DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 11 de xullo de 2008 Páx. 13.605

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 141/2008, do 19 de xuño, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Oncolóxico de Galicia.

A Constitución española, no seu artigo 43, recoñece o dereito á protección da saúde, así como a competencia dos poderes públicos para organizaren e tutelaren a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e dos servizos necesarios.

A Comunidade Autónoma de Galicia, consonte o disposto nos artigos 148 e 149 da Constitución española e os artigos 27.23º e 33.1º do Estatuto de autonomía ten potestade para lexislar en materia de asistencia social e sanidade interior.

Pola súa parte, o artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o artigo 69 da Lei 7/2003, do 9 de decembro de ordenación sanitaria de Galicia, o artigo 110 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, os artigos 149 ao 152 e o 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, prevén a creación de consorcios cando a xestión entre administracións públicas e outras entidades faga necesaria a creación dunha organización común.

A importancia da asistencia sanitaria en materia de oncoloxía esixe e xustifica a concepción e o deseño dun consorcio como organización idónea para facilitar a acción conxunta e coordinada das administracións públicas e institucións implicadas a través dun marco estable.

O Consorcio Oncolóxico de Galicia concíbese así como un instrumento executivo de esforzo combinado entre as entidades que o integran coa finalidade do aproveitamento eficiente de todos os recursos sanitarios en materia de oncoloxía, de xeito que se garanta aos cidadáns unha asistencia integral, de calidade e en condicións de igualdade.

O Consorcio Oncolóxico de Galicia adopta a forma de entidade de dereito público de natureza institucional e de base asociativa, dotada de personalidade xurídica plena e independente da dos seus membros, con toda a capacidade xurídica e de dereito que se require para a realización das súas finalidades.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, e logo da deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezanove de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Apróbase a constitución do Consorcio Oncolóxico de Galicia, e apróbanse os seus estatutos, que se publican como anexo deste decreto.

2. O Consorcio Oncolóxico de Galicia estará constituído pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, representada pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, o Concello da Coruña e a Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga e Piñeyro. O Consorcio goza de personalidade xurídica propia e capacidade suficiente para o cumprimento das súas finalidades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, de conformidade coa normativa aplicable en materia de función pública e persoal estatutario, poderán adscribir, con carácter temporal, persoal funcionario ou estatutario a postos do cadro de persoal do consorcio. Pola súa parte, a Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga e Piñeyro, exercerá en todo momento a dirección e xestión do persoal deste centro en particular, será responsable de impartir aos seus traballadores as correspondentes ordes e criterios de realización do traballo, sendo as administracións públicas consorciadas alleas ás ditas relacións laborais.

Segunda.-No suposto de extinción do Consorcio, o Consello da Xunta de Galicia aprobará o acordo definitivo de disolución, no cal se determinará o procedemento de liquidación dos bens e se acreditará, en todo caso, unha correcta aplicación do principio de equidade na adxudicación das cotas resultantes, en función das achegas realizadas polas entidades consorciadas.

Terceira.-As operacións de endebedamento que, se for o caso, pretenda concertar o Consorcio, requirirán acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Conselleira de Sanidade, para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xuño de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO

Estatutos do Consorcio Oncolóxico de Galicia

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación e entidades que integran o Consorcio.

1. O Consorcio Oncolóxico de Galicia (en diante Consorcio) constitúese como unha entidade de dereito público, de carácter asociativo e voluntario, integrado pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, o Concello da Coruña e a Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga e Piñeyro.

2. O Consorcio, desde o momento mesmo da súa constitución, adscribirase á Consellería de Sanidade de acordo co artigo 22.1º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

3. O número de membros do Consorcio poderá ser ampliado coa admisión de entidades públicas ou privadas que poidan colaborar nos obxectivos do Consorcio, así como efectuar as achegas ou prestar os servizos que constitúen os seus obxetivos. O acordo de admisión de novos membros exixirá a maioría prevista no artigo 19.2º destes estatutos.

Artigo 2º.-Domicilio.

1. O domicilio do Consorcio fíxase na sede da Delegación Provincial da Coruña, sita en Gregorio Hernández 2 e 4, A Coruña.

2. Os órganos de goberno do Consorcio poderán modificar a sede do Consorcio dentro da mesma localidade, sen que tal modificación exixa a dos presentes estatutos.

Artigo 3º.-Obxectivos e finalidades.

1. O obxectivo do Consorcio é principalmente a prestación da asistencia sanitaria especializada en materia oncolóxica ao servizo dos cidadáns.

Mediante acordo do Consello Reitor poderanse asumir outras actividades asistenciais.

2. Son finalidades específicas do Consorcio:

a) A educación sanitaria, a promoción da saúde e a prevención da enfermidade, en materia oncolóxica.

b) A atención especializada en réxime extrahospitalario e en réxime hospitalario, en materia oncolóxica.

c) As actividades de coñecemento nos ámbitos da sanidade e das ciencias da saúde: a docencia, a investigación, a formación, a bioética, os sistemas de información e o impulso ao desenvolvemento das tecnoloxías e dos recursos para mellorar a calidade da prestación sanitaria, en materia oncolóxica.

d) Todas as que están directa ou indirectamente relacionadas coas finalidades mencionadas anteriormente e que acorde o Consello Reitor.

3.- As finalidades a que se refire o número anterior poderán ser levadas a cabo directamente polo Consorcio ou a través de calquera outra forma de xestión directa ou indirecta admitida en dereito, especialmente a través da Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga e Piñeyro, de acordo coa súa capacidade técnica e na forma establecida no correspondente contrato-programa que se estableza.

Artigo 4º.-Participación das entidades consorciadas.

As entidades que conforman o Consorcio contribuirán á consecución do seu obxectivo, conforme o seguinte:

a) A Consellería de Sanidade colaborará na determinación das políticas sanitarias do Consorcio a través dun contrato-programa, logo da correspondente negociación con el e os seus integrantes.

b) O Servizo Galego de Saúde contribuirá co financiamento necesario para a prestación da asistencia sanitaria e subscribirá o contrato-programa co Consorcio, instrumento que permitirá vincular o financiamento del cos criterios de planificación do Servizo Galego de Saúde e as necesidades dos usuarios.

1. O contrato-programa conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

-Poboación que se atenderá.

-Estimación do volume de actividade e previsión das continxencias sanitarias obxecto de cobertura.

-Determinación dos requisitos de calidade que deberán cumprir os servizos sanitarios.

-Cobertura económica da actividade e forma de pagamento.

-Tempo de duración.

2. As condicións económicas do contrato programa estableceranse anualmente polo Servizo Galego de Saúde, fixando o teito de financiamento asociado á actividade pactada e, de ser o caso, a prestada por este organismo que sexa obxecto de compensación, con base nos custos efectivos de cada centro.

3. O contrato-programa regulará o alcance das prestacións que realizará o Consorcio e o financiamento delas polo Servizo Galego de Saúde. O financiamento do Consorcio establecerase a través dun réxime de transferencia; non obstante, poderá establecerse un sistema de facturación cando se considere axeitada a súa utilización como instrumento de control.

c) A Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga e Piñeyro contribuirá ao Consorcio coa totalidade da capacidade asistencial do Centro Oncolóxico, hospital que se utilizará para a prestación da atención sanitaria especializada.

d) O Concello da Coruña autorizará o uso compartido (Fundación Centro Oncolóxico e Consorcio) do inmoble e terreos onde se sitúa o Centro Oncolóxico de conformidade coa normativa que lle resulte de aplicación.

Artigo 5º.-Personalidade e capacidade xurídica.

1. O Consorcio regulado nestes estatutos constitúe unha entidade xurídica pública, de natureza institucional e de base asociativa, dotada de personalidade xurídica plena e independente da dos seus membros, con toda a capacidade xurídica de dereito público e privado que require a realización das súas finalidades.

2. En consecuencia, o Consorcio, por medio dos seus órganos representativos, á parte das facultades que como entidade de dereito público lle corresponden, poderá adquirir, posuír, reivindicar, cambiar, gravar e transmitir toda clase de bens, asinar contratos, asumir obrigas, interpoñer recursos e exercer as accións previstas nas leis. Será de aplicación o disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como no Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución desta lei.

Artigo 6º.-Réxime xurídico.

1. O Consorcio, que ten carácter voluntario e duración indefinida, rexerase por estes estatutos, polos regulamentos internos de organización e funcionamento das diversas actividades, e polas disposicións legais de carácter xeral que lle sexan aplicables. No exercicio das competencias atribuídas polo Estatuto de autonomía de Galicia, a Xunta de Galicia exercerá a tutela da organización e os servizos vinculados e/ou dependentes do Consorcio para asegurar o cumprimento dos seus fins, e velará pola correcta asignación dos recursos económicos.

2. A actividade e a prestación de servizos realizarase da forma que determinen as disposicións legais correspondentes e os regulamentos e as instrucións que diten os órganos de goberno, de acordo coas respectivas competencias.

Artigo 7º.-Dereitos dos usuarios.

1. Respectaranse en todo momento os dereitos dos usuarios dos servizos e, en particular, os dereitos dos doentes, de conformidade coa normativa vixente en cada momento.

2. Nas actividades de docencia e de investigación así como en todas aquelas que leve a cabo o Consorcio, teráselle un absoluto e rigoroso respecto aos dereitos das persoas asistidas.

3. Así mesmo, respectarase a Lei de protección de datos de carácter persoal, Lei 15/1999, do 13 de decembro, a Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, a Lei 3/2005, do 7 de marzo, de modificación da Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes, ou as normas que substitúan as anteriores.

Artigo 8º.-Docencia e investigación.

1. As instalacións e os servizos que utilice o Consorcio para o cumprimento do seu obxecto, incluídos os pertencentes á Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga e Piñeyro, poderán ser utilizadas para o desenvolvemento de actividades formativas nas disciplinas que conforman as ciencias da saúde, no marco dos convenios subscritos entre as consellerías de saúde e de educación e ciencia e as universidades para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia.

2. Para o desenvolvemento das actividades relacionadas cos diferentes ámbitos de coñecemento poderanse formalizar convenios de colaboración, preferentemente coas universidades galegas ou con outras institucións especializadas.

TÍTULO II

Réxime Orgánico funcional e orgánico

CAPÍTULO I

Órganos de goberno do Consorcio

Artigo 9º.-Órganos de goberno do Consorcio.

1. Son órganos de Goberno do Consorcio os seguintes:

a) Consello Reitor (órgano superior de goberno e administración).

b) Presidencia.

c) Vicepresidencia.

2. O Consorcio disporá, ademais, da estrutura administrativa que sexa necesaria para o seu funcionamento.

Artigo 10º.-Consello Reitor.

1. O Consello Reitor é o órgano a que compete o goberno, administración e representación do Consorcio, con todas as facultades que precise para o desenvolvemento do seu obxecto.

2. O Consello Reitor estará integrado por sete membros. Serán designados do seguinte xeito: dous pola Consellería de Sanidade, dous polo Servizo Galego de Saúde, dous pola Fundación Centro Oncolóxico e un polo Concello da Coruña. Dos sete membros un será o presidente, outro o vicepresidente e os outros cinco membros vogais.

De producirse vacantes poderán ser inmediatamente cubertas pola entidade consorcial correspondente, que poderá substituír en calquera momento os membros por ela designados.

3. A composición do Consello Reitor farase pública por orde da Consellería de Sanidade.

4. Todos os membros do Consello Reitor participarán no devandito órgano desde o mesmo momento en que fosen designados pola entidade consorciada.

5. Os membros do Consello Reitor non percibirán retribucións polo desempeño dos seus cargos no Consorcio. Non obstante, poderán ser indemnizados ou compensados pola asistencia ás sesións do Consello e polas actuacións que procedan por razón de servizo.

Artigo 11º.-Competencias do Consello Reitor.

1. Para a consecución do obxecto do Consorcio, corresponden ao Consello Reitor as seguintes competencias, a título meramente enunciativo e non limitativo:

a) Velar polo cumprimento do establecido no convenio de creación do Consorcio e do disposto nestes estatutos.

b) Desenvolver e interpretar os presentes estatutos.

c) Establecer as distintas políticas do Consorcio, tales como planificación e desenvolvemento, información, comunicación, persoal, etc.

d) Establecer e nomear os órganos de dirección ou executivos do Consorcio, incluído o xerente, cuxas funcións e competencias se determinarán regulamentariamente.

e) Controlar a actividade do Consorcio.

f) Aprobar e propoñer á Consellería de Sanidade o Programa de actuación, investimento e financiamento (PAIF) do Consorcio.

g) Aprobar os orzamentos anuais do Consorcio.

h) Aprobar os investimentos e operacións económicas do Consorcio.

i) Aprobar o regulamento de réxime interior do Consorcio.

j) Aprobar, con carácter previo á súa subscrición coa Consellería de Sanidade, o contrato-programa.

k) Aprobar a memoria anual do consorcio.

l) Decidir sobre o exercicio de accións ou recursos que correspondan ao Consorcio en defensa dos seus intereses, e ratificar as iniciadas polo presidente do Consorcio por motivos de urxencia.

m) Acordar a transmisión e gravame dos bens que constitúen o patrimonio propio do Consorcio. O Consorcio someterase ás disposicións contidas na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, así como no Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da citada lei, e polo tanto, ás limitacións contidas nelas.

n) Resolver cantos recursos administrativos sexan interpostos contra os actos emanados do Consorcio, esgotando a vía administrativa.

o) Adoptar, logo do procedemento estatutariamente establecido, os acordos de modificación dos estatutos do Consorcio, correspondéndolle a aprobación definitiva do dito acordo ao Consello da Xunta.

p) Adoptar, logo do procedemento estatutariamente establecido, os acordos de disolución e liquidación do Consorcio. A aprobación definitiva corresponderá ao Consello da Xunta.

q) Acordar a asunción doutras actividades que estean directa ou indirectamente relacionadas co obxecto do Consorcio.

r) Acordar o recrutamento, selección e contratación do persoal do Consorcio.

s) Realizar aquelas funcións que expresamente se lle deleguen, e aquelas que non estean atribuídas especificamente a ningún outro órgano, e que sexan precisas ou convenientes para o desenvolvemento ou o cumprimento do obxecto do Consorcio.

2. O Consello Reitor, para a realización dunha xestión máis eficaz, e logo do acordo unánime, poderá delegar con carácter permanente ou temporal algunha das funcións nun ou varios membros do propio Consello Reitor.

3. Así mesmo, para a mellor realización das súas funcións, o Consello Reitor poderá, logo do acordo unánime, conferir apoderamentos xerais ou especiais sen límite de persoas.

Artigo 12º.-Presidencia do Consello Reitor.

1. A presidencia do Consello Reitor será exercida por aquela persoa, que formando parte do Consello Reitor, sexa elixida por unanimidade. Se en tres votacións consecutivas non se logra acadar a dita unanimidade, bastará maioría simple para entender elixido o/a presidente/a.

2. A presidencia será exercida por un prazo de dous anos, comezando o día 1 de xaneiro e rematando o día 31 de decembro do ano seguinte. Non obstante, a primeira será efectiva desde o día da constitución do Consorcio e ata o día 31 de decembro do ano seguinte.

3. Dentro do mes anterior á expiración do mandato, o Consello Reitor, designará o/a posterior presidente/a.

4. Cando se produza o suposto previsto no número 3 deste artigo, darase conta deles á Consellería de Sanidade para que proceda a ditar a oportuna orde pola que se fagan públicos os cambios experimentados na composición do Consello Reitor.

Artigo 13º.-Atribucións da presidencia.

1. O/a presidente/a do Consorcio terá as seguintes atribucións:

a) Exercer a representación institucional do Consorcio.

b) Velar polo cumprimento dos acordos adoptados polo Consello Reitor.

c) Acordar a convocatoria das sesións do Consello Reitor, fixando a orde do día e sinalando o lugar, a data e a hora de realización.

d) Presidir e dirixir as deliberacións do Consello Reitor.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos do Consello Reitor.

f) Elevar ao Consello Reitor o Programa de actuación, investimento e financiamento (P.A.I.F.) do Consorcio.

g) Propor ao Consello Reitor o orzamento anual do Consorcio.

h) Subscribir cantos documentos públicos e privados sexan precisos na execución dos acordos adoptados polo Consello Reitor.

i) Calquera outra que lle atribúan estes estatutos ou que lle outorgue o Consello Reitor.

2. En caso de ausencia ou enfermidade, o/a presidente/a será substituído nas súas funcións polo/a vicepresidente/a.

3. O/a presidente/a poderá delegar as súas atribucións no/na vicepresidente/a, con carácter temporal ou permanentemente algunha/s delas.

Artigo 14º.-Vicepresidencia do Consello Reitor.

1. O/a vicepresidente/a substitúe o/a presidente/a en todos os casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. A vicepresidencia do Consello Reitor será exercida por un representante da entidade consorciada que non desempeñe nese tempo a presidencia.

3. Para a duración, a designación, o cesamento e a substitución do posto de vicepresidente/a do Consello Reitor observarase o previsto, de modo equivalente, para o presidente do Consello Reitor.

Artigo 15º.-Secretario do Consello Reitor.

1. O Consello Reitor estará asistido por un/unha secretario/a, que non será membro do Consello Reitor, e que ás súas reunións asistirá con voz e sen voto, designado polo propio Consello Reitor, por maioría simple, por proposta do/da seu/súa presidente/a.

2. Corresponde ao/á secretario/a do Consello Reitor:

a) Asistir ás reunións con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde do/da presidente/a, así como as citacións aos membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co Consello Reitor e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificación ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos, redactar e asinar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

3. O/a secretario/a non percibirá retribución do Consorcio polo desempeño do seu cargo.

4. Poderá nomearse un/unha substituto/a do/da secretario/a para cubrir os supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

CAPÍTULO II

Funcionamento

Artigo 16º.-Réxime de sesións.

1. As sesións do Consello Reitor poderán ter carácter ordinario ou extraordinario, terán lugar na sede do Consorcio, agás que o/a presidente/a, de acordo co/coa vicepresidente/a, decida convocala noutro lugar.

2. O Consello Reitor reunirase en sesión ordinaria, ao menos, unha vez cada tres meses, e en sesión extraordinaria, cando sexa convocado polo/a presidente/a, por propia iniciativa ou cando o solicite o/a vicepresidente/a, ou como mínimo, a metade dos seus membros.

Artigo 17º.-Convocatoria.

1. As convocatorias das sesións ordinarias incluirán a orde do día e faranse de modo que sexan recibidas polos membros do Consello ao menos con sete días naturais de antipación á data da súa celebración.

2. Para as sesións extraordinarias faranse de forma que sexan recibidas polos membros do Consello ao menos con quince días naturais de antipación á data da celebración, agás no caso de urxencia, en que bastará unha antipación mínima de vinte e catro horas, logo de acordo do/da presidente/a e do/da vicepresidente/a.

Artigo 18º.-Quorum.

1. As reunións terán lugar en primeira convocatoria cando, estando presentes o/a presidente/a e o/a secretario/a, concorran polo menos a metade dos seus membros. De non alcanzarse o dito quórum, celebrarase unha segunda convocatoria, unha hora despois, cando concorran o/a presidente/a, o/a vicepresidente/a e polo menos un terzo dos vogais.

2. Os membros do Consello Reitor que non poidan asistir ás reunións poderán delegar a súa representación de modo expreso e a facultade do seu voto en calquera dos membros restantes.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, o voto por representante só poderá ser tido como válido se a reunión do Consello Reitor conta con quórum necesario para estar validamente constituída, conforme o establecido no número 2 deste artigo.

3. Ás reunións do Consello Reitor poderán asistir, para informar sobre algún asunto a considerar, as persoas que sexan expresamente invitadas polo/pola Presidente/a, logo de conformidade do/da vicepresidente/a.

Artigo 19º.-Adopción de acordos.

1. Os acordos adoptaranse por maioría simple.

2. Non obstante o disposto no apartado anterior, os acordos de disolución do Consorcio, de modificación dos estatutos, de incorporación de novos consorciados, así como daqueles outros que comporten achegas extraordinarias de fondos, ademais do voto unánime dos membros do Consello Reitor, requiren da posterior ratificación do acordo adoptado polas entidades que integran o Consorcio, así como a aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta de Galicia.

3. No caso de que haxa empate na adopción de acordos, o/a presidente/a disporá de voto de calidade.

CAPÍTULO III

Relacións do Consorcio coa Consellería de Sanidade

Artigo 20º.-O contrato-programa.

1. Seguindo as directrices da Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde establecerá, con carácter anual e de maneira vinculante, logo da negociación co Consorcio, un contrato-programa ou o instrumento que normativamente se determine, ao que acomodará a actividade do Consorcio e as condicións en que se deba desenvolver esta.

2. A través do contrato-programa anual determinarase, como contido mínimo, ao Consorcio:

a) Ámbito de actuación.

b) Carteira de servizos.

c) Políticas estratéxicas da Consellería de Sanidade e a súa aplicación.

d) As relacións do Consorcio co resto do Sistema Público de Saúde de Galicia.

e) Os obxectivos a conseguir.

f) O financiamento necesario e suficiente para a xestión do Centro Oncolóxico, que garanta a actividade asistencial prevista nel, conforme a súa capacidade, recursos e dispoñibilidades, tendo en conta a poboación de influencia e considerando como nivel de referencia o do Hospital máis eficiente do seu nivel do Sistema Público de Saúde de Galicia.

g) Os sistemas que o Consorcio ten que aplicar e desenvolver, con carácter anual ou plurianual, segundo se determine, respecto do control da actividade, da calidade e de carácter económico-financeiro.

h) A Consellería de Sanidade velará polo cumprimento dos obxectivos, fins e calidade asistencial oncolóxica prestada a través da Inspección de servizos sanitarios.

Artigo 21º.-Aplicación de políticas de saúde.

Pola súa integración no Sistema Público de Saúde de Galicia e en aplicación do contrato-programa, o Consorcio aplicará as políticas propias do citado sistema, e moi especialmente as de:

a) Plans estratéxicos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

b) Sistemas de información e comunicación (tarxeta sanitaria, historia clínica electrónica..).

c) Plans de acreditación de centros, profesionais e actividades formativas.

d) Desenvolvemento dos plans de continuidade asistencial.

e) Incorporación e aplicación das políticas en relación co cidadán e que teñen que ver coa salvagarda dos seus dereitos.

f) Políticas de comunicación e transparencia na información, moi especialmente ligadas ao coñecemento polo cidadán do sistema sanitario. Desenvolveranse plans de identidade corporativa que teñan relación co Sistema Público de Saúde de Galicia.

Artigo 22º.-Intervención da Consellería de Sanidade.

Cando en situacións excepcionais, en materia de saúde pública, o Consello Reitor deba tomar unha decisión sobre algunha materia que afecte o estado de saúde da poboación asignada, dentro das actividades obxecto do mesmo e non se alcance un acordo segundo o sistema previsto nestes estatutos, a Consellería de Sanidade, no exercicio das atribucións conferidas pola Lei de ordenación sanitaria de Galicia, ordenará ao Consorcio a execución das accións necesarias para prestar a debida asistencia sanitaria, salvagardando os principios da Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga e Piñeyro.

TÍTULO III

Réxime patrimonial, persoal e de contratación

CAPÍTULO I

Réxime patrimonial, financeiro, orzamentario, contable e de control financeiro

Artigo 23º.-Financiamento do Consorcio.

1. Seguindo as directrices da Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde subscribirá un contrato-programa en que determinará o seu financiamento de forma que garanta a actividade asistencial a desenvolver, tendo en conta a poboación asistida e a carteira de servizos que se defina, e considerando, ademais, como nivel de referencia o do hospital máis eficiente do Sistema Público de Saúde de Galicia.

2. A relación entre esta entidade e a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, así como o seu mecanismo de financiamento, axustarase ao previsto para as formas de xestión de servizos sanitarios con personalidade xurídica propia na Lei 7/ 2003, de ordenación sanitaria de Galicia, así como o establecido para as sociedades públicas da Xunta de Galicia na Lei de réxime financeiro e orzamentario e nas sucesivas leis de orzamentos xerais.

Artigo 24º.-Recursos económicos.

Para realizar os seus obxectivos, o Consorcio Oncolóxico de Galicia disporá dos seguintes recursos:

a) A dotación inicial.

b) Os derivados do contrato- programa co Servizo Galego de Saúde.

c) Os ingresos que poidan proceder da facturación dos seus servizos, de acordo coa normativa vixente.

d) Os ingresos procedentes das sociedades filiais ou empresas en que participe.

e) Os rendementos do seu patrimonio.

f) Subvencións, axudas, donativos ou legados e herdanzas aceptadas.

g) Os créditos e préstamos que lle sexan concedidos.

h)Calquera outro no marco legal aplicable.

Artigo 25º.-Patrimonio.

1. O patrimonio do Consorcio poderá estar constituído por bens e dereitos de calquera clase.

A súa adquisición, administración e disposición corresponde aos órganos do Consorcio de acordo con estes estatutos.

2. Poderanse adscribir ao consorcio bens e dereitos, sen que isto implique a transmisión do dominio. Os bens e dereitos adscritos figurarán no balance da entidade polo seu valor de cesión e separadamente daqueles que fosen adquiridos ou se adquiran no exercicio da actividade do Consorcio.

As melloras, reparacións, conservación e mantemento dos bens adscritos serán por conta do Consorcio.

3. O Consorcio non poderá allear nin dar de baixa ningún elemento, ben ou equipamento que figure en réxime de cesión sen obter, previamente, a autorización dos órganos competentes para isto.

4. O patrimonio do Consorcio quedará reflectido nun inventario que será elaborado, revisado e aprobado anualmente polo Consello Reitor.

5. As entidades que participan no Consorcio poderán poñer á disposición do propio Consorcio bens patrimoniais para o mellor cumprimento das actividades propias do Consorcio, de conformidade coa súa normativa específica e co disposto no Regulamento de réxime interior do Consorcio. Será de aplicación a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, así como o Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a súa execución.

Artigo 26º.-Programa de actuación, investimentos e financiamento.

1. O Consorcio elaborará anualmente un programa de actuación, investimentos e financiamento para o seguinte exercicio, sendo a súa finalidade a de mostrar a planificación xeral da súa actividade a un nivel de agregación axeitado que permita apreciar os obxectivos que vai acadar o Consorcio a medio prazo e no ano económico correspondente ao exercicio orzado.

2. O programa de actuación, investimentos e financiamento terá, polo menos, o seguinte contido:

a) Un estado en que se recollan os investimentos reais e financeiros que se prevexan dentro dun marco plurianual.

b) Un estado que, para o mesmo período, conteña as súas fontes de financiamento, con especificación das achegas de calquera clase que se prevexa recibir das entidades que participen no Consorcio.

c) Unha exposición dos obxectivos que se deben acadar nese período plurianual e das características básicas da súa actividade económica.

d) Unha memoria da avaliación económica dos investimentos programados durante o período.

Artigo 27º.-Orzamento de Explotación e de Capital.

O Consorcio elaborará anualmente un orzamento de explotación e de capital que detallará o contido da súa conta de explotación, e un orzamento de capital, en que se especificarán as orixes e a aplicación dos seus fondos.

CAPÍTULO II

Réxime de persoal e contratación

Artigo 28º.-Réxime do persoal ao servizo do Consorcio.

1. O persoal do Consorcio poderá estar integrado por:

a) Persoal propio do Consorcio, de carácter laboral.

b) Persoal que, de acordo coa normativa vixente, poidan adscribir as entidades consorciadas, calquera que sexa o seu réxime xurídico. A adscrición será funcional e terá carácter temporal, polo que non determinará incorporación permanente ao cadro de persoal do Consorcio nin extinguirá a vinculación xurídica de orixe dos profesionais que se manterá en todo caso.

2. Para cumprir as súas necesidades, o Consorcio poderá dispor de persoal contratado para a súa formación científica e técnica na modalidade de bolsas e de traballos en prácticas.

3. A selección, a contratación e a promoción do persoal propio ao servizo do Consorcio farase de acordo cos criterios do Consello Reitor e de conformidade cos requisitos establecidos na normativa estatal básica dos empregados públicos e da normativa autonómica de desenvolvemento.

4. Este Consorcio disporá dun cadro de persoal aprobado polo Consello Reitor, no cal se determinará o contido de cada posto de traballo e a súa forma de provisión, que poderá ser ou por persoal propio do Consorcio ou por funcionario público ou persoal estatutario das entidades consorciadas.

Artigo 29º.-Contratación.

O Consorcio axustará a súa actividade contractual ao disposto na normativa vixente de contratos para as administracións públicas, axustándose, en calquera caso, aos principios de igualdade, publicidade e transparencia.

TITULO IV

Réxime xurídico e de separación e disolución

CAPÍTULO I

Réxime xurídico

Artigo 30º.-Réxime xurídico.

1. O réxime xurídico do Consorcio será o determinado no artigo 6, coas especificacións que a seguir se detallan.

2. Os actos ditados polo Consello Reitor do Consorcio no exercicio das súas funcións públicas terán carácter de actos administrativos e esgotan a vía administrativa. Do resto dos acordos ditados e das pretensións que en relación con eles se formulen, coñecerá a orde xurisdicional que en cada caso corresponda.

3. O Consorcio estará sometido ás normas procesuais comúns sobre competencia e xurisdición, sen prexuízo das especialidades que procedan en virtude da súa natureza de entidade de dereito público.

4. O Consorcio está lexitimado para o exercicio de toda clase de accións en defensa dos seus dereitos ante xulgados e tribunais, sen máis limitacións que as establecidas na lexislación procesual.

CAPÍTULO II

Mecanismos de control do Consorcio

Artigo 31º.-Control de eficacia.

1. O Servizo Galego de Saúde realizará a avaliación e control do cumprimento do contrato-programa.

2. O control de eficacia do programa de actuación, investimento e financiamento do consorcio será feito pola Consellería de Sanidade conxuntamente coa Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 32º.-Réxime contable e control financeiro.

1. Na xestión e rexistro de actividades económicas e patrimoniais será aplicable o Plan xeral de contabilidade aplicable ás entidades non lucrativas.

2. Verbo do control financeiro permanente do Consorcio, haberá que aterse ao disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o disposto para tal efecto polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 33º.-Inspección.

O Consorcio estará suxeito ao control da Inspección de Servizos Sanitarios da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO III

Réxime de separación e disolución

Artigo 34º.-Disolución do consorcio.

1. Corresponde ao Consello Reitor a adopción do acordo de disolución do Consorcio co voto unánime dos seus membros, sendo necesaria a posterior ratificación do dito acordo polas entidades consorciadas e a aprobación definitiva do dito acordo polo Consello da Xunta de Galicia.

2. Serán tamén causas de disolución do consorcio as seguintes:

a) A actuación dunha das partes que impida, obstaculice ou sexa manifestamente contraria á consecución do obxecto do Consorcio previsto nestes estatutos.

b) O incumprimento grave e reiterado das obrigas asumidas por calquera das entidades consorciadas.

c) A imposibilidade legal ou material de cumprir o Consorcio o seu obxecto.

d) As demais previstas na lei.

3. En ningún caso o proceso de disolución e liquidación poderá supoñer a paralización, suspensión ou non prestación dos servizos asistenciais, sanitarios ou docentes do Consorcio. A Consellería de Sanidade poderá adoptar as medidas que considere necesarias para garantir a continuidade dos servizos.

Artigo 35º.-Separación.

A separación do consorcio dalgún dos seus membros poderá facerse cun aviso previo dun ano, sempre que non se prexudiquen os intereses públicos xerais que representa o Consorcio, que a entidade que se separe estea ao día dos seus compromisos anteriores e que garanta a liquidación das obrigas aprobadas ata o momento da separación.

Artigo 36º.-Liquidación dos bens do Consorcio.

1. O acordo de disolución do consorcio determinará cómo debe procederse á liquidación dos seus bens. A aprobación definitiva deste acordo corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia.

2. Acordada a disolución, o Consello Reitor, ademais das funcións que lle son propias e ten encomendadas por estes estatutos, asumirá as funcións liquidadoras e, entre elas, a de valorar os bens integrantes do seu patrimonio neto, a cuxa finalidade designará un perito por proposta de cada entidade consorciada, de recoñecida solvencia profesional, non vinculados, nin anteriormente nin no momento da designación, co Consorcio.

3. O Consello Reitor, comprobada a inexistencia de débedas e á vista da valoración pericial realizada, acordará a adxudicación dos bens existentes ao do seu valor, obtido pola venda en poxa pública, ás entidades consorciadas, por partes iguais, e de resultar necesario faranse as adxudicacións en metálico en casos de excesos de adxudicación en especie.