DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 03 de xullo de 2008 Páx. 13.018

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 25 de xuño de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento do Programa Concellos Dixitais 2008-2009, no marco do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información e o Plan Avanza, e se procede á súa convocatoria (código procedemento IN516B).

O Consello de Ministros do día 4 de novembro de 2005 adoptou o protocolo polo que se aproba o Plan 2006-2010 para o desenvolvemento da sociedade da información e a converxencia con Europa e entre as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía, denominado Plan Avanza.

O Plan Avanza responde ao mandato que a Comisión Europea realiza aos Estados membros no seu Plan i2010 Unha sociedade da información europea para o crecemento e a ocupación, publicado o 31 de maio de 2005, para que elaborasen antes de final dese ano, os programas de reformas nacionais onde definiron as súas prioridades para a sociedade da información en liña coas orientacións integradas para o crecemento e a ocupación adoptadas para a Comisión Europea, en abril de 2005.

A Xunta de Galicia aprobou o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010, coa misión de contribuír activamente ao desenvolvemento sustentable de Galicia, de xeito que se garanta de forma real a compatibilidade entre o crecemento económico e a creación de emprego de calidade, os maiores niveis de progreso e cohesión social no conxunto da cidadanía galega, e a preservación do medio ambiental, cultural e lingüístico propio.

Desde a Consellería de Innovación e Industria, órgano da Xunta de Galicia que, segundo o Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, ten atribuídas as competencias de fomento e impulso da sociedade da información, considérase que neste labor debemos convidar as entidades locais a colaborar, para que as actuacións que estean considerando promover con estes obxectivos poidan ser coordinadas e apoiadas desde esta consellería.

Con esta finalidade, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación e Industria e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MITEC) asinaron unha aDdenda ao Convenio marco do Plan Avanza para o desenvolvemento do Programa cidades dixitais electrónicas, enmarcada na área de actuación de fogar e inclusión de cidadáns cos seguintes obxectivos relacionados especificamente co desenvolvemento e a implantación da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Implantar a Administración electrónica.

b) Fomentar a dispoñibilidade e uso dos servizos municipais dirixidos aos cidadáns e as empresas.

c) Ofrecer servizos básicos dixitais.

d) Fomentar a aplicación de actuacións relacionadas coa cultura, turismo e ocio mediante o uso das tecnoloxías da información.

As actuacións desta convocatoria financiaranse coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, polo tanto, a súa tramitación queda condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

Con esta finalidade e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento do Programa Concellos Dixitais 2008-2009, no marco do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información e o Plan Avanza (código procedemento IN516B) que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para os proxectos que se van desenvolver no ano 2008, así como para os proxectos que se inicien no 2008 e rematen no ano 2009.

Artigo 2º.-Solicitudes.

Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexos II e III desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6.2º das bases reguladoras.

Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática «Axudas Virtual» (procedemento IN516B) establecida na Oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es da Xunta de Galicia facendo uso do Rexistro Telemático e do enlace dispoñible co procedemento IN516B.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporán de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través do teléfono 981 54 55 83, do número de fax 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico axudas.dxpisi@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos II e III desta convocatoria publícanse no DOG exclusivamente para efectos informativos, é necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase necesariamente por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, previa obtención e cumprimentación dos formularios de acordo co previsto neste artigo. O solicitante presentará a documentación sinalada no artigo 6.2º das bases reguladoras en único exemplar (orixinal ou copia compulsada), dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte da publicación desta orde no DOG ata o día 4 de agosto de 2008, ambos inclusive.

As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no Rexistro da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante Lei 30/1992).

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal do concello solicitante e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, tendo que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación técnica e económica a que se fai referencia no artigo 6º das bases reguladoras. Para isto, no proceso de cumprimentación telemática permitiranse anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios en formato pdf. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no Rexistro de Entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 9 meses.

Dentro deste prazo, e dado o carácter de concorrencia competitiva da convocatoria, poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, os requirimentos de emenda e corrección de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN516B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de «axudas» e na oficina virtual.

b) O teléfono 981 54 55 83 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico axudas.dxpisi@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información para que dite as resolucións necesarias que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento do Programa Concellos Dixitais 2008-2009, no marco do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información e o Plan Avanza

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto impulsar a implantación ou desenvolvemento de aplicacións e servizos de Administración electrónica, o fomento da dispoñibilidade e do uso dos servizos municipais dirixidos aos cidadáns e ás empresas, o desenvolvemento de servizos básicos dixitais e de aplicacións relacionadas coa cultura, turismo e ocio, implicadas especificamente co desenvolvemento e coa implantación da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia a través de Concellos Dixitais 2008-2009, no marco do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información e o Plan Avanza.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE 31-7-2006), 1083/2006 (DOUE 31-7-2006) e 1828/2006 (DOUE 15-2-2007) relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. As actuacións que teñan previsto o seu remate no ano 2008 poderán terse iniciado desde o 1 de xaneiro de 2008, e deberanse rematar, en todo caso, antes do 30 de novembro de 2008, data límite de xustificación para este ano.

2. As actuacións plurianuais, isto é, actuacións que se leven a cabo nos anos 2008 e 2009, deberán iniciarse necesariamente no ano 2008, e a súa data máxima de remate será o 15 de novembro de 2009, data límite de xustificación. En todo caso será preceptivo que cando menos o 50% dos gastos subvencionables sexan solicitados dentro do ano 2008 para poder considerar subvencionable a actuación.

3. As actuacións subvencionables obxecto desta orde estrutúranse nas seguintes liñas de actuación:

a) Servizos e aplicacións de Administración electrónica.

Estes proxectos poderán desenvolver os seguintes aspectos:

-Proxectos de desenvolvemento ou implantación de ferramentas ou solucións tecnolóxicas para a modernización da xestión interna da Administración local, que inclúan actuacións de formación do persoal no uso e manexo destas.

-Proxectos de desenvolvemento ou implantación de aplicacións que faciliten a interoperabilidade entre administracións públicas.

b) Servizos municipais dixitais dirixidos aos cidadáns e ás empresas no ámbito local:

Proxectos, que mediante o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, estean dirixidos a mellorar a información e os servizos públicos, preferentemente nos seguintes aspectos: relacións entre o concello e os seus provedores, teleasistencia, servizos relacionados coa cultura, turismo e ocio e servizos orientados a favorecer a accesibilidade de colectivos con necesidades especiais, ou outros de natureza análoga.

c) Elaboración do plan director da sociedade da información do concello:

O plan director da sociedade da información recollerá a cobertura existente, as infraestruturas instaladas, os servizos dispoñibles, os recursos humanos, etc., con que conta o concello.

4. Consideraranse preferentemente aqueles proxectos presentados en que o beneficiario sexa un concello cuns recursos mínimos para absorber eficazmente os fondos que se lle concedan, e non fora beneficiario de axudas correspondentes aos programas anteriores de Cidades Dixitais e Cidades Singulares promovidos polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, ou pola Consellería de Innovación e Industria.

5. Todo o equipamento e aplicacións informáticas do proxecto terán que incorporar criterios de usabilidade e accesibilidade e interoperabilidade.

6. Os proxectos terán como idioma vehicular o galego e deberá cumprir as normas de accesibilidade de acordo coa norma W3C-WAI-AA.

Artigo 3º.-Gastos subvencionables e non subvencionables no ámbito de aplicación desta orde.

1. As subvencións destinaranse a cubrir os gastos que estean directamente relacionados co desenvolvemento do proxecto para o que se concedan, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2008 ata a data límite de xustificación prevista para cada anualidade establecida no artigo 19 destas bases reguladoras, e en todo caso destinaranse a cubrir os gastos relativos aos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal contratado exclusivamente para levar a cabo o proxecto ou actuación e dedicado directa e exclusivamente a este.

-Aparatos e equipamentos dedicados ao proxecto ou actuación, incluída infraestruturas de procesos e rede internas.

-Subcontratacións exclusivamente derivadas do proxecto ou actuación.

-Material funxible exclusiva e permanentemente destinado ao proxecto ou actuación.

-Outros gastos xerais suplementarios directamente derivados do proxecto ou actuación e debidamente xustificados.

-Os gastos de consultoría, asistencia técnica ou outros gastos asociados á elaboración do Plan Director da Sociedade da Información do concello, de ser o caso.

2. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) Os gastos de persoal propio ao servizo da entidade local, aínda que se destine total ou parcialmente ao desenvolvemento do proxecto.

b) Calquera outro derivado da actividade habitual do solicitante.

A Comisión de Avaliación poderá considerar como non subvencionables, ou limitar a súa porcentaxe en relación ao investimento subvencionable total do proxecto, á vista das solicitudes presentadas, aqueles conceptos que se consideren menos críticos para o normal desenvolvemento da actuación obxecto de axuda ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta subvención, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nestas prohibicións realizarase mediante declaración responsable (anexo III).

Artigo 5º.-Financiamento e concorrencia.

Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan para os exercicios de 2008 e 2009, que terán a modalidade de subvención, destínase un crédito máximo de 100.000 euros para a anualidade 2008 e de 1.000.000 de euros para a anualidade 2009, que serán imputados á aplicación orzamentaria 10.04.571A.760.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Completarase o financiamento coa achega do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que lle transferirá á comunidade autónoma o importe de 1.270.245 € para o ano 2008 ao abeiro do estipulado na cláusula quinta da addenda ao Convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento do Programa Cidades Dixitais Electrónicas, no ámbito do Plan Avanza, para o cal se realizará a xeración de crédito correspondente. A eficacia desta orde queda condicionada a que se realice a xeración de crédito mencionada.

Aplicación: 10.04.571A. 760.0.

Denominación: cooperación cos entes locais en materia de sociedade da información.

Orzamento 2008: 1.370.245 €.

Orzamento 2009: 1.000.000 €.

Total: 2.370.245 €.

Estes importes entenderanse máximos sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o cal poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 11º destas bases reguladoras.

En ningún caso unha mesma entidade recibirá subvención para máis de dúas actuacións. No caso que unha entidade presente máis de dous proxectos, a elección do proxecto ou proxectos subvencionados será a criterio da Comisión de Avaliación establecida no artigo 10º destas bases reguladoras.

As axudas acadarán como máximo desde o 55% ata o 90% dos investimentos subvencionables recollidos nunha solicitude, en función da poboación de dereito do concello solicitante segundo o último dato oficial publicado polo Instituto Galego de Estatística correspondente ao ano 2006, e de acordo coa seguinte distribución, que tamén recolle o importe máximo de subvención por concello solicitante:

Ver referencia pdf "12800D004P010.PDF"

No caso de que, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida, non exista suficiente número de solicitudes viables nalgún dos grupos de concellos con que se esgote o crédito consignado para ese grupo, o crédito sobrante poderá dedicarse a algún ou algúns dos restantes grupos de concellos.

A citada aplicación orzamentaria está dotada con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como con fondos achegados polo MITEC en que está prevista a participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

As axudas reguladas nesta orde serán compatibles con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sempre que, en ningún caso, o seu importe sexa de tal contía que, illadamente ou en concorrencia, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indican no artigo 3º desta convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas pola seguinte documentación en único exemplar (orixinal ou copia compulsada):

2.1. Formularios normalizados de solicitude compostos polos anexos II e III, obtidos necesariamente a través da aplicación informática sinalada no artigo 2º da convocatoria, debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente:

a) Anexo II (modelo normalizado da solicitude).

b) Anexo III (modelo de declaración da entidade).

2.2. Documentación xurídico-administrativa da entidade solicitante:

Certificación do acordo do concello pola que se aproba/n o/s proxecto/s, así como as súas condicións e a aceptación de todos os requisitos establecidos nesta orde, segundo o modelo que figura como anexo IV.

2.3. Documentación técnica relativa ao proxecto (orixinal ou copia compulsada).

Memoria explicativa do proxecto en que se fará constar:

-Unha descrición pormenorizada do proxecto que se vai desenvolver.

-O interese, a oportunidade e os obxectivos dos proxectos que se van levar a cabo.

-Calendario de execución e orzamento desagregado e detallado ao máximo dos diferentes gastos necesarios para a correcta execución dos proxectos presentados.

-Consignaranse tamén todos os aspectos inherentes ao proxecto e que sexan obxecto de valoración competitiva conxunta, segundo o artigo 11º destas bases reguladoras.

2.4. Orzamentos e ofertas desagregadas de cada un dos provedores que deberán cumprir co disposto nos parágrafos seguintes:

a) Estes orzamentos presentaranse na mesma orde que a utilizada na relación presentada na memoria. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, agás do recollido na seguinte epígrafe.

b) Os orzamentos presentaranse coa solicitude. Non obstante, xa que os concellos están suxeitos a réxime de contratación administrativa, observarase o disposto na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, polo que se no momento de presentación da solicitude non dispoñen das ofertas de tres provedores, no caso de que o importe do investimento (sen IVE) supere a contía de 12.000 euros, deberán presentar xunto coa solicitude unha estimación do gasto proposto e unha declaración responsable do solicitante en que se faga constar que non pode achegar no momento da solicitude os orzamentos exixidos nestas bases reguladoras, posto que está ou vai estar en tramitación o correspondente expediente de contratación administrativa. No anexo V figura un modelo para a presentación da devandita declaración.

Será no momento da presentación da memoria xustificativa cando efectuarán a presentación mediante orixinal ou fotocopia compulsada das ofertas admitidas no expediente de contratación que procedese, así como a xustificación da elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa para a entidade local.

Artigo 7º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da orde de convocatoria. De conformidade co artigo 45.un d) da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, os solicitantes quedan exentos de achegar os xustificantes que acrediten o cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

Igualmente, de conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, se a entidade solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa obra no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, esta consellería publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención. Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación.

Artigo 8º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondéndolle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 9º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na corresponde convocatoria, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda ou corrección poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos ca notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 10º.-Comisión de Valoración.

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión terá a seguinte composición:

a) Presidenta: a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

b) Vogais: os catro delegados provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

c) Secretario: o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información.

Os/as suplentes serán designados/as pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información.

3. A comisión poderá estar asistida por expertos externos.

4. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

5. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a esta subvención. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

6. Sen prexuízo do recollido nos puntos anteriores, á vista da documentación dispoñible, a Comisión de Avaliación pode considerar como non viables tecnicamente, economicamente ou financeiramente os proxectos ou actuacións presentadas, polo que non se concederá subvención.

7. Esta comisión, tendo en conta os criterios de avaliación recollidos no artigo 11º, emitirá unha proposta razoada en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. Nesta proposta incluirase unha relación ordenada dos proxectos que reúnan os requisitos para ser financiados, en que se incluirá unha proposta de orzamento para eles, que será determinado segundo criterios de máxima eficiencia na asignación de recursos, e unha relación de proxectos non financiables, con indicación expresa dos motivos que concorran.

Artigo 11º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

-Adecuación do proxecto, dentro das actuacións subvencionables, aos obxectivos definidos no Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010: ata o 35%.

-Calidade e viabilidade técnica, nivel de desenvolvemento tecnolóxico e grao de innovación na interrelación co cidadán: ata o 25%.

-Plan de explotación e difusión dos resultados do proxecto: ata o 20%.

-Integración de medidas específicas que fomenten a igualdade de xénero: ata o 10%.

-Impacto do proxecto no cidadán (territorial, demográfico, social e económico): ata o 10%.

Artigo 12º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Comisión de Valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, de ser o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de 9 meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou os prazos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, que debe cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros/as.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, antes do 11 de setembro do ano en que prevé realizar a modificación. De non facelo implicará a perda da subvención afectada pola modificación e no caso que esta implique unha variación substancial do proxecto, a perda total da subvención concedida.

4. A conformidade expresa da Consellería de Innovación e Industria ás mencionadas modificacións, requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, que só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10 destas bases reguladoras.

Artigo 16º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización do investimento ou actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión ou desfrute da subvención.

c) A obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos rexistros de contabilización e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) A obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do Regulamento (CE) 1828/2006 (DOUE 15-2-2007). Así mesmo, a entidade beneficiaria comprométese a dar publicidade do cofinanciamento por parte da Consellería de Innovación e Industria, do Ministerio de Industria Turismo e Comercio e de Feder, mediante o emprego dos logotipos e enderezos web correspondentes, que deberán exhibirse en todas as actividades e actos que se realicen no desenvolvemento dos proxectos subvencionados.

Toda a documentación ou publicidade que se faga das actuacións subvencionadas, incluída a través da web, farase, como mínimo, en lingua galega.

i) A entidade beneficiaria comprométese a colaborar coa Consellería de Innovación e Industria na difusión do proxecto, para o cal subministrará unha ficha coa información global, e do seu desenvolvemento, para a súa publicación pola Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 18º.-Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas.

A subcontratación de actividades realizarase de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que pode acadar o custo total da actividade proposta.

En todo caso respectarase a prohibición de subcontratación cos provedores de bens ou servizos en que recaian algunha das condicións establecidas no artigo 27 da citada lei. Faise especial indicación de que os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Artigo 19º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar un exemplar con toda a documentación xustificativa (orixinal ou copia compulsada), nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, tendo de prazo para presentala ata o 15 de novembro de cada anualidade.

a) Solicitude de libramento da subvención (modelo dispoñible no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org, oficina virtual, procedemento IN516B).

b) Memoria en que se constate a realización da actividade realizada.

c) Ofertas admitidas no expediente de contratación que procedese, así como a xustificación da elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa para a entidade Local, segundo o disposto no artigo 6º destas bases reguladoras, agás que as ditas ofertas e a xustificación da escolla xa fosen presentadas no momento da solicitude.

d) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto (modelo dispoñible no enderezo da internet sinalado no punto a) deste artigo).

e) Copia en formato electrónico dos relatorios ou contidos da acción formativa, se é o caso.

f) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outras administracións, organismos ou entes públicos ou privados (modelo dispoñible no enderezo da internet sinalado no punto a) deste artigo).

g) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento en que conste a razón social e o CIF da entidade subvencionada así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

h) Documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento da Xunta de Galicia, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e do Feder segundo o sinalado no artigo 17 h) destas bases reguladoras.

i) Calquera outros documentos que se requiran durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán solicitar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada e das condicións establecidas para a súa concesión.

2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 21º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a(-s) subvención(-s) percibida(-s), así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o apartado anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios da(-s) subvención(-s) reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV Infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións da Lei 9/2007.

4. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 22º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento, e no título III Do control financeiro das subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 23º.-Publicidade.

Publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e pode substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 24º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases estarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición derrogatoria única da devandita Lei 9/2007. Así mesmo, observarase o disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Ver referencia pdf "12800D004P010.PDF"