DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 08 de xullo de 2008 Páx. 13.304

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 2 de xullo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de bolsas para o acceso en alugueiro a vivenda para estudantes de ciclos formativos da formación profesional inicial do curso 2008-2009.

A Consellería de Vivenda e Solo, no ámbito das súas competencias, está a desenvolver políticas que lle facilitan á poboación galega o exercicio do dereito a desfrutar dunha vivenda digna e axeitada e, moi en especial, a aquela capa de poboación con baixos niveis de renda.

Estas políticas véñense implementando a través de programas e liñas de axudas e subvencións recollidas en diversos textos normativos. Incardinados nesta política de fomento atopamos, como o é esta orde, programas tendentes a incentivar o aluguer dirixido á xente moza co fin de posibilitarlles levar unha vida autónoma.

Por outra banda, o Goberno galego ten como obxectivo estratéxico e transversal mellorar o nivel de formación e cualificación da mocidade para facilitar a súa incorporación e incrementar a súa competitividade no eido profesional.

Dentro da formación profesional existe unha amplia oferta de ciclos formativos e os centros están espallados por diversas poboacións do territorio galego. Esta circunstancia unida ás características propias de dispersión do hábitat galego fan que o estudantado destes ciclos se teña que desprazar necesariamente, e en ocasións a importantes distancias, para recibir esta formación.

Por todo o exposto, co fin de que os estudantes de ciclos de formación profesional poidan desenvolver con normalidade e calidade os seus estudos sen que o lugar de residencia supoña unha discriminación, tendendo así á busca do equilibrio territorial na igualdade de oportunidades, e de conformidade coa Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión de bolsas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a paliar os gastos derivados do alugueiro de vivenda por parte de estudantes de ciclos formativos da formación profesional inicial como consecuencia da dispersión xeográfica da oferta formativa.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

Poderán solicitar as devanditas bolsas os estudantes que durante o curso académico 2008-2009 cursen ciclos formativos de grao medio ou superior de formación profesional inicial en centros públicos e que teñan que desprazarse desde o seu domicilio familiar ao centro de ensino máis de 50 quilómetros.

Artigo 3º.-Requisitos.

Para poder beneficiarse destas bolsas deberán acreditar as seguintes circunstancias:

a) Ter empadroamento durante os dous últimos anos nunha localidade que diste máis de 50 quilómetros do centro de ensino.

b) Ter aprobadas todas as materias ou módulos en que estivese matriculado no curso 2007-2008 na convocatoria de xuño ou setembro.

c) Os ingresos anuais, calculados segundo se indica no seguinte artigo.

d) Ter aprobada a matrícula para un curso completo de ciclo formativo de formación profesional polo réxime ordinario para o curso 2008-2009 nalgún centro público da Comunidade Autónoma galega e non dispor de praza nun centro máis próximo ao seu domicilio familiar. Entenderase que non cumpre con este requisito de ter aprobada a matrícula cando perdese o dereito á avaliación continua.

e) Non estar matriculado/a só no módulo de formación en centros de traballo.

f) Non ter praza nun centro residencial docente.

g) Ter asinado o contrato de arrendamento de vivenda ou de tempada para o período de duración do curso académico.

Artigo 4º.-Cálculo dos ingresos.

1. Considérase unidade familiar aquela que resulte de aplicar a normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Para efectuar o cálculo dos ingresos anuais partirase dos artigos 48, 49 e 20 da Lei 35/2006, do imposto sobre a renda das persoas físicas nos seguintes termos:

Sumaranse os recadros 455+465+18+19+20 da declaración da renda correspondente ao exercicio fiscal do ano 2007. Non obstante, para verificar, de ser o caso, o cumprimento dos ingresos mínimos, á suma anterior engadiráselle o importe do recadro 17.

3. Tomaranse en conta as seguintes rendas:

a) No caso de que o solicitante estea integrado nunha unidade familiar: a contía que resulte da renda desa unidade familiar.

b) Se non forma parte dunha unidade familiar pero depende dunha unidade familiar: sumarase a contía que resulte da súa propia renda, no caso de tela, e a contía que resulte da renda da unidade familiar de que dependa. Presumirase que a unidade familiar de que depende é a formada polos pais, salvo proba en contrario.

c) Se non está integrado nin depende de ningunha unidade familiar: a contía que resulte da súa propia renda.

4. Os ingresos así calculados non poderán superar os 23.000 euros. E no caso de que o solicitante non estea integrado nunha unidade familiar e tampouco dependa de ningunha unidade familiar, os ingresos anuais non poderán ser inferiores a 4.000 euros nin superiores aos 23.000 euros.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán dirixirse á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante e xuntando os documentos que nel se requiren. Presentaranse no rexistro central da Consellería de Vivenda e Solo, sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se puidesen obter de oficio, requiriráselle ao interesado a súa presentación.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou NIF do/a solicitante.

b) Certificación da entidade bancaria de ter aberto ao seu nome unha conta na cal desexe que se realice o pagamento.

c) Certificado de empadroamento acreditativo da residencia dos dous últimos anos expedido con posterioridade á publicación desta orde.

d) Declaración responsable da composición da unidade familiar de que forma parte ou de que depende e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos do solicitante e a ingresos e débedas dos restantes membros da unidade familiar en que se integra ou de que depende.

e) Copia compulsada do libro de escolaridade ou certificación académica en que conste que superadas todas as materias ou módulos en que estaba matriculado no curso 2007-2008 na convocatoria de xuño ou setembro.

f) Copia compulsada da declaración da renda presentada pola persoa solicitante así como a da unidade familiar a que pertenza ou de que dependa, respecto do exercicio fiscal de 2007.

Se non se presentase a declaración da renda, por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, sen prexuízo da comprobación administrativa.

g) Copia compulsada da matrícula aprobada para un ciclo formativo de formación profesional no curso 2008-2009 nun centro público da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Declaración responsable de non ter praza en ningún centro máis próximo ao seu domicilio para cursar o ciclo formativo que desexa e de non ter praza nun centro residencial docente.

i) Declaración do conxunto de todas as subvenciones solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administraciones públicas ou doutros entes públicos.

j) Copia compulsada do contrato de arrendamento de vivenda ou de tempada asinado polo solicitante da subvención ou do cal resulte inquilino.

Artigo 6º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase desde o día 15 de xullo ao 30 de setembro, ambas as dúas datas incluídas.

Artigo 7º.-Procedemento de tramitación das subvencións.

1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde e debidamente cuberta, á que se deberá xuntar a documentación que nela se indica consonte o artigo 5.3º desta orde.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, a Consellería de Vivenda e Solo poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

2. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, o titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda elevará a proposta de resolución de cada expediente ao titular da Consellería de Vivenda e Solo, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 13º desta orde, resolverá o que en dereito proceda.

3. Concederase un máximo de 2.000 euros a cada beneficiario e o importe da bolsa non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere a contía resultante de multiplicar a renda fixada no contrato de aluguer polo número de meses que teña de duración o ciclo.

Para os efectos de determinar o importe máximo subvencionable, no caso de que a vivenda arrendada conte con varios inquilinos presumirase que participan no pagamento da renda a partes iguais, salvo que no contrato se indique o contrario.

Se o orzamento establecido para esta bolsa non fose suficiente para proceder ao aboamento de todas as concesións, o importe máximo previsto será reducido nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta convocatoria.

Artigo 8º.-Resolución das subvencións.

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses de acordo co artigo 23.4º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as bolsas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude.

2. Contra a resolución da conselleira, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá recorrerse contra el directamente ante a xurisdición do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, consonte o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Pagamento das subvencións.

Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as bolsas aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Do 15 ao 30 de xullo de 2009 as persoas beneficiarias destas bolsas deberán xustificar o seu destino achegando a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo director do centro de que durante o curso académico 2008-2009 a persoa beneficiaria da bolsa non perdeu o dereito á avaliación continua.

b) Recibos ou copias das transferencias do aboamento da renda de aluguer.

No caso de non presentar a devandita documentación, poderase iniciar o procedemento de reintegro da bolsa nos termos dos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Compatibilidade.

Esta bolsa é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Artigo 11º.-Reintegro da subvención e modificación da resolución de concesión.

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da bolsa levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da bolsa percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue, por proposta da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención e comunicaralle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

A resolución da conselleira pon fin á vía administrativa, polo que é susceptible de recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses.

Artigo 12º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións integraranse nun programa informático de carácter permanente, á disposición da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumplimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 13º.-Deber de colaboración e facultade de inspección.

1. As persoas beneficiarias ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 14º.-Crédito orzamentario e contía.

O importe destinado ao financiamento destas bolsas é de 485.000 € con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451B.480.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "13100D003P008.PDF"