DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 28 de xullo de 2008 Páx. 14.356

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 151/2008, do 26 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada autonómica LU-933, p.k. 1+050 ao p.k. 1+840, ambos os dous incluídos, a prol do Concello de Monforte de Lemos.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei dispón no artigo 54, que as estradas autonómicas ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

Ao abeiro das mencionadas previsións legais, o concello de Monforte de Lemos solicitou a transferencia da titularidade do tramo urbano da estrada LU-933 situado na avda. de Galicia desde o cruce coa rúa Cardenal ata o cruce coa rúa Roberto Baamonde e a parte desta que vai desde o cruzamento coa avda. de Galicia ata A Florida. No mencionado treito, que vai do p.k.: 1+050 ao 1+840, concorren as seguintes circunstancias: é unha estrada da rede secundaria de estradas da provincia de Lugo e discorre integramente polo núcleo urbano de Monforte de Lemos, posúe beirarrúas en todo o seu percorrido e ten edificacións e servizos urbanos.

A Dirección Xeral de Obras Públicas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade. Desta proposta déuselle traslado ao Concello de Monforte de Lemos que, o 22 de novembro de 2007, manifesta a súa aceptación.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes considera adecuado o cambio de titularidade do treito mencionado, tendo en conta que adquiriu características netamente urbanas.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xuño de dous mil oito

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do Concello de Monforte de Lemos do treito da estrada LU-933, p.k. 1+050 ao p.k. 1+840.

Artigo 2º

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a estrada incorporarase á relación de estradas de titularidade do Concello de Monforte de Lemos.

Artigo 3º

A entrega da vía formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4º

Correspóndenlle ao concello de Monforte de Lemos, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira:

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xuño de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes