudes dos grupos e de estudo dos plans.

1. Para efectos de valorar as solicitudes presentadas polos grupos de acción costeira e a avaliación dos plans estratéxicos zonais correspondentes, a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos designará unha Comisión de Valoración, que deberá contar con nove membros, distribuídos da seguinte forma:

-3 representantes da secretaría xeral.

-1 de cada unha das tres subdireccións xerais.

-1 representante da Consellería de Economía e Facenda.

-1 da Consellería de Medio Ambiente.

-1 da Consellería do Medio Rural, a través de Agader.

2. O funcionamento desta comisión estará sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, LRXAPAC, sendo o órgano competente para a instrución a Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Contratación.

3. A Comisión de Valoración avaliará as solicitudes das distintas asociacións e todas e cada unha das accións contempladas no Plan Estratéxico Zonal.

Durante o proceso de revisión da documentación prevista no artigo anterior, poderá abrirse un período de subsanación de documentación e consultas coa asociación que a presentou.

Como consecuencia das consultas formuladas, a asociación poderá presentar modificacións nun período máximo de 15 días hábiles desde a súa notificación, debendo facer expresa referencia a todas as cuestións que resultaron incorporadas ou modificadas en referencia ao grupo ou ao plan.

De non proporcionar a devandita documentación no prazo establecido, considerarase que desistiron da súa petición, previa resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Durante o proceso de avaliación dos grupos e dos plans e á vista da documentación presentada, a consellería convocará as asociacións nas que coincida a súa área xeográfica para que presenten unha proposta única. No suposto de non chegaren a acordo as entidades que presentan a solicitude de recoñecemento para unha mesma área, procederase á selección dunha delas consonte os criterios establecidos nesta orde, sen prexuízo que as asociacións non seleccionadas inicialmente pasen a integrar a lista de reserva regulada no artigo 13.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación dos grupos.

Para obter a condición de GAC, os grupos serán seleccionados consonte os seguintes criterios:

a) Criterios de solvencia técnica:

1. Proxecto de Plan Estratéxico Zonal: de 0 a 100 puntos. Para considerar aprobado o plan, este deberá obter un mínimo de 50 puntos.

2. Experiencia en xestión en programas e proxectos financiados con fondos europeos ou de desenvolvemento local desenvolvidos polas entidades integradas no GAC: de 0 a 20 puntos.

3. A existencia dun equipo técnico vinculado á asociación: de 0 a 15 puntos.

b) Criterios de representatividade:

1. Organizacións representativas do sector pesqueiro da zona: de 0 a 20 puntos por proporcionalidade directa (a máis organizacións, maior puntuación).

c) Criterios de coherencia:

1. Accións de difusión e dinamización levadas a cabo polas entidades participantes na asociación: de 0 a 10 puntos.

2. Mecanismos de coordinación e complementariedade con outras asociacións que existan no territorio: de 0 a 10 puntos.

d) Criterios de xénero: representación feminina nos cargos da asociación: de 0 a 25 puntos.

Artigo 9º.-Da proposta de resolución.

1. O órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, emitirá unha proposta de resolución provisional no prazo de 5 días hábiles, que se notificará a todas as entidades que enviaran a solicitude.

A proposta de resolución provisional seleccionará un só GAC por zona e fixará a lista de reserva mencionada no artigo 13.

2. As asociacións seleccionadas deberán formalizar debidamente a constitución da asociación, e trasladar o actuado ao órgano instrutor no prazo de 10 días desde a recepción da notificación pola que son seleccionadas como GAC.

3. Unha vez verificado o cumprimento deste requisito, o órgano instrutor formulará proposta de resolución definitiva, que elevará, xunto coa documentación acreditativa da constitución e rexistro da asociación, ao órgano de resolución, o día seguinte da recepción da documentación a que se refire o apartado 2 deste artigo.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, por resolución, determinará as asociacións seleccionadas que obtiveron o recoñecemento como grupo de acción costeira, que implicará o seu recoñecemento como entidade colaboradora para os efectos do disposto na normativa aplicable en materia de subvencións e levará de seu a aprobación do Plan Estratéxico Zonal. Esta resolución pode, con respecto ao Plan presentado, aprobalo total ou parcialmente.

2. O prazo para ditar a resolución será de 5 días desde a recepción da proposta efectuada polo órgano instrutor.

3. No suposto de que nalgunha das zonas establecidas no artigo 2 ningunha asociación incumpra os requisitos establecidos nesta orde, as contías asignadas a citada zona incrementarán a reserva de eficacia establecida no artigo 14.

4. A resolución ditada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos será obxecto de notificación expresa que haberá de efectuarse nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, LRXAPAC, sen prexuízo da súa publicación na páxina web da Xunta de Galicia ao día seguinte de ditarse.

Artigo 11º.-Recursos.

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses, contados, en ambos os casos, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, que sempre será expresa, sen prexuízo dos recursos que o interesado queira interpor para facer valer o seu dereito.

Artigo 12º.-Das obrigas dos GAC.

1. Os GAC, unha vez recoñecidos, deberán asinar coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos un convenio de colaboración relativo ás funcións dos GAC no procedemento das subvencións, subministracion de información e demais cuestións contempladas nesta orde.

2. Asinado o correspondente convenio de colaboración, os GAC obterán a consideración de entidades colaboradoras para os efectos previstos nos artigos 12, 13 e 15 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da demais normativa aplicable. Como consecuencia do seu carácter de entidade colaboradora, o GAC non poderá recibir subvencións para executar proxectos de seu, sen prexuízo das entidades que forman parte do GAC e dos gastos de xestión recollidos ao abeiro do corresponde PEZ.

3. En todo momento os GAC deberán comunicar á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos calquera modificación das condicións tidas en consideración para a concesión do seu recoñecemento. Esta comunicación deberá producirse no prazo máximo de 15 días hábiles desde que se produce a devandita modificación.

4. Os GAC someteranse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectúe a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e ás que a lexislación vixente atribúe a outros organismos da comunidade autónoma.

Artigo 13º.-Da lista de reserva.

1. No caso de que algunha asociación seleccionada incumpra calquera dos requisitos establecidos nesta orde, tanto respecto a constitución da asociación, coma respecto ao PEZ, perderá a súa condición coma GAC, previa audiencia, mediante resolución do secretario xeral.

2. Neste caso sucederalle, despois de proposta de resolución polo órgano instrutor, a seguinte asociación da lista de reserva, no seu caso, e así sucesivamente, debendo esta cumprir os trámites exixidos no artigo 6.

3. A perda da condición de GAC segundo o apartado primeiro será causa de reintegro dos gastos de funcionamento que con cargo aos Fondos do FEP obtivera a asociación, nos termos do artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 14º.-Da reserva de eficacia.

1. Constituirase unha reserva de eficacia como resultado de detraer do total dos fondos un 7% para a súa dotación inicial, tal e como se establece no artigo 3.

2. No suposto de que algún dos PEZ conteña unha contía económica inferior á establecida para esa zona no artigo 3, a diferenza incrementará a reserva de eficacia.

3. No caso de quedar deserto o concurso para a selección do GAC ou se produza a disolución dun GAC posteriormente ao seu recoñecemento, as contías asignadas a esa zona incrementarán a reserva de eficacia.

4. De non acadar unha execución ou grao de compromiso mínimo do 40% dos orzamentos asignados a unha zona antes do 15 de xaneiro de 2011, as contías asignadas a esta poderán reducirse e a diferenza incrementará a reserva de eficacia.

5. Esta reserva de eficacia poderá incrementar as dotacións orzamentarias dos grupos que teñan executado ou comprometido máis do 75% do Plan a 15 de xaneiro de 2012, previa presentación dun plan de actuacións complementario, acorde coas actuacións establecidas no PEZ, e que deberá ser sometido novamente ao estudo pola Comisión de Valoración dos grupos e plans, e aprobación pola consellería, en proceso análogo ao establecido nos artigos 7, 8 e 9 desta orde.

Capítulo iii

dos plans estratéxicos zonais (pez)

Artigo 15º.-Contido mínimo do Plan Estratéxico Zonal.

1. O contido mínimo do PEZ distribúese nos seguintes puntos:

A. Diagnose:

1. Estudo socioeconómico do ámbito territorial de actuación e análise DAFO (Debilidades, Amenazas, Fortalezas, Oportunidades) do territorio.

2. Previsión de creación de emprego.

B. Proposta estratéxica de actuación:

1. Estratexia para seguir polo GAC ao abeiro das prioridades establecidas no FEP.

2. Actuacións previstas segundo as liñas estratéxicas establecidas no PEZ, e agrupadas nos eixes prioritarios de actuación establecidos no artigo 16 desta orde.

3. Criterios de valoración de proxectos. As accións e proxectos para desenvolver serán avaliados polo GAC, de acordo con diferentes criterios de valoración, que haberán formar parte do Plan e cuxa ponderación se establecerá tamén no PEZ. Como mínimo deberán fixarse criterios obxectivos de valoración sobre os seguintes aspectos:

1.-Con carácter xeral, tanto para os proxectos produtivos como para os non produtivos:

a) Viabilidade técnica do proxecto.

b) Impacto sobre o territorio: económico, social e medioambiental

c) Aproveitamento de recursos endóxenos.

d) Carácter innovador/dinamizante.

e) Sustentabilidade do proxecto.

f) Capacidade de transferencia a outros territorios.

g) Igualdade de oportunidades.

h) Adecuación coa estratexia establecida polo grupo no PEZ.

2.-Con carácter específico para os proxectos produtivos:

a) Viabilidade técnica, económica e financeira dos proxectos.

b) Creación/mantemento do emprego.

c) Inclusión do promotor en colectivos desfavorecidos.

d) Garantía de solvencia económico-financeira e empresarial do promotor.

C. Proposta de execución do Plan:

1. Plan financeiro. O orzamento mínimo para cada Plan de zona deberá respectar as contías establecidas no artigo 3 desta orde. O PEZ deberá explicitar o número de proxectos por cada eixe de acción ou actuacións específicas propostas, así como a porcentaxe máxima de execución anual do Plan.

As accións subvencionables poderán ser de carácter produtivo ou non produtivo, e cada plan deberá presentar máis do 50% das súas actuacións que sexan de carácter produtivo.

2. Cronograma de execución do Plan. Os plans deberán rematar antes do 30 de xuño de 2013, podendo establecerse unha prórroga de execución de 6 meses por causas debidamente xustificadas polo GAC.

3. Gastos de xestión necesarios para a execución do PEZ, de acordo co establecido no artigo 17.

4. Sistemas de control e seguimento do Plan, en especial as auditorías económicas e financeiras, e as avaliacións externas de control e seguimento. Os PEZ establecerán un cadro de mando do proxecto con base en sistemas de indicadores de xestión cuantificables e obxectivables.

D. Elementos transversais do PEZ:

1. Mecanismos establecidos para garantir a aplicación do principio de igualdade de oportunidades.

2. Enfoque innovador da estratexia e das actuacións previstas.

3. Plan de información, publicidade e transferencia.

4. Sustentabilide do proxecto e do GAC máis alá da xestión do programa.

Artigo 16º.-Dos eixes prioritarios de actuación.

1. As actuacións establecidas en cada Plan deberán de agruparse con arranxo aos eixes de actuacións horizontais ou transversais seguintes:

1.-Son eixes prioritarios de carácter vertical ou sectorial:

a) Fortalecemento da competitividade do sector pesqueiro, en especial a través da mellora da comercialización.

b) Promoción económica: creación de emprego e oportunidades económicas a través da diversificación.

c) Mellora do contorno natural e a calidade ambiental.

d) Promoción da cohesión social.

2.-Son eixes de carácter horizontal ou transversal:

a) Fomento da sociedade da información e as novas tecnoloxías.

b) Fomento da igualdade de oportunidades.

c) Fomento da cooperación e da participación.

Artigo 17º.-Da xestión dos GAC.

1. O gastos das actividades directamente executadas polo GAC serán como máximo o 20% do total do orzamento establecido en cada PEZ, e comprenderán:

a) Gastos de funcionamento: custos de explotación dos grupos, gastos de persoal técnico contratado polo GAC, asistencias técnicas para a xestión do programa e custos de auditorías. Estes custos de funcionamento non poderán superar o 10% do orzamento total do PEZ.

b) Gastos de sensibilización e promoción: actos de publicidade e divulgación tales como publicacións, web do proxecto, xornadas informativas, congresos, seminarios técnicos e outras que teñan como finalidade a difusión do PEZ e das actuacións de desenvolvemento local contempladas no mesmo, estudos e traballos técnicos, así como actividades que teñan como obxecto o intercambio de experiencias e a formación, incluso no estranxeiro. Estes custos de sensibilización e promoción non poderán superar o 10% do orzamento total do PEZ.

Estes gastos están financiados ao 100%.

2. No suposto dos gastos de xestión dos GAC, a través dos respectivos convenios de colaboración regularase o libramento dos créditos para o seu funcionamento.

Artigo 18º.-Gastos elixibles.

1. As accións e proxectos previstos no PEZ deben corresponder con accións elixibles segundo o disposto no Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello do 27 de xullo de 2006 relativo ao Fondo Europeo da Pesca e a normativa de aplicación e desenvolvemento do mesmo.

2. Para os efectos do disposto nesta orde e nos diferentes plans estratéxicos zonais, os seguintes gastos non serán elixibles:

i. O IVE cando sexa efectivamente recuperable.

ii. Os intereses debedores e outros gastos financeiros.

iii. A adquisición de terreos por un custo superior ao 10% do total dos gastos subvencionables.

iv. A vivenda.

v. Os vehículos destinados ao transporte de persoas.

vi. As compras de materiais e equipos usados.

vii. Os investimentos relativos ao comercio polo miúdo.

viii. Os investimentos relacionados con produtos da pesca e da acuicultura destinados a ser utilizados e transformados para fins distintos do consumo humano, excepto os investimentos destinados exclusivamente ao tratamento, transformación e comercialización de residuos de produtos da pesca e a acuicultura.

ix. Os gastos orixinados por unha mera reposición de anteriores, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos aos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

x. Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

xi. As obras non vinculadas co proxecto de investimento en vivendas, comedores e similares.

xii. A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

xiii. Os pagos en especie.

Artigo 19º.-Da difusión dos plans estratéxicos zonais.

Aprobados os plans, o día seguinte da resolución aprobatoria, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos procederá a difundir os plans na páxina web da Xunta de Galicia, sen prexuízo das accións concretas que para cada GAC estableza o seu PEZ.

Disposición adicional

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non se opoña ao establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, sen prexuízo do resto da lexislación tanto estatal como comunitaria que poida ser de aplicación.

Segunda.-Sen prexuízo das publicacións nos diarios oficiais que se establecen nesta orde, publicaranse para efectos puramente divulgativos na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) esta orde e demais documentación que se estime pertinente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará e surtirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "14400D006P014.PDF"