DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 21 de xullo de 2008 Páx. 13.894

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de xardinaría e viveirismo en Galicia.

O Real decreto 1228/2006, do 27 de outubro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría, pertencente á familia profesional de agraria, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de xardinaría e viveirismo en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de xardinaría e viveirismo queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: xardinaría e viveirismo.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: agraria.

Terceiro.-Competencia xeral.

Executar operacións auxiliares para a implantación e o mantemento de xardíns, parques e zonas verdes, así como para a produción e o mantemento de plantas en viveiros e centros de xardinaría, seguindo instrucións de superiores ou un plan de traballo, conforme as medidas de prevención de riscos laborais, de calidade e de protección do medio.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan a seguir:

a) Preparar a maquinaria, os equipamentos, os útiles e as ferramentas para levar a cabo as operacións básicas relacionadas coa produción, a implantación e o mantemento de plantas.

b) Preparar o terreo e o substrato para a implantación e a produción do material vexetal, tendo en conta o seu uso posterior, coas ferramentas e os útiles necesarios.

c) Realizar labores de produción de planta en viveiro ou en invernadoiro consonte o plan establecido.

d) Realizar os traballos básicos para a multiplicación sexual do material vexetal seguindo o protocolo establecido.

e) Realizar os traballos básicos para a arrinca e a viveiraxe da planta asegurando a súa viabilidade.

f) Realizar os traballos básicos para a instalación de infraestruturas para a protección de cultivos e a rega, con criterios de redución da súa incidencia no medio.

g) Sementar céspedes e implantar tapetes de herba, procurando unha boa nacenza ou un bo arraigo.

h) Fertilizar homoxeneamente o xardín, o parque ou a zona verde, coa dose correcta, no momento axeitado e co equipamento indicado.

i) Regar o xardín, o parque ou a zona verde, de xeito que se asegure que as necesidades hídricas queden cubertas.

j) Realizar labores de mantemento e mellora de xardíns aplicando técnicas básicas de sega, poda de arbustos, rega, aireación, etc.

k) Procurar a limpeza e o coidado das zonas axardinadas, e realizar pequenas reparacións en obras de construcións, valos, escaleiras, e outros adornos e accesorios dos xardíns.

l) Prever a contaminación provocada por praguicidas, fertilizantes e elementos plásticos, aplicando as normas de seguridade e de prevención ambiental.

m) Actuar con confianza na propia capacidade profesional e prestar atención ás innovacións que se produzan dentro do sector e que fomenten o seu desenvolvemento profesional.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría, AGA164_1 (Real decreto 1228/2006), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

-UC0520_1. Realizar operacións auxiliares para a produción e o mantemento de plantas en viveiros e centros de xardinaría.

-UC0521_1. Realizar operacións auxiliares para a instalación de xardíns, parques e zonas verdes.

-UC0522_1. Realizar operacións auxiliares para o mantemento de xardíns, parques e zonas verdes.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional. Desenvolve a súa actividade profesional en empresas das administracións públicas, así como en empresas privadas dedicadas á instalación e ao mantemento de xardíns e de zonas verdes, e á produción de plantas.

Así mesmo, ten capacitación para realizar tratamentos praguicidas de nivel básico, segundo a actividade regulada pola normativa correspondente.

2. Sectores produtivos. Localízase no sector agrario, dentro do subsector de xardinaría, nas seguintes actividades produtivas:

-Servizos públicos de parques, xardíns e zonas verdes.

-Empresas de xardinaría.

-Viveiros e centros de xardinaría.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

-Peón de xardinaría.

-Peón de viveiro.

-Peón de centros de xardinaría.

-Peón de campos deportivos.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan a seguir:

-ME0001. Operacións básicas en viveiros e centros de xardinaría.

-ME0002. Operacións básicas para a instalación de xardíns, parques e zonas verdes.

-ME0003. Operacións básicas para o mantemento de xardíns, parques e zonas verdes.

-ME0004. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécense no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

A presente resolución entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: operacións básicas en viveiros e centros de xardinaría.

-Código: ME0001.

-Duración: 140 horas.

1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Especifica os tipos fundamentais de solos, de emendas e de fertilizantes, e realiza os labores de preparación do terreo utilizando os medios apropiados e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA1.1. Describíronse os sistemas de roza e limpeza adecuados a cada caso.

CA1.2. Distinguíronse os tipos de solo segundo a súa textura.

CA1.3. Explicáronse os tipos de emendas e fertilizantes, así como os métodos de aplicación.

CA1.4. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA1.5. Describíronse os labores de preparación do terreo segundo o obxectivo establecido.

CA1.6. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizáronse os labores de preparación do terreo utilizando as ferramentas adecuadas.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA2. Identifica os tipos de substratos e prepara mesturas tendo en conta a súa aplicación, con emprego dos medios apropiados e aplicando as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

CA2.1. Describíronse os tipos de substratos que se poden utilizar na produción de plantas.

CA2.2. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA2.3. Describíronse os labores de preparación de substratos segundo o obxectivo establecido.

CA2.4. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizáronse os labores de preparación de substratos utilizando as ferramentas adecuadas.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA3. Describe os sistemas e os elementos de protección de cultivos e de rega, e efectúa os traballos básicos para a instalación destas infraestruturas utilizando os medios axeitados, con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA3.1. Identificáronse os sistemas de protección de cultivos.

CA3.2. Describíronse os traballos de instalación de infraestruturas para a protección de cultivos.

CA3.3. Citáronse os sistemas de rega utilizados en produción de plantas.

CA3.4. Enumeráronse os elementos dos sistemas de rega máis frecuentes.

CA3.5. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA3.6. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizáronse os traballos básicos de instalación de infraestruturas para a protección de cultivos.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

-Realizouse a instalación básica dun sistema de rega.

* RA4. Define as técnicas de colleita, preparación e conservación do material vexetal utilizadas na produción de plantas, e aplícaas nun caso práctico utilizando os medios apropiados, consonte as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

CA4.1. Identificáronse os elementos vexetais utilizados para a propagación.

CA4.2. Definíronse as técnicas de colleita do material vexetal.

CA4.3. Recoñecéronse as técnicas de preparación do material vexetal.

CA4.4. Citáronse as técnicas de conservación do material vexetal.

CA4.5. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA4.6. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizouse a colleita e a limpeza do material vexetal.

-Realizouse a preparación e conservación do material vexetal.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA5. Expón as técnicas e os materiais utilizados na propagación vexetativa, e realiza os labores básicos para a multiplicación do material vexetal, utilizando os medios apropiados e cumprindo as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

CA5.1. Describíronse os medios para utilizar na propagación vexetativa do material vexetal.

CA5.2. Identificáronse as técnicas de propagación vexetativa máis comúns.

CA5.3. Describíronse os labores de propagación vexetativa.

CA5.4. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA5.5. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizouse a preparación das mesas de propagación, das embelgas e dos contedores.

-Manexouse o material vexetal segundo a técnica de propagación.

-Realizouse a primeira rega despois da implantación do material.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA6. Explica as técnicas e os materiais utilizados na propagación sexual, e realiza os labores básicos para a multiplicación do material vexetal, utilizando os medios axeitados e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA6.1. Describíronse os medios para utilizar na propagación sexual do material vexetal.

CA6.2. Identificáronse as técnicas de sementeira.

CA6.3. Describíronse os labores de sementeira.

CA6.4. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA6.5. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizouse a preparación das mesas de xerminación, dos alcouves e dos contedores.

-Distribuíuse a semente uniformemente e á profundidade indicada.

-Realizouse coidadosamente a primeira rega tras a sementeira.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA7. Describe os coidados culturais básicos aplicados na produción e no mantemento de elementos vexetais, e realiza a repicaxe, o rareo e a titoraxe, utilizando os medios axeitados e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA7.1. Identificáronse as técnicas de repicaxe.

CA7.2. Determináronse as necesidades de rareo nun alcouve.

CA7.3. Describíronse as técnicas de titoraxe.

CA7.4. Memorizáronse as técnicas de control das condicións ambientais das zonas de cultivo.

CA7.5. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA7.6. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizáronse repicaxes de xeito que se garanta a viabilidade das plantas.

-Realizáronse rareos en alcouves de maneira que se asegure o desenvolvemento das plántulas.

-Realizáronse titoraxes utilizando a técnica e os medios acaídos.

-Controláronse as condicións ambientais en zonas de cultivo.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA8. Enuncia as técnicas de arrinca e de viveiraxe da planta, e efectúa a preparación para a súa comercialización, utilizando os medios axeitados e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA8.1. Describíronse as técnicas de arrinca da planta.

CA8.2. Explicáronse as técnicas de viveiraxe da planta.

CA8.3. Relacionáronse os labores de arrinca da planta.

CA8.4. Enumeráronse os labores de viveiraxe da planta.

CA8.5. Definíronse as técnicas de acondicionamento do sistema radicular e aéreo das plantas.

CA8.6. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA8.7. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizouse coidadosamente a arrinca da planta.

-Realizouse a viveiraxe da planta en zonas adecuadas.

-Realizouse o acondicionamento do sistema radicular e aéreo das plantas.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA9. Efectúa traballos básicos de conservación e presentación da planta para a súa exhibición no punto de venda do centro de xardinaría.

CA9.1. Identificáronse os tipos de etiquetas.

CA9.2. Describíronse as técnicas de protección da planta para o transporte.

CA9.3. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA9.4. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Limpouse a planta para a súa presentación.

-Etiquetouse convenientemente a planta.

-Protexeuse a planta para o transporte de maneira que se asegure a súa supervivencia.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

1.2. Contidos básicos.

Infraestruturas do viveiro.

-Factores que cómpre ter en conta para a instalación dun viveiro. Distribución do espazo. Cálculos e medidas. Volumes.

-Instalacións que compoñen un viveiro.

-Sistemas de protección ambiental de cultivos: pequenos invernadoiros, túneles e acolchamentos.

-Materiais empregados: ferros, arames e plásticos.

-Sistemas de rega: elementos constituíntes.

-Medición da humidade do solo.

-Interpretación da lectura dos automatismos de rega.

-Técnicas de control ambiental.

Preparación do terreo.

-Textura de solos: concepto, clasificación de solos e métodos básicos de determinación de texturas.

-Emendas: tipos, características e aplicación.

-Fertilizantes: tipos, características e aplicación.

-Substratos: tipos, características, preparación e mesturas.

-Preparación do terreo: técnicas, ferramentas e medios.

-Manexo das ferramentas e da pequena maquinaria de preparación do solo.

-Mantemento básico das ferramentas, a maquinaria e as instalacións empregadas para a preparación do solo.

Produción de plantas.

-Reprodución sexual: a semente.

-Estado de maduración, época e métodos de colleita das especies vexetais.

-Método de almacenaxe de sementes.

-Técnicas de prexerminación.

-Factores que determinan a calidade da semente.

-Tipos de alcouves segundo especies.

-Localización e protección do alcouve.

-Manexo inicial do alcouve. Rega. Tratamentos. Vantaxes e inconvenientes.

-Reprodución asexual ou vexetativa: tipo de material vexetal. Colleita.

-Características de cada técnica de propagación. Vantaxes e inconvenientes.

-Limpeza e conservación do equipamento, as ferramentas e as instalacións que se empregan nos labores de produción de plantas.

Manexo de plantas ornamentais.

-Repicaxe, titoraxe, rareo, arrinca da planta e viveiraxe.

-Acondicionamento do sistema radicular e aéreo das plantas.

-Etiquetas: información tipo.

-Limpeza e conservación dos equipamentos, as ferramentas e as instalacións que se empregan nos labores de manexo.

Mercado da planta ornamental.

-Tipos de empresas.

-Comercialización.

-Organización dun viveiro comercial ou dun centro de xardinaría.

Normativa básica relacionada coas operacións auxiliares para a produción e o mantemento de plantas en viveiros e en centros de xardinaría.

-Normas de prevención de riscos laborais e de protección ambiental.

1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar operacións auxiliares para a produción e o mantemento de plantas en viveiros e centros de xardinaría.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Diferenciación dos tipos de sementes e plantas, así como a súa conservación e o seu acondicionamento.

-Recoñecemento dos tipos de solo e das técnicas para a súa preparación.

-Construción de pequenas instalacións de abeiro dos cultivos.

-Diferenciación dos sistemas de sementeira e plantación.

-Recoñecemento das técnicas de propagación vexetal e sexual tipo.

-Aplicación das técnicas de viveiraxe.

-Aplicación dos sistemas de protección de plantas para o transporte.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Caracterización de solos, sementes e plantas.

-Almacenaxe, conservación e presentación de materiais vexetais.

-Aplicación de técnicas de preparación de terreos, de instalacións de abeiro e de sementeira de sementes ou plantas.

-Produción de especies vexetais.

2. Módulo específico: operacións básicas para a instalación de xardíns, parques e zonas verdes.

-Código: ME0002.

-Duración: 140 horas.

2.1 Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Describe as operacións de preparación do terreo para a implantación dun xardín, e realízaas nun caso práctico utilizando os medios apropiados, con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA1.1. Describíronse os sistemas de roza e limpeza adecuados a cada caso.

CA1.2. Distinguíronse os tipos de solo segundo a súa textura.

CA1.3. Memorizáronse os tipos de emendas e de fertilizantes, e o seu método de aplicación.

CA1.4. Describíronse os tipos de substratos utilizados en xardinaría.

CA1.5. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA1.6. Describíronse os labores de preparación do terreo segundo o obxectivo establecido.

CA1.7. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizáronse os labores de preparación do terreo utilizando as ferramentas axeitadas.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA2. Realiza medicións e operacións de trazado propias dun parque ou dun xardín, segundo técnicas establecidas e seguindo instrucións.

CA2.1. Interpretouse a información contida nun plano ou nun esbozo básico.

CA2.2. Localizáronse sobre o terreo os elementos dun xardín, dun parque ou dunha zona verde, segundo esbozo ou plano facilitado.

CA2.3. Representáronse sobre o terreo figuras xeométricas sinxelas.

CA2.4. Calculáronse superficies de parcelas regulares no plano ou no terreo.

CA2.5. Realizáronse medicións sinxelas no plano e no terreo.

* RA3. Expón os tipos de infraestruturas dun xardín ou dun parque e efectúa os traballos básicos para a súa instalación utilizando os medios apropiados, e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA3.1. Describíronse e identificáronse os elementos de rega e drenaxe segundo o sistema que se empregue.

CA3.2. Citáronse os materiais de construción empregados nas infraestruturas.

CA3.3. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA3.4. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizouse a instalación de infraestruturas auxiliares dun xardín, dun parque ou dunha zona verde.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA4. Identifica as características básicas morfolóxicas e fisiolóxicas dos vexetais e recoñece as principais especies de plantas ornamentais utilizadas en xardinaría.

CA4.1. Recoñecéronse os órganos fundamentais dos vexetais e a súa función.

CA4.2. Identificáronse as principais especies de plantas utilizadas na xardinaría da zona.

CA4.3. Identificáronse as principais características e exixencias das especies utilizadas en xardinaría.

* RA5. Explica as operacións necesarias para o acondicionamento de plantas e efectúa a sementeira ou a plantación de especies vexetais nun xardín de xeito que se garanta a súa supervivencia, utilizando os medios apropiados e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA5.1. Enunciáronse as operacións necesarias para o acondicionamento de plantas antes da plantación.

CA5.2. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA5.3. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizouse a apertura de foxos ou gabias segundo a especie que se vaia implantar, utilizando as ferramentas adecuadas.

-Colocouse a planta e proporcionáronselle fertilizantes, emendas, titoraxe e protección, seguindo indicacións.

-Efectuouse a rega de implantación coa dose indicada.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA6. Enuncia as operacións e as técnicas utilizadas na sementeira e na implantación de céspedes, e aplícaas nun caso práctico empregando os medios acaídos e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA6.1. Describíronse as técnicas de sementeira ou implantación de céspedes.

CA6.2. Recoñeceuse e explicouse o uso de ferramentas e útiles na sementeira ou na implantación de céspedes.

CA6.3. Nun caso ou nun suposto práctico, debidamente caracterizados:

-Realizouse a refinación do terreo para o deixar en boas condicións, utilizando os medios adecuados.

-Distribuíuse uniformemente a semente coa dose e a mestura indicadas, e aplicouse o cobresementeira.

-Colocáronse os tapetes de herba co procedemento indicado.

-Compactouse o terreo e aplicouse a primeira rega para asegurar a nacenza.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

2.2. Contidos básicos.

Preparación do terreo.

-Emendas e fertilizantes: tipos, características e aplicación.

-Substratos: tipos, características, preparación e mesturas.

-Preparación do terreo: técnicas, ferramentas e medios.

Trazado e medición.

-Planos e esbozos de xardinaría. Simboloxía e interpretación de lendas.

-Trazado dos elementos dun xardín, dun parque ou dunha zona verde. Medición e cálculo de superficies regulares.

Construción de infraestruturas.

-Drenaxes: tipos, compoñentes e instalación.

-Rega: tipos, compoñentes e instalación.

-Materiais de construción: características e uso.

-Infraestruturas básicas: camiños, muretes, estanques, etc.

-Moblaxe e equipamento de parques e xardíns.

Plantas ornamentais.

-Nocións de botánica: morfoloxía e fisioloxía vexetal.

-Identificación das especies principais da zona.

Plantación e sementeira.

-Descarga e almacenaxe.

-Foxos e gabias: apertura, dimensións e acondicionamento.

-Plantación: técnicas, épocas e marcos de plantación. Titoraxes e protectores: tipos, técnicas e materiais.

-Acondicionamento da planta: técnicas.

-Sementeira: técnicas, épocas e doses.

Céspedes.

-Preparación do terreo: técnicas e medios empregados.

-Sementeira: métodos, épocas e doses.

-Implantación de tapetes de herba: métodos.

Normativa básica relacionada coas operacións básicas para a instalación de xardíns, parques e zonas verdes.

-Normas de prevención de riscos laborais e de protección ambiental.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar operacións auxiliares para a instalación de xardíns, parques e zonas verdes.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Trazado dos elementos dun xardín.

-Construción de pequenas infraestruturas básicas en parques e xardíns.

-Plantación de árbores, arbustos e outras especies vexetais.

-Implantación e sementeira de céspedes.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Caracterización de especies vexetais e céspedes de parques e xardíns.

-Aplicación de técnicas de preparación de terreos, de instalacións de abrigo e de sementeira de sementes ou plantas.

3. Módulo específico: operacións básicas para o mantemento de xardíns, parques e zonas verdes.

-Código: ME0003.

-Duración: 140 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Identifica os sistemas e os elementos de rega e realiza a rega dun xardín, dun parque ou dunha zona verde, utilizando os medios acaídos e con aplicación dos procedementos establecidos, as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

CA1.1. Describíronse os sistemas de rega utilizados en xardinaría.

CA1.2. Identificouse o bo funcionamento do sistema de rega.

CA1.3. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA1.4. Nun caso ou nun suposto práctico de rega dun xardín, dun parque ou dunha zona verde, debidamente caracterizados:

-Realizouse a rega seguindo as indicacións.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA2. Especifica os principais tipos de fertilizantes e de emendas e, nun caso práctico, fertiliza un xardín, un parque ou unha zona verde, utilizando os medios axeitados e con aplicación dos procedementos establecidos, das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA2.1. Describíronse os tipos de emendas e de fertilizantes e o seu método de aplicación.

CA2.2. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA2.3. Nun caso ou nun suposto práctico de fertilización dun xardín, dun parque ou dunha zona verde, debidamente caracterizados:

-Realizouse homoxeneamente a fertilización utilizando o equipamento correspondente.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA3. Enumera os procesos de mantemento dos elementos vexetais dun xardín, dun parque ou dunha zona verde, e efectúa os labores para a súa conservación en condicións adecuadas, utilizando os medios axeitados e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA3.1. Describíronse os labores de mantemento e mellora dun xardín, dun parque ou dunha zona verde.

CA3.2. Realizouse un inventario básico dos elementos vexetais que forman parte do xardín ou da zona verde.

CA3.3. Identificáronse operacións básicas de poda dos elementos vexetais.

CA3.4. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA3.5. Nun caso ou nun suposto práctico de mantemento dun xardín, dun parque ou dunha zona verde, debidamente caracterizados:

-Realizáronse baixo supervisión os labores de mantemento do xardín, do parque ou da zona verde.

-Realizáronse as operacións de poda básicas seguindo pautas do persoal encargado.

-Aplicáronse tratamentos fitosanitarios coa dose, a maquinaria e os equipamentos indicados.

-Preparáronse e manexáronse as ferramentas, a maquinaria e os útiles de traballo.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

* RA4. Especifica as operacións de mantemento das infraestruturas, do equipamento e da moblaxe dun xardín, dun parque ou dunha zona verde, e efectúa os labores para a súa conservación en condicións adecuadas, utilizando os medios axeitados e con aplicación das medidas de prevención de riscos laborais e da normativa ambiental.

CA4.1. Realizouse un inventario básico das infraestruturas, os equipamentos e a moblaxe que forman parte do xardín, do parque ou da zona verde, e describíronse as súas características.

CA4.2. Describíronse as operacións de mantemento das infraestruturas, os equipamentos e a moblaxe do xardín, do parque ou da zona verde en función da súa finalidade.

CA4.3. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA4.4. Nun caso ou nun suposto práctico de mantemento e mellora dun xardín, dun parque ou dunha zona verde, debidamente caracterizados:

-Realizáronse os labores de mantemento e mellora das infraestruturas, o equipamento e a moblaxe.

-Preparáronse e manexáronse as ferramentas, a maquinaria e os útiles de traballo.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

CA4.5. Enunciáronse os labores de mantemento de céspedes e pradarías, e aplicáronse nunha actividade práctica de aprendizaxe.

CA4.6. Determináronse os labores de mantemento e mellora de céspedes e pradarías.

CA4.7. Identificáronse a nivel básico as medidas de prevención de riscos laborais e ambientais.

CA4.8. Nun caso ou nun suposto práctico de mantemento de céspedes e pradarías, debidamente caracterizados:

-Realizáronse as operacións de mantemento.

-Aplicáronse as medidas de prevención de riscos laborais e a normativa ambiental.

3.2. Contidos básicos.

Mantemento de elementos vexetais.

-Identificación das especies vexetais máis frecuentes.

-Inventario de elementos vexetais: métodos.

-Labores de mantemento e mellora de elementos vexetais: tipos, técnicas e medios.

-Labores de mantemento e mellora de céspedes: tipos, técnicas e medios.

-Poda básica de elementos vexetais: técnicas, época e medios.

-Limpeza e conservación do equipamento, as ferramentas e as instalacións que se empregan nos labores culturais.

Técnicas de rega.

-Sistemas básicos de aplicación de rega: manual, automatizado por goteo e automatizado por aspersión.

-Práctica da rega: intensidade, duración e momento da aplicación.

-Instalacións de rega. Tensiómetros e válvulas.

-Fertirrega.

-Medición da humidade do solo e interpretación da lectura dos automatismos da rega.

-Conservación, reparación sinxela e limpeza do sistema de rega.

Tratamentos fitosanitarios.

-Pragas, doenzas e malas herbas. Métodos de control.

-Produtos fitosanitarios: descrición e xeneralidades.

-Perigo dos produtos fitosanitarios e dos seus residuos. Riscos derivados da utilización dos produtos fitosanitarios. Intoxicacións e outros efectos sobre a saúde. Primeiros auxilios.

-Tratamentos fitosanitarios.

-Equipos de aplicación: limpeza, mantemento, regulación e revisión.

-Nivel de exposición da persoa operaria: medidas preventivas e de protección no uso de produtos fitosanitarios.

-Boas prácticas ambientais. Sensibilización ambiental.

-Boa práctica fitosanitaria: interpretación da etiquetaxe e das fichas de datos de seguridade.

-Prácticas de aplicación de produtos fitosanitarios.

Mantemento das infraestruturas, da moblaxe e dos equipamentos.

-Técnicas e medios de mantemento.

-Inventario das infraestruturas, a moblaxe e os equipamentos.

-Principais anomalías das infraestruturas, a moblaxe e os equipamentos de parques, xardíns e zonas verdes.

Fertilización de parques, xardíns e zonas verdes.

-Fertilizantes e emendas: tipos e características.

-Interpretación de etiquetas: riqueza do fertilizante.

-Distribución de fertilizantes orgánicos e químicos.

-Tipos, compoñentes e uso da pequena maquinaria e dos equipamentos que se empregan na fertilización dos cultivos.

-Limpeza e conservación dos equipamentos, as ferramentas e as instalacións que se empregan na fertilización.

Normativa básica relacionada coas operacións básicas para o mantemento de xardíns, parques e zonas verdes.

-Relación entre traballo e saúde: normativa sobre prevención de riscos laborais.

-Protección do medio e eliminación de envases baleiros: normativa específica.

-Normativa que afecta a utilización de produtos fitosanitarios. Infraccións e sancións.

3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar operacións auxiliares para o mantemento de xardíns, parques e zonas verdes.

A definición desta función abrangue aspectos como:

-Relación entre o sistema de rega e o tipo de especie vexetal ou céspede.

-Diferenciación dos tipos de fertilizante.

-Manexo de produtos químicos e biolóxicos.

-Control da sanidade vexetal.

-Labores de mantemento de solos, especies vexetais, infraestruturas e moblaxe.

-Inventariado de especies vexetais, de infraestruturas e de moblaxe.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Caracterización de solos e de produtos químicos empregados para combater parasitos.

-Aplicación de técnicas de rega, fertilización e tratamentos fitosanitarios.

-Aplicación de boas prácticas sanitarias.

-Relación da actividade de mantemento co impacto ambiental.

-Necesidade de mantemento de solos, especies vexetais, infraestruturas e moblaxe.

-Realización de inventarios de especies vexetais, de infraestruturas e de moblaxe.

4. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0004.

-Duración: 160 horas.

4.1 Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Efectúa as operacións de produción e mantemento de plantas, para o que prepara e manexa os equipamentos establecidos.

CA1.1. Comprendéronse as instrucións para a execución do proceso de preparación do terreo, plantación e sementeira de especies vexetais, e realizáronse na orde establecida.

CA1.2. Realizáronse as operacións necesarias para a correcta limpeza e preparación dos equipamentos e dos útiles.

CA1.3. Executáronse as operacións de preparación do terreo, tales como roza, limpeza, fertilización e emendas, cun correcto uso dos equipamentos.

CA1.4. Mesturáronse homoxeneamente os compoñentes dos substratos, nas proporcións establecidas.

CA1.5. Sementáronse, plantáronse ou transplantáronse materiais vexetais de diversos tipos, e asegurouse a correcta implantación da semente ou do rebento.

CA1.6. Distribuíronse uniformemente as sementes á profundidade indicada, e realizouse a primeira rega despois da implantación do material.

CA1.7. Realizáronse repicaxes de xeito que se garanta a viabilidade das plantas.

CA1.8. Realizáronse rareos en alcouve de maneira que se asegure o desenvolvemento das plántulas.

CA1.9. Realizáronse titoraxes empregando a técnica e os medios axeitados.

CA1.10. Conseguíronse rendementos axeitados, tanto en calidade como en tempo.

* RA2. Rega, fertiliza e aplica tratamentos fitosanitarios en parques, xardíns e zonas verdes, para o que prepara os equipamentos e opera con eles seguindo os procedementos establecidos.

CA2.1. Realizáronse uniformemente as regas coa cantidade de auga necesaria, manexando os mecanismos da rega automática.

CA2.2. Aplicáronse homoxeneamente os fertilizantes, na dose e no momento indicados.

CA2.3. Realizáronse as operacións de mestura, preparación e aplicación de produtos fitosanitarios na forma e na proporción establecidas.

CA2.4. Verificouse a efectividade dos tratamentos fitosanitarios.

CA2.5. Realizáronse as operacións de titoraxe en función do cultivo de que se trate.

CA2.6. Realizáronse as operacións de poda das especies asignadas.

CA2.7. Realizáronse os labores de mantemento de céspedes e pradarías.

CA2.8. Manexáronse ordenadamente as máquinas, con pulcritude, precisión e seguridade, e con aplicación das técnicas e dos procedementos axeitados.

* RA3. Actúa consonte as normas de seguridade e prevención de riscos laborais e ambientais.

CA3.1. Cumpriuse a normativa xeral sobre prevención e seguridade, así como a establecida pola empresa.

CA3.2. Identificáronse os factores e as situacións de risco que se presentan no ámbito de actuación no centro de traballo.

CA3.3. Adoptáronse actitudes relacionadas coa actividade para reducir os riscos laborais e ambientais.

CA3.4. Empregáronse os equipamentos de protección individual (EPI) establecidos para as operacións.

CA3.5. Utilizáronse os dispositivos de protección das máquinas, equipamentos e instalacións nas actividades.

CA3.6. Actuouse segundo o plan de prevención.

CA3.7. Mantivéronse as zonas de traballo libres de riscos, con orde e limpeza.

CA3.8. Traballouse con criterios de redución no consumo de enerxía e na xeración de lixo.

* RA4. Actúa responsablemente e intégrase no sistema de relacións técnico-sociais da empresa.

CA4.1. Executáronse con dilixencia as instrucións recibidas.

CA4.2. Responsabilizouse do traballo desenvolvido e comunicouse eficazmente coa persoa axeitada en cada momento.

CA4.3. Cumpríronse os requisitos e as normas técnicas, demostrouse un bo facer profesional e finalizouse o traballo nun tempo límite razoable.

CA4.4. Amosouse unha actitude de respecto cara aos procedementos e ás normas establecidas.

CA4.5. Organizouse o traballo realizado conforme instrucións e procedementos establecidos, cumprindo as tarefas en orde de prioridade e actuando baixo criterios de seguridade e calidade nas intervencións.

CA4.6. Coordinouse a actividade co resto do persoal, e informouse de calquera cambio, necesidade salientable ou continxencia.

CA4.7. Incorporouse puntualmente ao posto de traballo, realizou os descansos instituídos e non abandonou o centro de traballo antes do establecido sen motivos xustificados.

Ver referencia pdf "14000D002P006.PDF"

Ver referencia pdf "14000D003P017.PDF"