DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2008 Páx. 13.766

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 25 de xuño de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de día e as unidades de atención social para persoas que padecen alzheimer e outras demencias.

O artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, as competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais que ordena e regula os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita lei inclúe, no seu artigo 5.3º, entre as súas áreas de actuación, as dirixidas á vellez.

Dentro dos programas propios dos servizos sociais de atención especializada para a vellez, o Decreto 19/2008, do 7 de febreiro, polo que se crea a Rede Galega de Centros de Día de Atención Social para persoas con alzheimer e outras demencias neurodexenerativas creou unha nova tipoloxía de centros de atención diúrna destinados a este colectivo, ben que delegou a regulación das súas condicións estruturais e funcionais específicas ao desenvolvemento normativo posterior.

Por outra banda, o Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais estableceu os requisitos xerais que deben cumprir os centros para a súa creación, apertura e posta en funcionamento e remite á aprobación da normativa de desenvolvemento a regulación dos requisitos específicos para cada tipo de centro e área de actuación.

Neste senso, o establecemento dun sistema de atención social especializada destas características, exixe, para que sexa efectivo, o desenvolvemento destes requisitos a través da regulación daquelas condicións materiais, funcionais e de persoal específicas dos centros de día e das unidades de atención ás persoas que padecen alzheimer e outras demencias neurodexenerativas, co fin de adaptalos ás súas necesidades.

En virtude do anteriormente exposto e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Obxecto.

1. É obxecto desta orde o desenvolvemento do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, de autorización e acreditación de programas e centros de servizos sociais e do Decreto 19/2008, do 7 febreiro, polo que se crea a Rede Galega de Centros de Día de Atención Social para persoas con alzheimer e outras demencias neurodexenerativas, no relativo aos requisitos específicos que deben cumprir os centros de día e as unidades que presten atención a este colectivo.

2. Para os efectos da presente orde terán a consideración de centros de día e unidades de alzheimer aqueles establecementos situados na Comunidade Autónoma de Galicia que, cumprindo as condicións específicas do anexo I, proporcionan un servizo multidisciplinar de atención diúrna de carácter especializado ás persoas que teñen diagnosticado alzheimer ou outro tipo de demencia neurodexenerativa. As unidades de alzheimer e outras demencias concíbense como aqueles equipamentos para un máximo de 15 prazas, destinadas á prestación destes servizos de atención diúrna de carácter especializado que, contando cunhas instalacións diferenciadas, se integran nun centro de atención á vellez, segundo as condicións estruturais e funcionais que se establecen no anexo I.

Estes centros e unidades prestarán unha asistencia social integral de acordo coas súas necesidades básicas, terapéuticas e psicosociais contando coa participación activa dos seus familiares e promovendo o mantemento da súa autonomía persoal e a permanencia no seu contorno habitual.

3. Sen prexuízo do anterior, as entidades prestadoras de servizos sociais poderán, desde os anteditos centros ou unidades, desenvolver programas especializados de carácter comunitario dirixidos a persoas que non sexan usuarias do centro, aos familiares e aos coidadores das persoas que padezan alzheimer e outras demencias, así como a outros profesionais do sector ou ao público en xeral.

Artigo 2º.-Principios da intervención.

Os programas de intervención levados a cabo nos centros e nas unidades de alzheimer ou ben aqueles que se realicen desde eles adaptaranse ás necesidades concretas da persoa usuaria en función do grao de evolución da demencia, garantindo a aplicación efectiva das medidas terapéuticas que se amosan eficaces en cada caso concreto e respectando na súa aplicación os seguintes principios:

a) Principio de autonomía da persoa usuaria na elección do recurso.

b) Principio de interdisciplinariedade e integralidade do programa de intervención, por canto as contribucións dos diferentes profesionais deben interactuar sobre as diferentes dimensións da persoa usuaria e do seu contorno.

c) Principio de participación.

d) Garantía da continuidade nos coidados, na procura de mecanismos de coordinación e complementariedade dos recursos e prestacións existentes.

e) Respecto á dignidade e á individualidade das persoas garantindo a súa atención integral e respectando o dereito á diferenza.

Artigo 3º.-Obxectivos.

A intervención social coas persoas diagnosticadas de alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas ten por finalidade:

a) Previr e retardar a evolución das patoloxías promocionando a autonomía das persoas usuarias.

b) Manter e incrementar a calidade de vida das persoas usuarias e os seus familiares.

c) Prestar unha atención especializada e terapéutica ás persoas usuarias.

d) Prestar unha atención especializada aos familiares das persoas usuarias.

e) Evitar unha institucionalización temperá das persoas usuarias.

f) Permitir que as persoas usuarias permanezan no contorno da comunidade o maior tempo posible.

Artigo 4º.-Autorización e inspección.

1. As entidades prestadoras de servizos sociais que sexan titulares de centros de día ou de unidades de alzheimer, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán obrigadas a solicitar as autorizacións administrativas e os permisos que correspondan de acordo co disposto no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, e demais disposicións vixentes.

2. As solicitudes deberanse presentar acompañadas dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos de carácter xeral recollidos no antedito decreto, e dos requisitos específicos recollidos nesta orde.

3. As entidades, centros e programas que estas desenvolvan estarán suxeitos á inspección e ao réxime sancionador en materia de servizos sociais de conformidade co establecido no título VI da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais e no Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a dita lei.

Artigo 5º.-Requisitos materiais.

1. Todos os centros estarán situados en espazos de uso exclusivo, con entrada independente desde un espazo público.

2. En todas as dependencias destinadas a usuarios/as deberán garantir unha temperatura interior entre os 20 e os 24ºC.

3. Os pavimentos serán de superficie lisa, antiesvaradía, non porosa, sintética e de doada limpeza, especialmente en baños, aseos e cociña.

4. O mobiliario e o equipamento do centro será de doada limpeza e adaptado ás necesidades dos usuarios aos que se dirixe, e aos programas, terapias e actividades que nel se leven a cabo.

5. As fiestras disporán dun sistema de apertura que garanta a seguridade das persoas usuarias. Dotaranse con elementos para a protección solar. En todo caso, preservarase a intimidade das persoas usuarias.

6. Os corredores deberán dispoñer varandas en todos os percorridos previstos, tanto interiores como exteriores.

7. A configuración estrutural dos centros e as unidades de alzheimer responderá aos mínimos recollidos no anexo I.

Artigo 6º.-Requisitos funcionais.

1. Os centros e unidades de alzheimer farán constar no seu regulamento de réxime interior os servizos que prestan.

2. Deberán prestarse, como mínimo, os seguintes servizos:

a) Apoio ás persoas usuarias nas actividades da vida diaria.

b) Coidado persoal, aseo e hixiene.

c) Estimulación cognitiva.

d) Terapia ocupacional.

e) Rehabilitación funcional.

f) Atención social.

g) Atención psicolóxica.

h) Dinamización sociocultural.

i) Apoio e información ás familias.

3. Serán servizos optativos susceptibles de tarificación independente:

a) Servizo de transporte adaptado.

b) Servizo de comedor consistente na preparación e distribución dos alimentos polo persoal do propio centro ou ben alleo a el e contratado para tal fin, logo de acreditación do cumprimento da normativa sanitaria aplicable. Como mínimo comprenderá o xantar e opcionalmente, o almorzo, merenda e/ou cea. Neste caso, facilitarase unha relación, como mínimo semanal, dos menús, previamente supervisados por un servizo especializado, que deberán proporcionar unha dieta equilibrada e axustada ás necesidades dos/as usuarios/as. No caso de que exista prescrición médica subministraranse dietas especiais.

c) Programa de axuda/apoio a domicilio.

d) Formación das familias e dos coidadores.

e) Formación de grupos de axuda mutua.

f) Asesoramento xurídico ás familias.

g) Asesoramento en materia de axudas técnicas

h) Todos aqueles programas de intervención que temporal ou continuadamente se realicen para as persoas usuarias do centro ou para aqueloutras que non sendo usuarias pertenzan a este colectivo.

4. Os centros e unidades disporán dun proxecto anual de funcionamento e un programa de actividades con expresión dos obxectivos, metodoloxía e calendarios. Ao finalizar o ano elaborarase unha memoria onde se avaliarán os resultados desa programación propoñendo aquelas medidas que puidesen servir para mellorar as programacións futuras.

5. A entidade titular do centro comunicaralle ao órgano competente en materia de autorización de centros aqueles programas de atención especializada destinados á comunidade que desenvolva desde o centro autorizado ou desde unhas instalacións diferentes, facendo constar as persoas ás que van dirixidas unha descrición das actividades e programas de intervención e os prezos, cando proceda.

6. Cada persoa usuaria contará cun expediente individualizado diferenciando os datos administrativos, os clínicos e os sociais. Garantirase o cumprimento da lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

7. Todas as persoas usuarias contarán cun armario en que poidan gardarse os seus obxectos persoais. Situaranse preferentemente preto dos baños.

8. Cada centro contará cun caixa de urxencias a cargo do persoal.

9. Preverase unha zona de aparcadoiro reservado para o transporte adaptado.

Artigo 7º.-Requisitos de formación do persoal.

Todo o persoal dos centros e das unidades terán unha formación complementaria especializada na atención das persoas que padecen alzheimer e outras demencias neurodexenerativas cun mínimo de 60 horas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Adaptación á nova tipoloxía dos equipamentos existentes ou en trámite de autorización.

1. Aqueles centros de día que conten con autorización para a súa creación ou construción ou permiso de inicio de actividades no momento da entrada en vigor desta orde poderán solicitar o cambio de tipoloxía a centro de día de alzheimer, mediante presentación da solicitude de modificación substancial do centro xunto coa documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos estruturais e/ou funcionais regulados no anexo I desta.

2. Aqueles centros de día que se atopen en tramitación para a concesión da correspondente autorización de creación ou construción poderán solicitar o cambio de tipoloxía a centro de día de alzheimer, mediante a presentación dunha nova solicitude de autorización para a creación ou construción en instancia normalizada e unha comunicación en que se solicite o arquivo do expediente anterior e o traslado da documentación presentada ao novo expediente de autorización. De ser precisa algunha modificación na documentación presentada co fin de acreditar o cumprimento dos requisitos específicos regulados nesta orde xuntarase esta á solicitude antedita.

3. O disposto nos dous parágrafos anteriores será de aplicación aos centros de día de atención ás persoas maiores nos que se pretenda autorizar unha unidade de alzheimer

Segunda.-Acreditación da formación e a experiencia do persoal.

Os centros de día en funcionamento que cambien a súa tipoloxía a centros de día de alzheimer poderán acreditar a formación e a experiencia do seu persoal segundo o exixido nesta orde, no prazo máximo dun ano desde a súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular do órgano competente en materia de autorización de centros e equipamentos de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO I

Requisitos materiais específicos dos centros de día e dás unidades de alzheimer

Requisitos estruturais:

A) Os centros de día contarán cos seguintes requisitos estruturais:

1. Área administrativa:

Área de recepción: contará con porta de apertura automática e unha zona de roupeiro.

Despacho de dirección.

2. Area de atención individualizada:

Despacho axuste persoal: contará aproximadamente con 15 m2. Será utilizado polos profesionais encargados das funcións de atención individual e de atención ás familias: traballador social, psicólogo, etc.

Sala de curas/consulta médica: cunha superficie mínima de 8 m2 útiles. Disporá de zona de exploración, consulta e farmacia. Deberá contar cun lavabo e un caixa de primeiros auxilios debidamente dotada e tutelada por persoa responsable.

3. Área de actividades:

Sala polivalente: contará cunha superficie mínima de 30 m2 útiles e cunha proporción de 1,80 m2 por persoa usuaria. Disporá de iluminación e ventilación natural directa. Permitirá separacións funcionais, xa sexan fixas ou móbiles, que delimiten zonas ou recunchos para o descanso e a realización de actividades.

Sala de atención controlada: contará cunha superficie mínima de 30 m2 útiles e cunha proporción de 1,80 m2 por persoa usuaria. Disporá de iluminación e ventilación natural directa e estará independizada fisicamente da anterior. Destinarase aos enfermos con deterioracións cognitivas máis evolucionados ou con trastornos condutuais que precisen dun maior nivel de atención e supervisión. Delimitarase unha zona para o descanso dotada con butacas e cadeiras de brazos xeriátricas. As portas de acceso dotaranse con sistemas automáticos de apertura a distancia ou semellantes, que permitan o desbloqueo automático en caso de emerxencia. En todo caso evitaranse chaves e pechos.

Sala de rehabilitación: contará cunha superficie mínima de 20 m2, iluminación e ventilación suficiente e equipamento específico. Poderá ser unha zona diferenciada da sala polivalente pero nese caso a súa superficie computarase á parte da requirida para esta.

Comedor: soamente se requirirá realizar servizo de comedor. Poderá utilizarse por quendas cun máximo de 2. Contará cunha superficie mínima de 1,50 m 2/persoa usuaria e iluminación e ventilación natural. Procurarase a súa configuración separada da sala polivalente e con acceso directo desde a cociña. De tratarse dun espazo compartido coa sala polivalente, esta deberá contar con 3,5 m2/usuario e a zona de comedor diferenciarase desta mediante paneis móbiles ou o propio mobiliario do equipamento.

Baños adaptados: 1 por cada 20 usuarios ou fracción, cun mínimo de 2. Estarán dotados de inodoro, lavabo e ducha. A ducha carecerá de prato, resolvendo o desaugadoiro mediante a pendente do propio chan cara a un sumidoiro sifónico de gran absorción, facilmente desmontable para a limpeza. Contarán con contedores herméticos para os cueiros e ventilación natural ou forzada. Os baños/aseos dotaranse de axudas técnicas e neles instalaranse timbres de chamada de emerxencia, mediante un sistema de tirador ou pulsador accionable desde o chan. As portas dos baños e aseos abrirán cara a fóra, podendo ser tamén corredías.

Deambulatorio: habilitarase unha zona cun percorrido definido con traxectos amplos, libres de obstáculos e con apoios continuados a ambos os dous lados que se poderá integrar nas zonas de actividades ou constituír unha zona diferenciada, no interior ou no exterior do centro.

4. Espazos auxiliares.

Cociña /office: o seu deseño, instalacións e materiais adaptaranse á normativa vixente en materia sanitaria. Contará preferentemente con saída directa ao exterior e acceso directo ao comedor.

Vestiario persoal: contará con lavabo, inodoro e ducha e cunha zona de armarios para o cambio de roupa.

Cuarto de limpeza/almacéns.

Con carácter xeral, os centros de día de alzheimer contarán cun número máximo de corenta prazas. Excepcionalmente, o número máximo de prazas poderá incrementarse cando se xustifique debidamente, durante a tramitación do procedemento de autorización, que o centro dispón de instalacións suficientes para atender en condicións óptimas a un maior número de persoas usuarias en función dos graos de evolución da enfermidade, e de conformidade co disposto. Neste senso, por cada 15 prazas adicionais xustificaranse novas áreas fisicamente independizadas coas características descritas para a sala de atención controlada.

B) As unidades terán un máximo de 15 prazas e contarán coas seguintes condicións estruturais:

1. Nos centros de día de maiores nos que se acondicionen unidades de alzheimer deberase acreditar, ademais do uso compartido da área administrativa, da sala de curas e do comedor, nos casos nos que proceda, a disposición dunha sala de atención controlada, dunha zona para a deambulación, dous baños e unha sala de rehabilitación, coas características especificadas anteriormente.

2. Nas residencias en que se habiliten unidades de alzheimer de estancia diúrna deberanse acondicionar ademais das anteriores zonas un despacho para o/a coordinador/a.