DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 09 de xullo de 2008 Páx. 13.383

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 138/2008, do 22 de maio, polo que se regula a sinalización turística de Galicia.

De conformidade co disposto nos artigos 148.1.18º da Constitución española e 27.21º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe competencias exclusivas en materia de promoción e ordenación do turismo.

Como consecuencia do anterior, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia, modificada pola Lei 10/2004, do 2 de novembro, que faculta a Administración turística galega para adoptar cantas medidas sexan necesarias en canto á ordenación, a promoción e o fomento do turismo no seu ámbito territorial, coordinando as actuacións que nesta materia leven a cabo as administracións locais e planificando e programando as infraestruturas turísticas da comunidade autónoma, entre as que merece unha consideración especial a sinalización turística, sen prexuízo, en todo caso, da participación correspondente das entidades locais e das competencias do Estado.

A adecuada ordenación de calquera destino turístico require un sistema homoxéneo de sinalización, que lle facilite á cidadanía o coñecemento e o acceso aos recursos turísticos, definidos pola Lei 9/1997, do 21 de agosto, como calquera clase de bens, materiais, naturais ou non, susceptibles de provocar de xeito directo ou indirecto movementos ou actividades turísticas.

De aí a importancia que adquire a harmonización dos sinais turísticos de calquera territorio e, particularmente, no caso da Comunidade Autónoma de Galicia, onde a dispersión dos núcleos de poboación, a variedade da oferta turística e a ausencia de planificación e coordinación respecto da sinalización turística exixen unha actuación inmediata nesta materia.

Por iso, búscase dotar a Comunidade Autónoma de Galicia dunha sinalización turística propia, co fin de facilitar o coñecemento dos recursos turísticos galegos, mellorando a súa imaxe de destino turístico e a calidade da súa oferta turística.

Na procura dos anteriores obxectivos, as entidades locais están chamadas a xogar un papel fundamental, dependendo en gran medida a súa consecución do compromiso daquelas na implantación da sinalización turística regulada nesta norma. Así, as súas relacións coa Administración turística galega estarán presididas polos principios de información mutua, colaboración, cooperación, auxilio, coordinación e respecto ás súas competencias respectivas, nos termos dispostos no artigo 9 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia, e no artigo 187 da Lei 5/1997, da Administración local de Galicia.

Co fin de implantar un modelo de sinalización propio e identificativo do turismo galego, a Xunta de Galicia establecerá un réxime de axudas e subvencións, dando así cumprimento ao compromiso financeiro asumido coas entidades locais, e promoverá a máxima difusión do Catálogo de sinais turísticos de Galicia que se recolle no anexo único, especialmente mediante a publicación dun manual de sinalización turística.

Este decreto prevé no seu título I as disposicións de carácter xeral relativas ao seu obxecto, aos propósitos e obxectivos que se pretenden acadar, ao ámbito competencial e á obrigatoriedade e ao deber de aplicación do decreto na sinalización dos recursos turísticos do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, prevé un réxime de incorporación de novos elementos ou sinais turísticos así como de adaptación dos xa existentes.

O título II dedica o seu capítulo I a regular a instalación dos sinais turísticos, establecendo un procedemento que atende á existencia dunha pluralidade de entes públicos con atribucións nesta materia e que, polo tanto, busca garantir os ámbitos competenciais de cada un deles, de acordo cos principios de participación e coordinación.

Pola súa parte, os capítulos II e III recollen as normas xerais de conservación, mantemento, substitución e retirada dos sinais turísticos, coa finalidade de que estes cumpran coa súa función de dar a coñecer os recursos turísticos galegos.

A seguir, o título III regula o formato dos sinais turísticos, remitindo ao disposto na lexislación en vigor sobre esta materia e ás prescricións técnicas contidas no anexo do decreto, de obrigado cumprimento.

Do mesmo xeito, fai referencia á imaxe visual corporativa Turismo en Galicia, coa cal se pretende ofrecer ás persoas interesadas unha idea de Galicia como destino turístico único, mediante unha visión moderna, dinámica e harmónica da comunidade autónoma, conxugándoa ao mesmo tempo coa perspectiva tradicional e a singularidade do país galego.

Por último, o título IV incorpora os medios con que conta a sinalización turística de Galicia para lles facilitar ás distintas administracións a súa implantación no territorio. Desta forma, o capítulo I recolle os elementos identificadores que compoñen a identidade gráfica corporativa, cuxas condicións técnicas son desenvolvidas no anexo deste decreto, e o capítulo II establece unha clasificación para os sinais turísticos para o efecto de ofrecer unha estratexia de implantación da sinalización regulada neste decreto en función do lugar onde deban ser instalados.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de maio de dous mil oito,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

1. É obxecto deste decreto a regulación da sinalización turística de Galicia co fin de unificar a imaxe corporativa do turismo galego en destino e mellorar as condicións de accesibilidade e coñecemento dos seus recursos, mediante un sistema de información homoxéneo e coherente.

2. Apróbase o Catálogo de sinais turísticos de Galicia, que se insire neste decreto como anexo único.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación á sinalización dos recursos turísticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Obrigatoriedade e deber de aplicación.

1. Os departamentos da Administración autonómica de Galicia, os seus organismos autónomos e entes de dereito público dela dependentes, e as entidades públicas e privadas vinculadas co sector do turismo deberán utilizar os sinais recollidos no catálogo cando executen calquera actuación en materia de sinalización turística no territorio galego.

2. Co obxectivo dunha aplicación xeneralizada do Catálogo de sinais turísticos de Galicia, todas as administracións públicas con competencias no ámbito territorial galego procurarán a uniformidade da sinalización turística de Galicia e, nas súas relacións, serviranse dos correspondentes mecanismos de colaboración, cooperación, auxilio, coordinación, respecto ás propias competencias e delegación nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 4º.-Incorporación e adaptación dos elementos ou sinais turísticos.

1. Para identificar os recursos turísticos a que se refire este decreto só se poderán utilizar os elementos ou sinais previstos no seu articulado e no catálogo que figura no anexo.

En todo caso, a Administración turística de Galicia poderá incorporar ao catálogo recollido no anexo novos elementos ou sinais turísticos, mediante a modificación deste decreto.

2. A Administración turística de Galicia establecerá axudas e outorgará subvencións para facilitar a adaptación dos sinais turísticos a esta normativa.

TÍTULO II

Réxime de instalación, conservación, substitución e retirada dos sinais turísticos

Capítulo I

Instalación dos sinais turísticos

Artigo 5º.-Procedemento de instalación.

1. Calquera actuación en materia de sinalización turística en ámbitos competenciais de titularidade autonómica precisará do informe previo vinculante da Administración turística de Galicia en canto á súa adecuación ás prescricións técnicas deste decreto, sen prexuízo das autorizacións que deban emitir os órganos que sexan competentes segundo o lugar da súa localización.

O informe previo vinculante será emitido pola Dirección Xeral de Turismo ou órgano equivalente que exerza as súas funcións no prazo máximo de dous meses contados desde a recepción da súa solicitude.

2. A Administración turística de Galicia poderá chegar a acordos con entidades privadas ou particulares para os efectos da instalación dos sinais turísticos en bens de natureza privada.

Artigo 6º.-Participación dos entes locais.

1. Correspóndelles ás entidades locais, de oficio ou por instancia de parte, instalar os sinais turísticos nos ámbitos da súa titularidade, logo de informe vinculante da Administración turística de Galicia en canto á súa adecuación ás prescricións técnicas deste decreto.

2. En calquera caso, a Administración turística galega poderá chegar a acordos e convenios de colaboración cos entes locais respecto do exercicio das ditas competencias, de conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia.

3. De conformidade co compromiso financeiro asumido polo Goberno da Xunta de Galicia cos entes locais, a Administración turística galega establecerá un réxime de axudas e subvencións coa finalidade de garantir a implantación da sinalización turística de forma homoxénea no conxunto das entidades locais.

Artigo 7º.-Coordinación coa Administración xeral do Estado.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia coordinará as súas competencias coa Administración xeral do Estado, para os efectos de establecer un sistema de sinalización turística homoxéneo nos aeroportos, portos marítimos de interese xeral, estacións de ferrocarril, vías de titularidade estatal, bens do patrimonio histórico-artístico, espazos naturais e calquera outro elemento de titularidade estatal que poida resultar afectado por este decreto.

Capítulo II

Sobre a conservación e o mantemento dos sinais turísticos

Artigo 8º.-Conservación e mantemento.

1. A Administración turística de Galicia poderá instar as entidades competentes para que realicen cantas accións fosen necesarias para conservar os sinais turísticos en bo estado.

2. Así mesmo, a Administración turística galega poderá establecer axudas e outorgar subvencións para facilitar que as entidades competentes manteñan os sinais turísticos en óptimas condicións.

Capítulo III

Sobre a substitución e retirada dos sinais turísticos

Artigo 9º.-Substitución e retirada.

1. A Administración que procedeu á súa instalación ordenará a retirada ou substitución dos sinais turísticos cando non sexan adecuados ao seu obxecto, estean en situación de deterioración ou contraveñan o establecido no Catálogo de sinais turísticos de Galicia.

A anterior competencia poderá ser obxecto de cesión ou delegación en favor da Dirección Xeral de Turismo mediante acordo expreso entre as administracións competentes.

2. Prohíbese modificar, trasladar, retirar ou ocultar os sinais ou o seu contido, especialmente cando tales actuacións poidan inducir a confusión, reducir a súa visibilidade ou eficacia.

TÍTULO III

Formato dos sinais turísticos

Artigo 10º.-Configuración.

1. O Catálogo de sinais turísticos de Galicia debe axustarse ao establecido nas disposicións e recomendacións en materia de sinalización, tal e como se recollen no anexo deste decreto, así como á lexislación en vigor.

2. As dimensións, forma, cores, nomenclatura, deseño e calquera outra condición técnica dos sinais turísticos recollidos neste decreto deberán cumprir coas prescricións que se especifican no catálogo que figura no anexo único.

3. Os sinais turísticos instalaranse en lugares visibles e de fácil acceso conforme a súa utilidade.

Artigo 11º.-Imaxe corporativa.

1. De acordo co Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, a imaxe corporativa da Xunta de Galicia figurará nos sinais turísticos nas condicións establecidas no Manual básico de identidade corporativa.

2. O símbolo en forma de espiral da imaxe visual corporativa Turismo de Galicia figurará nos sinais cando así sexa establecido no catálogo que figura no anexo.

TÍTULO IV

Tipoloxía dos sinais turísticos

Artigo 12º.-Medios de sinalización turística.

A sinalización turística de Galicia realizarase a través de dous medios:

1º. Os elementos identificadores.

2º. Os sinais turísticos.

Capítulo I

Elementos identificadores

Artigo 13º.-Clases de elementos identificadores.

1. Os elementos identificadores compoñen a identidade gráfica corporativa, que inclúe:

1º. A imaxe visual corporativa.

2º. Os elementos gráficos corporativos.

2. A imaxe visual corporativa identifica visualmente o turismo galego, facilitando o seu recoñecemento pola cidadanía.

3. Os elementos gráficos corporativos son:

1º. O elemento informador.

2º. A frecha.

3º. A cor.

4º. A tipografía.

5º. O pictograma.

Artigo 14º.-O elemento informador.

O elemento informador cumpre unha función de orientación turística, facilitando o coñecemento dos recursos turísticos galegos polas persoas destinatarias.

Artigo 15º.-A frecha.

A frecha indica tanto a dirección como o sentido que se debe seguir para a localización dun recurso turístico determinado.

Artigo 16º.-A cor e a tipografía.

1. A cor identifica os recursos turísticos do ámbito territorial galego. Todos os sinais turísticos galegos deberán empregar esta cor, coas excepcións previstas no catálogo do anexo.

2. A tipografía deberá axustarse ao disposto no catálogo de sinais turísticos.

Artigo 17º.-O pictograma.

1. O pictograma é un signo gráfico que representa un determinado recurso turístico.

En particular, os pictogramas permiten identificar, entre outros, os seguintes recursos turísticos:

1º. No eido da arquitectura civil: as pontes, os conxuntos históricos, os pazos, as ruínas, os castelos, os faros e os mosteiros.

2º. No eido da arquitectura relixiosa: as igrexas, as ermidas e as catedrais.

3º. No eido da arquitectura popular: os cruceiros, os hórreos, as pallozas e os dolmens.

4º. No eido do patrimonio arqueolóxico: o patrimonio medieval, os petróglifos, os castros e o patrimonio romano.

5º. Respecto doutros recursos turísticos: as praias, os espazos naturais protexidos, as áreas naturais, os museos, as fontes, os balnearios, as vistas panorámicas/miradoiros, as rutas do viño, as festas e tradicións, a artesanía, os barcos e información.

2. O uso de pictogramas normalizados ou universalmente coñecidos axustarase ao disposto na lexislación vixente e non precisará do informe previo establecido nos artigos 5 e 6 deste decreto.

Capítulo II

Sinais turísticos

Artigo 18º.-Clases de sinais turísticos.

Os sinais turísticos poden ser de dúas clases:

1º. A sinalización dinámica nas estradas e no núcleo urbano.

2º. A sinalización estática.

Artigo 19º.-Sinalización dinámica nas estradas.

A sinalización dinámica nas estradas será realizada a través dos seguintes instrumentos:

1. Os sinais de benvida, que inclúen:

1º. Os sinais de benvida á comunidade autónoma, que identifican a chegada a Galicia e que poden ser de dous tipos:

a) Tipo I: identifica a chegada á Comunidade Autónoma de Galicia por estrada.

Tamén se poderá empregar naqueles espazos urbanos que sexan o suficientemente amplos para poder levar a cabo a súa implantación.

b) Tipo II: identifica a chegada á Comunidade Autónoma de Galicia por aeroportos, portos marítimos, estacións de ferrocarril e autobuses.

2º. Os sinais de benvida ao concello, que identifican a entrada no municipio de que se trate por estrada e que presentan dúas versións:

a) Versión principal: conterá simplemente a identificación do concello.

b) Versión alternativa: conterá, ademais do disposto para a versión principal, información sobre os recursos turísticos do concello; o seu uso é opcional respecto da versión principal.

2. Os sinais direccionais, que inclúen:

1º. Os carteis frecha, que indican a dirección que hai que tomar para chegar ata un determinado destino turístico nas autoestradas, nas autovías ou nas estradas convencionais.

2º. Os sinais direccionais de presinalización, que indican a desviación que se debe tomar para chegar a un determinado destino turístico e que poden ser de dous tipos:

a) Tipo I: para a sinalización nas autoestradas, nas autovías ou nas estradas convencionais.

b) Tipo II: para a sinalización nas autoestradas ou nas autovías.

3. O localizador de recurso, que avisa da aproximación ao recurso turístico de que se trate.

Artigo 20º.-Sinalización dinámica no núcleo urbano.

1. A sinalización dinámica no núcleo urbano dirixe as persoas destinatarias a un recurso turístico en concreto no interior dun núcleo urbano.

2. Esta clase de sinalización está composta polos sinais direccionais para o tráfico rodado e peonil descritos no anexo.

Artigo 21º.-Sinalización estática.

1. A sinalización estática permite orientar os peóns a un determinado destino turístico, así como darlles a coñecer e ofrecerlles unha explicación dos principais recursos da zona que se vai sinalizar.

2. Esta clase de sinalización inclúe os seguintes medios:

1º. Os directorios planímetros, que cumpren unha función informadora e que poden ser de dous tipos:

a) Culturais: indican os recursos e servizos turísticos e ofrecen unha información xeral da zona que se vai sinalizar.

b) Paisaxísticos: informan das características dun recurso visual recollendo, de ser o caso, os seus servizos e as prohibicións e recomendacións de uso público.

2º. Os sinais identificativos ou interpretativos dun elemento cultural, que facilitan o coñecemento e a comprensión dun determinado recurso turístico.

3º. Os sinais de miradoiro e panorámico: estes sinais interpretan unha vista de interese paisaxística, analizando e integrando os compoñentes que a caracterizan, de modo que as persoas visitantes poidan realizar unha lectura comprensiva coa axuda de referencias sobre o recurso e os elementos de interese da paisaxe.

Disposición transitoria

Primeira.-Os elementos e sinais turísticos xa existentes e que non se axusten ao disposto neste decreto deberán adaptarse ás súas prescricións, sen prexuízo da subsistencia daqueles que teñan establecido un prazo de permanencia, que o farán, en todo caso, cando remate ese prazo.

Segunda.-A adaptación ao disposto neste decreto dos elementos e sinais turísticos xa existentes deberá realizarse no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor.

Terceira.-Manterán a súa vixencia os instrumentos normativos existentes na data de aprobación deste decreto sempre e cando conteñan disposicións máis restritivas en canto ás condicións técnicas dos elementos ou sinais turísticos situados nos conxuntos históricos. A modificación das anteriores normas deberá adaptarse ao establecido neste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da consellería competente en materia de turismo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto neste decreto.

En concreto, habilítase para aprobar por medio de orde o Manual de sinalización turística de Galicia.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO

Catálogo de sinais turísticos de Galicia

Este catálogo recolle as prescricións técnicas e de seguridade que deben cumprir os sinais turísticos de Galicia, de xeito que se garanta a súa correcta instalación e aplicación, para que sirvan á súa propia finalidade.

Conforme o anterior, o catálogo de sinais foi elaborado seguindo as disposicións normativas que regulan esta materia e, en concreto, as correspondentes normas AENOR, a normativa estatal de sinais verticais de circulación (a Instrución de estradas, Norma 8.1-1C e o Catálogo de sinais verticais de circulación do Ministerio de Fomento), o Regulamento xeral de estradas aprobado polo R.D. 1812/1994, do 2 de setembro, as recomendacións establecidas no Plan SISTHO (sistema de sinalización turística homologada) dos ministerios de Fomento e Economía e Facenda, as recomendacións para a sinalización informativa urbana realizadas pola Asociación de Enxeñeiros Municipais e Provinciais de España (AEMPE), actualizadas no ano 1995, a Orde circular 325/97 T, e a normativa autonómica referente a espazos naturais protexidos.

Sección primeira

Elementos identificadores

1. A imaxe visual corporativa.

1º. Símbolo-logotipo: o símbolo será en espiral de cor azul clara, con catro trazos de diferentes cores (verde, ocre, granate e azul escuro) e o logotipo turismo en Galicia en azul claro, sobre fondo branco.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

No caso de empregarse sobre fondos que non garantan o contraste, utilizarase a versión en positivo ou en negativo.

Cando o símbolo se coloque sobre fondo branco, irá coas súas cores corporativas. Se, pola contra, se coloca sobre fondo de cor, enmarcarase dentro dun cadro branco.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As medidas mínimas que se recollen na imaxe débense respectar ao situar o símbolo-logotipo xunto con outros elementos gráficos.

6º. Tipografía e sistema cromático.

A tipografía do símbolo logotipo é a determinada no punto 2. 4º do anexo.

A gama cromática corporativa do símbolo-logotipo está composta por cinco cores: azul escuro, granate, ocre, verde e azul claro.

As equivalencias nos diferentes sistemas cromáticos son as seguintes:

-Código Pantone: Pantone 289C, Pantone 208C, Pantone 160C, Pantone 391C e Pantone Process Cyan C.

-Código CMYK: 100C 80M 0A 66N, 0C 100M 30A 49N, 0C 70M 90A 40N, 11C 0M 97A 45N e 100C 0M 0A0N.

-Sistema tintométrico: BL 0595, R 0940, BE BR 0385, GRE 0225 e BL 0880.

-Código vinilo: Avery 932 Índigo Blue, Avery 923 Burgundy, Avery 974 Leather brown, Avery Tuga-Pantone 391 C e Avery 942 Light blue.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

2. Os elementos gráficos corporativos.

1º. O elemento informador.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

2º. A frecha.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

A configuración dimensional recollida nesta imaxe permite que a frecha poida ser utilizada en calquera tamaño e garde sempre as proporcións corporativas.

3º. A cor de sinalización.

A gama cromática corporativa da sinalización é a do verde.

As equivalencias nos diferentes sistemas cromáticos son as seguintes:

-Código Pantone: Pantone 391C.

-Código CMYK: 11C 0M 97A 45N.

-Sistema tintométrico: GRE 0225.

-Código vinilo: Avery Tuga.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

4º. A tipografía.

5º. Os pictogramas.

a) Equivalencias verbais e pictogramas específicos.

-Arquitectura civil: ponte, conxunto histórico, pazo, ruínas, castelo, faro e mosteiro.

-Outros recursos turísticos: praias, espazo natural protexido, área natural, museo, balneario, fonte, vista panorámica ou miradoiro, ruta do viño, festas e tradicións, artesanía, barco e información.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

Estes elementos utilizarán a cor verde corporativa.

A elección de pictogramas asociados realizarase con criterios de homoxeneidade, respectando ao máximo os criterios gráficos establecidos.

b) Pictogramas en construción.

A definición da construción dos elementos gráficos, seguindo as normas AENOR, permite que as súas características perceptuais sexan uniformes.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

De non existir un pictograma específico do recurso que se quere sinalizar, aplicarase o pictograma do recurso xenérico nas súas cores.

Sección segunda

Sinais turísticos

1. A sinalización dinámica.

1º. Sinalización dinámica nas estradas.

A) Os sinais de benvida.

-Sinais de benvida á comunidade autónoma.

Todos os sinais de benvida levarán o símbolo corporativo coas súas cores correspondentes, xunto coas palabras GALICIA e benvidos.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As dimensións son variables, dependendo da situación seleccionada e respectando as medidas mínimas indicadas.

Os materiais recomendados son:

a) Estrutura soporte: aceiro inoxidable.

b) Soporte gráfico: dous caixóns enfrontados realizados en alucobond de 3 mm con símbolo fresado e soporte en policarbonato de 3 mm

Opcionalmente poderán levar iluminación interior.

A decoración consistirá en vinilos autoadhesivos cortados por plotter.

Segundo a súa situación dentro do territorio, é posible incluír outros idiomas, ata un máximo de oito.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As dimensións son variables, dependendo da situación seleccionada e respectando as medidas mínimas indicadas.

Os materiais recomendados son:

a) Estrutura interior: aluminio.

b) Soporte gráfico: caixón realizado en alucobond de 3 mm, con símbolo fresado e soporte en policarbonato de 3 mm.

Este sinal levará iluminación interior e a decoración consistirá en vinilos autoadhesivos cortados por plotter.

Utilizarase material reflexivo nivel I.

Segundo a súa situación dentro do territorio, é posible incluír outros idiomas, ata un máximo de oito.

- Sinais de benvida ao concello.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

Está composta por un elemento identificativo que conterá o nomenclátor, o logotipo de recurso turístico de interese e o escudo do concello.

O código cromático será o corporativo da sinalización turística, sendo opcional a utilización da cor do concello.

As dimensións son: elemento identificativo de 300×300 mm.

Altura variable entre 4.000 e 5.000 mm.

Os materiais recomendados son:

a) Estrutura interior: aceiro galvanizado.

b) Revestimento: aluminio/alucobond.

A decoración consistirá en vinilos autoadhesivos cortados por plotter.

Utilizarase material reflexivo nivel I.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

Está composta por un elemento identificativo, que conterá o nomenclátor e o logotipo de recurso turístico de interese, e polo escudo do concello. Tamén levará un elemento descritivo, que conterá información sobre os seus recursos turísticos, e permitirase a incorporación dunha planimetría do concello.

As dimensións son:

a) Elemento identificativo de 300x300 mm.

Altura variable entre 4.000 e 5.000 mm.

b) Elemento descritivo de 1.100x80 mm.

Altura variable entre 4.000 e 5.000 mm.

Os materiais recomendados son:

a) Estrutura interior: aceiro galvanizado.

b) Revestimento: aluminio/alucobond.

A decoración consistirá en técnicas mixtas de impresión dixital con tintas solventes sobre vinilos e vinilos autoadhesivos cortados por plotter.

Utilizarase material reflexivo nivel I.

B) Os sinais direccionais.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As dimensións son variables segundo a súa situación e contido; deduciranse do tamaño dos caracteres empregados.

Os materiais recomendados son:

a) Soportes: dous postes de aceiro galvanizado.

b) Frecha: aceiro galvanizado.

A decoración consistirá en vinilos autoadhesivos cortados por plotter. O fondo levará a cor corporativa.

Utilizarase material reflexivo, segundo o disposto na Orde circular 325/97T:

a) Zonas periurbanas e autoestradas e autovías: nivel III.

b) Estrada convencional: nivel II.

Instalarase en todas as interseccións en que sexa necesario cambiar de dirección ou naquelas en que poida existir dúbida respecto da dirección que hai que seguir.

-Sinais direccionais de presinalización.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As dimensións son variables segundo a súa situación e contido; deduciranse do tamaño dos caracteres empregados e axustaranse a un número múltiplo das láminas que os formen.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

Os materiais recomendados son:

a) Soportes: 2.I.P.N. de aceiro galvanizado.

b) Panel: láminas de aluminio extrusionado de 175 mm de altura, inseridas unhas noutras formando un bloque único.

A decoración consistirá en vinilos autoadhesivos reflexivos cortados por plotter, lacando o fondo en cor corporativa.

Utilizarase material reflexivo nivel II.

En estradas convencionais instalaranse do tipo I, mentres que en autoestrada ou autovía serán do tipo II.

En autoestrada ou autovía colocaranse aproximadamente 1.000 m antes dos carteis de aviso previo existentes. Recoméndase unha distancia mínima de 500 m respectando calquera cartel existente.

Nas estradas convencionais colocaranse aproximadamente 500 m antes da saída que se vai sinalizar. Recoméndase unha distancia mínima de 250 m respecto de calquera outro cartel.

Onde non exista barreira de seguridade instalaranse sistemas de contención de vehículos protexendo os soportes dos carteis.

C) O localizador de recurso.

As dimensións son variables segundo a súa situación e contido; deduciranse do tamaño dos caracteres empregados.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

Os materiais recomendados son:

a) Soportes: 2.I.P.N. de aceiro galvanizado.

b) Panel: láminas de aluminio extrusionado de 175 mm de altura, inseridas unhas noutras formando un bloque único.

A decoración consistirá en vinilos autoadhesivos reflexivos cortados por plotter, lacando o fondo en cor corporativa.

Utilizarase material reflexivo nivel II.

Colocaranse aproximadamente 250 m antes do acceso ao recurso e recoméndase instalalo a máis de 250 m de calquera outro cartel.

Onde non exista barreira de seguridade instalaranse sistemas de contención de vehículos protexendo os soportes dos carteis.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

Estes sinais colocaranse conforme o determinado nas anteriores recomendacións.

A cor dos soportes virá definida pola Administración competente ou a dirección facultativa encargada do proxecto de sinalización.

As dimensións das bandexas direccionais son: 1.600x300 mm/1.300x300 mm.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

Os materiais recomendados son:

Bandexa de aluminio formada por perfil perimetral de 53 mm, con cara dianteira e traseira en chapa de aluminio.

Poste de aluminio estriado de diámetro variable en función do número de paneis que deba soportar, incorporando raíl telescópico para a instalación de bandexas.

A cor dos soportes virá definida pola Administración competente ou a dirección facultativa encargada do proxecto de sinalización.

A decoración consistirá en vinilos autoadhesivos reflexivos cortados por plotter.

Utilizarase material reflexivo. Nivel I.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

Os pictogramas empregados serán os especificamente marcados e sempre en negativo.

As dimensións son 1.000x150 mm (indicador).

Os materiais recomendados son:

a) Soporte: formado por T de 60x60x6 mm, en aceiro inoxidable/aluminio anodizado/aluminio lacado de Ral 9006.

b) Panel: sándwich de vidro de seguridade 6+6 mm.

Opcionalmente poderá utilizarse aceiro inoxidable ou aluminio anodizado en espazos non urbanos.

A decoración consistirá en técnicas mixtas de impresión dixital con tintas solventes sobre vinilos e vinilos autoadhesivos cortados por plotter.

A súa situación deberá ser elixida de tal xeito que se cause o menor impacto visual no contorno.

2. A sinalización estática.

1º. Os directorios planímetros.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As dimensións son de 1.400x1.400 mm.

Os materiais recomendados son:

a) Soporte: formado por unha T de 60x60x6 mm, en aceiro inoxidable/aluminio anodizado ou aluminio lacado de Ral 9006 (en relación coas normas municipais vixentes).

b) Placas base e superior de enmarcado de vidro, platina 60x6 mm; placa base no chan, platina 60x10 mm.

c) Panel: sándwich de vidro de seguridade 10+10 mm.

Opcionalmente poderá utilizarse aceiro inoxidable ou aluminio anodizado en espazos non urbanos.

A decoración irá colocada dentro do equipo, e consistirá en técnicas mixtas de impresión dixital con tintas solventes sobre vinilos e vinilos autoadhesivos reflexivos cortados por plotter.

Estes sinais situaranse en zonas de máxima afluencia de visitantes e poderán levar información a dobre cara.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As dimensións son de altura variable entre 1.500 e 2.000 mm.

Os materiais recomendados son:

a) Estrutura interior: tubulares de aceiro ou aluminio para a fixación dos paneis.

b) Panel: placa de resina termoendurecible e fibra de madeira de especial comportamento para exteriores, tipo Trespa Meteon 8 mm.

Opcionalmente a cor poderá ser faia ou gris azulada, e o panel de aceiro corten.

A decoración consistirá en técnicas mixtas de fresado, tinxido e calado do soporte gráfico.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As dimensións son de 400x650 mm.

Os materiais recomendados son:

a) Estrutura soporte: catro agarradoiras de fixación en aceiro inoxidable.

b) Soporte gráfico: vidro de seguridade. Sándwich de 6+6 mm.

Opcionalmente poderá levar aceiro inoxidable ou aluminio anodizado en espazos non urbanos.

A decoración irá colocada dentro do equipo, e consistirá en técnicas mixtas de impresión dixital con tintas solventes sobre vinilos e vinilos autoadhesivos cortados por plotter.

Todos os grafismos e textos se presentarán en 70% negro.

Ver referencia pdf "13200D001P007.PDF"

As dimensións do panel son de 400x650 mm, cunha altura de 1.800 mm.

Os materiais recomendados son:

a) Soporte: formado por unha T de 60x60x6 mm, en aceiro inoxidable, aluminio anodizado ou aluminio lacado de Ral 9006 (en relación coas normas municipais vixentes); placa base no chan e platina de 60x10 mm.

b) Panel: vidro de seguridade. Sándwich de 6+6 mm.

Opcionalmente poderá usarse aceiro inoxidable ou aluminio anodizado en espazos non urbanos.

A decoración consistirá en técnicas mixtas de impresión dixital con tintas solventes sobre vinilos e vinilos autoadhesivos cortados por plotter.

Todos os grafismos e textos se presentarán en 70% negro.

Ver referencia pdf "13200D002P033.PDF"

As dimensións son 1.800x600 mm.

Os materiais recomendados son:

a) Soporte: formado por unha T de 60x60x6 mm, en aceiro inoxidable ou aluminio lacados en oxiron negro tipo forxa; placa base no chan, platina de 60x10 mm.

b) Panel: placa de resina termoendurecible e fibra de madeira de especial comportamento para exteriores, tipo Trespa Meteon, 8 mm.

Opcionalmente a cor poderá ser faia ou gris azulada, e o material o aceiro corten.

A decoración consistirá en técnicas mixtas de impresión dixital con tintas solventes sobre vinilos e vinilos autoadhesivos cortados por plotter, e levará lámina protectora antigrafiti.

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL