DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 01 de xullo de 2008 Páx. 12.888

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1082/2008, do 30 de xuño, sobre ampliación das funcións e servizos da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de conservación da natureza (Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia).

A Constitución española, no artigo 149.1.23ª, reserva para o Estado a competencia exclusiva en materia de lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección; así como a lexislación básica sobre montes, aproveitamentos forestais e vías pecuarias.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1982, do 6 de abril, establece no seu artigo 27, números 10º, 11º, 15º e 30º, que a comunidade autónoma ten competencia exclusiva sobre montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23.ª da Constitución; o réxime xurídico dos montes veciñais en man común; a pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre; normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23ª.

Mediante os reais decretos 167/1981, do 9 xaneiro, 1234/1983, do 20 de abril, e 1535/1984, do 20 de xuño, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de conservación da natureza.

Pola súa parte, a Lei 5/2007, do 3 de abril, da Rede de Parques Nacionais, atribúelles ás comunidades autónomas a xestión e organización dos parques nacionais no territorio das cales se encontren situados.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determinan as normas e o procedemento a que deben axustarse os traspasos de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade con todo o anterior, a Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia adoptou, na súa reunión do día 23 de xuño de 2008, o oportuno acordo sobre ampliación das funcións e servizos da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza que eleva ao Goberno para a súa aprobación mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas e logo de deliberación de Consello de Ministros na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado polo Pleno na súa reunión do 23 de xuño de 2008, polo que se amplían as funcións e servizos da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza (Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos, así como os bens, dereitos e obrigas, e medios persoais que figuran nas relacións adxuntas ao propio acordo da Comisión Mixta, nos termos e condicións que alí se especifican, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

Artigo 3º

O traspaso a que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da Comisión Mixta.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinan, de conformidade coa relación número 4 do anexo, serán dados de baixa nos correspondentes conceptos orzamentarios e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda aos conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financiar o custo dos servizos asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que se remitan ao departamento citado, por parte do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, os certificados de retención de crédito, para dar cumprimento ao disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este real decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Dado en Madrid o trinta de xuño de dous mil oito.

Juan Carlos R.

Elena Salgado Méndez

Ministra de Administracións Públicas

ANEXO

Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que no Pleno da Comisión Mixta de Transferencias, que tivo lugar o día 23 de xuño de 2008, adoptouse un acordo sobre ampliación das funcións e servizos da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza, nos termos que a continuación se expresan:

A) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais en que se ampara a ampliación.

A Constitución española, no artigo 149.1.23ª, resérvalle ao Estado a competencia exclusiva en materia de lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección; así como a lexislación básica sobre montes, aproveitamentos forestais e vías pecuarias.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1982, do 6 de abril, establece no seu artigo 27, números 10º, 11º, 15º e 30º, que a comunidade autónoma ten competencia exclusiva sobre montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo dos disposto no artigo 149.1.23.ª da Constitución; o réxime xurídico dos montes veciñais en man común; a pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre; normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23ª.

Mediante os reais decretos 167/1981, do 9 xaneiro, 1234/1983, do 20 de abril, e 1535/1984, do 20 de xuño, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de conservación da natureza.

Pola súa parte, a Lei 5/2007, do 3 de abril, da Rede de Parques Nacionais, atribúelles ás comunidades autónomas a xestión e organización dos parques nacionais no territorio das cales se encontren situados.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións a que deben axustarse os traspasos de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sobre a base destas previsións normativas procede realizar a ampliación das funcións e servizos da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

B) Funcións da Administración do Estado que asume a Comunidade Autónoma de Galicia e identificación dos servizos e funcións que se amplían.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia asume a administración e xestión ordinaria e habitual dos parques nacionais situados dentro do seu ámbito territorial.

2. Así mesmo, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a aprobación e execución dos plans reitores de uso e xestión dos parques nacionais existentes no seu territorio, determinar a composición do padroado, o seu réxime interno de funcionamento e o nomeamento do seu presidente, no marco da lexislación básica do Estado.

C) Funcións que se reservan á Administración do Estado.

Correspóndelle á Administración do Estado:

1. Elaborar o Plan director da Rede de Parques Nacionais, o seu seguimento e avaliación e o desenvolvemento e financiamento do programa de actuacións comúns da rede.

2. Propoñer os instrumentos de cooperación para conseguir os obxectivos dos parques nacionais, cuxa declaración se efectuará mediante lei de Cortes Xerais, e da rede no seu conxunto; facilitar o intercambio de experiencias entre as persoas que traballan na rede e fomentar a implicación da sociedade na consecución dos seus obxectivos.

3. Promover a aplicación dos mecanismos necesarios para suprimir os usos declarados con carácter básico como incompatibles cos obxectivos da rede e promover o incremento e consolidación do seu patrimonio público.

4. Promover o coñecemento científico, contribuír a financiar as iniciativas de fomento de desenvolvemento sustentable e representar a España nas redes internacionais equivalentes.

D) Bens, dereitos e obrigas que se traspasan.

1. Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia os bens, dereitos e obrigas que se detallan nas relacións adxuntas números 1.1 e 1.2.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia subrógase na posición que ten a Administración do Estado nos contratos en curso de execución, que figuran na relación número 2.1, dos cales é titular o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, asumindo a totalidade dos dereitos e das obrigas que non estivesen recoñecidas o 1 de xullo de 2008. Transitoriamente a Administración do Estado asumirá o recoñecemento das obrigas xeradas e os seus correspondentes pagamentos respecto da entrega de bens ou a prestación de servizos realizados con anterioridade ao 1 de xullo de 2008, pero que se acrediten con posterioridade a esta data en cumprimento das disposicións aplicables á expedición e remisión de facturas.

3. Os contratos en curso dos cales é titular o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, e que figuran na relación número 2.2., continuarán sendo responsabilidade do devandito ministerio ata a súa execución, ao igual que o pagamento das débedas xeradas por aquelas e a súa liquidación final.

Unha vez rematadas tales obras, incorporaranse ao patrimonio da comunidade autónoma traspasado por este acordo, sen máis requisitos que a realización do acto en que se formalice a entrega e recepción das obras mediante a correspondente entrega da documentación e levantamento da acta en que figuren os extremos das obras que se entregan, trámite que será suficiente para a inscrición a favor da comunidade autónoma da propiedade de tales obras nos rexistros pertinentes.

O contido deste parágrafo será de aplicación para as demais obras e os servizos, subministracións e traballos técnicos, relacionados con aquelas, que se contraten con anterioridade á data de efectividade dos traspasos.

4. No suposto de que fose necesario introducir correccións ou rectificacións nas relacións recollidas nos números 1, 2 e 3 anteriores, levaranse a cabo, logo de constatación por ambas as dúas administracións, mediante certificación expedida por Secretaría de Comisión Mixta de Transferencias.

E) Persoal adscrito aos servizos que se traspasan.

1. Nas relacións adxuntas número 3.1 e 3.2 cítase nominalmente o persoal e postos de traballo vacantes, adscritos aos servizos traspasados, que pasarán a depender da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos legalmente previstos polo Estatuto de autonomía e as demais normas que en cada caso resulten aplicables e nas condicións que figuran nos seus expedientes de persoal.

2. O organismo autónomo Parques Nacionais ou o órgano competente en materia de persoal do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, notificaralles aos interesados o traspaso. Así mesmo, remitiráselles aos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada de todos os expedientes do persoal traspasado, así como certificados de haberes referidos ás cantidades percibidas durante 2008.

3. No suposto de que fose necesario introducir correccións ou rectificacións nas referidas relacións de persoal, levaranse a cabo, logo de constatación por ambas as dúas administracións, mediante certificación expedida pola Secretaría da Comisión Mixta de Transferencias.

F) Valoración das cargas financeiras dos servizos traspasados.

1. A valoración provisional no ano base 1999, que corresponde ao custo efectivo anual dos medios que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia, elévase a 2.261.643,98 euros. A devandita valoración será obxecto de revisión nos termos establecidos no artigo 16.1º da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía.

2. O financiamento en euros de 2008, que corresponde ao custo efectivo anual, é o que se recolle na relación número 4.

3. Transitoriamente, mentres non se produza a revisión do Fondo de Suficiencia como consecuencia da incorporación a este do custo efectivo deste traspaso, este custo financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos ás distintas compoñentes do devandito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos xerais do Estado.

G) Documentación e expedientes dos servizos que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes relativos aos servizos que se traspasan, efectuarase no prazo de tres meses a partir da data de efectividade deste acordo, mediante as correspondentes actas de entrega e recepción.

H) Data de efectividade do traspaso.

O traspaso de funcións e servizos obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de xullo de 2008.

E para que conste, expedimos esta certificación, Madrid, 23 de xuño de 2008.Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López. Secretarios da Comisión Mixta.

Ver referencia pdf "12600D005P024.PDF"