A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
Por outra parte, a lei dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.+
Ao abeiro das mencionadas previsións legais, o Concello de Vila de Cruces solicitou a transferencia da titularidade do treito sobrante da estrada PO-905 (Vila de Cruces (PO-206)-lím. prov.-Arzúa (N-547)) que atravesa o núcleo de Vila de Cruces e é identificado da seguinte maneira: p.k. de orixe do treito de referencia na estrada PO-905: 0+000. p.k. de final do treito de referencia na estrada PO-905: 1+430. Este tramo conta cunha lonxitude de 1.400 metros.
A Dirección Xeral de Obras Públicas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade. Desta proposta déuselle traslado ao Concello de Vila de Cruces que, o 5 de maio de 2008, manifesta a súa aceptación.
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes considera adecuado o cambio de titularidade do treito sobrante mencionado, tendo en conta que adquiriu características netamente urbanas.
Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xullo de dous mil oito,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Apróbase o cambio de titularidade a favor do Concello de Vila de Cruces do treito sobrante da estrada PO-905 (Vila de Cruces (PO-206)-lím. prov.-Arzúa (N-547)) que atravesa o núcleo de Vila de Cruces e identifícase da seguinte maneira: p.k. de orixe do treito de referencia na estrada PO-905: 0+000. p.k. de final do treito de referencia na estrada PO-905: 1+430. Este tramo conta cunha lonxitude de 1.400 metros.
Artigo 2º
En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o treito sobrante mencionado, da estrada PO-905, incorporarase á relación de estradas de titularidade do Concello de Vila de Cruces.
Artigo 3º
A entrega da vía formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Artigo 4º
Correspondéronlle ao Concello de Vila de Cruces, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, tres de xullo de dous mil oito.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
María José Caride Estévez
Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas
e Transportes