DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 28 de xullo de 2008 Páx. 14.357

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de xuño de 2008 pola que se autoriza a apertura e posta en funcionamento do centro autorizado de música profesional Liceo La Paz, do concello da Coruña, para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas elementais e profesionais de música.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma de Galicia a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e de acordo co artigo 1 do Decreto 585/2005, do 29 de decembro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden estas competencias.

Carlos Pérez Roca e Antonio Pintor Vidal solicitan autorización de apertura e posta en funcionamento dun centro autorizado de música profesional denominado Liceo La Paz no concello da Coruña, para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas elementais e profesionais de música que establece a Lei orgánica 2/2006, de educación, de acordo co procedemento disposto no Decreto 253/1995, do 29 de setembro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas.

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña informa do cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo VI da Lei orgánica 2/2006 e de que a estrutura e planificación académica do centro se axusta ao disposto no Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música e no Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música.

Cumpridos todos os trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar a apertura e posta en funcionamento do centro autorizado de música profesional Liceo La Paz, para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas elementais e profesionais de música, segundo os datos que figuran no anexo desta orde.

Segundo.-En cumprimento do que establece a disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, o centro autorizado de música profesional Liceo La Paz queda adscrito, para os efectos administrativos, ao Conservatorio Profesional de Música do concello da Coruña, código 15032303.

Terceiro.-A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, logo do informe da inspección educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia no centro autorizado.

Cuarto.-O mencionado centro queda obrigado ao cumprimento da lexislación vixente e a solicitar a oportuna revisión da autorización cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante la conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Localidade: A Coruña.

Código do centro: 15032698.

Titular: Carlos Pérez Roca e Antonio Pintor Vidal.

Denominación xenérica: centro autorizado de música profesional.

Denominación específica: Liceo La Paz.

Número de postos escolares autorizados: 110 de grao elemental e 180 de grao profesional en quenda de tarde-noite.