DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 02 de xullo de 2008 Páx. 12.948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2008 pola que se anuncia a convocatoria para subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia correspondentes ao período 2008-2009.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada pola disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento.

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu regulamento, corresponde á Agader a xestión dos recursos destinados á dinamización das áreas rurais de Galicia.

O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE(2008) 703, do 15 de febreiro, prevé no eixe 3 diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural, cuxa xestión corresponde á Agader. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Dado que a promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese o apoio a actuacións de diferente natureza, que a Agader vai materializar a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para as seguintes medidas:

I. Diversificación cara a actividades non agrarias.

II. Creación e desenvolvemento de microempresas.

III. Fomento de actividades turísticas.

IV. Servizos básicos para a economía e a poboación rural.

V. Conservación e mellora do patrimonio rural.

As medidas que poidan afectar a competencia están amparadas, segundo se indica na regulación específica de cada unha delas, no Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas, e no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é un ente de dereito público dos sinalados no artigo 12 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o seu Consello de Dirección, na reunión do 21 de xuño de 2007, delegou no director xeral da Agader a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, así como a súa xestión orzamentaria e a distribución dos seus recursos (DOG nº 134, do 11 de xullo).

De acordo co marco legal sinalado e polo que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2008-2013, que se xuntan a esta resolución como anexo 1.

2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do período 2008-2009 que se xuntan a esta resolución como anexo 2.

3. Convocar para o período 2008-2009, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións reguladas no anexo 1 desta resolución, cunha dotación máxima de 14.585.889 €, que se distribuirá do seguinte xeito:

Ver referencia pdf "12700D004P011.PDF"

As solicitudes dirixiranse ao director xeral da Agader e presentaranse segundo os modelos do anexo 2 desta resolución, xunto coa documentación que se indica, no prazo de 60 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Os citados modelos poderán descargarse na páxina web da Agader http://agader.xunta.es

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 15 de outubro de 2009, e o prazo límite para a xustificación o 30 de outubro de 2009.

Á vista do volume das solicitudes presentadas para cada medida, mediante resolución do director xeral da Agader poderá redistribuírse entre elas o crédito aprobado, limitándose sempre ás dispoñibilidades orzamentarias. En función desas dispoñibilidades poderán incrementarse as contías destinadas ás subvencións que se convocan, sen que isto signifique ampliación do prazo de presentación de solicitudes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Segunda.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader http://agader.xunta.es

b) No teléfono 981 54 73 82.

c) No enderezo electrónico: areadeseguimentodeinvestimentos@xunta.es.

d) Presencialmente, previa cita no teléfono 981 54 73 82.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral da Agader poderá desenvolver as normas contidas nesta resolución, así como modificar as normas e restricións sectoriais recollidas na parte III das bases reguladoras.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2008.

P.D. (21-6-2007)

Edelmiro López Iglesias

Director xeral da Axencia Galega

de Desenvolvemento Rural

Anexo 1

Bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2008-2013

I. DISPOSICIÓNS DE CARÁCTER XERAL

A) Requisitos e regras xerais.

Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:

1. Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Segundo a definición dada no artigo 2, letra j) do Regulamento (CE) nº 1628/2006 enténdese por inicio o comezo do traballo de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente a realizar un pedido de equipamento, o que teña lugar en primeiro lugar, excluídos os estudos de viabilidade previos.

Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda, ben cunha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra, instalación ou equipamento, ou ben cunha acta de non inicio feita por Agader a petición do interesado.

2. Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando os núcleos urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

3. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para que foron aprobados, non admitíndose fases de proxectos.

4. Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

5. Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

6. Que se axusten ás especificacións indicadas para cada medida e tipo de proxecto nas presentes bases.

As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo gasto ou investimento, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera dos outros eixes do PDR.

Coa puntualización anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 45% para as medidas I e II -debendo achegar o promotor, neste suposto, como mínimo o 25% de fondos propios- e do 100% para as medidas III, IV e V.

En ningún caso se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise.

B) Solicitudes.

As solicitudes presentaranse en modelo normalizado (modelo A) no rexistro xeral da Agader ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude os interesados deberán presentar a seguinte documentación, orixinal ou debidamente compulsada:

-Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e, de ser o caso, do seu representante legal (NIF ou DNI), así como, se é o caso, do apoderamento deste.

-Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

-No caso de persoas xurídicas de carácter privado:

-Escritura de constitución e estatutos da entidade solicitante debidamente inscritos no rexistro correspondente.

-Últimas contas depositadas no rexistro correspondente ou última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, na que figure o número de empregados do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance anual.

-Declaración, segundo documento normalizado (modelo B), doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, así como das axudas de minimis, para aquelas medidas que resulten de aplicación, percibidas polos solicitantes nos tres últimos anos e a orixe dos fondos destas subvencións. No mesmo modelo tamén se declarará que non concorren as circunstancias previstas nos números 2º e 3º do artigo 10 de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os membros asociados do solicitante que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión deberán presentar tamén a declaración citada.

-Resumo do proxecto en documento normalizado (modelos C1 ou C2), no cal se reflicta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto. O solicitante debe ter en conta que esta información vai ser tomada en consideración para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para aplicar os criterios de baremación sinalados na letra K para cada tipo de proxecto.

-Orzamento detallado, en documento normalizado (modelo D), dos gastos necesarios para a execución do proxecto, con indicación, se procede, das partidas que supoñan unha achega en especie.

-Declaración censual (modelo 036 ou 037) ou compromiso de comunicar o inicio de actividade á AEAT, cando o proxecto supoña o inicio dunha actividade empresarial.

-Certificación emitida pola entidade bancaria na cal figure o número de conta de titularidade do solicitante en que quere percibir a axuda.

-Plan de empresa (modelo E1) para os proxectos das medidas I e II, e plan de xestión (modelo E2) para os proxectos das medidas III, IV e V.

-Plano do Sixpac indicando as coordenadas da actuación.

-Código de explotación agraria, para a medida I.

-Certificado de empadroamento no domicilio familiar vinculado á explotación agraria e acreditación do grao de parentesco co titular, para os solicitantes da medida I.

-Declaración do IRPF do titular da explotación agraria do último exercicio, para a medida I.

-Informe da vida laboral da conta (ou contas) de cotización da persoa física ou entidade solicitante do ano anterior ao da presentación da solicitude, cando o proxecto crea ou consolida emprego.

-No caso de que unha actuación requira proxecto técnico visado polo colexio correspondente, presentarase un anteproxecto.

-Tres ofertas como mínimo, de diferentes provedores, cando o gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de execución de obra, ou de 12.000 euros no de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non existan no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

-Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Non será necesario que os solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Agader, sempre que indiquen os datos que permitan localizala e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Cando un interesado presente solicitudes para varias liñas de subvención, a documentación orixinal ou compulsada que presente xunto cunha delas servirá tamén para a tramitación das restantes solicitudes, sempre que sinale, en relación a cada unha destas últimas, a solicitude xunto coa cal se atopa a documentación necesaria.

C) Consentimentos e autorizacións.

A presentación da solicitude de axuda comportará a autorización do solicitante para que a Agader obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar as correspondentes certificacións. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole as ditas certificacións non puidesen ser obtidas pola Agader, poderán serlle requiridas ao solicitante.

Segundo o previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Agader publicará no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases. Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Agader publicará na súa páxina web as concesións das axudas reguladas nestas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda significa o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de

Economía e Facenda.

Non obstante, os interesados poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

D) Instrución do procedemento, valoración dos proxectos e proposta de adxudicación.

Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución serán realizados de oficio pola Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural.

Na fase de instrución do procedemento realizaranse, entre outras, as seguintes actuacións:

-Control dos requisitos do solicitante establecidos nestas bases. A comprobación poderá ser documental ou mediante cruzamentos con distintas bases de datos, propias ou alleas, respectando, en todo caso, a normativa legal en materia de protección de datos persoais.

-Control da conformidade da operación con estas bases reguladoras e coas disposicións autonómicas, estatais e comunitarias pertinentes, especialmente de carácter sectorial. Análise do proxecto e control da moderación dos custos propostos mediante os sistemas apropiados.

-Control da compatibilidade con outras medidas Feaga/Feader en vigor e coas medidas Feoga-Orientación 2000-2006. Para tal efecto cruzarase o ficheiro de solicitantes co rexistro de beneficiarios do Fogga, segundo o Plan galego de controis Feader, e coa base de datos de beneficiarios Feoga-Orientación.

-Control da fiabilidade do solicitante con referencia a operacións anteriores cofinanciadas a partir de 2000. Para tal efecto, cruzarase o ficheiro de solicitantes coa base de datos de irregularidades Feoga-Orientación 2000-2006.

-Control da aplicación dos criterios de prioridade establecidos nestas bases.

As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases. Poderán excluírse os proxectos que, logo da súa valoración de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior á que determine o órgano competente para resolver.

No caso de empate, para desempatar terase en conta en primeiro lugar o criterio de localización xeográfica e en segundo lugar a data de presentación da solicitude.

Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención en función dos puntos obtidos na valoración, segundo os criterios recollidos nestas bases. O resultado da análise plasmarase nun informe que o órgano de instrución elevará, xunto coa proposta de resolución definitiva, ao órgano competente para resolver.

A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, medida, fontes de financiamento, importe e porcentaxe da subvención proposta respecto dos conceptos subvencionables, a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala e mais, se é o caso, as condicións xerais ou especiais que deban cumprirse para poder percibir a axuda. De ser o caso, tamén conterá dúas listas de espera, unha para as medidas I e II e outra para as medidas III, IV e V, dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo expresará de xeito motivado a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reuniren os requisitos ou por non acadaren a puntuación mínima necesaria.

No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda ao reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. De igual xeito, farase uso das anteditas listas de espera, sen necesidade de nova convocatoria, cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito destinado inicialmente para unha convocatoria determinada. Cando os proxectos que figuren na lista de espera se queiran iniciar antes da súa eventual activación, deberá levantarse previamente unha acta de non inicio da execución.

E) Resolución das solicitudes.

O director xeral da Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de catro meses contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, unha vez transcorrido o prazo anterior sen que se teña notificado a resolución expresa.

Notificada a resolución, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados desde a notificación de concesión da subvención, para comunicar á Agader a súa non aceptación. Transcorrido ese prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a dita resolución.

F) Xustificación e pagamento das axudas.

O beneficiario xustificará a subvención documentalmente e presentará todos os permisos e licenzas obrigatorios para a posta en marcha do proxecto, así como toda a documentación requirida na resolución de concesión da subvención, e solicitará o pagamento mediante a presentación do modelo G.

Cando o importe que derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3% da comprobación efectuada pola Agader sobre a admisibilidade dos gastos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos os importes.

Para cada un dos gastos realizados presentaranse as facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento. As facturas serán devoltas ao promotor debidamente estampilladas indicando que o seu importe foi subvencionado mediante a liña de axudas a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

-Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

-Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

-Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 3.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, en que se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento, segundo o formulario que se facilitará no seu momento por parte da Agader.

-Para gastos que non superen os 300 € admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán de incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas porla Agader na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Agader poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20% do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen máis do 60% do importe do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para que se concedeu a axuda.

Na fase de xustificación do gasto a Agader poderá contrastar os prezos achegados polo beneficiario por calquera dos medios previstos no artigo 30, número 5º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

No caso dunha actuación que requira proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, o promotor deberá xuntar á xustificación unha copia do resumo do orzamento por capítulos e da memoria deste. Neste suposto, a Agader exixirá a presentación de certificacións de obra asinadas por técnico competente.

Cando a subvención se conceda para a adquisición de maquinaria e equipamento, no momento da xustificación deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados en que conste a marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

Se o proxecto supón a adquisición de bens inmobles ou terreos, debe presentarse informe de taxador independente, debidamente acreditado e inscrito no rexistro oficial correspondente, que confirme que o prezo de compra non sobrepasa o valor de mercado. Para a valoración das achegas en especie tamén se presentará informe de técnico competente na materia en que se valorarán detalladamente os custos desa achega. Para contrastar estes informes a Agader utilizará as bases de datos oficiais dispoñibles.

Cando a subvención se conceda para a realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, entregarase á Agader un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén deben presentar copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc. Se se subvencionan seminarios ou actividades semellantes, entregarase unha copia dos temas tratados e as conclusións.

Cando o beneficiario teña a obriga de solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores deberá xustificar nunha memoria a escolla da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

O beneficiario deberá acreditar, se é o caso, que aplicou á actividade subvencionada os rendementos financeiros xerados polos fondos librados pola Agader.

No momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario volverá a presentar a declaración contida no modelo B sobre o conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, con identificación explícita da convocatoria e diario oficial de publicación.

Na fase de pagamento realizaranse as seguintes verificacións:

-Control da xustificación documental da subministración efectiva do produto ou servizo cofinanciado.

-Verificación da autenticidade dos gastos declarados, a xustificar mediante factura ou documento probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo as disposicións do regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (R.D. 1496/2003 do 28 de novembro, modificado polo R.D. 87/2005, do 31 de xaneiro), xunto coa proba do pagamento real dos importes xustificados.

-Control do remate da operación obxecto da solicitude de pagamento. No caso de operacións de investimento con certificacións parciais de pagamento, o control referirase exclusivamente á materia da certificación, sen que implique o remate do investimento autorizado. As operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar o remate da operación obxecto da solicitude de pagamento. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención e xustificarase o número de empregos creados.

O prazo límite para a xustificación dos investimentos vinculados ao proxecto será o que se estableza na convocatoria. Non obstante, cando non se poida realizar a devandita xustificación no prazo previsto, o beneficiario, en casos excepcionais e por causas que deberá xustificar debidamente, solicitará ao director xeral da Agader a oportuna prórroga, que deberá ser solicitada antes de que teña rematado o prazo inicialmente previsto para a xustificación e nunca superará a metade do prazo inicialmente concedido.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o beneficiario se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Na primeira solicitude de pagamento deberá presentar a documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se executa o proxecto, ou da dispoñibilidade deles durante un período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento.

Para proceder ao pagamento final do expediente, o promotor deberá presentar os permisos, inscricións e/ou licenzas requiridas pola normativa autonómica ou local para o tipo de actividade de que se trate.

Poderán concederse anticipos e pagamentos parciais de conformidade co disposto no artigo 31.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, ou normativa que o substitúa, e no artigo 56 do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

Poderán realizarse pagamentos parciais cando a contía do gasto xustificado en cada pagamento supere o 25% do investimento aprobado. Os pagamentos parciais non excederán, en ningún caso, a anualidade prevista en cada exercicio nin superarán o 80% do total da subvención concedida. Chegado ao 80% da contía da axuda, só se admitirán certificacións finais.

Non se concederán pagamentos parciais cando o orzamento sexa inferior a 30.000 €. Se o pagamento parcial ou o sumatorio dos importes dos pagamentos parciais é superior a 30.000 €, o beneficiario deberá presentar con anterioridade ao pagamento da axuda un aval solidario dunha entidade de crédito. Este aval deberá cubrir o importe dos pagamentos xunto cos xuros destes, calculados ao tipo de xuro vixente no momento da concesión, e deberá acadar como mínimo até que transcorran os nove meses seguintes ao remate do prazo de xustificación do investimento.

Os beneficiarios das medidas de investimento poderán solicitar o aboamento dun anticipo que non poderá superar o 20% da axuda concedida. O pagamento dos anticipos supeditarase á constitución dunha garantía do 110% do importe correspondente.

G) Reintegro da subvención.

Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente, e a exixencia dos xuros de demora calculados en función do tempo transcurrido entre a notificación da resolución do procedemento de reintegro ao produtor e o seu reembolso efectivo polo obrigado, segundo a instrución do organismo pagador OP/5/2008, relativa a determinados aspectos sobre a recuperación dos pagamentos indebidos con cargo aos fondos Feader. O procedemento de reintegro tramitarase de acordo con esa instrución.

Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

-Longa incapacidade laboral do beneficiario.

-Expropiación dunha parte importante da empresa ou ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

-Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

H) Modificación da subvención.

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación no orzamento aceptado pola Agader, coa precisión sinalada na letra F), e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén darán lugar a modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención e o incumprimento das circunstancias tidas en conta para a baremación do proxecto.

Os beneficiarios deberán comunicar á Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención. Poderá autorizarse a modificación da subvención sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

b) Que non exista prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

I) Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

Cando un beneficiario non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A non renuncia poderá conducir á instrución dun expediente sancionador en materia de subvencións. A solicitude de renuncia efectuarase no modelo F e a Agader deberá pronunciarse para tal efecto.

Os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión terán tamén a consideración de beneficiarios da subvención, polo que tamén deberán cumprir e acreditar os requisitos exixidos para cada tipo de beneficiario.

Co obxectivo de lograr o remate e xustificación en prazo dos proxectos subvencionados e para asegurar a súa total execución, a Agader poderá requirir de cada promotor que xustifique o nivel de execución acadado, a fin de diagnosticar a viabilidade do proxecto, que de resultar inviable poderá levar á anulación da subvención.

Con carácter xeral, o beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento e a manter os empregos creados ou consolidados durante, ao menos, os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a súa adquisición, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes. Para garantir o cumprimento deste compromiso, a Agader poderá solicitar que se constitúa un aval pola cuantía da subvención concedida.

No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser inscritos estes puntos no rexistro público correspondente.

No caso de subvencións á compra de maquinaria agrícola, deberá acreditarse a súa inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) da provincia que lle corresponda, segundo o previsto na Orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 28 de maio de 1987 (BOE nº 138, do 10 de xuño).

No caso de proxectos técnicos, estudos, planos e outros de natureza similar, o beneficiario deberá garantir a súa dispoñibilidade pública durante un período mínimo de 5 anos contados desde a resolución de pagamento final do proxecto.

Os beneficiarios deben publicitar a concesión da axuda do seguinte xeito:

-Se o investimento consiste en obra civil, mediante unha placa cos logotipos das administracións financiadoras.

-Se o investimento consiste en maquinaria ou elementos móbiles, mediante a instalación dun adhesivo perdurable cos logotipos das administracións financiadoras.

-Para estudos ou materiais gráficos, mediante a inclusión dos logotipos das administracións financiadoras na portada dos documentos xerados.

O tamaño mínimo da placa será A4 (148x210 mm). No caso de adhesivos, a súa dimensión adaptarase ao tamaño do obxecto. A Agader facilitará modelos aos beneficiarios

-Cando o orzamento da obra civil supere os 50.000 euros, o beneficiario colocará un panel publicitario durante a execución das obras, que para infraestruturas superiores a 500.000 euros será permanente.

O 25% do espazo, como mínimo, dos paneis e placas estará ocupado pola descripción do proxecto, o logotipo do Feader e o lema: «Feader: Europa inviste no rural». Todas as actividades informativas e publicitarias incorporarán a bandeira europea e o lema anterior.

As publicacións, carteis, audiovisuais e calquera información ofrecida por medios electrónicos que versen sobre medidas e actividades subvencionadas con estas axudas indicarán claramente na páxina de portada a participación da Comunidade Europea e a contribución do Feader ao financiamento. Os sitios web deberán incluír, ademais, un enlace co sitio da Comisión Europea dedicado ao Feader.

O beneficiario deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos e está obrigado a facilitar a información que lle requira a Agader e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

J) Conceptos subvencionables.

A expensas do establecido na normativa específica de cada medida, con carácter xeral serán subvencionables os seguintes gastos:

-Construción ou mellora de inmobles, así como os permisos e licenzas necesarios para a súa execución. Os bens inmobles só poderán utilizarse en relación cos obxectivos do proxecto. Só poderán albergar servizos administrativos públicos cando este uso se enmarque na realización das actividades subvencionadas.

-Adquisición de terreos non edificados, ata un máximo do 10% do investimento subvencionable, e adquisición de edificios xa construídos e os terreos sobre os que se asentan, ata un máximo do 25% do investimento subvencionable. En ambos os casos, se axustará aos seguintes condicionantes:

-Deberá achegarse un certificado dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado (cámara oficial, etc.) que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

-Deberá acreditarse mediante declaración do propietario que o ben inmoble non recibiu nos últimos 10 anos ningunha subvención nacional ou comunitaria.

-Os bens inmobles só poderán utilizarse en relación cos obxectivos do proxecto. Só poderán albergar servizos administrativos públicos cando este uso se enmarque na realización das actividades subvencionadas.

-Nos proxectos de traslado dunha empresa, cando o inmoble en que se sitúa a empresa antes do traslado sexa propiedade do promotor, o seu valor patrimonial deducirase do importe total subvencionable. Para estes efectos, considerarase como valor patrimonial o valor do ben no mercado no momento da solicitude da axuda. Nestes supostos, o promotor deberá presentar copia da inscrición do ben no rexistro da propiedade correspondente e un certificado asinado por un taxador independente debidamente cualificado no que se refira o valor do ben.

-Adquisición de maquinaria, equipamento e material non funxible necesarios para o desenvolvemento da actividade, incluído o equipamento e aplicacións informáticas, ata o valor de mercado.

O equipamento e maquinaria de ocasión ou de segunda man só se admitirá en operacións de Pemes e en casos debidamente motivados e serán subvencionables nas seguintes condicións:

-Que se presente unha declaración do provedor sobre a orixe do ben, confirmando que non foi adquirido con axudas nacionais ou comunitarias.

-Que se xustifique que o prezo é inferior ao do equipamento ou maquinaria nova e non supera o valor de mercado.

-Que cumpra as características técnicas necesarias, así como as normas e criterios de aplicación.

-Gastos derivados da adecuación de vehículos de transporte para o desenvolvemento da actividade subvencionada.

-IVE non recuperable cando sexa custeado de forma definitiva por beneficiarios distintos das persoas que non son suxeitos pasivos, a que se refire a Sexta Directiva 77/388/CEE.

-Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, estudos de viabilidade, ou adquisición de patentes e licenzas. O importe total dos custos xerais non poderá superar o 20% do investimento subvencionable.

-Gastos derivados da realización de estudos e proxectos técnicos nos seguintes ámbitos: detección de novas iniciativas empresariais e mercados potenciais; novos circuítos de distribución comercial; deseño, promoción e/ou comercialización de produtos turísticos; traballos previos con vistas ao deseño e posta en marcha, por parte de entidades públicas locais, de servizos mancomunados de ámbito supramunicipal.

-Achegas en especie, que se limitarán a man de obra voluntaria non remunerada, traballos realizados con maquinaria propia, materias primas para rehabilitación e traballos profesionais do promotor. O valor destas contribucións deberá poder calcularse e auditarse por separado, e non poderán estar vinculadas a operacións de enxeñaría financeira.

O gasto público destinado a unha operación que inclúa contribucións en especie non poderá ser superior ao total dos gastos subvencionables, excluídas as contribucións en especie, ao final da operación. A valoración das achegas en especie calcularase con base nos custos que figuran nas bases de datos oficiais de prezos e deberá xuntarse un informe elaborado por un técnico competente na materia en que se valoren detalladamente os custos da achega en especie. O máximo autorizado para man de obra voluntaria non remunerada será de 10 €/ hora.

No caso de que para a subvencionabilidade do investimento sexa exixible proxecto de obra, no seu orzamento as achegas en especie deberán aparecer diferenciadas e desagregadas do resto das unidades de obra.

Ademais, en relación a determinadas medidas, poderanse subvencionar os seguintes gastos:

-Para as empresas de nova creación nas medidas I e II:

Gastos de constitución (gastos notariais e rexistrais, administrativos, etc) e outros gastos de posta en marcha, tales como custos salariais, xustificables antes do remate do prazo de xustificación previsto na convocatoria correspondente, do promotor do proxecto ou dos seus empregados, formación específica para adquisición de competencias, etc. A porcentaxe de axuda para estes gastos, en concepto de prima de inicio, será en cada proxecto a mesma que para os investimentos e o importe total da prima de inicio non poderá superar os 12.000 euros por proxecto.

-Para os proxectos de investimento que impliquen a dotación de novos servizos de carácter innovador non existentes no concello (medida IV):

Gastos necesarios para a posta en marcha e xestión dos novos servizos, incluíndo os gastos laborais, xustificables antes do remate do prazo de xustificación previsto na convocatoria correspondente. A porcentaxe de axuda para estes gastos será como máximo do 75% e o importe da axuda destinada a estes gastos non poderá superar o 20% da subvención total ao proxecto.

Con carácter xeral, salvo o disposto con carácter particular para certas medidas, non serán subvencionables os seguintes gastos:

-IVE, excepto o IVE non recuperable de proxectos non produtivos, cando sexa custeado de forma efectiva e definitiva polos beneficiarios.

-Os demais impostos indirectos, cando sexan susceptíbeis de recuperación ou compensación, e os impostos persoais sobre a renda.

-Material funxible.

-Os intereses debedores das contas bancarias.

-Os gastos anteriores ao levantamento dunha acta de non inicio, a excepción dos gastos relativos a estudos de viabilidade ou redacción de proxectos.

-A reposición ou mera substitución de equipamento e maquinaria.

-As obras de mantemento das instalacións.

-Os gastos de aluguer de bens mobles e inmobles e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro.

-A adquisición de vehículos de transporte externo. Como excepción, en proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade poderanse financiar vehículos de transporte externo, en particular vehículos industriais ou comerciais, afectos á actividade subvencionada.

-Os xuros, recargas e sancións administrativas.

-Os gastos de procedementos xudiciais.

-As partidas de gastos xerais e beneficio industrial dos proxectos, agás que os ditos conceptos respondan a custos reais e efectivos da execución da operación cuxo importe e necesidade resulte xustificado.

K) Criterios de baremación.

1. Proxectos produtivos (medidas I e II).

I. Localización xeográfica do proxecto: 30 puntos

Valoraranse tres aspectos: o nivel de desenvolvemento económico do concello medido polo indicador municipal da renda dos fogares (IMRF) do ano 2002 publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE); a variación da poboación do concello no período 2002-2007 segundo os datos do padrón municipal de habitantes; o tamaño do núcleo de poboación en que se sitúa o proxecto segundo o nomenclátor de 2007. O IMRF terá un peso de 10 puntos, a variación da poboación 10 puntos e o núcleo de poboación 10 puntos.

1. Asignación de puntuación para o IMRF (sendo 100 a media galega):

-Concellos cun IMRF inferior ou igual a 70: 10 puntos.

-Concellos cun IMRF maior de 70 e menor ou igual a 80: 7,5 puntos.

-Concellos cun IMRF maior de 80 e menor ou igual a 90: 5 puntos.

-Concellos cun IMRF maior de 90 e menor ou igual a 100: 2,5 puntos.

-Concellos cun IMRF maior de 100: 0 puntos.

2. Asignación de puntuación para a variación da poboación:

-Concellos cunha caída da poboación maior ou igual ao 10%: 10 puntos.

-Concellos cunha caída da poboación maior o igual ao 7,5% e menor do 10%: 8 puntos.

-Concellos cunha caída da poboación maior o igual ao 5% e menor do 7,5%: 6 puntos.

-Concellos cunha caída da poboación maior o igual ao 2,5% e menor do 5%: 4 puntos.

-Concellos cunha variación da poboación entre 0% e -2,50%: 2 puntos.

-Concellos que incrementan poboación: 0 puntos.

3. Asignación de puntuación para o núcleo de poboación en que se localiza o proxecto:

-Núcleos de poboación de menos de 1.000 habitantes:10 puntos.

-Núcleos de poboación entre 1.000 e 2.500 habitantes: 5 puntos.

-Núcleos de poboación de máis de 2.500 habitantes: 0 puntos.

Os proxectos situados nas seguintes áreas obterán unha puntuación global na epígrafe de localización xeográfica de 0 puntos:

-Parques empresariais situados nos concellos non comprendidos nas zonas de reequilibrio do Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010.

-Núcleos de poboación con máis de 2.000 habitantes sitos nos concellos non comprendidos nas zonas de reequilibrio no Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010.

II. Creación de emprego: 30 puntos.

a) Volume de empregos creados: 20 puntos.

Este criterio valorarase con base na ratio entre o investimento e o número de empregos directos creados. Os empregos computaranse polo equivalente anual de empregos a tempo completo.

b) Incidencia na creación de emprego para determinados colectivos: 10 puntos.

Este criterio valorarase segundo a porcentaxe dos empregos directos creados que correspondan aos seguintes colectivos:

-Mozos/as (menores de 35 anos): 2,5 puntos.

-Persoas con discapacidade: 2,5 puntos.

-Persoas inmigrantes ou emigrantes retornadas: 2,5 puntos.

-Mulleres: 2,5 puntos.

III. Capacidade de arrastre da iniciativa na súa contorna: 15 puntos.

Este criterio valorará o efecto multiplicador do proxecto, a súa capacidade motora para a economía da zona, concretada nos seguintes aspectos:

-Transformación de produtos da zona.

-Porcentaxe de utilización, dentro dos inputs, de recursos da zona, que contribúa á súa valorización.

-Capacidade para estimular o xurdimento de novas iniciativas na zona ou afianzar empresas e actividades existentes.

IV. Grao de innovación do proxecto: 15 puntos.

O grao de innovación do proxecto valorarase atendendo a:

-Aparición de novos produtos ou servizos que incorporen trazos específicos locais.

-Utilización de enerxías renovables e/ou incorporación de TIC.

-Incorporación de innovacións tecnolóxicas e novas formas de explotación dos recursos do territorio en que se executa o proxecto.

V. Incidencia na mellora ambiental: 5 puntos.

Valoraranse aqueles aspectos do proxecto que teñan incidencia ambiental positiva ou ben que contribúan a minorar os danos ou problemas ambientais existentes na zona (utilización sustentable dos recursos endóxenos, contribución á biodiversidade e conservación de hábitats, xestión de recursos hídricos, contribución á prevención de incendios, etc.).

VI. Utilización do galego: 5 puntos.

Valorarase o compromiso de utilización da lingua galega por parte do promotor na execución e desenvolvemento do proxecto, de acordo co previsto no artigo 20.2.l da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este compromiso formalizarase marcando a epígrafe correspondente no modelo C1 ou C2.

2. Proxectos non produtivos (medidas III, IV e V).

Para estes efectos, terán a consideración de proxectos non produtivos aqueles que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non estean afectos a unha actividade económica. Así mesmo, terán este carácter aqueles outros proxetos de interese público que, aínda constituíndo unha actividade económica, ou estando afectos a unha actividade económica non incidan sobre o réxime de competencia no territorio de que se trate e sempre que estean promovidos por unha entidade pública local ou unha entidade sen ánimo de lucro.

I. Localización xeográfica do proxecto: 30 puntos.

Valoraranse tres aspectos: o nivel de desenvolvemento económico do concello medido polo indicador municipal da renda dos fogares (IMRF) do ano 2002 publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE); a variación da poboación do concello no período 2002-2007 segundo os datos do padrón municipal de habitantes; o tamaño do núcleo de poboación en que se sitúa o proxecto segundo o nomenclátor de 2007. O IMRF terá un peso de 10 puntos, a variación da poboación 10 puntos e o núcleo de poboación 10 puntos.

1. Asignación de puntuación para o IMRF (sendo 100 a media galega):

-Concellos cun IMRF inferior ou igual a 70: 10 puntos.

-Concellos cun IMRF maior de 70 e menor ou igual a 80: 7,5 puntos.

-Concellos cun IMRF maior de 80 e menor ou igual a 90: 5 puntos.

-Concellos cun IMRF maior de 90 e menor ou igual a 100: 2,5 puntos.

-Concellos cun IMRF maior de 100: 0 puntos.

2. Asignación de puntuación para a variación da poboación:

-Concellos cunha caída da poboación maior ou igual ao 10%: 10 puntos.

-Concellos cunha caída da poboación maior o igual ao 7,5% e menor do 10%: 8 puntos.

-Concellos cunha caída da poboación maior o igual ao 5% e menor do 7,5%: 6 puntos.

-Concellos cunha caída da poboación maior o igual ao 2,5% e menor do 5%: 4 puntos.

-Concellos cunha variación da poboación entre 0% e -2,50%: 2 puntos.

-Concellos que incrementan poboación: 0 puntos.

3. Asignación de puntuación para o núcleo de poboación en que se localiza o proxecto:

-Núcleos de poboación de menos de 1.000 habitantes:10 puntos.

-Núcleos de poboación entre 1.000 e 2.500 habitantes: 5 puntos.

-Núcleos de poboación de máis de 2.500 habitantes: 0 puntos.

Os proxectos situados nas seguintes áreas obterán unha puntuación global na epígrafe de localización xeográfica de 0 puntos:

-Parques empresariais situados nos concellos non comprendidos nas zonas de reequilibrio do Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010.

-Núcleos de poboación con máis de 2.000 habitantes sitos nos concellos non comprendidos nas zonas de reequilibrio no Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010.

II. Grao de innovación do proxecto: 15 puntos.

O grao de innovación do proxecto valorarase atendendo a:

-Aparición de novos produtos ou servizos que incorporen trazos específicos locais e/ou que contribúan á mellora da calidade de vida da poboación da zona.

-Utilización de enerxías renovables e/ou incorporación das TIC.

-Incorporación de métodos innovadores para a recuperación e posta en valor do patrimonio natural e cultural da zona.

III. Características do promotor e ámbito de actuación do proxecto: 20 puntos.

1. En proxectos de promoción privada valorarase:

-A implicación no proxecto de varias entidades: 5 puntos

-O peso dentro das persoas ou entidades que promoven o proxecto de determinados colectivos: mulleres, mozos/as, persoas con discapacidade, inmigrantes ou emigrantes retornados: 10 puntos.

-O ámbito supramunicipal do proxecto: 5 puntos.

2. Para proxectos promovidos por entidades públicas locais valorarase:

-O ámbito supramunicipal do proxecto: 10 puntos.

-A solicitude do proxecto por mancomunidades de concellos, consorcios e outras entidades de ámbito supramunicipal con participación maioritaria de concellos: 10 puntos.

IV. Incidencia do proxecto sobre a calidade de vida e o tecido socioeconómico: 25 puntos.

Valoraranse os seguintes aspectos:

1. Volume de poboación beneficiada polo proxecto e incidencia sobre a mellora da súa calidade de vida: 7,5 puntos.

2. Incidencia sobre colectivos determinados: mulleres, mozos/as, persoas con discapacidade, inmigrantes ou emigrantes retornados, persoas maiores: 7,5 puntos.

3. Potencialidade para favorecer o xurdimento de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego na zona: 10 puntos.

V. Incidencia na mellora ambiental: 5 puntos.

Valoraranse aqueles aspectos do proxecto que teñan incidencia ambiental positiva ou ben que contribúan a minorar os danos ou problemas ambientais existentes na zona (utilización sustentable dos recursos endóxenos, contribución á biodiversidade e conservación de hábitats, xestión de recursos hídricos, contribución á prevención de incendios, etc.).

VI. Utilización do galego: 5 puntos.

Valorarase o compromiso de utilización da lingua galega por parte do promotor na execución e desenvolvemento do proxecto, de acordo co previsto no artigo 20.2º l da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este compromiso formalizarase marcando o apartado correspondente no modelo C1 ou C2.

L) Normativa de aplicación.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse polas seguintes normas:

-Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, aprobado pola Decisión da Comisión C (2008) 703, do 15 de febreiro de 2008.

-Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).

-Regulamento (CE) nº 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

-Regulamento (CE) nº 1975/2006, da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

-Recomendación da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.

Tamén será de aplicación, nos casos sinalados na parte segunda destas bases, o Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro, modificado polo Regulamento (CE) nº 364/2004 da Comisión, do 25 de febreiro, e polo Regulamento (CE) 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas, ou disposición que o substitúa, así como o Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na comunidade autónoma, en particular a seguinte:

-Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

M) Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

-Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

-Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel no que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

II. NORMAS ESPECÍFICAS PARA CADA MEDIDA

Medida I. Diversificación cara actividades non agrarias

1. Obxecto.

O obxecto destas axudas é ampliar o abano de actividades desenvolvidas no marco das explotacións agrarias, incentivando a diversificación destas. En xeral, concederanse subvencións que fomenten o inicio ou mellora de calquera actividade produtiva non agraria, que supoña un complemento á renda dos agricultores e permita un mellor aproveitamento das infraestruturas e bens de capital existentes na explotación ou da man de obra excedente.

2. Beneficiarios.

Os beneficiarios da axuda serán os membros dunha unidade familiar ligada a unha explotación agraria, entendendo como tales as persoas físicas ou xurídicas, ou grupo de persoas físicas ou xurídicas, que realicen actividades agrarias nunha explotación no momento de solicitar a axuda. A explotación deberá estar en posesión do código de explotación agraria e o titular da explotación deberá obter como mínimo o 15% da súa renda total da actividade agraria realizada na explotación. A acreditación da pertenza á unidade familiar efectuarase coa presentación do certificado de empadroamento.

Quedan excluídos desta medida os asalariados agrarios.

Os beneficiarios deben ter a consideración de microempresa, pequena empresa, ou mediana empresa (PEME) e cumprir co criterio de independencia, nos termos que se establecen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión do 6 de maio (DO L 124, do 20 de maio de 2003).

3. Actividades subvencionables.

Transformación e comercialización de produtos agrarios ou especialidades locais na propia explotación, con especial atención aos produtos amparados en denominacións de calidade, sempre que os produtos incluídos no anexo I do Tratado CE teñan carácter secundario no conxunto do proxecto subvencionado.

Elaboración e venda na explotación de produtos de artesanía.

Actividades de segunda transformación de produtos forestais madeireiros.

Agroturismo: acondicionamento e mellora das instalacións da explotación agraria para a súa utilización como aloxamento de capacidade reducida (máximo de 20 prazas); servizos turísticos complementarios, como restauración, instalacións recreativas ou actividades complementarias (rutas turísticas, degustacións gastronómicas, etc.).

Actividades culturais, de lecer, didácticas ou ambientais asociadas á valorización do patrimonio natural e cultural e aos ecosistemas agrarios e forestais da zona.

Actividades de subministración de insumos e servizos a empresas, especialmente os dirixidos a explotacións agrarias e forestais e a industrias agroalimentarias e forestais.

Servizos á poboación, tales como servizos de atención á infancia, asistencia a persoas de idade e discapacitados, servizos educativos e relacionados co desenvolvemento das TIC.

Investimentos no sector de enerxías renovables.

Con carácter xeral a actividade de diversificación levarase a cabo nas instalacións da propia explotación. Non obstante, cando a normativa sectorial ou urbanística de aplicación impida o anterior, será suficiente con que a actividade se desenvolva na área rural próxima á explotación agraria.

4. Tipo e intensidade da axuda.

As axudas poderán consistir en:

-Subvencións de capital.

-Prima de inicio.

A intensidade da axuda poderá alcanzar como máximo o 45% dos gastos elixibles e a súa contía non superará (sumando as subvencións de capital e a prima de inicio) o importe máximo de 200.000 € por proxecto, debendo respectarse os requisitos e a intensidade de axuda máxima fixada no Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas, ou normativa que o substitúa.

Os gastos incluídos na prima de inicio ampáranse no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis .

Medida II. Creación e desenvolvemento de microempresas

1. Obxecto.

O obxectivo desta medida é contribuír á xeración de novos empregos e á dinamización económica dos territorios rurais, a través do apoio á creación e desenvolvemento de microempresas.

2. Beneficiarios.

Persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

-Ter un número de empregados inferior a 10 e un volume de negocios anual ou balance xeral anual non superior a 2 millóns de euros (microempresas definidas pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión do 6 de maio. (DO L 124, do 20 de maio de 2003).

Para o cálculo de efectivos computaranse os asalariados propietarios que dirixen a súa empresa e os socios que exerzan unha actividade regular na empresa e desfruten das vantaxes financeiras, tal como figura na Recomendación CE(2003) 1422, da Comisión do 6 de maio, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.

-Cumprir co criterio de independencia, nos termos que se establecen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión.

3. Actividades subvencionables.

Creación, modernización, ampliación e/ou traslado de pequenas unidades de produción no medio rural, nos seguintes ámbitos:

-Transformación e comercialización de produtos agrarios e alimentarios.

-Industrias de segunda transformación de produtos forestais madeireiros.

-Outras industrias manufactureiras.

-Artesanía.

-Investimentos no sector de enerxías renovables.

-Hostalaría e comercio polo miúdo, só no caso de que valoricen produtos locais.

-Servizos a empresas e á poboación.

-Actividades turísticas, deportivas ou recreativas.

Nos proxectos de creación de microempresas é requisito necesario a xeración de emprego, como mínimo, equivalente a 0,25 empregos anuais. Para estes efectos, enténdese por xeración de emprego a creación de novos postos de traballo, fixos, eventuais, a tempo parcial ou a tempo completo, independentemente do réxime laboral que os regule. Nos demais proxectos é requisito necesario o mantemento dos empregos existentes.

4. Tipo e intensidade da axuda.

As axudas poderán consistir en:

-Subvencións de capital.

-Prima de inicio.

A intensidade da axuda poderá alcanzar como máximo o 45% dos gastos elixibles e a súa contía non superará (sumando as subvencións de capital e a prima de inicio) o importe máximo de 200.000 € por proxecto, debendo respectarse os requisitos e a intensidade de axuda máxima fixada no Regulamento (CE) nº 70/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas, ou normativa que o substitúa.

Os gastos incluídos na prima de inicio ampáranse no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis .

Medida III. Fomento de actividades turísticas

1. Obxecto.

Constitúe o obxecto desta medida:

-A consolidación e mellora da oferta turística e as infraestruturas turísticas nas zonas rurais, apoiando actuacións que contribúan a crear condicións favorables para o desenvolvemento das iniciativas empresariais no sector.

-A posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial, natural e paisaxística das zonas rurais.

2. Beneficiarios.

Asociacións de empresarios do sector turístico no medio rural. Outras asociacións, fundacións e entidades privadas sen ánimo de lucro.

Concellos, mancomunidades de concellos, consorcios e entidades dependentes das anteriores con participación maioritaria dos concellos (só para as actividades subvencionables recollidas na liña B).

3. Actividades subvencionables.

Liña a) desenvolvemento de novos produtos e servizos turísticos no medio rural.

-Creación e desenvolvemento de produtos turísticos innovadores e diferenciados, especialmente as actuacións de xestión conxunta de servizos turísticos e as dirixidas ao desenvolvemento de produtos que integren unha oferta combinada de diversos servizos turísticos, tales como deseño e posta en marcha de rutas agroalimentarias e outras rutas turísticas, creación de paquetes turísticos, etc.

-Accións de promoción e comercialización de produtos e servizos turísticos que aproveiten as vantaxes das TIC.

Liña b) posta en valor e uso turístico do patrimonio natural e cultural do medio rural.

-Infraestruturas turísticas de pequena escala dirixidas á información, atención, e recepción dos visitantes.

-Recuperación do uso bebible de augas minero-mediciñais.

-Rutas de sendeirismo.

-Adecuación, acondicionamento e/ou equipamento de espazos naturais con fins recreativos ou turísticos.

4. Tipo e intensidade da axuda.

A intensidade da axuda poderá alcanzar como máximo o 75% dos gastos elixibles no caso de asociacións, fundacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro, e o 65% para os restantes beneficiarios. A contía da axuda non superará o importe máximo de 200.000 € por proxecto.

A axuda para as actuacións incluídas na liña A) ampárase no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Medida IV. Servizos básicos para a economía e a poboación rural

1. Obxecto.

O obxecto desta medida é apoiar a implantación e mellora dos servizos á poboación rural, en especial daqueles que respondan ás novas necesidades dos habitantes e empresas das áreas rurais.

2. Beneficiarios.

-Asociacións, fundacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro: actividades subvencionables previstas nas alíneas a, b, c, e, f.

-Cooperativas agrarias e de servizos sociais: actividades subvencionables previstas nas alíneas a, b, c, f.

-Concellos, mancomunidades de concellos, consorcios e entidades dependentes das anteriores en que participen maioritariamente os concellos: actividades subvencionables previstas nas alíneas a, b, c, d, f.

-Asociacións de empresarios e de artesáns: actividades subvencionables previstas na alínea g.

3. Actividades subvencionables.

a) Servizos de benestar social. Serán obxecto de axuda unicamente as seguintes actuacións:

-Centros de atención a persoas con discapacidade.

-Centros de inclusión e emerxencia social.

-Centros de integración, inserción ou inclusión sociolaboral para persoas con discapacidade.

-Centros de día, vivendas comunitarias e pisos tutelados para persoas maiores non dependentes.

b) Desenvolvemento das TIC no medio rural:

-Telecentros fixos ou móbiles, sempre que teñan programa de actividades asociado.

-Equipamentos en TIC para asociacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro, sempre que vaian asociados a un programa de actividades a desenvolver.

-Servizos de teleasistencia.

c) Posta en marcha de fórmulas innovadoras de servizos de transporte de viaxeiros, que melloren a mobilidade dos habitantes das áreas rurais.

d) Investimentos, incluídos os estudos e proxectos técnicos previos, relacionados co deseño e posta en marcha, por parte de entidades públicas locais, de servizos mancomunados de ámbito supramunicipal.

e) Rehabilitación, acondicionamento e equipamento de locais sociais por entidades privadas sen ánimo de lucro.

f) Ludotecas.

g) Creación e desenvolvemento de centros de servizos, outras infraestruturas para redes de cooperación e servizos entre empresas, en especial os que fomenten a redución da fenda dixital e a implantación de novas tecnoloxías no medio rural.

4. Tipo e intensidade da axuda.

Intensidade máxima da axuda:

-Se os beneficiarios son asociacións, fundacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro a intensidade máxima da axuda será do 60% nas actividades subvencionables previstas nas alíneas f e g, e do 85% nas restantes alíneas.

-Para os restantes beneficiarios a intensidade máxima da axuda será do 50% nas actividades subvencionables previstas na alínea f, e g do 75% nas restantes alíneas.

Importe máximo da axuda por proxecto: 50.000 euros na alínea e; 200.000 euros nas restantes alíneas.

No caso dos beneficiarios privados a axuda para as actuacións previstas nesta medida ampárase no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Medida V. Conservación e mellora do patrimonio rural

1. Obxecto.

O obxecto desta medida é favorecer a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural das zonas rurais. Preténdese apoiar a preservación da calidade paisaxística e da diversidade biolóxica, así como incentivar a conservación e a valorización dos elementos patrimoniais e culturais das zonas rurais.

2. Beneficiarios.

-Para as actividades subvencionables previstas na alínea a: comunidades de montes veciñais en man común e asociacións sen ánimo de lucro, sempre que a superficie sobre a cal se vai actuar corresponda a montes veciñais en man común.

-Para as actividades subvencionables previstas nas alíneas b, c:

Asociacións, fundacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro.

Comunidades de montes veciñais en man común.

Concellos, mancomunidades de concellos, consorcios e entidades dependentes das anteriores en que participen maioritariamente os concellos.

3. Actividades subvencionables.

a) Mantemento e recuperación de sistemas pastorís en montes veciñais en man común. Serán subvencionables exclusivamente chousumes, bebedoiros, comedoiros, balsas, pasos canadianos, mangas de manexo, implantación de pasteiros e instalacións solares para pastores eléctricos.

b) Investimentos relacionados coa restauración, mellora e posta en valor do patrimonio natural.

c) Investimentos relativos á restauración, mellora e posta en valor do patrimonio etnográfico e cultural, tales como museos, accións de posta en valor de recursos arqueolóxicos, recuperación de construcións de interese arquitectónico, etnográfico ou cultural.

4. Tipo e intensidade da axuda.

A intensidade da axuda poderá alcanzar como máximo o 75% dos gastos elixibles no caso de comunidades de montes veciñais en man común, asociacións, fundacións e outras entidades privadas sen ánimo de lucro, e o 65% para os restantes beneficiarios. A contía da axuda non superará o importe máximo de 200.000 € por proxecto.

III. NORMAS E RESTRICIÓNS SECTORIAIS

Para buscar a maior complementariedade posiblecoas actuacións executadas ou incentivadas no medio rural por outros departamentos da Xunta de Galicia, e asegurar a coherencia das políticas aplicadas, naqueles proxectos en que o considere necesario Agader poderá solicitar un informe sobre a idoneidade do proxecto ao departamento do Goberno galego con competencias na materia, quedando supeditada a aprobación do proxecto ao contido deste informe.

Ademais, con carácter xeral, establécense as seguintes normas específicas e restricións sectoriais:

-Investimentos en actividades vinculadas ao sector turístico.

A creación de novas prazas de aloxamento só será financiable no caso de establecementos de turismo rural do grupo C (agroturismo), dentro da medida I, e sempre que o proxecto inclúa a posta en marcha e a oferta, como mínimo, de dúas actividades complementarias de entre as que se relacionan a seguir:

-Sendeirismo.

-Rutas a cabalo.

-Bicicleta.

-Fomento da divulgación da artesanía e/ou outros produtos locais.

-Fomento da divulgación de xogos tradicionais.

-Actividades de animación.

-Outras actividades que, polo seu interese turístico e/ou a súa contribución á valorización do patrimonio da zona, sexan consideradas adecuadas por Agader.

Ademais do anterior, admitirase, nas medidas I e II, a creación de prazas de aloxamento como unha actividade complementaria a outra actividade principal, de carácter educativo, cultural ou ambiental. Neste caso o gasto elixible vinculado ás prazas de aloxamento non poderá superar o 30% do investimento total do proxecto, e a axuda concedida para os investimentos relacionados coas prazas de aloxamento non poderá superar o 30% da subvención total ao proxecto.

En todo caso, a aprobación de proxectos dos dous grupos anteriores (que impliquen a creación de novas prazas de aloxamento) estará condicionada a que non exista no concello unha saturación da oferta aloxativa en establecementos de turismo rural, extremo que será avaliado por Agader con base na información subministrada pola Dirección Xeral de Turismo.

Non se financiarán investimentos en deportes náuticos, accesibilidade a praias, actividades hípicas, campamentos de verán e campos de golf.

Os roteiros de todo tipo deberán estar homologados pola Federación Galega de Montañismo e deberán estar xeorreferenciados nunha páxina web.

-Investimentos no sector das enerxías renovables

Unicamente serán subvencionables:

-Investimentos en enerxía solar fotovoltaica dentro da medida I cun máximo de 20 kW, e instalacións solares térmicas dentro da medida II. A porcentaxe máxima de axuda nestes investimentos será do 25%.

Todas as instalacións de placas solares deberán estar ligadas a construcións e non se aprobarán proxectos que as instalen nunha orientación diferente á de máxima pendente nas cubertas.

-Investimentos relacionados coa biomasa para a produción de calor dentro da medida I, sempre que a biomasa proceda dunha primeira extracción. A actividade debe achegar ingresos alleos á explotación agraria. A porcentaxe máxima de axuda nestes investimentos será do 25%.

-Plantas de biogás dentro da medida I, sempre que se garanta a utilización de subprodutos da propia explotación e a planta conte coa aprobación do Inega. A actividade debe achegar ingresos alleos á explotación agraria. A porcentaxe máxima de axuda nestes investimentos será do 25%.

-Rehabilitación de instalacións hidroeléctricas tradicionais nas medidas I e II. A porcentaxe máxima de axuda nestes investimentos será do 25%.

-Investimentos en actividades económicas do sector servizos.

Nos sectores de hostalaría e comercio polo miúdo só son subvencionables establecementos dedicados á valorización de produtos ou recursos propios do territorio onde se sitúen.

Os investimentos en actividades de asesoría, axencias de seguros, perrucarías, tinturarías, talleres de reparación, despachos profesionais e asimiladas só serán subvencionables en núcleos de poboación onde non haxa ningún establecemento que preste ese servizo.

Non serán subvencionables os investimentos en empresas do sector do transporte.

-Os proxectos en que máis do 80% do investimento consista na elaboración de estudos, proxectos técnicos e páxinas web terán un límite máximo de axuda de 30.000 € por proxecto.

-Rehabilitación, acondicionamento e equipamento de locais sociais por entidades privadas sen ánimo de lucro. Só serán subvencionables proxectos en centros de uso aberto á poboación en xeral, sendo a axuda máxima de 50.000 € por proxecto. Non se subvencionará a construción de novos edificios.

Transformación e comercialización de produtos agrarios. Só serán subvencionables (nas medidas I e II) os proxectos cun investimento máximo de 100.000 €.

Industrias forestais. Só serán subvencionables (nas medidas I e II) as actividades de segunda transformación da madeira.

ANEXO 2

Formularios en modelos normalizados para a xestión da convocatoria

Inserir MR701A G (desde o modelo A ao modelo E2).

Ver referencia pdf "12700D005P012.PDF"

Ver referencia pdf "12700D006P042.PDF"

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS