DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 16 de xullo de 2008 Páx. 13.721

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 10 de xullo de 2008 pola que se homologa o contrato-tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño da denominación de orixe Ribeiro para as campañas 2008/2009, 2009/2010 e 2010/2011.

Consonte a proposta elevada pola Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, relativa á solicitude de homologación dun contrato-tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Ribeiro, formulada polos representantes do Sindicato Labrego Galego, Xóvenes Agricultores, Cooperativa Ribeiro, Asociación de Embotelladores, Adegas Campante, Adegas Pazo do Mar, Adegas Rodríguez Méndez e Adegas Cunqueiro.

De conformidade co disposto na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, e de acordo cos requisitos previstos no Real decreto 686/2000, do 12 de maio, polo que se aproba o seu regulamento, e a fin de que os solicitantes poidan dispoñer dun documento acreditativo da contratación de materia prima.

Tendo en conta que o ámbito de aplicación do contrato proposto non supera o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do artigo 149.3º da Constitución, que establece a supletoriedade do dereito estatal,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Homologar o contrato-tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Ribeiro, cuxo texto figura no anexo desta disposición.

Artigo 2º

O período de vixencia da homologación do presente contrato-tipo será de tres campañas vitícolas a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día ao seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Contrato de compravenda de uva para

a súa transformación en viño

..., de..., de 200...

Reunidos:

Dunha banda..., de agora en diante o/a vendedor/a, con documento NIF/CIF nº..., con domicilio en..., concello de..., provincia de..., e que actúa en nome propio.

E doutra..., de agora en diante o/a comprador/a, con NIF/CIF nº..., con domicilio en..., concello de..., provincia de..., representado neste acto por..., con NIF nº..., con capacidade para a formalización deste contrato en virtude de documento do..., de... de 200... en que adquire apoderamento da empresa, inscrito no Rexistro Mercantil de Ourense (datos de inscrición).

Recoñecéndose ambas as partes capacidade e lexitimación para formalizar este contrato, fano conforme as seguintes estipulacións:

Primeira.-Obxecto do contrato.

A compravenda de uva das parcelas que se establecen como anexo a este contrato, que reúnan as seguintes condicións de calidade:

O producto obxecto deste contrato será recolectado polo vendedor ao alcanzar a madurez determinada polas seguintes caracteristicas: cor natural, bo sabor, textura firme, exento de oidium, mildeu, botrite e outras enfermidades e sabores estraños, conservando todas as cualidades organolépticas da respectiva variedade e posuíndo as propiedades fisicoquímicas que permitan obter viños coas características protexidas pola denominación de orixe. Admitiranse as seguintes tolerancias máximas en peso: 20%, froitos rotos ou mazados 20%, froitos con mofo 20%, froitos con defectos por calquera outra causa 20%, botrite 20%. A suma de defectos anteriormente citados combinados non superará o 10% da partida contratada.

De non se cumpriren estas condicións, o/a comprador/a non estará obrigado a comprala.

Segunda.-Duración do contrato.

A vixencia deste contrato comeza o día da súa sinatura e ten unha duración mínima de tres campañas vitícolas, sendo revisable anualmente dentro do ano natural antes da floración.

Este contrato poderá ser rescindido antes do 31 de xullo de cada ano, por mutuo acordo das partes, cuestión que será notificada nun prazo de 7 días á comisión de seguimento.

Terceira.-Especificacións técnicas.

O vendedor non poderá utilizar produtos fitosanitarios distintos dos autorizados nin exceder as doses máximas recomendadas, e respectará os prazos de seguranza de cada produto e a normativa ao respecto.

Cuarta.-Prezo.

Os prezos mínimos de referencia a pagar polo/a comprador/a serán os que a seguir se relacionan:

Ver referencia pdf "13700D005P009.PDF"

Establécese un desconto de 0,03 € por décima de grao entre as uvas de 11º e 10,5º; e de 0,04 € entre 10,5º e 10º; para as uvas das variedades correspondentes á primeira columna.

Para as variedades correspondentes á segunda columna aplicaranse os mesmos descontos que na primeira, salvo que por baixo de 10,5º a variedade torrontés pasa a cotizarse como o prezo de mercado da uva xenérica branca (palomino). As variedades tintas autóctonas con graduación inferior a 11% pasarán a pagarse a prezos de uva xenérica tinta.

O prezo para a variedade loureira branca establécense nos mesmos prezos da variedade treixadura, pero a partir de 10,5º (e non de 11º).

Sobre este prezo aplicarase, anualmente e de forma acumulativa, unha revisión con base no índice de prezos de consumo interanual, publicado en agosto polo Instituto Nacional de Estatística no BOE.

Sobre o importe resultante do prezo mínimo e o IPC aplicarase o imposto sobre o valor engadido (IVE) correspondente para a realización da factura.

Quinta.-Condicións de pagamento.

As cantidades monetarias resultantes do cumprimento deste contrato pagaranse nos prazos que a seguir se indican:

-O/a comprador/a liquidará antes do 31 de decembro do ano da vendima un mínimo do 33% da cantidade que teña que aboar en cumprimento deste contrato.

-A restante cantidade farase efectiva antes do 30 de xuño seguinte.

Sexta.-Recepción, control e imputabilidade de custos.

A cantidade de uva correspondente a este contrato será entregada na súa totalidade na adega ou nalgún dos puntos de recepción máis próximos ao das parcelas do/a vendedor/a, instalados para o efecto polo/a comprador/a.

O control da calidade e peso do froito efectuarase no momento da entrada na adega ou punto de recepción. Poderá estar presente, para efectos deste control, unha persoa habilitada para o efecto polo/a vendedor/a.

No caso de discrepancia entre as partes sobre as condicións de calidade do produto marcadas no presente contrato recorrerase a un laboratorio designado polos interesados. Os gastos ocasionados correrán a cargo da parte que estiver errada na súa apreciación.

Sétima.-Comisión de seguimento.

O control, seguimento e vixilancia do cumprimento deste contrato, para os efectos dos dereitos e obrigas de natureza privada, será realizado pola comisión de seguimento constituída para o efecto; comisión con personalidade xurídica, sen ánimo de lucro, e con carácter representativo e composición paritaria entre os representantes dos produtores e adegas da D.O. asinantes da solicitude de homologación do contrato-tipo a que se axusta este contrato.

Oitava.-Indemnizacións.

Salvo os casos de forza maior demostrada, derivados de folgas, sinistros, situacións catastróficas ou adversidades climatolóxicas producidas por causas alleas á vontade das partes, circunstancias que deberán comunicarse dentro das setenta e dúas horas seguintes a se produciren, o incumprimento deste contrato para efectos de entrega ou recepción da uva dará lugar a unha indemnización da parte responsable á parte afectada dun 25% do valor da produción estimada nesa campaña polas persoas designadas con anterioridade, sempre que nese incumprimento se aprecie a decidida vontade de desatender a obriga contraída, apreciación que poderá facer a correspondente comisión de seguimento, logo de comunicación, dentro dos sete días seguintes ao de se producir o incumprimento.

A consideración dunha situación de forza maior poderá ser constatada pola citada comisión, para o cal recibirá aviso da parte afectada dentro do mesmo prazo anteriormente establecido.

Novena.-Arbitraxe.

Calquera diferenza que puider xurdir entre as partes en relación coa interpretación ou execución deste contrato e que non se puider resolver de mutuo acordo ou na comisión de seguimento a que se fai referencia na cláusula oitava, deberá someterse á arbitraxe regulada na Lei 60/2003, do 23 de decembro, coa especialidade prevista na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, consistente en que o árbitro ou árbitros serán nomeados pola Consellería do Medio Rural.

De conformidade con canto antecede, e para que conste para os fins procedentes, asínanse os preceptivos exemplares para os efectos oportunos no lugar e na data expresados na cabeceira deste contrato.

Asdo.: o/a vendedor/a Asdo.: o/a comprador/a

Anexo de contrato:

A cantidade de uva contratada será de:

-Variedades brancas:

Treixadura:

Albariño:

Godello:

Loureira:

Torrontés:

-Variedades tintas:

Caíño:

Sousón:

Brancellao:

Ferrón:

Mencía:

Permitíndose unha tolerancia de +/-20% da cantidade contratada.

O certificado de inscrición no Consello Regulador da D.O. Ribeiro será presentado polo viticultor.

Aclárase expresamente a duración de tres campañas 2008/2009, 2009/2010 e 2010/2011 establecida no punto 2º deste contrato de compravenda de uva para transformación en viño, dándose por concluído o contrato en 2011.

Asdo.: o/a comprador/a Asdo.: o/a vendedor/a