DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 16 de xullo de 2008 Páx. 13.717

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 24 de xuño de 2008 pola que se modifica un ficheiro de datos de carácter persoal en materia de solidariedade e participación na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

A Constitución española, no seu artigo 18.4º, dispón que a lei limitará o uso da informática para garantir a honra e intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e o Real decreto 1720/2007, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, regulan o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soporte físico, así como toda modalidade de uso posterior deles polos sectores público e privado. Neste marco a finalidade desta regulación é garantir e protexer os dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade, tanto persoal como familiar.

O artigo 20.1º da devandita lei e o artigo 52 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da citada lei, establecen que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente.

Pola Orde do 27 de febreiro de 2003 pola que se crean ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, créase un ficheiro automatizado de datos de carácter persoal para o Rexistro do voluntariado.

A conveniencia de adaptar o ficheiro creado ás novas necesidades operadas na materia xustifica a súa modificación.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde modifícase o ficheiro automatizado de carácter persoal que se especifica no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información que, de acordo co artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, se deberá indicar nas disposicións de creación dos ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, rexistrados no ficheiro automatizado de datos, modificado por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e por persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos na lei.

Artigo 5º.-Responsable do ficheiro.

Serán responsables da seguridade dos ficheiros os órganos que, en cada caso, figuran no anexo e ante os cales se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade, e os dereitos e obrigas recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO

Ficheiro: rexistro de entidades de acción voluntaria.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto.

A finalidade do ficheiro é a incorporación dos datos das entidades inscritas no Rexistro de entidades de acción voluntaria, para os efectos da súa protección.

b) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos de carácter persoal.

Entidades de acción voluntaria inscritas, persoas ao servizo das entidades de acción voluntaria e, de ser o caso, voluntarios.

c) Procedemento de recollida de datos.

Solicitudes en papel, contactos telefónicos e outros medios telemáticos.

d) Tipo de datos que inclúe.

Datos de carácter identificativo: DNI, CIF, nome e apelidos, enderezo postal, teléfono/teléfono móbil, fax e correo electrónico do representante legal e do responsable do programa.

e) Cesións previstas.

Outros departamentos da Administración autonómica e restantes administracións públicas.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro.

Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

g) Servizos ou unidades ante os cales se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición que constan no rexistro: Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade; edificio administrativo San Caetano, bloque III-1º, 15781 Santiago de Compostela.

h) Nivel de seguridade.

Básico.