DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 03 de xullo de 2008 Páx. 13.016

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 135/2008, do 5 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada autonómica AC-243 (Ribadulla (N-525)-estación de Ribadulla) p.k.: 0+000 ao p.k.: 0+270 a favor do Concello de Vedra.

O 5 de marzo de 2008 a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes informou positivamente, estimando adecuado o cambio de titularidade da AC-243 (Ribadulla (N-525)-Estación de Ribadulla), susceptible de cesión ao concello por estar incluída no Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, facendo referencia a aquelas susceptibles de ser transferidas, por non daren continuidade a itinerarios ou seren treitos antigos de estradas en que se fixeron variantes de trazado, tendo en conta que a estrada citada adquiriu características netamente urbanas.

O 25 de marzo de 2008 o Concello de Vedra aprobou a solicitude de cambio de titularidade do treito da estrada autonómica AC-243 (Ribadulla (N-525)-estación de Ribadulla) p.q.:0+000 ao p.k.:0+270. O obxectivo do concello é levar a cabo unha ordenación xeral do tráfico no núcleo urbano.

O artigo 54 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, establece que «as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas a que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos concellos respectivos».

Na estrada AC-243 (Ribadulla (N-525)-estación de Ribadulla), que se prevé transferir, concorren as seguintes características: é unha estrada da rede secundaria de estradas da provincia da Coruña. No treito dos p.k.:0+000 ao p.k.:0+270 posúe beirarrúas e ten edificacións e servizos urbanos.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia en reunión do día cinco de xuño de dous mil oito,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do concello de Vedra do treito da AC-243 (Ribadulla (N-525)-estación de Ribadulla) desde o p.k.:0+000 ao p.k.:0+270, sito no termo municipal de Vedra.

Artigo 2º

En aplicación do previsto no artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o tramo mencionado incorporarase á relación de estradas de titularidade do concello de Vedra.

Artigo 3º

Correspóndelle ao Concello de Vedra, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle puider corresponder como nova Administración titular da estrada.

Artigo 4º

A entrega da vía formalizarase durante os dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes