DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 03 de xullo de 2008 Páx. 13.017

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de xuño de 2008 pola que se autoriza a implantación en centros públicos e a partir do ano 2008-2009 das ensinanzas deportivas conducentes aos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior nas modalidades de balonmán, baloncesto e fútbol.

O artigo 63 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as ensinanzas deportivas teñen como finalidade preparar o alumnado para a actividade profesional en relación cunha modalidade ou especialidade deportiva, así como facilitar a súa adaptación á evolución do mundo laboral e deportivo e á cidadanía activa.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, e na súa disposición transitoria segunda, punto 1, indica que ata que non se creen os novos títulos e ensinanzas nas modalidades e especialidades de atletismo, baloncesto, balonmán, deportes de escalada, deportes de inverno e fútbol, que foron establecidas ao abeiro do disposto no Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, se impartirán conforme o previsto nos reais decretos que crearon os respectivos títulos e ensinanzas mínimas. Igualmente, na súa disposición transitoria terceira, punto 2, indícanse as normas que seguirán vixentes para o desenvolvemento destas ensinanzas, en tanto non se publiquen outras que as substitúan.

Nesta liña, o Real decreto 361/2004, do 5 de marzo, e o Real decreto 234/2005, do 4 de marzo, establecen, respectivamente, os títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior en balonmán e baloncesto, aproban as correspondentes ensinanzas comúns e regulan as probas de acceso a estas ensinanzas.

Por outra parte, o Decreto 353/2003, do 11 de setembro, e o Decreto 372/2003, do 16 de setembro, polos que se establecen os currículos da especialidade deportiva de grao medio e grao superior correspondentes aos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior en fútbol para a Comunidade Autónoma de Galicia, habilitan a Consellería de Educación para ditar cantas disposicións sexan precisas, no ámbito das súas competencias, para a execución e o desenvolvemento do disposto nestes decretos.

En consecuencia, e de acordo co Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tendo en conta o informe da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e, de conformidade coa proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Facer pública a oferta educativa en centros públicos das ensinanzas deportivas nas modalidades de balonmán, baloncesto e fútbol a partir do curso 2008-2009, segundo os datos que figuran no anexo desta orde.

Segundo.-A posta en funcionamento destes estudos estará condicionada á existencia dun mínimo de dez alumnos matriculados na correspondente modalidade deportiva. A condición desta ratio mínima exixida debe poñerse en coñecemento do alumnado no momento da solicitude de matrícula.

Disposición adicional

Sen prexuízo do establecido na disposición segunda desta orde, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá autorizar motivada e excepcionalmente aquelas ensinanzas que non acaden o citado número mínimo de solicitudes de matrícula. En canto non se dispoña desta autorización non se poderá formalizar matrícula ningunha.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para tomar as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "12800D003P009.PDF"