DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2008 Páx. 13.769

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 143/2008, do 3 de xullo, polo que se crea o Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega.

Exposición de motivos.

A Constitución española establece no seu artigo 49 que os poderes públicos realizarán unha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade, ás que prestarán a atención especializada que requiran e ampararanas especialmente para o gozo dos dereitos que o título I outorga a todos os cidadáns/as. Entre eses dereitos recollidos nos artigos 35 e 40 de mesmo título figuran o dereito ao traballo de todos os españois, a libre elección de profesión e oficio, a promoción do traballo e unha remuneración suficiente.

Ao longo dos últimos anos distintas normas foron incorporando medidas orientadas a compensar as desigualdades con que se atopan as persoas afectadas por algún tipo de discapacidade no acceso ao emprego público. A Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración dos discapacitados, incorpora o dereito do principio de participación destes nos procesos selectivos das administracións en igualdade de condicións ca os/as demais aspirantes, posteriormente a Lei 23/1988, do 28 de xullo, de modificación da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, establece a reserva de prazas para persoas con discapacidade na oferta de emprego público. Máis recentemente atopámonos cunha serie de medidas lexislativas que pretenden asegurar a supresión de calquera discriminación por razón de discapacidade e fomentar o seu ingreso na función pública tales como a Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con

discapacidade, a Lei 53/2003, do 10 de decembro, sobre emprego público de discapacitados e a Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

No ámbito autonómico a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, modificada pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, e a Lei 18/2002, do 1 de xullo, establece no seu artigo 4 que:

«1. Os dereitos, liberdades e deberes fundamentais dos galegos son os establecidos na Constitución.

2. Correspóndelles aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, eliminar os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

3. Os poderes públicos da comunidade autónoma asumen, como un dos principios reitores da súa política social e económica, o dereito dos galegos a viviren e traballaren na propia terra».

A inserción laboral das persoas con discapacidade constitúe unha vía fundamental para alcanzar unha plena integración social para iso é preciso que os poderes públicos adopten medidas dirixidas a incrementar o emprego destas persoas, aumentar as súas oportunidades de traballo e impedir calquera forma de discriminación.

Neste sentido, a Comunidade Autónoma de Galicia con competencia en materia de función pública, de conformidade co establecido no seu Estatuto de autonomía no título II, capítulo I, artigo 27, e o seu Parlamento, facendo uso desa atribución competencial, aprobou a Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1998, do 26 de maio, da función pública de Galicia, pola que se eleva a reserva de cota nas ofertas de emprego público a unha porcentaxe non inferior ao 7%, de xeito que poida alcanzarse o 2% dos efectivos totais da Administración, disposición adicional 7ª, artigo 32.

Non obstante, o cumprimento da cota de reserva nas administracións públicas debe ir acompañado doutra serie de medidas que incidan non só no ingreso senón tamén no acceso e na permanencia destas persoas no emprego público.

É necesario complementar as cotas de reserva con outras medidas tales como unha regulación exhaustiva da forma de determinación e distribución das ditas prazas; a posibilidade de efectuar convocatorias independentes de procesos selectivos para o acceso a determinadas categorías profesionais, adaptadas aos tipos de discapacidade, establecer, nas convocatorias conxuntas, niveis mínimos diferentes para quen concorra pola cota de discapacidade en relación cos/coas restantes aspirantes e prever as medidas que con posterioridade á finalización do proceso selectivo se incorporan respecto da formación e cualificación profesional dos empregados/as públicos con discapacidade para asegurar a súa efectiva inserción laboral.

Para iso, é fundamental o diálogo social entre os diversos actores (administracións públicas, interlocutores sociais e organizacións representativas das persoas con discapacidade) esencial para establecer políticas adaptadas e eficaces, para contribuír á consecución do obxectivo de integración sociolaboral dos discapacitados, de aí a importancia de dispoñer dentro do ámbito autonómico dun órgano colexiado no que se integren a Administración, os interlocutores sociais e as organizacións das persoas con discapacidade para, nun contexto de cooperación, coordinación e diálogo, abordar as medidas precisas para promover a efectiva integración das persoas con discapacidade no ámbito do emprego público.

É por isto que, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Consello Asesor para a Integración da Discapacidade.

Créase o Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega, como órgano técnico, de asesoramento e participación coa finalidade de estudar e promover as iniciativas que se desenvolvan para alcanzar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade na Administración autonómica.

Este consello quedará adscrito á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por ser esta a competente en materia de función pública.

Artigo 2º.-Composición.

1. O Consello Asesor para a Integración da Discapacidade estará composto por:

a) Presidente/a: o/a conselleiro/a de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

b) Vicepresidente/a: o/a director/a xeral da Función Pública.

c) Un secretario/a: o/a subdirector/a xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal (con voz e sen voto).

Actuarán como vogais os seguintes:

a) O/a secretario/a xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

b) O/a secretario/a xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

c) O/a secretario/a xeral da Consellería de Traballo.

d) O/a secretario/a xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) O/a secretario/a xeral da Consellería de Sanidade.

f) O/a secretario/a xeral do Medio Rural.

g) O/a secretario/a xeral de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

h) O/a director/a xeral de Acción Social.

i) O/a subdirector/a xeral de Discapacidade.

j) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Programación e Ordenación de Persoal.

k) O/a subdirector/a xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais.

l) Unha persoa representante do departamento autonómico competente en materia de igualdade, con rango non inferior á Subdirección Xeral.

m) Un representante por cada unha das organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma.

n) Cinco representantes, un por cada grupo de discapacidade; física, intelectual, auditiva, visual e enfermidade mental, designados polo presidente/a por proposta do CERMI Galicia.

Cando a índole dos asuntos que se vaian tratar así o aconselle, poderán participar nas reunións do consello asesor, con voz e sen voto, as persoas expertas na materia que designe o presidente/a.

Artigo 3º.-Funcións.

O consello asesor integrará na súa actuación a perspectiva de xénero, tendo en conta as dificultades singulares que afectan as mulleres con discapacidade, de acordo co indicado polo artigo 14.6º da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e o previsto polo artigo 8.2º da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

O Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega desempeñará as seguintes funcións:

-No relativo á oferta de emprego público.

a) Emitir informe previamente sobre as convocatorias públicas no relativo á determinación de prazas vacantes que están incluídas na oferta pública de emprego e que configuran as quendas de reserva para persoas con discapacidade.

b) Propoñer medidas alternativas no cómputo das cotas de reservas para permitir unha oferta diferenciada por grupos de discapacidade, logo do estudo das características específicas de cada colectivo.

c) Informar sobre os criterios e distribución das prazas da cota de discapacidade, así como da oportunidade e necesidade da realización de convocatorias independentes.

-En materia de selección e provisión correspóndelle ao consello asesor:

a) A elaboración e proposta da normativa reguladora do acceso das persoas con discapacidade á Administración autonómica tanto no referente aos procesos de selección como nos de provisión.

b) Asesoramento para o establecemento dos criterios básicos para as adaptacións de probas e criterios de avaliación. Para garantir a participación en condicións de igualdade dos/das aspirantes que concorren pola quenda de discapacidade, así como aqueles que solicitaron adaptación de tempo, de medios, de contidos ou de todos, o consello poderá solicitar a colaboración ou asesoramento técnico das entidades especializadas neste ámbito.

c) Emitir informe preceptivamente sobre as convocatorias de procesos selectivos específicos pola cota reservada a persoas con discapacidade, tendo en conta as peculiaridades dos distintos grupos de discapacidade.

d) Propoñer a adopción de criterios de xestión das listas de agarda e bolsas de traballo aplicables ás persoas con discapacidade.

e) Estudar, debater e, se é o caso, elevar aos órganos competentes cantas medidas se consideren convenientes para garantir o principio de igualdade no acceso aos postos públicos das persoas afectadas dunha discapacidade, así como na súa carreira administrativa e profesional posterior.

-En materia de integración laboral.

a) Propoñer á Administración autonómica un catálogo de categorías, corpos, ou agrupacións profesionais idóneos para a adscrición de persoas con discapacidade.

b) Propoñer os criterios de accesibilidade e adaptación dos postos de traballo e informar sobre as condicións especiais e adaptacións que sexa necesario desenvolver nos termos previstos na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

c) Propoñer á Administración autonómica o procedemento que hai que seguir nas adscricións de postos de traballo para persoal con discapacidade.

d) Asesorar os órganos administrativos competentes para a determinación da forma de utilización do Plan de formación como medio de difusión entre os empregados/as públicos dunha cultura orientada a favorecer a promoción da igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade.

e) Propoñer a cota de reserva para persoas con discapacidade nos cursos incluídos no plan anual de formación.

f) Propoñer o desenvolvemento de cursos de formación, destinados unicamente a determinados grupos de persoas con discapacidade, dirixidos a formar estes traballadores/as para o mellor desempeño dos seus postos de traballo, tendo en conta as peculiaridades dos distintos grupos de discapacidade.

g) Propoñer programas de formación, dirixidos aos que superaron o proceso selectivo que accedan por convocatorias específicas correspondentes a tipos de discapacidade, que serán impartidos con caracter previo á súa incorporación para facilitar a súa integración nos postos de traballo que lles foran adxudicados.

h) Propoñer á Administración autonómica o seguimento do persoal con discapacidade ao seu servizo que requira dun apoio especial para a súa plena integración laboral.

i) Propoñer os mecanismos que garantan unha inserción efectiva das persoas con discapacidade.

-En materia de colaboración coas entidades que desenvolven as súas actividades no ámbito das persoas con discapacidade:

a) Propoñer acordos ou convenios de colaboración entre a Administración e as organizacións, fundacións e asociacións que desenvolvan prioritariamente as súas actividades no ámbito das persoas con discapacidade. Colaboración que en ningún caso suporá a asunción por parte das ditas organizacións, fundacións e asociacións de funcións inherentes á Administración autonómica, nin implicar un tratamento diferenciado das persoas a que se refire este decreto pola súa pertenza a elas.

-En materia de estudos e planificación:

a) Promover accións de sensibilización do persoal da Administración autonómica sobre a integración sociolaboral das persoas con discapacidade.

b) Facer un seguimento da evolución das medidas e accións na materia levadas a cabo pola Administración autonómica e polo propio consello.

c) Elaborar un informe anual de avaliación xeral dos resultados alcanzados en canto á incorporación de persoas con discapacidade á función pública, así como outras medidas e accións que o consello tivese posto en funcionamento.

d) Propoñer a realización de estudos específicos sobre o desenvolvemento do acceso das persoas con discapacidade á función pública.

e) Asesorar a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en todas aquelas materias que afecten a incorporación das persoas con discapacidade á función pública.

Artigo 4º.-Funcionamento.

1. O Consello Asesor para a Integración da Discapacidade elaborará as súas propias normas de funcionamento axustándose ao establecido para os órganos colexiados no título segundo da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común. Estas normas terán que ser aprobadas por orde do conselleiro competente en materia de función pública.

En todo caso, o consello reunirase en sesión ordinaria, polo menos unha vez ao ano, e poderá realizar reunións extraordinarias cando así o acorde o presidente/a, por iniciativa propia ou de, polo menos, un terzo dos seus membros.

2. No desenvolvemento de todas as súas funcións, o consello asesor disporá dos medios, tanto materiais como humanos, necesarios para garantir a accesibilidade de todos os participantes nas súas actividades.

Artigo 5º.-Grupos de Traballo.

Mediante acordo do Consello Asesor para a Integración da Discapacidade poderán constituírse grupos de traballo, como órganos técnicos de apoio e asistencia especializada daquel. A composición e as funcións concretas que lles correspondan serán as establecidas en cada caso polo propio consello asesor, e poderán formar parte deles persoas alleas á Administración autonómica en razón dos seus coñecementos, experiencia ou cualificación técnica.

Disposicións transitorias

Primeira.-No prazo dun ano desde a constitución do consello este elevará á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza un borrador de decreto que conteña a regulación do acceso, promoción interna e provisión de postos de traballo de persoas con discapacidade no ámbito da Administración autonómica galega.

Segunda.-No prazo de seis meses desde a publicación deste decreto, o consello asesor iniciará as actuacións para a elaboración dun catálogo de tipos de postos de traballo no ámbito desta e describirá as tarefas fundamentais propias das funcións dos mencionados postos e establecerá o perfil de exixencias e condicións mínimas de cada un deles tendo en conta as peculiaridades dos distintos grupos de discapacidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza adoptará cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza