DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 02 de xullo de 2008 Páx. 12.944

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2008, da Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de xuño de 2008, polo que se crea a Academia Galega de Gastronomía.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 19 de xuño de 2008, aprobou o acordo polo que se crea a Academia Galega de Gastronomía.

Para xeral coñecemento e de conformidade co disposto no artigo 8 da Orde do 8 de abril de 2005 pola que se desenvolve o Decreto 392/2003, do 23 de outubro, no referente á creación das academias de Galicia e o seu rexistro xeral, así como o procedemento de inscrición nel, procédese á publicación do referido acordo e dos seus estatutos, que figuran como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2008.

Santiago A. Roura Gómez

Secretario xeral da Consellería de Presidencia,

Administracións Públicas e Xustiza

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de xuño de 2008 polo que se crea a Academia Galega de Gastronomía

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, de conformidade co disposto no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía para Galicia e o artigo 3 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución española, e o desenvolvemento lexislativo en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

Mediante o Decreto 373/2003, do 16 de outubro, asumíronse as funcións en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución española, e de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de interese económicos e profesionais, e en concreto, das academias, que teñan o seu domicilio no territorio da comunidade autónoma, e en particular, as referidas á Real Academia Galega de Ciencias, á Real Academia de Medicina e Cirurxía, á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, á Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e á Real Academia Galega.

A regulación do exercicio pola Comunidade Autónoma de Galicia das competencias en materia de academias efectuouse mediante o Decreto 392/2003, do 23 de outubro, desenvolvido pola Orde do 8 de abril de 2005, e é a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que ten asignadas as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

As academias de Galicia configúranse como corporacións de dereito público que teñen por finalidade principal a investigación no campo das ciencias, das artes, das letras e da cultura en xeral.

A adopción do acordo de creación das academias, a súa adscrición ás distintas consellerías e a aprobación da modificación dos estatutos, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da solicitude da academia interesada, conforme o disposto no artigo 5 do Decreto 392/2003, do 23 de outubro, e no artigo 2 da Orde do 8 de abril de 2005 pola que se desenvolve o citado decreto, publicándose no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da secretaría xeral da consellería que formulou a proposta do acordo.

De conformidade co exposto, José Antonio Quiroga y Piñeyro e outros presentaron a correspondente solicitude na que manifestan a súa vontade de creación da Academia Galega de Gastronomía, e xuntan os seus estatutos coa finalidade, entre outras, de dar a coñecer e divulgar as excelencias e propiciar a estima e expansión da gastronomía de Galicia, mediante o estudo, o coñecemento e a promoción das ciencias e artes culinarias e o seu valor etnográfico a través da investigación e a práctica das cociñas e actividades gastronómicas propias de Galicia, poñendo en valor os produtos autóctonos e as súas receitas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de xuño do dous mil oito,

ACORDA:

Primeiro.-Creación da Academia Galega de Gastronomía.

Créase a Academia Galega de Gastronomía que se rexerá polos estatutos que figuran como anexo.

Segundo.-Adscrición.

A Academia Galega de Gastronomía queda adscrita á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición derradeira

Publicación e entrada en vigor.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

ANEXO

Estatutos da Academia Galega de Gastronomía

Capítulo I

Denominacion, fins, domicilio e ámbito de actuación

Artigo 1º.-Denominacion.

A Academia Galega de Gastronomía é unha corporación de dereito público, que se rexerá por estes estatutos, polo Decreto 392/2003, do 23 de outubro, e pola Orde do 8 de abril de 2005.

Artigo 2º.-Fins.

A Academia Galega de Gastronomía ten como fins o estudo, o coñecemento e a promoción das ciencias e artes culinarias e o seu valor etnográfico a través da investigación e a práctica das cociñas e actividades gastronómicas propias das distintas bisbarras e parroquias galegas; divulgar as súas excelencias e propiciar a súa estima e expansión; coidar da pureza das súas tradicións e dar a coñecer en España e no estranxeiro as características e aspectos máis relevantes da gastronomía galega. Ao servizo de tal obxecto, as actividades da academia en cumprimento dos seus fins serán, entre outras:

a) A organización de actos públicos e culturais.

b) A edición de publicacións para a divulgación, no ámbito nacional e internacional, da gastronomía específica de Galicia.

c) A investigación de novas receitas coas que realzar a notable calidade dos nosos produtos e estimular os profesionais da hostalaría galega.

d) A busca e divulgación de fórmulas culinarias autóctonas tradicionais dentro da gastronomía galega para potenciar e enriquecer a oferta dos nosos restauradores.

e) A creación de premios e distincións para destacar os méritos dos investigadores e profesionais da restauración e particulares cuxo labor os faga merecedores de ser destacados.

f) A elaboración de guías gastronómicas de ámbito galego.

g) Os demais que fosen necesarios para o cumprimento dos seus fins.

h) Potenciar o maior coidado da alimentación dos fogares galegos con produtos autóctonos e as súas receitas.

Artigo 3º.-Domicilio.

O domicilio social fíxase na Coruña, na Casa do Consulado, sita na praza do Pintor Sotomayor, s/n.

Artigo 4º.-Ámbito.

A academia de Gastronomía estenderá a súa actuación a todo o territorio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 5º.-Dos académicos.

A academia estará integrada por:

I) Cincuenta e dous académicos titulares, que poderán ser académicos promotores-fundadores, e académicos titulares de número.

II) Académicos correspondentes.

III) Mestres da arte.

IV) Académicos de honra.

Artigo 6º.-Da adquisición da calidade de académico.

a) Os académicos promotores-fundadores son os asinantes da acta de constitución da academia.

b) Os académicos titulares serán elixidos polos de igual rango da academia, entre persoas que se distinguisen notablemente polas súas actividades dentro das que constitúen os fins estatutarios da academia.

A elección farase por votación maioritaria e secreta dos académicos titulares que tomasen posesión do seu cargo.

c) Os académicos correspondentes e mestres da arte serán elixidos pola academia e por votación secreta e maioritaria dos seus membros titulares, entre persoas españolas ou estranxeiras ás cales se considere acredoras de tal merecemento, proceda ou non a presentación ou solicitude de ingreso.

d) Os académicos de honra serán designados entre persoas relevantes en que concorran circunstancias singulares para tal dignidade, mediante votación dos académicos titulares e por maioría absoluta destes.

Artigo 7º.-Dereitos e deberes dos académicos.

Os académicos estarán obrigados á asistencia ás reunións, conferencias e actos de toda índole que a corporación realice, así como tamén a contribuír cos seus traballos e publicacións á súa marcha e a desempeñar os cargos e representacións que lles confíen a academia ou o seu o presidente.

Artigo 8º.-Órganos reitores.

Serán órganos reitores da academia o Pleno e a Xunta Reitora.

Artigo 9º.-Do Pleno.

O Pleno é o órgano supremo da academia. Reunirase en sesión ordinaria ou extraordinaria, convocadas polo presidente. A sesión ordinaria realizarase, como mínimo, unha vez ao ano. O Pleno reunirase en sesión extraordinaria por iniciativa do presidente, por petición de, como mínimo, un terzo dos compoñentes ou da metade máis un dos membros da Xunta Reitora. As reunións poderán ser públicas ou a porta pechada.

Para a realización de calquera sesión do Pleno, ordinaria ou extraordinaria, requirirase, en primeira convocatoria, da asistencia da metade máis un dos compoñentes deste, e do presidente e o secretario ou os que os substitúan. A segunda convocatoria anunciarase cunha demora mínima de trinta minutos, en relación coa primeira, considerándose validamente constituído o órgano cando asistan o presidente e o secretario, ou os que os substitúan, e tres académicos titulares.

Artigo 10º.-Das convocatorias do Pleno.

As convocatorias do Pleno faranse por carta certificada, na que se incluirá a orde do día.

Artigo 11º.-Das sesións e acordos do Pleno.

O Pleno será presidido polo presidente da Xunta Reitora e actuará de secretario quen o sexa daquela. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría simple. En caso de empate decidirá o voto do presidente.

Artigo 12º.-Da competencia do Pleno.

É de competencia do Pleno:

a) A aprobación do orzamento do exercicio seguinte, da xestión, das contas e da memoria anual que elabore a Xunta Reitora.

b) Nomeamento de académicos da Xunta Reitora.

c) O aumento ou diminución de académicos.

d) A adquisición, alleamento ou cesión de bens da academia.

e) A fusión, transformación ou disolución da academia.

f) A modificación dos estatutos.

g) Os asuntos que decida someter a Xunta Reitora.

h) En todo caso será necesario o acordo das dúas terceiras partes dos académicos presentes ou representados formados en Pleno extraordinario para a disposición ou alleamento de bens, nomeamento da Xunta Reitora, administracións e representantes, acordos para constituír federacións, modificacións estatuarias e disolución da academia.

Artigo 13º.-Da forma de levar os acordos.

Os acordos dos plenos faranse constar en acta que subscribirán o presidente e o secretario no libro que para o efecto se levará.

Artigo 14º.-Da Xunta Reitora.

A Xunta Reitora será nomeada polo Pleno.

Artigo 15º.-Da composicion da Xunta Reitora.

Estará formada por un presidente, tres vicepresidentes, un secretario xeral e un tesoureiro, ambos os dous con residencia permanente na Coruña, sede da academia, e tres vogais. Estes cargos renovaranse cada catro anos a partir do quinto ano da constitución da academia.

A academia poderá establecer no seu seo seccións, co fin de conseguir unha maior especialización nos traballos.

Artigo 16º.-Do presidente.

O presidente, que será substituído en caso de ausencia ou enfermidade polo vicepresidente máis antigo, exerce a representación legal da Academia e coidará da execución dos seus acordos, convocando o Pleno desta ás sesións ordinarias ou extraordinarias.

Artigo 17º.-Das sesións da xunta.

A Xunta Reitora reunirase por convocatoria do presidente polo menos catro veces ao ano, e o mesmo día do Pleno e antes de se realizar este; ou por solicitude da metade dos académicos que a compoñen.

Artigo 18º.-Da competencia da xunta.

A Xunta Reitora ten as seguintes atribucións:

a) A representación da academia en todo o que se refire ao seu goberno interior, así como na relación con entes extra académicos.

b) Executar os acordos dos plenos.

c) Determinar o emprego dos fondos da academia.

d) Redactar a memoria anual.

e) Ordenar a convocatoria dos plenos.

f) Acordar a creación de corresponsalías ou delegacións.

g) Nomear persoal directivo, técnico e administrativo, fixando as retribucións oportunas.

h) Delegar facultades a favor dalgún ou algúns académicos da Xunta Reitora.

Artigo 19º.-Da forma de tomar acordos.

Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes, calquera que sexa o número deles. O voto do presidente será decisorio en caso de empate.

Artigo 20º.-Da forma de levar os acordos da Xunta Reitora.

Os acordos da Xunta Reitora faranse constar no libro de actas que serán autorizadas polas sinaturas do secretario e do presidente.

CAPÍTULO II

Actividades académicas e patrimonio social

Artigo 21º.-Das actividades sociais.

A Academia Galega de Gastronomía poderá desenvolver as seguintes actividades:

1º Organizar conferencias, coloquios, cursos, exposicións ou calquera outro acto de índole cultural.

2º Editar e promover a edición de libros e publicacións cuxo contido conveña aos seus fins.

3º Organizar, con carácter solemne e extraordinario, conmemoracións e aniversarios de personaxes ou actos merecedores de alta estima.

4º Promover investigacións en materia gastronómica e da historia da gastronomía galega a cargo dos seus académicos ou de especialistas destacados que a academia designe, así como cantas tarefas e labores teñan relación cos fins desta corporación.

Artigo 22º.-Dos recursos económicos.

Os recursos económicos da academia consistirán:

I) Nas asignacións que lle conceda o Estado, entidades autonómicas, corporacións e demais institucións públicas.

II) As doazóns, herdanzas e legados.

III) Os procedentes do seu propio patrimonio.

IV) As cotas dos académicos titulares que fixará a Xunta Reitora cada ano.

Artigo 23º.-Destino do patrimonio en caso de disolución.

De acordo co establecido no artigo 5 do Decreto 392/2003, do 23 de outubro, corresponde á consellería a que estea adscrita a academia a proposta e elevación ao Consello da Xunta de Galicia dos acordos de extinción ou disolución desta.

Os bens resultantes da liquidación destinaranse, conforme o acordo do Pleno, ás entidades públicas ou privadas non lucrativas que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens á súa consecución, mesmo en caso de disolución.

Artigo 24º

A Academia Galega de Gastronomía queda obrigada a presentar unha memoria anual detallando as súas actividades ante a consellería da Xunta de Galicia a que sexa adscrita.

Artigo 25º

Os recursos xerados pola Academia Galega de Gastronomía no desenvolvemento das súas actividades destinaranse a:

I) Gastos propios de mantemento: persoal e actividade xeral.

II) Publicación de libros.

III) Actividades culturais e de investigación.

IV) Outras consideradas nos estatutos e que poidan ser aprobadas pola Xunta Reitora da academia

Artigo 26º

Cada ano, no primeiro cuadrimestre, a academia elaborará un orzamento que se someterá á aprobación do Pleno, no que se recollerán os gastos e ingresos previstos como se detalla no artigo 25º. Incorporarase á memoria anual de actividades.

Artigo 27º

Dentro do primeiro trimestre de cada ano, someterase á aprobación do Pleno, logo de coñecemento e aprobación da Xunta Reitora, a liquidación das contas do ano anterior (contas anuais), que se recollerán na memoria de actividades.