DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 10 de xullo de 2008 Páx. 13.479

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 140/2008, do 12 de xuño, sobre prestación da atención sanitaria especializada hospitalaria para a poboación adscrita ao Centro de Saúde de San Xoán de Río (Ourense).

De conformidade cos decretos 55/1989, do 6 de abril, de revisión do mapa sanitario de Galicia, e 50/1992, do 19 de febreiro, polo que se crea a Área de Saúde do Barco de Valdeorras, o concello de San Xoán de Río (Ourense) está comprendido na Área de Saúde do Barco de Valdeorras, dentro da Zona Sanitaria de Atención Integrada do Barco de Valdeorras, e da Zona de Saúde de Atención Primaria da Pobra de Trives.

Xeograficamente, o mencionado concello sitúase no extremo noroeste da Área de Saúde do Barco de Valdeorras, practicamente equidistante entre os concellos de Ourense e do Barco de Valdeorras.

Porén, as mellores comunicacións de transporte con Ourense fan aconsellable que a atención sanitaria especializada hospitalaria de San Xoán de Río sexa realizada a través das estruturas deste nivel asistencial dispoñibles naquela cidade, o que implicará que o centro hospitalario de referencia para a poboación atinxida por este decreto será o Complexo Hospitalario de Ourense.

En consecuencia, de acordo co exposto anteriormente, por proposta da conselleira de Sanidade e en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do doce de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-A atención sanitaria especializada hospitalaria da poboación adscrita ao Centro de Saúde de San Xoán de Río será prestada no Complexo Hospitalario de Ourense.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xuño de dous mil oito.

Presidente

Emilio Pérez Touriño

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade