DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 01 de xullo de 2008 Páx. 12.884

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1081/2008, do 30 de xuño, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña).

A Constitución, no artigo 149.1.16ª, reserva para o Estado a competencia exclusiva sobre sanidade exterior, bases e coordinación xeral da sanidade.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 33.1º que lle corresponde á comunidade autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. Así mesmo, no artigo 33.4º dispón que a comunidade autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguranza social, reservando o Estado para si a alta inspección conducente ao cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo.

Ademais, o convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia para a execución do protocolo subscrito para regular o uso compartido civil e militar do Hospital Básico da Defensa en Ferrol, asinado polo presidente da Xunta de Galicia e o ministro de Defensa con data do 10 de xullo de 2007 establece que mediante real decreto será efectuado o traspaso á Xunta de Galicia do persoal civil de citado hospital.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determinan as normas e o procedemento a que se deben axustar os traspasos de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade con todo o anterior, a Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia adoptou, na súa reunión do día 23 de xuño de 2008, o oportuno acordo de traspaso de medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol que eleva ao Goberno para a súa aprobación mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado polo Pleno na súa reunión do 23 de xuño de 2008, polo que se traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia os medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña).

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os medios persoais nos termos e condicións que alí se especifican, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

Artigo 3º

O traspaso a que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da Comisión Mixta.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinan, de conformidade coa relación número 2 do anexo, serán dados de baixa nos correspondentes conceptos orzamentarios e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda aos conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financiar o custo dos servizos asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que sexan remitidos ao departamento citado por parte do Ministerio de Defensa os certificados de retención de crédito, para darlle cumprimento ao disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este real decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Dado en Madrid o trinta de xuño de dous mil oito.

Juan Carlos R.

Elena Salgado Méndez

Ministra de Administracións Públicas

ANEXO

Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López, secretarios da Comisión Mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que no Pleno da Comisión Mixta, que tivo lugar o día 23 de xuño de 2008, se adoptou un acordo sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña), nos termos que a seguir se expresan:

A) Normas constitucionais, estatutarias e legais en que se ampara o traspaso.

A Constitución, no artigo 149.1.16ª, reserva para o Estado a competencia exclusiva sobre sanidade exterior, bases e coordinación xeral da sanidade.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 33.1º que corresponde á comunidade autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. Así mesmo, no artigo 33.4º dispón que a comunidade autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguridade social, reservando o Estado para si a alta inspección conducente ao cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo.

O convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia para a execución do protocolo subscrito para regular o uso compartido civil e militar do Hospital Básico da Defensa en Ferrol, asinado polo presidente da Xunta de Galicia e o ministro de Defensa con data do 10 de xullo de 2007 (BOE número 188, do 7 de agosto de 2007), establece, na súa cláusula cuarta, que mediante real decreto será efectuado o traspaso á Xunta de Galicia do persoal civil dese hospital.

Así mesmo, o citado convenio de colaboración contén especificacións con respecto ás obrigas xeradas pola adscrición ao Ministerio de Defensa do persoal obxecto do traspaso, e que se producisen por feitos ou situacións acontecidos con anterioridade á data de efectividade deste traspaso.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determinan as normas e o procedemento a que se deben axustar os traspasos de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sobre a base destas previsións normativas, procede efectuar o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos medios persoais adscritos ao Hospital Básico da Defensa en Ferrol (A Coruña).

B) Medios persoais obxecto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia.

1. O persoal funcionario e laboral adscrito aos servizos que se traspasan aparece reflectido nominalmente nas relacións adxuntas números 1.1 e 1.2. Este persoal pasará a depender da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos legalmente previstos polo Estatuto de autonomía e demais normas en cada caso aplicables e nas mesmas circunstancias que se especifican nos seus expedientes de persoal.

2. Os órganos competentes da Subsecretaría de Defensa notificaranlles aos interesados o traspaso e a súa nova situación administrativa tan pronto como o Goberno aprobe este acordo por real decreto.

Así mesmo, no prazo previsto na letra D) deste acordo, remitiráselle aos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada de todos os expedientes do persoal traspasado, así como dos certificados de haberes referidos ás cantidades xeradas durante o ano 2008.

3. No suposto de que sexa necesario introducir correccións ou rectificacións nas referidas relacións de persoal, levaranse a cabo, logo de constatación por ambas as administracións, mediante certificación expedida pola Secretaría da Comisión Mixta de Transferencias.

C) Valoración das cargas financeiras dos servizos traspasados.

1. A valoración provisoria no ano base 1999 que corresponde ao custo efectivo anual dos medios que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia elévase a 3.086.328,55 euros. Tal valoración será obxecto de revisión nos termos establecidos no artigo 16.1º da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas, do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía.

2. O financiamento, en euros de 2008, que corresponde ao custo efectivo anual, é o que se recolle na relación número 2.

3. Transitoriamente, ata se producir a revisión do Fondo de Suficiencia como consecuencia da incorporación a este do custo efectivo do traspaso, este custo financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos aos distintos compoñentes dese custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos xerais.

D) Documentación e expedientes do persoal que se traspasa.

A entrega da documentación e expedientes referidos na letra B) deste acordo, realizarase no prazo dun mes desde a data de efectividade deste acordo, de conformidade co disposto no artigo 8 do Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro.

E) Data de efectividade do traspaso.

O traspaso dos medios persoais obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de xullo de 2008.

E para que conste, expídese esta certificación en Madrid o 23 de xuño 2008. Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López. Secretarios da Comisión Mixta.

Ver referencia pdf "12600D004P020.PDF"