DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 03 de xullo de 2008 Páx. 13.030

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 30 de xuño de 2008 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 20 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases e se convocan para 2008 as axudas a empresas para a promoción e mellora da comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos.

A orde da Consellería do Medio Rural do 20 de decembro de 2007 (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2008) establece as bases e convoca para 2008 as axudas a empresas para a promoción e mellora da comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos.

No seu artigo 15º, detállanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das devanditas axudas, sinalándose que o citado importe se poderá incrementar con outros remanentes na mesma aplicación orzamentaria.

Existindo actualmente remanentes na referida aplicación orzamentaria, considérase oportuno ampliar o importe da dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece no artigo 15 da Orde de 20 de decembro de 2007 (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2008) pola que se establecen as bases e se convocan para 2008 as axudas a empresas para a promoción e mellora da comercialización dos produtos agrarios e agroalimentarios galegos.

2. O incremento da dotación será con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713D 770.0 por un importe de 150.000 euros para a anualidade de 2008, e 400.000 euros para a anualidade de 2009.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na mencionada orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na mencionada Orde do 20 de decembro de 2007.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural